Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz

Agroturismo: un posible complemento económico para as nosas granxas

Unha reportaxe con Nuria Sánchez Vázquez, de Turismo de Galicia.

É frecuente que algunhas explotacións busquen complementar os ingresos que perciben pola venda do leite con outras actividades económicas. Un exemplo é a venda dos animais machos que nacen nas granxas, aínda que nese caso é máis a necesidade de desfacerse deles que a busca de beneficio económico. Outra opción é o cebado de porcos, ovellas ou xatos de razas cárnicas, para a súa venda a veciños da zona ou a carnizarías. Tamén é habitual que algún membro da familia compaxine o seu traballo na granxa cun posto noutra empresa ou como traballador autónomo esporádico. Pódese vender parte da colleita cando temos excedentes —algo pouco habitual— ou arrendar parcelas que non utilizamos. A venda directa de leite cru é unha opción que se recuperou, logo de pasar décadas desaparecida. Mesmo as hortas que temos ao lado de casas e cortes poden ser unha fonte de ingresos, aínda que a pequena escala e de xeito eventual.

Nos últimos anos desenvolveuse exponencialmente o sector do turismo rural. O interese da xente das cidades ou das localidades semiurbanas por coñecer a vida do campo increméntase cada ano. Segundo datos do INE —Instituto Nacional de Estadística—, en 2017 foron máis de 3 233 000 persoas as que elixiron pasar o seu tempo de lecer nalgún dos 17 596 establecementos que existen en España, e o sector dá emprego directo a 27 500 persoas. Castela e León lidera este tipo de turismo con 3710 establecementos nos que traballan 5198 persoas. Por poñer un exemplo do auxe do turismo rural, abonda dicir que en agosto de 2018, mentres o resto de ofertas turísticas se estancaban e mesmo baixaban, a rural subiu un 2,3% respecto do ano anterior. Estas son só as cifras referidas ás coñecidas casas de turismo rural. Por agora non hai estatísticas que relacionen a estancia en casas rurais coas actividades de lecer que elixen eses turistas, é dicir, non se contrastan as pernoitas co que fai o turista fóra do aloxamento, aínda que está claro que o número de empresas e servizos asociados ao turismo rural aumentou cada ano: sendeirismo, gastronomía, museos, deportes ou artes e oficios son ofertas das que pode desfrutar a persoa que se achega a pasar o seu tempo libre en zonas rurais.

A visita ás granxas, e incluso a participación no traballo diario —alí onde sexa posible—, sería parte do que a Organización Mundial do Turismo define como agroturismo: «os actores complementan os seus ingresos con algunha forma de turismo na que, polo xeral, facilitan aloxamento, comida e oportunidade de familiarización con traballos agropecuarios». Non sabemos se foron os agricultores e gandeiros os que crearon a demanda desta forma de facer turismo, ou se naceu no eido urbano. O que sabemos é que é unha opción que paga a pena estudar. Pode ese fluxo de visitantes converterse nunha fonte de ingresos para as explotacións leiteiras? Nesta reportaxe trataremos de dar as claves para que así sexa.

O primeiro, crer no proxecto

O enoturismo é un sector xa moi asentado e cada vez máis profesionalizado e con maior número de adeptos. Practícase nas zonas de produción vitivinícola e consiste, explicado por enriba, en visitar as adegas e viñedos e catar o viño. Acompáñase de pequenas charlas sobre o xeito en que se traballan as videiras e se elabora o viño e, en función da época, pódese tomar parte nalgún dos labores que non requiran demasiada especialización. Tamén se adoita informar, de xeito superficial, sobre a historia da produción vinícola da zona. Logo xa dependerá de cada adegueiro implementar outras accións e actividades que fagan aínda máis rendibles as visitas dos turistas. Vemos, pois, un modelo aparentemente sinxelo e que podería aplicarse —coas lóxicas modificacións— ás nosas granxas.

Para saber como atraer turistas á nosa explotación, como darlles o mellor servizo posible e como converter as visitas en algo rendible, falamos con Nuria Sánchez Vázquez, Licenciada en Administración e Dirección de Empresas, Doutora en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica, Diplomada en Turismo, Especialista en Márketing e Produto Turístico, e MBA —Master of Business Administration— pola IE Business School. Ademais dos seus estudos, Nuria leva máis de dez anos traballando na entidade pública Turismo de Galicia, e é responsable de Formación Continua e Consultoría no CSHG —Centro Superior de Hostelería de Galicia—. E, para máis datos, é neta de gandeiros produtores de leite.

Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz
Nuria Sánchez Vázquez

«Para levar adiante un proxecto, hai que crer nel. Facelo por probar a ver como sae, ou tomalo con pouco interese, é garantía de fracaso».

O primeiro que nos explica é que para levar adiante un proxecto hai que crer nel. Facelo por probar a ver como sae, ou tomalo con pouco interese, é garantía de fracaso: «Se imos abrir a explotación ás visitas co obxectivo de obter un beneficio económico, temos que ter claro que estamos prestando un servizo e non facendo un favor ao visitante. Por iso hai que establecer uns horarios e unhas tarifas que fagan viable o proxecto dende o punto de vista económico e organizativo. Por exemplo, non podemos ter a granxa pechada ás visitas en datas sinaladas como a Semana Santa ou o mes de agosto, porque entón non estariamos aproveitando o recurso turístico,á parte de que a imaxe que se daría sería moi negativa, especialmente se formamos parte de rutas turísticas máis amplas, ou se nas redes figura que imos estar abertos. Agora hai unha grande oportunidade para desenvolver proxectos turísticos vencellados ao traballo no campo, de aí que sexa necesario ser moi rigorosos. Non esquezamos que a clientela vaise gañando pouco a pouco, e que un erro ou unha omisión pode botar a perder meses e anos de traballo».

Auxe dos produtos elaborados nas explotacións

Nuria Sánchez constata que hai unha demanda crecente de todo o que ten que ver co rural, tanto de alimentos como de servizos turísticos, e que é o momento de aproveitar esa tendencia: «Segundo numerosos estudos, o consumo de produtos ecolóxicos está subindo, de aí que nos últimos anos os supermercados estean incorporando produtos ecolóxicos e sexan tendencia os restaurantes quilómetro cero —ofrecen produtos de proximidade— e ecolóxicos. Estase incrementando a venda a domicilio de produtos que moitas veces proveñen directamente dos produtores, sendo os lácteos e os derivados lácteos os que experimentan gran demanda xunto coa verdura, a froita e os ovos. Moitas veces, a partir dunha visita turística experiencial á granxa, establécese unha venda directa periódica a domicilio a estes turistas».

O estudo do MAPAMA —Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente— titulado Caracterización del sector de producción ecológica española en términos de valor y mercado cifra en case 2000 millóns de euros a facturación dos produtos ecolóxicos en España, e reflicte un crecemento anual do 24%. O estudo aclara tamén o auxe das vendas a domicilio dos produtos elaborados directamente nas explotacións, ademais do de tendas especializadas e supermercados, con caixas semanais de produtos do máis variado. Independentemente do punto e forma de venda, os alimentos ecolóxicos aumentan a súa demanda. Os máis consumidos e que rexistran máis crecemento son a verdura e os legumes —73%—, a froita —70%— e os ovos —63%—, seguidos do leite e os derivados lácteos —60%—, a carne —43%—, o pan, os cereais e a pasta —40%— e o aceite —27%—. Ese crecemento do 60% en lácteos e derivados xa nos dá unha pista de por onde podemos abrir negocio, e non esquezamos que os consumidores están dispostos a pagar entre un 20% e un 47% máis por aqueles produtos que veñen directamente do campo. Iso si, en consumo aínda estamos lonxe do liderado: un estudo da consultora especializada EcoLogical.bio establece a cota de mercado dos produtos ecolóxicos no 1,69% do mercado total de alimentación, cifra que contrasta co 9,7% de Dinamarca. Aínda así, o mesmo informe explica que o gasto per cápita en España ascendeu a 36,33 euros anuais en 2017, cun incremento respecto ao exercicio anterior do 12,58%, aínda que lonxe por agora dos 274 euros que gastan os suízos ou dos 227 dos daneses. Obviamente, a maioría das gandarías leiteiras non están en produción ecolóxica, pero estas cifras deixan ver un crecente interese e unha demanda en aumento de todo o que teña que ver coa produción agrogandeira.

Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz
Can Gel (Canyamars, Barcelona)

Formación e asesoramento: claves fundamentais

Para desenvolver un proxecto de turismo vencellado á granxa, como para case todo, é fundamental facer unha aposta clara e decidida pola formación. Ante a falta dunha formación oficial, regulada e específica sobre o turismo en explotacións leiteiras, hai diferentes opcións das que pode botar man o gandeiro, ben por si mesmo, ben mediante colaboración con outros produtores ou con entidades dedicadas á formación: «Unha delas consiste en comprobar o funcionamento de experiencias xa consolidadas. Un gandeiro ou un grupo deles pode organizar unha visita formativa a granxas nas que o turismo xa se teña convertido nun recurso, e aprender dos que xa o desenvolven». Outra opción pasaría pola organización de xornadas técnicas específicas para atender ao visitante: «É algo que xa se fai moito en enoturismo. Danse as claves para facer amena a visita do turista, explícase que datos poden ser de interese e cales non, trabállase coas necesidades que poida ter cada perfil de visitante… Son accións formativas que serven para arrincar, e logo xa hai opcións máis avanzadas como o manexo de idiomas. As iniciativas poden xurdir tanto do sector público como do privado, contar con financiamento e definir claramente contidos e obxectivos. O importante é que haxa demanda de formación e que esa formación sexa útil».

Tan importante como a formación é o asesoramento. Non esquezamos que somos gandeiros e que o noso é producir leite, así que, se queremos dar o paso de explotar turisticamente a granxa, hai que poñerse en mans de profesionais. É dicir, debemos acudir a quen sabe, exactamente igual que o facemos cando queremos traballar na xenética das vacas, na súa sanidade ou no tipo de cultivos. Un técnico de turismo pode ensinarnos a atender as visitas e que servizos debemos darlles. Un elaborador de produtos lácteos pode explicarnos como facer os nosos propios produtos e ofrecelos ao turista. Un profesional da hostalaría daranos as claves para ofrecer correctamente menús e aloxamentos.

Aínda que nos formemos e asesoremos, non podemos perder de vista que somos gandeiros. Os recursos humanos e financeiros que dediquemos á nosa actividade como ofertantes de servizos turísticos non poden alterar o normal funcionamento do traballo gandeiro. Á fin e ao cabo, é ese traballo o que atraeu o turista, aínda que logo completemos a visita con outro tipo de servizos: «O que se vai facer é un complemento, non unha actividade principal. Temos que pensar se podemos dispoñer dunha persoa —ben da familia, ben contratada— que se encargue de atender os turistas sen que as muxiduras, limpeza de camas, alimentación dos animais e todas as tarefas da produción de leite se vexan afectadas».

Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz
Can Gel (Canyamars, Barcelona)

Definir o que se ofrece e para quen

Que podo ofrecer aos turistas na miña granxa? Esta é a primeira pregunta que hai que facerse: «Segundo a tipoloxía de cada granxa leiteira, poderanse ofrecer diferentes modalidades ao turista, pasando por unha visita á granxa e a todo o proceso de obtención do leite, diferenciando distintos públicos con visitas de día. Naquelas nas que se transformen produtos poderase ademais ofrecer a venda e degustación destes, e aquelas que formen parte de proxectos en rede e teñan outras producións ademais do leite poderán incluso ofrecer produtos do campo, ecolóxicos ou de quilómetro cero, así como apostar polo aloxamento como complemento á experiencia de día». É dicir, e indo do máis sinxelo ao máis complexo, podemos simplemente ensinarlles como traballamos para producir o leite e darlles unha charla explicativa, podemos servirlles os produtos que nós elaboramos ou outros da zona feitos de xeito artesanal, ou podemos ofrecerlles comida e aloxamento, sempre en función dos nosos recursos humanos e materiais e sen descoidar as nosas outras actividades.

Pódese establecer unha primeira división en función do público ao que imos recibir. O exemplo máis habitual —e algúns de vostedes xa o terán experimentado— é o das visitas de escolares. Aínda que este tipo de accións están máis concibidas como actividades didácticas, tamén poden enfocarse dende o punto de vista do turismo. Outro grupo de visitas serían as que se realizan en familia, en parella ou con grupos de amigos, que talvez sexan as que máis beneficio económico poden reportar. Un terceiro grupo formaríano os profesionais dos sectores leiteiro ou turístico que desexan saber máis sobre a nosa forma de traballar. É importante dispoñer de servizos diferenciados para cada grupo.

