Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz

Vida de Aldea e Can Gel: dous casos de éxito agroturístico

Unha reportaxe con Xosé Ramón Rodríguez (Vida de Aldea) e Marta Pané (Can Gel).

Unha vez presentadas as claves para poñer en marcha un proxecto de aproveitamento turístico das explotacións gandeiras, coñezamos agora dous exemplos que xa están funcionando e con indubidable éxito: Vida de Aldea, en Lugo, e Can Gel, en Barcelona. Son dous modelos moi diferentes entre si por tamaño, volume de negocio, tipo de actividades e servizos que ofrecen. O único punto en común é que ambos arrincaron como granxas familiares destinadas á produción de leite en intensivo con vacas frisoas. Logo, como veremos, foron evolucionando a fórmulas de vida e de negocio moi distintas. Podemos aprender das súas experiencias.

Vida de Aldea: un proxecto de inmersión rural

Logo de toda unha vida dedicada á produción de leite en sistema intensivo, Xosé Ramón Rodríguez Iglesias cansou dos baixos prezos e das angurias. De pouco servía o premio por ter sido número un da provincia de Lugo en produción anual por vaca —con máis de trece mil litros— se todo o que facía era traballar e as marxes se reducían. Coa suba do prezo das materias primas a partir de 2009, este gandeiro de San Clodio —Outeiro de Rei— pensou que, se as condicións económicas ían ser as case sempre negativas que fixa a industria, polo menos habería que crear un espazo no que desfrutar de todo o que ofrece o rural.

Aínda que o seu proxecto Vida de Aldea está a ser un éxito, o certo é que apenas seguiu os pasos que recomendan os especialistas: nin se formou, nin se asesorou nin trazou un plan estratéxico. Simplemente foi adaptándose ao que lle ían demandando. Aínda así, conseguiu converter nun importante recurso turístico o que en principio eran só unha serie de cambios na súa contorna: «En realidade hai que recoñecer que non nos decidimos a emprender un proxecto turístico, foi algo que veu dado». Proba diso é que non realizan grandes accións de promoción nos medios e nas redes, senón que aproveitan máis o boca a boca dos que xa os visitaron.

O obxectivo dunha granxa é producir leite e garantir as súas condicións sanitarias, pero isto non significa que as explotacións estean necesariamente sucias ou descoidadas: «Empecei por acondicionar e rehabilitar todos os espazos da granxa, para vivir nun hábitat o máis atractivo e confortable posible. Quero vivir e traballar a gusto aquí». Así, Xosé rehabilitou construcións que estaban caídas, plantou árbores e recuperou a contorna.

Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz

«No canto de créditos e grandes obras, apostamos por ter imaxinación e dar novos usos ao que temos».

O seguinte paso foi diversificar a actividade, ofrecendo terreos para horta en alugueiro a habitantes de Lugo, que está a só cinco quilómetros. Para iso utilizou parcelas que non empregaba na produción de forraxe: «Isto fixo que moita xente viñese por aquí e lle gustase a contorna que crearamos. Empezáronme a pedir algunhas das construcións que arranxara para organizar festas, aniversarios e ata vodas. Como cada vez viña máis xente, fóronsenos ocorrendonovas ideas para que puidesen desfrutar: cría de animais para consumo familiar, zonas recreativas e divulgativas repartidas pola explotación, actividades específicas para visitas escolares… Agora a xente fala disto como dun “parque”, un parque que manteñen as vacas. Na miña cabeza non estaba a palabra “turismo”, senón máis ben “achegamento ao mundo rural” ou “experiencia no campo”, pero vaia, no deixa de ser turismo». Xosé, enxeñeiro agrícola de formación, explica que o seu modelo se basea no autofinanciamento e no aproveitamento de recursos xa existentes: «No canto de créditos e grandes obras, apostamos por ter imaxinación e dar novos usos ao que temos».

Por coherencia coa forma de vida que se exhibía ás visitas, os responsables de Vida de Aldea —Xosé e a súa nai— transformaron a explotación de intensivo convencional a pastoreo con produción ecolóxica de leite. Recoñecen que, a nivel de negocio e de traballo, as vacas xa non son o máis importante, pero tamén que elas son a base do proxecto, porque do que se trata é de coñecer unha explotación leiteira que fai cousas diferentes. Nese sentido, explica que a produción extensiva permite certa elasticidade cos horarios de muxidura e, de feito, planean pasarse a unha única muxidura en canto sexa posible. Actualmente traballan con vacas fleckvieh, chegadas hai anos de Austria e que agora xa recrían eles mesmos. Son animais grandes que comen moito pasto, e cómpre completar a ración con concentrados autorizados en produción ecolóxica.

