A propósito de la «legislatura del rural» — Omnivoraz

A propósito da «lexislatura do rural»

Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.

Hai catro anos que Alberto Núñez Feijoo gañou por maioría as eleccións ao Goberno autonómico galego. Malia que este sería o seu terceiro mandato consecutivo á fronte da Xunta de Galicia, institución que define un concello rural como «aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia, segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística» —IGE, 2016—, e que exclúe desta consideración tan só 13 dos 313 municipios que compoñen a comunidade, non foi ata aquel momento cando o reelixido presidente anunciou aos catro ventos que o período que agora remata sería a «lexislatura do rural».

Un anuncio que xurdía, en parte, pola necesidade histórica do compromiso dos políticos co medio rural galego e, en parte, pola fonda crise que estabamos a atravesar na maioría dos sectores produtivos desta terra. Por suposto, tivo un bo recibimento no campo, pois polo menos falaban de nós, dos seus habitantes e traballadores, que xa era máis do que se fixera ata daquela. Pero realmente avanzouse algo na dirección correcta durante estes catro anos ou quedou todo en verborrea? Velaquí os feitos consumados. Saquen vostedes as súas propias conclusións.

A propósito de la «legislatura del rural» — Omnivoraz

A primeira boa noticia daquel arranque foi que unha choiva de millóns procedentes da Política Agraria Común —PAC— caería sobre os agricultores e os gandeiros. Convén aclarar que este non é un investimento da Xunta de Galicia, senón que o diñeiro provén da Unión Europea —UE—, á que España contribúe. Teoricamente, a dita subvención vai destinada única e exclusivamente a aquelas granxas e explotacións agrícolas que cumpren o que Europa denominou «condicionalidade», ou o que é o mesmo, unha serie de normas respectuosas co medio ambiente e garantes da sanidade e a salubridade dos alimentos que se producen no campo. Segundo a mesma teoría, a Xunta é a encargada de vixiar o seu cumprimento e, de feito, nos últimos catro anos a nosa granxa pasou por tres inspeccións, nas que cumprimos de sobra as normas establecidas. No entanto, na práctica —o repartimento dos fondos— a cousa cambia, e o Goberno autonómico adxudicou grandes cantidades de diñeiro a empresas agroalimentarias que basean o seu traballo na transformación, non na produción, o cal non é ético, pero parece ser que é legal. O problema preséntase cando algunha delas non cumpre a súa «condicionalidade» e, lonxe de respectar o medio ambiente, o contaminan de tal xeito que se queixan ata en Portugal, aínda que seguen a cobrar as súas inxentes contías en subvencións. Mentres tanto, a mesma Xunta decide que os viticultores da Ribeira Sacra non teñen dereito a cobrar a PAC —un caso entre moitos—, ou permite que determinados concellos reciban uns ingresos por este concepto bastante superiores aos da media dos labregos galegos —datos de dominio público—. Unha vez que queda claro que ese diñeiro non sae das arcas da Xunta de Galicia, senón de Bruxelas, e que a Administración galega é a encargada de repartir e inspeccionar, xulguen vostedes se o traballo polo que se supón que cobran está ben realizado ou non.

A propósito de la «legislatura del rural» — Omnivoraz

A realidade é que, miremos na dirección que miremos, atoparémonos coas queixas veciñais polos peches de escolas e/ou de servizos sanitarios.

Outro dos piares polo que ían deixar as entrañas traballando nesta lexislatura era o que sostén os servizos públicos das áreas rurais. A realidade é que, miremos na dirección que miremos, atoparémonos coas queixas veciñais polos peches de escolas e/ou de servizos sanitarios, polo recorte de médicos, polo baixo investimento na maioría dos colexios e centros de saúde que aínda continúan abertos, e un longo etcétera. Pero a gota que fixo rebordar o vaso chegou a finais de 2019, cando se anunciou o peche do paridoiro do hospital de Verín —Ourense—. E non sería o primeiro servizo que verían desaparecer, pois ata esa data xa quedaran sen medicina interna, paliativos, urxencias pediátricas, dermatoloxía e bloque cirúrxico. Tendo en conta que este centro hospitalario dá cobertura sanitaria a unha gran parte do territorio provincial ourensán e que, sen el, todos os habitantes da contorna terían que desprazarse longas distancias —nalgún caso máis de dúas horas por estrada— para ter unha boa atención médica, aquela decisión foi un torpedo na débil liña de flotación dunha zona con moi baixa densidade de poboación. De terse levado a cabo, o peche do paridoiro tería sido, con toda seguridade, a estocada final que propiciaría o abandono total dunha rica zona rural. Por sorte, nesa ocasión a mobilización cidadá ante semellante inxustiza e abuso foi tan grande que a Administración se viu obrigada a dar marcha atrás e mantelo aberto.

A propósito de la «legislatura del rural» — Omnivoraz

Pero as protestas e reclamacións non producen efecto en todos os lugares. No noso concello dispoñemos dun pediatra intermitentemente: hoxe si, mañá non. A escusa para que isto sexa así é a mesma coa que se argumenta calquera escaseza de servizos nas áreas rurais: hai pouca poboación. Non obstante, por común, non é máis válida, e menos neste caso, xa que a cartilla de nenas e nenos deste municipio é exactamente a mesma que a dun pediatra de calquera centro médico de Santiago de Compostela. Como dicía ao principio, feitos consumados e, por desgraza, moitos deles sufridos en carne propia. Este é un punto que merece ser tomado con seriedade. Os recortes aplicados á sanidade pública non só contribúen directamente ao abandono do medio rural, senón que, como ben destapou a pandemia de COVID-19, o perigoso desta política de recorte e privatización é que a poboación destas zonas se expón ás consecuencias da aglomeración das cidades, cando pola súa dispersión, se dispuxese dun bo servizo sanitario, non debería ter sufrido máis que unhas mínimas rabexadas da azouta deste coronavirus. O campo padece os inconvenientes urbanos sen desfrutar de ningunha das súas vantaxes —ás que tería o mesmo dereito—. Así, este desmantelamento progresivo levounos a depender das probas e as urxencias hospitalarias que se levan a cabo nas grandes áreas sanitarias e, por se iso fose pouco, a compartirmos médicos con varios ambulatorios de distintos concellos. Unha xestión que non é máis que unha boa maneira de expandir esta enfermidade por un territorio ao que podería non ter chegado.

