Curiosidades históricas: el cártel lácteo de Al Capone — Omnivoraz

Curiosidades históricas: o cártel lácteo de Al Capone

Un artigo sobre a mafia que velaba pola seguridade alimentaria.

Se existe un prototipo de home feito a si mesmo sen ningún tipo de escrúpulos, foi Alphonse Gabriel Capone, máis coñecido como Al Capone. Cunha infancia tan atribulada como a época e a cidade nas que lle tocou vivir, este fillo de napolitanos emigrados aos Estados Unidos en 1893 deixou os estudos sendo un adolescente que buscaba a súa autosuficiencia para escapar dunha miseria galopante —e tamén dalgún que outro delito— na Nova York do incipiente século xx. Da man do capo Johnny Torrio, Alphonse trasladouse á que, literalmente, sería a súa cidade durante moito tempo: Chicago.

En Chicago —estado de Illinois—, traballou baixo un par de mandos ata a retirada de Torrio, o gánster máis intelixente da historia. Nese momento, o agudo protexido de Johnny tomou o poder absoluto da organización mafiosa que manexaba, desde os prostíbulos ata o alcohol que corría baixo unha lei seca que só funcionaba fóra dos distintos círculos do crime organizado. Paradoxalmente, esta lei foi a que lle deu o empuxón definitivo ao enxeñoso Al Capone para facerse de ouro, mentres se erguía como o dono absoluto da cidade.

Pero o tamén chamado Scarface foi máis aló das súas delituosas e lucrativas actividades e, tras a depresión do 29, daba tres comidas diarias gratuítas a máis de tres mil persoas, ademais de coidar da súa xente —tanto racial como no que a negocios se refire—, para que saísen adiante pasando as menores penurias posibles.

Chegados a este punto preguntarédesvos cal é o motivo de que Omnivoraz lle dedique un artigo a este personaxe. Seguide lendo…

Naqueles tempos a maioría dos alimentos vendíanse frescos e o seu rápido consumo non requiría da indicación dunha data de caducidade. Pero ocorreu algo na familia de Capone que orixinaría un cambio: a morte do seu sobriño por ter inxerido leite en mal estado levou o capo a desenvolver todo un sistema polo cal o leite tería data de caducidade e, a partir de aí, o resto de alimentos.

Certo é que este home entregado á súa familia sufriu por ela, por toda ela, pero non é menos certo que o leite era un alimento caro no estado de Illinois. Así que, tan pronto como faleceu o seu sobriño, Al Capone solicitou ás autoridades competentes a posta en marcha do seu sistema de marcación de caducidade e, por suposto, concedéronlla. Curiosamente, o gánster tiña preparada toda a maquinaria necesaria para transportar, envasar e etiquetar a data de caducidade do seu propio leite, o que desbancou os seus competidores e o levantou no negocio lácteo.

A hipótese aceptada

Al Capone entrou no negocio dos lácteos tras a derrogación da lei seca. Cando o comercio ilegal de alcohol baixou o seu rendemento e cos impostos que había que pagar, o agudo capo encontrouse cos seus almacéns baleiros, as súas botellas dispoñibles, a súa máquina de envasado parada… e viuno claro: dedicaríase ao leite.

Tras estudar o mercado lácteo do estado, chegou á conclusión de que o leite en Illinois era demasiado caro, así que foi buscar o branco alimento ao veciño estado de Wisconsin, onde a súa produción era máis abundante e o seu prezo menor. O paso definitivo para o seu dominio do mercado foi incluír a data de caducidade nos envases. Deste xeito, o seu negocio volvía ser moi rendible e el recuperaba a súa posición dominante; ademais, esta vez a súa actividade era totalmente legal. Non obstante, Al Scarface Capone foi encarcerado tres meses máis tarde por evasión de impostos.

Aínda que Capone desapareceu do negocio, as súas innovacións chegaron para quedar. A data de caducidade estendeuse aos demais alimentos, e a maneira de impoñerse no mercado, a modo de monopolio ou oligopolio, parece ter sido herdada polas actuais industrias lácteas en España, que están a ser condenadas xudicialmente por formar o seu propio «cártel do leite». Quizais a sociedade avanzou, pero as formas de controlala parecen seguir sendo as mesmas, con distintas armas.

Etiquetas:
, ,