Das opcións de oferta turística que analizamos no artigo anterior, en Vida de Aldea cínguense á fórmula de visita + actividades, aínda que cunha intensa axenda de actividades. Por exemplo, seguen co arrendamento de hortas a prezos de entre os vinte e os cincuenta euros mensuais, ou coa plantación de árbores a cargo das visitas. O factor didáctico é un dos que máis se traballa coas visitas: así, aos pequenos amósanselles fotografías de como era antes a explotación e como é agora, para que vexan que no mundo rural se pode vivir de formas diferentes e que non todo dá igual.

Non ofrecen aloxamentos xa que, para eles, a calidade de vida tamén implica privacidade e poder estar a gusto na súa casa. Á parte disto, os turistas teñen á súa disposición os locais de Vida de Aldea para o que queiran, e amósaselles todo o que se pode ver agás as zonas privadas. Tampouco teñen capacidade para dar comidas, polo que os visitantes deben levar os seus propios alimentos ou solicitar ao dono que llelos encargue fóra. Non obstante, cren que sería viable e moi interesante que algunha explotación da zona ofrecese estes servizos, pois así faríase unha oferta máis completa que beneficiaría o conxunto do lugar: «No verán pasa por aquí moita xente. Se alguén ofrecese queixos frescos, xeados feitos con leite desta zona ou produtos de artesanía, tería un beneficio seguro. Nós non temos posibilidades de facelo pero outra xente se cadra si, e isto, sumado a alguén que ofrecese aloxamentos, iría creando unha rede de desenvolvemento baseada no servizo ao visitante nesta aldea».

Á marxe da súa oferta turística, en Vida de Aldea colaboran con entidades sociais como a Coordinadora Galega de Persoas con Discapacidade ou a asociación Dignidade, que traballa con menores. En ambos os dous casospoñen as instalacións á súa disposición para realizar actividades.

Baseándose na súa experiencia, Xosé Rodríguez anima os gandeiros a emprender proxectos turísticos, aínda que sinala a importancia de dispoñer de suficiente tempo, de suficiente terreo e de que as vacas estean fóra da corte. Ademais, deben cumprir coa premisa de manter a granxa sempre presentable, tanto para que resulte atractiva como polo seu propio benestar.


Can Gel: ensinar o que somos

A familia Gel leva séculos asentada en Canyamars —Barcelona—. Hai máis de cen anos que se dedican á produción de leite e, dende hai catro, converteron esa produción nun recurso turístico de primeiro nivel. Igual que Vida de Aldea, foi a curiosidade da xente a que os puxo na senda do proxecto de turismo e visitas: «Isto está a só corenta quilómetros de Barcelona e, nas fins de semana e festivos, viña moita xente pola zona, vían as vacas e facíannos multitude de preguntas. Entón pensamos que esta curiosidade podería ter un aproveitamento».

Marta Pané e Joan Gel, os propietarios, si se asesoraron antes de tomar esta decisión. Encargaron un estudo de mercado que concluía que, ademais do fluxo que podía chegar de Barcelona, os mil setecentos centros educativos que hai en sesenta quilómetros á redonda da explotación garantían unha afluencia continua, sempre que se lles ofrecese un servizo atractivo. Por iso, unha das primeiras cousas que fixeron foi adaptar as súas actividades dirixidas a menores ás unidades didácticas do departamento de educación catalán. Os menores van a Can Gel a divertirse, pero sobre todo a aprender: «Agora temos visitas familiares nas fins de semana e días festivos, e visitas de colexios durante todo o curso escolar. Outro público que vén de forma esporádica fórmano gandeiros doutros países, son visitas máis profesionais».

Tomada a decisión de abrir as portas ao turismo, a reforma da granxa —que xa se ía executar de todas as formas— realizouse para poder prestar o servizo. Así, creouse unha sala para recibir e atender as visitas, colocáronse paneis informativos e construíronse miradoiros dende os que poder contemplar o traballo coas vacas e o leite.

