Unha reportaxe con Nuria Sánchez Vázquez, de Turismo de Galicia.
É frecuente que algunhas explotacións busquen complementar os ingresos que perciben pola venda do leite con outras actividades económicas. Un exemplo é a venda dos animais machos que nacen nas granxas, aínda que nese caso é máis a necesidade de desfacerse deles que a busca de beneficio económico. Outra opción é o cebado de porcos, ovellas ou xatos de razas cárnicas, para a súa venda a veciños da zona ou a carnizarías. Tamén é habitual que algún membro da familia compaxine o seu traballo na granxa cun posto noutra empresa ou como traballador autónomo esporádico. Pódese vender parte da colleita cando temos excedentes —algo pouco habitual— ou arrendar parcelas que non utilizamos. A venda directa de leite cru é unha opción que se recuperou, logo de pasar décadas desaparecida. Mesmo as hortas que temos ao lado de casas e cortes poden ser unha fonte de ingresos, aínda que a pequena escala e de xeito eventual.