Tamén semella claro que o público ao que principalmente irá dirixida a oferta turística das explotacións leiteiras é claramente urbano, de cidades ou de localidades semiurbanas porque, pola contorna na que viven, non teñen coñecemento de como é a vida e o traballo no campo. Agora aínda persiste un certo vencello, pois moitos habitantes das cidades criáronse no campo e regresan de visita periodicamente. As tarefas que se realizan nas explotacións, aínda que variaron substancialmente, non lles resultan completamente alleas. Pero isto irase perdendo cos anos, porque as segundas e terceiras xeracións xa non coñeceron nada dese mundo: «No caso de “granxas para toda a familia”, débense ofrecer espazos e experiencias para que desfruten os cativos e poidan ter contacto cos animais, xa que a súa única referencia do leite e os seus derivados adoita ser un hipermercado na cidade. Accións tan sinxelas como dar un biberón a un xato é algo que resulta impactante para quen non coñece este eido, e que pode facer pola súa propia man».

O valor da historia e o sustentable

Un detalle importante é o de dispoñer dun espazo habilitado para recibir e atender as visitas. Contar cunha sala na que poidamos dar unha charla explicativa ou proxectar un vídeo é un punto a favor. A historia sempre resulta atractiva e é algo que se ten en conta nos proxectos agroturísticos: fotos antigas, maquinaria en desuso, arquivos documentais… todo o que é o pasado pode avivar a curiosidade de quen nos visita, especialmente se falamos de granxas nas que xa traballa a terceira ou cuarta xeración da familia. Canto meirande sexa e mellor coidado estea ese patrimonio histórico, meirande será o interese que esperte.

Ao fío da preocupación pola ecoloxía e a demanda de produtos do campo, cómpre ter en conta que a sociedade aposta cada vez máis polo sustentable, polo respectuoso co medio ambiente.O segundo piar da PAC —Política Agraria Común—, o do desenvolvemento rural, dota de orzamento aqueles proxectos que afonden neses criterios medioambientais: «Á hora de valorar a opción turística, o gandeiro ten que considerar os servizos que ofrecería e o público ao que irían destinados. Ademais, deberá ter en conta que a súa granxa sexa sustentable, é dicir, comprometida co medio ambiente e a cultura local, ao tempo que lle permita xerar ingresos e empregos para a poboación local», explica a especialista.

Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz
Can Gel (Canyamars, Barcelona)

«Cómpre ter en conta que a sociedade aposta cada vez máis polo sustentable, polo respectuoso co medio ambiente».

Agora ben, non está de máis lembrar que, por moi sans e ecolóxicos que sexan os nosos produtos, non sempre resulta fácil vendelos. E non por falta de demanda, senón polos atrancos burocráticos que se lle poñen á venda directa. Durante anos a UE —Unión Europea— animou os produtores a vender directamente os excedentes que non necesitan para autoconsumo ou que non logran colocar na industria. Pero, cando menos en España, os trámites para poder realizar esa venda non son todo o áxiles que deberan. Hai que inscribirse en demasiados rexistros e pagar demasiadas taxas como para que sexa realmente rendible. Os mercados rexionais que se realizan en moitas zonas de Francia poderían servir como modelo para superar esta situación. Ou os farmer markets dos Estados Unidos, nos que periodicamente se autoriza os gandeiros e agricultores a baixar ás vilas e cidades a vender directamente parte do que producen. Eses pequenos mercados serían tamén unha boa forma de completar a oferta turística. O Mercado do Xurés, que se celebra o primeiro domingo de cada mes en Bande —Ourense—, e ao que acoden produtores da zona co que cultivan, crían ou elaboran nas súas explotacións, é un primeiro paso.

