Prezos e valores
Unha opinión de Luis Parrulo, antropólogo.
Trinta anos de caída ou estancamento dos prezos no sector agrogandeiro desembocaron en protestas masivas por toda España. Tiveron que xuntarse as enormes perdas económicas en toda a actividade do campo para que se faga visible un problema que os afogaba día a día, mes a mes e ano a ano. Luis Parrulo, antropólogo da Universidade de Uppsala, ironiza sobre os artífices ocultos desta situación: xente que vive do campo, pero sen dobrar o lombo. Demasiado listos como para traballar e demasiado pobres como para ver en que acabarán as súas accións.
Diferentes informes das organizacións agrarias que recollen datos do Ministerio de Agricultura establecen que os produtos agrícolas españois multiplican o seu prezo 4,83 veces desde que saen da explotación ata que chegan ao consumidor. Nos produtos gandeiros esa multiplicación é de 3,05. É o chamado Índice de Prezos en Orixe e Destino dos Alimentos —IPOD—. Para entendernos, un par de exemplos: págaselle ao produtor de olivas en verde unha media de 0,76 euros por quilo e, cando chega ao consumidor final, ascende a 6,33 euros, é dicir, aumenta o seu prezo en orixe nun 533%. No caso do leite de vaca, que tanto abunda —de momento— en Galiza, o prezo en orixe multiplícase 2,52 veces e o incremento porcentual é do 152%.
Non queda outra que sacar o sombreiro ante os intermediarios, primeiros compradores, almacenistas, distribuidores, tratantes e demais elos da cadea comercial, cuxo mérito é facer circular a mercadoría. Cobran infinitamente máis por subir un produto a un camión, metelo nun plástico ou colocalo nun lineal dun supermercado que o que gañan o agricultor e o gandeiro que dedican todo o ano a coidar a terra e os animais.
Algúns nostálxicos din que iso non é xusto e que no debera ser así porque quen traballa o campo é quen máis arrisca, quen máis tempo e esforzo dedica, quen debe pasar máis controis e quen garante a existencia de todos os demais elos. Mentira podre.
Mover os produtos agrogandeiros é o que ten mérito. Saber estafar cos prezos, enganar cos pesos e medidas, subornar a quen sexa necesario, destruír a imaxe da competencia, apertar e apertar o produtor para sacar un céntimo máis… e facelo todo co mellor sorriso e como se estivesen facendo un favor. Iso non ten prezo. Un subidón de adrenalina constante, a satisfacción do tiburón despois de cobrar a peza. Unha adicción que leva a querer máis e máis, e que fomenta o máis nobre dos valores humanos: a ambición.
Sen ser moi constante nin ter demasiados coñecementos, calquera pode plantar un campo, muxir unha vaca ou recoller unhas froitas. Xa se facía na prehistoria. Non é algo difícil, polo que non debe ser recompensado máis alá do mínimo para que se siga facendo e, se alguén non está conforme, pode deixalo e a outra cousa, que xa haberá quen o substitúa.
É a posta en valor do que sacamos da terra e dos animais o que realmente paga a pena, o que demostra o xenio humano, o que dá a medida da pasta da que está feito cada un.
Saquear os fondos dos GDR —Grupos de Desenvolvemento Rural—, cobrar todo tipo de subvencións e dedicalas á boa vida, organizar eventos nos que o agricultor é o protagonista e gardar no peto os recursos financeiros ou montar empresas para recibir axudas públicas e non chegar nin a abrilas, entre outras lindezas, son obras mestras unicamente ao alcance duns poucos elixidos. Probablemente sexa un don divino co que só nacen os mellores, pero quédanos a ilusión de que, con esforzo e sen escrúpulos, tamén podemos chegar a triunfar.
Di un proverbio chinés que o segredo para unha vida feliz é cultivar un horto. Incautos! A verdadeira felicidade é que outro cultive o horto e ti leves o beneficio. Así que menos protestas fronte ao Ministerio e máis moverse entre bambolinas. Menos usar o tractor e máis manexar a calculadora. Iso si que axudará a encher a España baleirada: agricultores e gandeiros endebedaranse de xeito que os seus fillos e netos seguirán ligados á terra para poderen pagar a débeda. E veremos chegar ás nosas vilas unha lexión de albaneis e mecánicos para crear e atender as mansións e coches dos especuladores. Herbicida aos escrúpulos e fertilizante ao pelotazo. Prezos por un lado e —falta de— valores polo outro: a fórmula do éxito.