El rural nos ha hecho civilizados — Omnivoraz

O rural fíxonos civilizados

Un artigo sobre a importancia da agricultura e a gandaría na historia da humanidade.

Atopámonos ás portas da primeira xeración que crecerá sen posuír ningún vínculo familiar co rural, lugar de orixe dos nosos alimentos. Crer que isto non terá maior relevancia no futuro desenvolvemento da sociedade, claramente encamiñado a virar ao redor das grandes cidades, sería un despropósito considerable pero nada novo. O presente non é máis que a colleita de todo o sementado ao longo da historia e, se queremos entendelo, debemos coñecer o pasado para, se é posible, evitar cometer os mesmos erros. Apelamos, pois, á curiosidade e interese do lector, e convidámolo a acompañarnos nunha viaxe pola historia. Un traxecto que, con sorte, nos levará a reflexionar sobre como chegamos a esta situación de abandono e desvalorización de todo o que atinxe ao ámbito rural.

Se falamos do rural e de alimentación, non podemos obviar a importancia que a agricultura e a gandaría tiveron, teñen e terán na historia da humanidade, resultando transcendentais para comprender o seu devir. Acudamos, pois, ás súas orixes, máis de nove mil anos atrás, cando os nosos antepasados eran recolectores nómades. Nalgún punto da histórica rexión do Crecente Fértil, entre a conca do río Nilo e as do Tigris e o Éufrates, alguén sacou partido dunha climatoloxía e chan propicios para sementar uns grans de trigo que máis tarde cultivaría. Ao abandonar a necesidade de desprazarse para atopar alimento, o ser humano pasou do nomadismo ao sedentarismo e asentouse de forma estable nun lugar concreto. Este foi o nacemento da agricultura e, con ela, da civilización.

Aquelas primixenias comunidades dividíronse en agricultores e cazadores. Estes últimos axiña viron que, se domesticaran o lobo, cultivando máis gran poderían domesticar outros animais e alimentalos cos seus excedentes. Así xurdiu a gandaría, o descubrimento que impulsaría definitivamente a civilización humana. Esta transformación radical do modo de vida, pasando do nomadismo ao sedentarismo e dunha economía colleiteira a outra produtora, agrícola e gandeira, foi a maior revolución da humanidade.

El rural nos ha hecho civilizados — Omnivoraz

«Compaxinando agricultura e gandaría, as comunidades orixinarias convértense en grandes asentamentos».

Compaxinando agricultura e gandaría, as comunidades orixinarias convértense en grandes asentamentos. Hai abundancia de comida in situ, a poboación medra e o ser humano especialízase. Xorden agricultores, gandeiros e artesáns para dar solución a problemas de almacenaxe, transporte e ferramentas de traballo. Xa temos toda a engrenaxe lista. Coa especialización de cada cidade xéranse excedentes, cuxo intercambio empeza a ser executado por grupos de persoas. Nace o comercio, unha actividade que crece anualmente e xera cada vez máis riqueza, facendo necesario un rexistro das numerosas transaccións. Chegamos así ao momento cume daquelas primeiras civilizacións: o nacemento da escritura, que facilita a seguridade no intercambio e dá pé a crear unha administración que, co tempo, xerará estados ou cidades estado.

Durante este longo camiño, co estómago cheo e gorecido baixo un teito, o ser humano mirou cara a outro lado e comezou a buscar divindades para as incipientes relixións. Desde os albores do tempo atopámonos coa Nai Gaia —nai Terra—, con Deméter —deusa grega da agricultura— e Ceres —o seu equivalente na mitoloxía romana—, con Belenus —deus celta cuxa celebración con fogueiras coincidía co solsticio de verán, do mesmo xeito que hoxe en día na festividade do San Xoán— ou con Renenutet —deusa cobra da alimentación, a fertilidade e a colleita no antigo Exipto, que ostentaba o maior galardón como gardiá do faraón—.

Só con este breve repaso podemos tomar conciencia do enorme peso do agrícola na antigüidade, mesmo nas súas relixións. Tamén nas orixes de Roma se lle concedía a máxima importancia á agricultura. De feito, a mitoloxía romana cóntanos que o propio Rómulo trazou a primeira fronteira de Roma, abrindo un suco cun arado. O seu irmán Remo burlouse daquilo e cruzouna, perecendo a mans de Rómulo. Na súa mitoloxía, os romanos xa daban a entender que calquera foráneo que tocase as súas terras de colleita, mesmo sendo o seu propio irmán, pagaría coa vida.

A importancia da agricultura parece descender canto máis se supón que evolucionamos. Pero, visto o visto, non deberiamos esquecer que o futuro será o froito do que hoxe sementemos, e que este dependerá de como coidemos a nosa colleita do presente.