Aproveitar as novas tecnoloxías para darse a coñecer e chegar a todas as partes

Dende os programas de xestión á informática dos robots de muxidura, ou os centos de aplicacións de telefonía que utilizamos na xestión das granxas, as novas tecnoloxías son xa parte esencial do funcionamento das explotacións. Isto tamén será así se nos decidimos a dar o paso de poñer en marcha unha iniciativa de turismo na nosa explotación: «A tecnoloxía entendida non para o proceso de produción, que cada un a terá incorporada ou non, senón para darse a coñecer ao mundo. O feito de poder facer que saiban de nós a través das redes sociais, de sermos quen de vender por Internet, de asociarse a portais de agroturismo, de desenvolver aplicacións propias para venda de produtos, etc. A tecnoloxía ofrece oportunidades antes impensables para as granxas de cara a un novo nicho de mercado no seu negocio, vendendo, ademais do seu leite, experiencias. O gandeiro que opte por esta oportunidade seguirá vendendo leite aos seus clientes de sempre, e empezará a vender experiencias aos seus turistas», afirma Nuria Sánchez.

Os GDR —Grupos de Desenvolvemento Rural—, financiados na súa maior parte pola UE, tenden a dar preferencia aos proxectos innovadores vencellados á actividade agropecuaria. E cada vez é máis común que as administracións públicas contemplen, nos pregos de condicións para conceder subvencións a novos proxectos, apartados nos que hai que indicar o plan de difusión que se vai executar e o uso que imos facer das novas tecnoloxías. Pensemos que, grazas á rede, ningunha granxa é inaccesible, por moito que se atope nunha zona de alta montaña ou no medio dunha provincia pouco habitada. Unha correcta xestión das redes sociais e as páxinas web, ou a pertenza a proxectos de difusión comunitaria en Internet, poden facernos moi famosos se ofrecemos un bo servizo no mundo non virtual.

A importancia da contorna e os servizos

En calquera proxecto turístico, as características da contorna na que se enmarca determinarán boa parte do seu éxito ou fracaso. Estradas en bo estado, cobertura de telefonía e Internet, farmacias e centros sanitarios próximos, establecementos de hostalaría, comercio… Cantos máis servizos haxa a disposición do turista, máis doado será que se decida a visitarnos.

O gandeiro que recibe o visitante pode á súa vez converterse nun axente turístico da zona. Ademais da visita á súa explotación, está en condicións de completar a oferta para que o turista pase o resto da xornada ou dos días que vaia estar pola zona. Pódenselle recomendar restaurantes, hoteis, museos, outras explotacións agrícolas ou gandeiras, paisaxes, actividades deportivas e, en definitiva, todo o que a zona ofreza para o lecer. Pero para isocómpre que haxa a dita oferta, e que se estableza un traballo en rede de maneira que uns servizos leven aos outros: «É un sector no que o asociacionismo pode xerar moitas vantaxes. Aquí xorde outra oportunidade, se ben é certo que o sector vitivinícola é, dentro da agricultura, o pioneiro no desenvolvemento do turismo nas súas adegas, creando visitas, rutas de viño, asociándose, ofrecendo experiencias, desenvolvendo aloxamento arredor do viño, etc. O sector leiteiro ten unha grande oportunidade en rexións onde o rural é principalmente de explotacións de vacas de leite. Nese punto sería interesante contar con algún organismo que impulsase iniciativas que favorecesen o turismo no rural, cada vez con máis demanda».

Mencionaremos aquí que o aloxamento e a comida son os dous principais aspectos sobre os que se informan os turistas antes de visitar un lugar. Se a oferta neses dous apartados na nosa zona é boa e variada, sairemos beneficiados. Pero, ademais, o gandeiro tamén pode ofrecer el mesmo tanto un menú como unha cama na que durmir. Neste caso os requisitos serán un pouco máis complicados, porque haberá que cumprir con condicións sanitarias ou de seguridade e adquirir unha formación máis específica para facelo ben. Pero nada que resulte insalvable.

Experiencias exitosas das que podemos aprender

Se en prezos do leite en orixe imos por detrás de Europa, en turismo asociado ás explotacións leiteiras tamén, aínda que iso non quere dicir que non poidamos desenvolvelo plenamente. Estamos no momento idóneo pola crecente demanda, e temos as condicións necesarias para poñelo en marcha. Obviamente é unha decisión de cada gandeiro, e hai que ser moi conscientes das posibilidades que temos de facelo e de facelo ben. O primeiro é producir leite, o turismo é unha ferramenta para xerar máis ingresos.

