Eco(i)lógica — Omnivoraz

Eco(i)lóxica

Unha opinión Omnivoraz.

O pasado mes de decembro comezouse a escoitar que boa parte dos gandeiros e agricultores que se dedican á produción ecolóxica ían quedar sen as axudas correspondentes ao exercicio 2022. Cando o río soa, auga leva —a non ser que se meta a CHMS—. Rematado o prazo, os produtores escoitaron da Consellería do Medio Rural o que xa se agoiraba: non hai orzamento para cubrir todas as subvencións solicitadas e os 318 que quedaron sen elas xa poden roer un coio.

Recolléronse sinaturas en Internet, enviáronse comunicados de prensa —con escasa difusión nos principais medios—, houbo campaña en redes sociais… O sector ecolóxico galego mobilizouse con toda a súa enerxía para evitar este despropósito, pero polo de agora non hai solución: terán que reorganizar as súas previsións económicas porque non se lles vai dar un só céntimo da partida de 2022.

Agora os afectados van seguir coa súa xusta reclamación e xa manifestaron a este medio que pensan chegar ata Bruxelas se é preciso. Máis nos vale a todos que sexan escoitados. Aquí cabe facer unha reflexión como sociedade, porque hai que recoñecer que o apoio que recibiron foi entre escaso e nulo, e non semella que vaia aumentar logo de que a Xunta ditara sentenza.

Temos, pois, unha Unión Europea que di apostar pola agricultura ecolóxica, unha Xunta de Galicia que usa os fondos da UE para obxectivos moi distintos, e un Ministerio do que nada sabemos.

Poderíase pensar que non é a primeira vez que se denegan axudas. Certo. E que agricultores e gandeiros reciben subvencións por outros conceptos. Certo tamén. Pero estamos ante unha decisión que choca de fronte co establecido pola Unión Europea —UE— en canto a axudas agrarias para o período 2023-2027. En España, o 25 % das axudas procedentes da Política Agraria Común —PAC—, que ascenden a mil trescentos millóns de euros, só se poderán recibir no caso de que os titulares das explotacións desenvolvan prácticas sustentables e beneficiosas para o medio ambiente de xeito voluntario. Á parte de que, máis alá da PAC, o famoso Pacto Verde da UE fixa a biodiversidade e a estratexia «da granxa ao garfo» como piares da lexislación comunitaria.

Tamén hai que ter en conta que eses cartos que a Xunta xestiona —e agora denega a 318 profesionais— son fondos europeos. Sería lóxico que desde a Consellería do Medio Rural pensaran en ampliar a partida con fondos propios ou redistribuír os dispoñibles e aumentar as partidas futuras para cubrir o que se deixe de percibir agora. Non caerá esa bévera. E non caerá porque a Xunta non definiu unha estratexia clara e firme, senón que agardou a que produtores e sindicatos fixeran as súas propostas. Para tombalas, claro.

Temos, pois, unha Unión Europea que di apostar pola agricultura ecolóxica, e mesmo fixa criterios draconianos nese sentido, unha Xunta de Galicia que usa os fondos da UE para obxectivos moi distintos, e un Ministerio do que nada sabemos. Se cadra a famosa Axenda Verde consiste en encher o territorio de piñeiros e eucaliptos e retirar o gando e os gandeiros para instalar aeroxeradores. Polo menos poderían esixir que os aeroxeradores fosen verdes…

Se a profesión de gandeiro e agricultor é cada vez máis complexa pola voracidade do mercado e pola burocracia infinita, no caso dos produtores ecolóxicos estamos ante unha actividade na que os milagres son o pan noso de cada día. Porque, malia a suba dos custos de produción, os alimentos co selo ecolóxico apenas aumentaron o seu prezo en orixe ou mesmo viron como diminuía. Temos un exemplo no leite de vacún, onde o que recibe un gandeiro en intensivo é hoxe practicamente o mesmo, e nalgúns casos máis, que o que recibe un ecolóxico —arredor dos 0,50 euros/litro—.

Pero, mentres que se endurecen os requisitos técnicos e administrativos, redúcense as subvencións e axudas, contráese a superficie agraria dispoñible e seguen ausentes as políticas de promoción da agricultura ecolóxica. Continuaremos enganando o consumidor con noticias do tipo «El mayor promotor inmobiliario de Barcelona criará cabras en O Vicedo», «La influencer de la moda lowcost produce sus propias legumbres en Trasmiras» ou «Los vinos del genio del fútbol ya triunfan en Madrid». Aínda que iso forma parte da «España Reenchida», un concepto acuñado en Omnivoraz do que falaremos máis adiante.