Esta explotación combina o sistema intensivo co pastoreo. Conta con duascentas cincuenta cabezas, todas de raza frisoa, das que unhas cento trinta están en muxidura cunha media de trinta e tres litros por vaca. O leite véndenllo á empresa Pastoret, que pon como condición que os animais saianpastar durante unha parte do ano. Agás en épocas de clima extremo, as vacas de Can Gel van todos os días ao prado, algo que tamén teñen en conta os visitantes: «O turismo incidiu en que as vacas saian pastar, e o feito de saírpastar revalorizou o leite, de xeito que nolo pagan máis. Este é outro efecto positivo indirecto de ter desenvolvido unha aposta polo turismo. Can Gel é unha granxa de leite, polo que a facturación máis importante vén pola venda dese produto, aínda que o aproveitamento turístico deixa unha marxe de beneficio meirande. En só catro anos pasaron por aquí máis de 35 000 persoas, e o crecemento anual das visitas é de entre o 40% e o 50%. Modestamente creo que o noso proxecto de visitas está a ser un éxito, pero depende da presenza das vacas, é dicir, nunca deixaremos a actividade gandeira pola turística, porque a segunda só pode existir pola primeira. Por outro lado, tampouco queremos masificación. As visitas fanse en grupos pequenos e sen présas, de xeito que se poida aproveitar ben a xornada e que perciban que é algo exclusivo e personalizado. É fundamental pasar tempo co visitante, explicarlle todo o que poidamos e tamén escoitar as súas impresións. Unha grande empresa podería facerse cargo disto e cuadriplicar o número de visitas, pero non é iso o que nos interesa. Non queremos que o proxecto deixe de ser familiar e próximo ao visitante, este proxecto síntoo como se fose un fillo», asegura Marta.

A historia é moi importante para os responsables da granxa. Máis dun século producindo leite xera unha elevada cantidade de fotografías, documentación e ferramentas que constitúen un patrimonio que os turistas de todo tipo valoran de xeito especial, sobre todo as persoas maiores: «Resúltalles moi atractivo a todos ver como as granxas evolucionan e como chegaron a ser o que son agora».

Marta aclara que eles non son hostaleiros e por iso non elaboran comidas para as visitas, aínda que en ocasións contratan un servizo de catering se estas o demandan. Tampouco elaboran queixos ou outros produtos, pero si venden derivados fabricados pola marca que lles compra o leite, e tamén algúns obxectos de merchandising coa imaxe corporativa da granxa: «Aquí estamos só tres persoas para atender e muxir as vacas e para prestar o servizo turístico, non debemos abranguer máis do que poidamos facer ben». Para dar aloxamento dispoñen dunha casa rural con dez prazas, aínda que xa a tiñan antes de empezar a recibir visitas na granxa e non está directamente ligada ao proxecto. Tamén son dos que cren que é mellor crear tecido social, é dicir, que o visitante se aloxe ou coma nos locais que xa existen na zona, de forma que se beneficie toda a comunidade.

A promoción na rede é importante para Can Gel. Traballan con canles como Facebook, Instagram ou Google Business, e con portais específicos de actividades lúdico-didácticas para menores. Procuran actualizar varias veces ásemana as súas redes sociais, e que a web resulte atractiva e efectiva. Pero, como en Vida de Aldea, aseguran que o mellor método de promoción é o boca a boca: «O visitante que se vai contento é o mellor medio para promocionar isto. Calculamos que o 60% da xente que vén o fai porque algún visitante llo recomendou».

«Temos que facer as cousas ben para que as nosas granxas sexan rendibles e, ao facelas ben, non temos nada que ocultar. Ao contrario, debe ser un orgullo ensinar o noso traballo e aquilo que somos».

Para aqueles gandeiros que desexen emprender un proxecto turístico, Marta ten claro un consello: non ter medo a abrir as portas da explotación e tela sempre lista para recibir visitas, «non só pola imaxe que se lle dá ao visitante, senón polo noso propio benestar. Os granxeiros, polo menos boa parte deles, recean dos que veñen de fóra ver o que facemos, e iso é un erro. Temos que facer as cousas ben para que as nosas granxas sexan rendibles e, ao facelas ben, non temos nada que ocultar. Ao contrario, debe ser un orgullo ensinar o noso traballo e aquilo que somos. Ademais, é importante explicar as cousas ben e ser atentos co visitante. Non chega con ensinar unhas vacas ou unha sala de muxidura, hai que transmitir a paixón polo noso traballo».


LE TAMÉN:

Agroturismo: un posible complemento económico para as nosas granxas

Agroturismo: un posible complemento económico para nuestras granjas — Omnivoraz