A propósito de la «legislatura del rural» — Omnivoraz

Existe realmente un plan para o repoboamento do rural? Porque parece que a intención é derivar a poboación aos grandes núcleos urbanos.

Este tamén sería o cuadrienio no que os mozos volverían ou quedarían no agro. Para iso, a Xunta de Galicia provería de tantas facilidades e de tanto financiamento que para calquera moza ou mozo sería irresistible non iniciarse na actividade agraria —que moitos terán mamado desde cativos—. Aquí os datos son indiscutibles. Collamos como exemplo un sector representativo desta comunidade como é o gandeiro lácteo: en 2016 había 9100 granxas leiteiras en Galiza, das que só quedaban 7500 a principios de 2019, e todo indica que pecharemos 2020 por debaixo das 7000. En termos porcentuais, nos últimos catro anos pecharon definitivamente o 25% das granxas que había ao comezo da «lexislatura do rural». Parece ser que, ao final, os mozos nin volveron nin quedaron para traballar na produción láctea. Aínda que o resto dos sectores rurais non amosan datos tan duros, sen dúbida son preocupantes.

En 2016 tamén se nos dixo que a tecnoloxía chegaría a todos os puntos do territorio rural galego. Pois eu sigo a ter os mesmos problemas de cobertura de datos que daquela, aínda que agora pago máis… Pero este non é un problema propio. Mentres que os poucos valentes que se atreven a modernizar as súas granxas ou as súas producións ven como adquiren débedas para quince anos, ademais senten como a tecnoloxía non os acompaña, posto que a falta dunha boa rede de conexións implica uns gastos de mantemento dos seus investimentos moi superiores aos doutros lugares de España. Sen estes medios, que, aínda por enriba, actualmente son imprescindibles para realizar calquera trámite administrativo, tamén é complicado que os profesionais de sectores non relacionados coa produción agraria se asenten no rural. Como van desenvolver a súa actividade, relacionarse ou manter a moderna educación dos seus fillos sen unha conexión móbil e de Internet de calidade? Existe realmente un plan para o repoboamento do rural? Porque parece que a intención é derivar a poboación aos grandes núcleos urbanos, e xa lles anticipo que alí non vai haber sitio nin traballo para todos.

A propósito de la «legislatura del rural» — Omnivoraz

A política territorial está máis orientada a poboar as parcelas con árbores de crecemento rápido que a favorecer os sectores produtivos e respectuosos co medio.

Para rematar, quizais unha das maiores promesas foi aquela na que se nos falou de manter a superficie agraria e primar a forestación respectuosa co medio ambiente e, asemade, produtiva. En cambio, creo que no lles descubro nada novo se lles digo que o eucalipto gañou terreo a pasos axigantados, ata ocupar un 10% da superficie total de Galicia. Así, mentres que aquí esas plantacións nos levan a perder terra para uso agrario, ao que actualmente se destina arredor dun 25% da superficie, en países como Francia ou Alemaña alcanza o 50%. Este dato pon en evidencia a política territorial levada a cabo na comunidade galega, máis orientada a poboar as parcelas con árbores de crecemento rápido que a favorecer os sectores produtivos e respectuosos co medio. Se nas últimas décadas se perdeu un 20% de superficie agraria útil —SAU—, cabe pensar que esa redución se incrementou nos últimos catro anos, pois somos testemuñas de como se plantan eucaliptos onde antes había pradarías. Tampouco debemos esquecer que o eucalipto é unha árbore que está sobradamente demostrado o prexudicial que, por desgraza, pode chegar a ser nun momento de vagas de calor extremo —ás que contribúe polo seu modo de desenvolverse e de erosionar o solo—. Non obstante, ademais de provocar un aumento nos orzamentos contra incendios, supuxo que o gasto para extinguilos sexa tan alto para a Administración que, se a vostede se lle está a queimar a súa casa ou a súa carballeira e non ten un seguro privado que o cubra, se verá obrigado a pagar a metade do custo da despregadura dos nosos bombeiros «públicos». E todo isto en beneficio das multinacionais que consomen a madeira dos eucaliptos. Sempre hai un beneficiario, aínda que nunca sexa o mesmo que asume os gastos.

O certo é que todos estes feitos individualmente son problemas importantes, pero se os observamos en perspectiva, globalmente —como se debe mirar para poder entender o mapa dunha cidade no seu conxunto, e non unha soa rúa—, deixan de selo para se constituíren como un xeito de facer política no rural. Malia ser difícil, cada problema ten sempre unha solución, salvo que se prefiran as súas consecuencias. Á vista está que estes, máis que solucionalos, procurouse agravalos. O presidente saberá os motivos.

En catro anos a memoria dilúe os recordos. Espero ter refrescado un pouco a súa e, fuxindo das especulacións, terlles aclarado as consecuencias da suposta «lexislatura do rural». Conclúan agora vostedes se este foi o cuadrienio no que o medio rural galego recibiu ou non o empuxón definitivo… e en que dirección.

Etiquetas:
, , ,