En España xa existen dende hai tempo algunhas experiencias exitosas. Can Gel en Barcelona, Xanceda na Coruña ou Arqueixal en Lugo son casos nos que o turismo se desenvolveu plenamente e con criterios e obxectivos marcados polos propios donos. Especialmente curioso é o caso de Granja Cudaña, en Labarces —Cantabria—. Alí converteron a produción de leite nunha verdadeira experiencia cognitiva: o visitante segue unha serie de pasos mediante os cales coñece primeiro os animais e o seu hábitat, e logo o sistema cow confort de manexo das vacas. Despois pásase á parte práctica, na que se entra en contacto directo coas vacas e se pode alimentar as xatas. A visita remata cunha explicación sobre os beneficios do consumo de leite, especialmente do que se acaba de muxir, e cunha degustación dos produtos elaborados con ese leite.

Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz
Can Gel (Canyamars, Barcelona)

«Pola crecente demanda, estamos no momento idóneo para desenvolver un turismo asociado ás explotacións leiteiras, e temos as condicións precisas para poñelo en marcha».

Nuria fálanos de exemplos fóra de España dos que se pode aprender moito. Sen dúbida, o mellor expoñente do éxito neste campo é a iniciativa francesa «Bienvenue a la ferme» —Benvido á granxa—. Creado en 1988 co apoio das cámaras agrarias, no proxecto participan máis de oito mil agricultores e gandeiros de todo o país. A rede ofrece practicamente todos os servizos que se poidan solicitar, dende puntos de venda de produtos frescos e de temporada ata os mellores aloxamentos e menús, ou a participación directa do visitante no traballo diario das granxas. Entre a múltiple oferta, atopamos obradoiros de elaboración de queixos e manteigas, muxidura manual de vacas, comidas preparadas polos propios gandeiros baseándose en receitas familiares, ou a posibilidade de instalar autocaravanas nas inmediacións das granxas. Cada granxa ofrece os servizos en función das súas posibilidades e non están obrigadas a prestalos todos. O único requisito é cumprir coas normas de calidade esixidas pola dirección. «Bienvenue a la ferme» é un exemplo de traballo en rede: o que unha explotación non poida ofrecer, atópase noutra a poucos quilómetros.

Tamén é interesante, aínda que non estritamente turístico, o proxecto irlandés WWOOF —World-Wide Opportunities on Organic Farms—. Neste caso, o granxeiro non ten que facer nada máis que acoller un voluntario e comprometerse a ensinarlle as técnicas de traballo e o idioma. Deste xeito, o visitante adquire formación como gandeiro e o gandeiro benefíciase do traballo do visitante. Baseándose neste modelo, poderíase pensar en ofrecer a estudantes de veterinaria, de enxeñaría agrónoma ou de capacitación agraria a posibilidade de realizar prácticas nas granxas, pero de tal maneira que vivisen nela e se integrasen no proceso produtivo.

Conclusións e reflexións

Como vemos, a explotación turística das granxas leiteiras é unha posibilidade real e existen exemplos que así o demostran. Hai unha crecente demanda de consumo directo dos produtos do campo e das actividades que ofrece o rural, temos os servizos necesarios para poñer en marcha proxectos, exercemos unha actividade que resulta atractiva para un público numeroso, e as ferramentas para desenvolver as iniciativas están ao alcance da man. Por suposto que non é algo imprescindible nin necesario, e a explotación turística non ten por que facer desaparecer outras fontes de ingresos á marxe do leite coas que xa traballamos. Pero quixemos dar a coñecer o traballo que xa se está a facer, e o que aínda se pode facer, para que o gandeiro decida se está en condicións de dar o paso e se quere dalo. Para iso é preciso formarse, asesorarse, aprender novas habilidades e, probablemente, acondicionar en maior ou menor medida as granxas. Pero son accións que non requiren grandes investimentos e que poden ter un retorno económico importante.

E teñamos sempre claro que do que se trata é de poñer en valor a parte esencial do traballo que realizamos: a produción de leite. Mediante os proxectos turísticos teremos a posibilidade de converter en diñeiro a difusión do noso método de produción, a historia da nosa granxa, a contorna na que vivimos e traballamos, os produtos que elaboramos ou as propias instalacións se as adaptamos a canons hostaleiros. Sementada a semente, agora corresponde a cada gandeiro decidir.


LE TAMÉN:

Vida de Aldea e Can Gel: dous casos de éxito agroturístico

Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz