Fíxose a luz en Verín… Ou non!
Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.
Durante os últimos días puidemos ler en moitos titulares que «a Xunta retrocede e reabre o paridoiro de Verín —Ourense—». Analicemos estas palabras e miremos o transcurso dos acontecementos con ollo clínico, nunca mellor dito.
«A Xunta retrocede»: Non podo estar máis en desacordo con esta frase. A Xunta de Galicia non retrocede, senón que é a poboación, cada unha das persoas que loitaron contra esta inxustiza, quen a obriga a dar un paso atrás. Foron semanas de constantes mobilizacións e protestas de toda índole que, por distintos medios, conseguiron poñer na picota o ilícito desta decisión política.
«A Xunta reabre o paridoiro de Verín»: Ata onde eu sei, os profesionais que traballan nese servizo nunca deixaron de atender as súas obrigas, así que digamos que, a pesar da orde de peche, se continuou traballando nesa área do hospital.
Pero volvamos a vista atrás e repasemos os feitos: O 22 de novembro de 2019 a Xunta de Galicia comunica ao hospital de Verín que, a partir do día 2 de decembro do mesmo ano, ninguén poderá dar a luz no seu paridoiro e que todos os partos se derivarán ao hospital de Ourense —incluídos os que teñen hora e media de viaxe ata alí—. Sen máis explicacións, e ao máis puro estilo militar, a orde queda activada definitivamente, ao que o persoal do hospital responde con encerros e manifestacións para dar visibilidade a esta infundada decisión. Nesa situación, a Administración alega que se pecha porque o escaso número de partos atendidos nese centro implica a perda de pericia dos profesionais. E eu pregúntome: Seica os médicos van poñer a vida dalgunha persoa en perigo? Seica teñen maiores habilidades nas clínicas privadas onde nacen os fillos dos nosos dirixentes? E, se se trata dun problema de «perda de pericia», é mellor opción deixar a poboación sen unha atención médica de vital importancia que procurar manter o persoal sanitario correctamente preparado? Creo que estas e moitas outras preguntas se contestan soas.
Señores da Administración, éncheselles a boca falando de despoboamento e da súa cruzada contra el con cento un plans para frealo e combatelo, pero, con perdón, deixen xa esa vomitona de verborrea e póñanse as pilas.
Ao non resultar convincentes, expuxeron a seguinte escusa —non podo consideralo un argumento válido pola súa parte—: As dúas prazas para pediatras nese centro están desertas, non se consegue persoal. Para min este é o punto clave. Señores da Administración, éncheselles a boca falando de despoboamento e da súa cruzada contra el con cento un plans para frealo e combatelo, pero, con perdón, deixen xa esa vomitona de verborrea e póñanse as pilas. Promovan unha boa situación socioeconómica para que alguén poida traballar nesas dúas prazas e, do mesmo xeito que vostedes cobran as súas axudas de custo e desprazamentos, ofrézanlles incentivos a aqueles pediatras que se teñen que desprazar para poderen cubrir esas prazas. Verán como teñen cola. Vostedes, os autoproclamados «defensores do libre mercado», usen iso da lei da oferta e a demanda con estas e outras prazas, salvo que sexan conscientes de todo o que acabo de expoñer e, deliberadamente, queiran desmantelar os servizos. Convídoos a pensar moito sobre isto último durante este ano.
Nesta «lexislatura do rural», como a denominaron desde o seu inicio, fomos testemuñas de como os servizos foron a menos, como centos de empresas, granxas e comercios botaban o peche. O rural afúndese ou afundímolo? O único que se lle ocorre á Administración ante esta sangría é dar a extrema unción e pechar un paridoiro, o de Verín, acantoando un pouco máis centos de familias alí asentadas. Pero parece que, polo menos este ano, si se vai manter o servizo… Iso si, con condicións. A Xunta advirte que será necesaria a sinatura por parte das familias dun consentimento informado «reforzado», que podería incluír requisitos adicionais específicos para as nais que queiran dar a luz nese paridoiro. Así, nas súas innegables ansias de saír coa súa, pon de novo contra as cordas usuarias e profesionais do centro sanitario de Verín, no que semella outro intento de converter o de Ourense no único hospital da provincia, un obxectivo que, obviamente, se mantivo inalterado durante todo o proceso.
Para finalizar, quero amosarlles o meu agradecemento a todas as valentes persoas que enarboran a bandeira da dignidade e pelexan para vencer esta inxustiza e, en especial, a aquelas que fixeron, fan ou axudan a cumprir o xuramento hipocrático. Polo seu bo facer, que non por encantamento, os magos da medicina seguiron obrando o seu milagre de traer a vida a este mundo mesmo no Nadal. Ah! E ollo: Non confundamos hipocrático con hipócrita, pois, malia que ambas as locucións proveñan do grego e se parezan, distan moito no seu significado, xa que mentres a primeira honra a ética e a moralidade, a segunda non é máis que a arte de enmascarar. Unha arte, por certo, moi empregada pola Administración durante o curso destes feitos.