Omnivoraz é o proxecto persoal dun equipo de mulleres e homes galegos vinculados e comprometidos, vital e profesionalmente, co campo. Nacimos, crecimos e/ou traballamos no mundo rural, pero tamén fomos capaces de vivir na cidade sen esquecernos de onde vimos, e sen perder de vista hacia onde imos se desaparece todo polo que tanto loitaron aqueles que nos educaron no máis absoluto respecto á terra.
Omnivoraz nace, pois, do corazón. Queremos romper a barreira invisible que parece separar ao mundo rural dun urbano cada vez máis alonxado e inconsciente das súas raíces. Queremos achegarnos ás persoas, aos modos de vida, ás inquedanzas, ao pasado, ao presente e ao futuro, e facer chegar todo isto o máis lonxe posible.
Queremos que chegue a ti, esteas ou non de acordo co que che imos contar, porque en Omnivoraz tamén hai moita mente inquieta. Procedentes de ámbitos tan dispares como a agricultura, a gandería ou a comunicación, coincidimos na necesidade de crear un espacio independiente de análise, reflexión e debate sobre a situación socioeconómica do rural.
Omnivoraz é unha fonte de información para calquera consumidor, habite onde habite. Non é unha publicación para mentes famélicas. Omnivoraz é información para mentes voraces, inconformistas e ávidas de argumentos en base aos que crear a súa propia identidade, dispostas a enriquecerse co debate. Que comemos? Como e onde se produce? Debe preocuparnos o abandono do rural? E a soberanía alimentaria?
Le, cuestiona, participa e constrúe a túa propia opinión.