Gandería Laura Taboada, S.C. (Pontevedra): audacia recompensada
Unha reportaxe con Alberto e Rubén Hermida, de Gandería Laura Taboada, S.C. (Pontevedra).
Entre a Serra do Faro e a vila de Rodeiro atópase o Val de Camba, unha zona de moita produción agrogandeira que en tempos foi lugar de pazos e casas grandes e que, por algunha razón que ignoramos, pasa desapercibida malia a súa extensión. Aquí nunca sucede nada e, aínda que paso obrigado para conectar boa parte do sur de Galiza coa capital, nin sequera van turistas. Talvez a serra a fai invisible ou talvez o traballo o absorbe todo. Sexa como for, Alberto e Rubén Hermida Taboada colocaron a zona no mapa da loita contra o baleirado rural poñendo en marcha algo moi distinto do que se viña facendo, alí e en calquera parte: a produción de ovos ecolóxicos cun sistema inédito.
Gandería Laura Taboada, S.C., encóntrase nun lugar coñecido como Chousa do Veiga —Veiga é o alcume familiar—, na parroquia de San Xoán de Camba e municipio de Rodeiro —Pontevedra—. A conversa que mantivemos con estes gandeiros compensa a estraña sensación que nos deixa a chegada á súa granxa, á que se accede por unha pista de area. Unha concentración parcelaria que ameaza con eternizarse non permite que se asfalte, nin autoriza o paso de liñas eléctricas, polo que o primeiro que vemos é un enorme xerador de electricidade que funciona con gasóleo. Todo isto ocorre a menos de cen metros dun enorme aeroxerador, pero a electrificación e as concentracións parcelarias sempre foron un misterio en Galiza, e algún día haberá que falar das vítimas que deixaron polo camiño.
Alberto recíbenos mentres recolle os ovos e os coloca nas caixas, un traballo diario e inmutable que lle permite falar con fluidez da súa actividade, responder as nosas preguntas e mesmo gastar algunha broma. Mentres a súa compañeira, Patricia, fai de anfitrioa e nos explica os pequenos detalles, a súa nai, Laura —que lle dá nome a gandaría— lida con algunhas galiñas ranqueantes. Rubén incorpórase máis tarde. Tal é a compenetración entre todos que nesta entrevista non atribuímos as frases a ningún deles, porque todos reman na mesma dirección e ven o mundo rural de xeito moi semellante.
Partir de cero cuns obxectivos claros
Tendo en conta que tanto Alberto como Rubén xa tiñan os seus propios empregos en diferentes empresas agrogandeiras, un pregúntase como se decidiron a emprender un proxecto tan novidoso cos riscos que leva consigo: «Nós somos do mundo rural, vivimos sempre nel. Podiamos seguir cos nosos traballos —Alberto aínda o fai— ou buscar un proxecto propio, pero non queriamos ser un máis nin facer o que fan todos. Non pagaba a pena para estar en mans dunha industria, iso está esgotado, así que analizamos o feito de que o consumidor demanda cada vez máis produtos ecolóxicos ou, polo menos, evita no posible os industriais, e o sector do ovo ecolóxico era o que ofrecía máis marxe de entrada e estaba menos exposto a vaivéns do mercado. Os nosos obxectivos sempre foron producir en ecolóxico, aproveitar todo o terreo, utilizar só a auga da que dispoñemos grazas ao manancial e sacarlle o máximo partido á enerxía solar. Pouco a pouco imos avanzando neles e, cando os academos, seremos a única granxa de ovos ecolóxicos no mundo que se poderá cualificar como autosuficiente. Todos os recursos estarán baixo o noso control e serán da nosa propiedade».
Aínda que por agora traballan cun contrato de integración con outra empresa avícola —como nos explican máis adiante—, a mira tamén está posta en comercializar directamente a súa produción, pero este é un obxectivo aínda afastado.
Un aspecto importante na súa decisión foi percibir que o denominado «ovo de gaiola», ou de produción industrial, ía a ser descartado polas grandes distribuidoras: «Cando as principais cadeas de supermercados francesas empezaron a descartar os ovos de gaiola, xa se intuía que acabaría pasando aquí, pero non se quixo ver, malia que a gran distribución é case a mesma que en Francia. Non se trata de que ese ovo vaia desaparecer porque o seu prezo é un reclamo, pero o consumo e, polo tanto, a produción, van baixar. Agora recibimos moitas visitas de xente que quere cambiar a súa explotación industrial para pasar a producir ovo campeiro, que non é o que facemos nós, pero tampouco segue os criterios intensivos».
Axudas, investimento, burocracia e presión do contorno
Para poñer en marcha a explotación, contaron con diferentes subvencións públicas, pero que apenas alcanzaron o 30% do investimento total. Por outro lado, e a diferenza da inmensa maioría das granxas avícolas, van ter dereito a cobrar axudas da PAC —Política Agraria Común—, debido a que as súas galiñas saen alimentarse ao campo polo menos unha parte do ano, aínda que terán que agardar á entrada en vigor do novo período de axudas europeo. Por agora percíbena pola súa actividade coas vacas rubias galegas.
Tamén cómpre dicir que o investimento nas instalacións vai aumentar, xa que están desenvolvendo un sistema de placas solares para o abastecemento da electricidade. Non o fan só por desfacerse do xerador, e pola pouca fe en que a concentración parcelaria acabe por autorizar o paso dunha liña de corrente ata a súa explotación, senón tamén porque queren que todos os recursos que utilizan para producir estean baixo o seu control o antes posible. Con este obxectivo, non descartan instalar un aeroxerador no futuro. Obviamente, non do tamaño dos que rodean a granxa, e que a eles non os benefician.
Hai unha circunstancia común a todos os gandeiros e agricultores que entrevistamos en Omnivoraz: cando comezaron cos seus proxectos, amigos, familiares e profesionais do sector advertíronos de que buscaban a ruína. Gandería Laura Taboada, S.C., non é unha excepción: «Como levabamos dezasete anos traballando con criterios de sustentabilidade e benestar animal na explotación familiar de vacas de produción cárnica, tiñamos claro que o que fixésemos iría nesa liña. Si, recibimos presións, pero entráronnos por un oído e saíronnos polo outro». Como anécdota, cóntannos que desde unha empresa da competencia lles recomendaron construír a nave con formigón «porque así poderedes meter vacas en canto fracase o das galiñas», e outra gran industria avícola pediulles que a construísen de xeito que puidese albergar un cebadeiro de polos, que tería moito máis futuro… Mellor será que esas empresas non se dediquen ás predicións. Curiosamente, a presión máis forte que recibiron foi en sentido contrario: algunha industria integradora meteulles présa para dar o paso porque necesitaban cubrir unha demanda que a superaba.
Os irmáns Hermida prefiren non lembrar demasiado os quebradeiros de cabeza que supuxo a burocracia necesaria para poñer en marcha a granxa: «Tardamos tres anos en obter parte das certificacións, por non falar de que os atrasos no proceso de concentración parcelaria demoraron dous anos a concesión dos créditos que necesitabamos. Cando xa tiñamos licenzas administrativas e parte das obras comezadas, de súpeto dixéronnos que a concentración se remodulaba e que o noso terreo estaba á disposición dela. Á fin impúxose o sentido común pero chegamos a temer polo proxecto. A Administración Pública é, en demasiadas ocasións, o maior inimigo daquilo que debería protexer. Sen ir máis lonxe, cando a nave xa estaba funcionando viñeron a impoñérsenos reformas na estrutura para que puidésemos recibir as axudas xa concedidas».
«Non existen parámetros definidos que nos permitan saber se o estamos a facer ben de todo ou se poderiamos mellorar».
Vantaxes e riscos da innovación
O sistema de Gandería Laura Taboada non necesita os servizos profesionais nin de veterinarios, nin de nutriólogos, nin de ningún tipo de asesor. Tan só colaboraron puntualmente, e por amizade, cun especialista holandés que visitou a granxa para aconsellalos, analizar o funcionamento e recoller datos que lle serven nas súas investigacións. Pero a innovación ten os seus riscos, xa que para traballar con este sistema non existe experiencia previa, formación nin compañeiros aos que consultar. Todo o que tiñan eran as indicacións que lles daba o provedor das instalación: «Incluso tivemos problemas para que nos certificasen como produtores ecolóxicos, porque os técnicos e veterinarios non tiñan nin idea de como funcionaba isto, igual que os responsables de sanidade animal». Isto derivou en interminables trámites para obter diferentes certificados que aínda non saben moi ben para que serviron: «Tivemos que presentar certificacións de que tiñamos presentado unha documentación que xa lle constaba como entregada a quen nola reclamaba». Digno de película de Berlanga.
Ao non haber formación dispoñible —como pasa en tantos outros sectores agrarios—, os Hermida viaxaron ás zonas de España líderes en produción de ovos para ir aprendendo técnicas, coñecendo métodos de traballo e analizando o mercado, pero foi unha visita a Inglaterra a que os levou a decidirse definitivamente: «Alí coñecemos un produtor que compaxinaba os dous sistemas, o que utilizamos nós e o denominado slat. A diferenza en manexo, rendemento e benestar dos animais era abismal, e aí tomamos a determinación. Nos sistemas slat, ou nos que o chan se recobre de serraduras, a concentración de amoníaco é moi alta pola presenza prolongada dos excrementos no interior da nave. As galiñas son animais moi pequenos, de pouco máis dun quilo de peso, e todo ese amoníaco causa estragos nuns pulmóns de tan pouco tamaño, sobre todo coa cantidade de tempo que pasan na nave. A mortalidade nesas granxas é moi elevada, cunha media de catro baixas diarias. Nós pasamos semanas sen que morra ningún animal e, cando sucede, non é por culpa do amoníaco. É certo que traballamos un pouco a cegas, porque este sistema é totalmente novo e non hai métodos de traballo analítico xa desenvoltos, así que a recollida e interpretación dos datos estamos a facelas pola nosa conta. Por exemplo, a propia empresa coa que temos contrato de integración non sabía nada de como se traballa, tivo que vir un técnico desde Valencia a explicárllelo. É dicir, as cifras que manexamos son boas, tomando como referencia o funcionamento de granxas que son moi diferentes da nosa, pero non existen parámetros definidos que nos permitan saber se o estamos a facer ben de todo ou se poderiamos mellorar».
Nos proxectos xurdidos nos últimos anos, é frecuente que unha das motivacións principais dos promotores sexa a procura de calidade de vida, poder dispoñer de tempo libre. Tamén o foi no caso de Gandería Laura Taboada, aínda que a realidade está a demostrar que non é tan fácil: «É verdade que buscabamos, e seguimos a buscar, calidade de vida, pero estes animais son moi complicados. Nun só día pódense presentar problemas moi graves, así que hai que atallalos de forma inmediata ou correrá perigo toda a niñada. O máis importante é controlar varias veces diariamente que non haxa alteracións nos niveis de auga e alimento consumidos, posto que calquera variación neses parámetros xa indica que hai un problema. Por exemplo, ao inicio tivemos unha baixada súbita do 13% na produción. Os técnicos de aquí dicían que iso era normal e non había que preocuparse. Tivo que vir o noso asesor holandés e detectou, en menos dun minuto, que o problema estaba na ventilación. Sóuboo porque as galiñas ladeaban a cabeza cando o normal é que a teñan recta, e grazas a iso atallamos un principio de brote de pneumonía. Por iso dicimos que hai que estar moi enriba de todo a diario».
«Se montas o mesmo que os demais, estás condenado a uns prezos baixos e a unha constante incerteza, pois dependes das mesmas industrias que o resto».
O futuro… e o pasado rural
Aínda que eles deron o paso de emprender un proxecto empresarial e laboral que os fixa definitivamente no medio rural, non son moi optimistas en canto á posibilidade de reverter o despoboamento: «Se montas o mesmo que os demais, estás condenado a uns prezos baixos e a unha constante incerteza, pois dependes das mesmas industrias que o resto. Tamén podes quedar a traballar nalgunha cooperativa ou empresa de servizos, pero sabes que é moito traballo e non sempre ben pagado, vivindo, ademais, nunha contorna pouco poboada e con cada vez menos servizos de calquera tipo. Sendo así, é lóxico que a maioría da xente da nosa xeración marchase de Rodeiro e dos concellos lindeiros, ou que quedasen aquí en traballos noutro sector que, polo menos, lles permiten vivir con menos preocupacións». Hai casos semellantes ao de Gandería Laura Taboada, S.C., pero a maioría de mozos e mozas que quedaron foi porque a familia xa tiña unha explotación, e eles herdan as mesmas débedas, os mesmos métodos e as mesmas expectativas vitais e laborais».
Que o futuro pasa pola diversificación é unha visión que estes gandeiros comparten con máis xente do sector primario galego: «Non podes quedar só cunha actividade exposta a vaivéns do mercado. Nós producimos ovos e carne, pero poderiamos dedicarnos tamén ao cereal ou á horta. O importante é producir alimentos de calidade porque, aínda que non todo o mundo pode pagalos, sempre hai un mercado para eles, e máis se son innovadores e exclusivos. Fixádevos, por exemplo, na col riza, que se está a vender a quince euros os douscentos gramos cando antes ninguén daba nada por ela. Agora mesmo apenas hai quen a cultive. Paga a pena facer o esforzo de ofrecer cousas novas no canto de limitarse a facer o que fan todos, ao son da industria e a distribución. No fondo é un pouco volver ao antigo, a cando a xente ía á feira vender unha parte de cada produción, só que agora máis profesionalizado e nun mercado máis amplo».
Neste punto cabe cuestionarse que, se todos os agricultores e gandeiros se dedican a elaborar e comercializar directamente, poida crearse unha burbulla ou unha saturación do mercado: «Non o vemos así. Cada produto ten as súas características e o seu mercado. As hortalizas ou o leite fresco son para un mercado de proximidade, pero os froitos secos, os legumes ou, como no noso caso, os ovos poden destinarse mesmo á exportación. O consumidor é cada vez máis exixente co que come e revísao todo, pero tamén está disposto a darlle oportunidade ao novidoso. E hai que profesionalizarse. Un exemplo: en Suíza hai déficit de ovos e teñen que importalos, pero só aceptan os que chegan coa certificación KAT —rigorosa normativa que ten por finalidade marcar unhas pautas de maior calidade aínda que as da Comunidade Europea—. Aí vese que prima a calidade sobre a cantidade».
«Non imos pintar o rural como algo idílico porque non o é. Hai problemas moi serios e non queda máis remedio que convivir con eles, porque nin se perciben solucións nin vontade de solucionalos».
Tanto Alberto como Rubén cren que os últimos 30 anos supuxeron un retroceso enorme no campo galego que desembocou no seu abandono. Os milleiros de millóns de euros que as administracións dedicaron ao sector agropecuario en Galiza non serviron para nada: «Non había formación, nin asesoramento, nin seguimento, nin nada de nada. As subvencións chegaban e empregábanse en facer o mesmo que todos os demais, o que ordenaba a industria. O gandeiro e o agricultor acabaron por ser un elo dunha cadea. Si, recibíanse as subvencións, pero estas acababan integramente en mans da industria de forma máis ou menos directa. O que invistes nas instalacións e en mellorar non se traduce nun prezo acorde cos teus métodos de traballo e a calidade que ofreces. Ademais, as propias empresas ampáranse nesas subvencións que recibes para xustificar os baixos prezos. Á parte de que hai que “manter” toda unha serie de asesores que tamén veñen coller a súa parte do pastel das subvencións. É un enfoque erróneo, e supuxo moita frustración e unha enorme perda de oportunidades en Galiza. Nós demos o paso porque cremos nas posibilidades dos ovos ecolóxicos, porque confiamos no noso método de traballo e porque dispoñiamos de terreo, pero cremos que as condicións xerais do medio rural non son as axeitadas para que a xente quede a vivir nel, e moito menos vir desde fóra. A Administración non axuda: o que che dá en subvencións faicho pagar en trámites, axustes e atrancos».
Nesta explotación son moi críticos cos servizos públicos e privados básicos para desenvolver un proxecto vital e laboral no campo, non só en Rodeiro, senón en todos os concellos da zona e noutros que coñecen. Cortes de luz case a diario, deficiente cobertura de móbiles e de Internet, pouco mantemento de estradas, centros de saúde extremadamente precarios, escasa oferta educativa… Nada que resulte atractivo nin para quedar nin para vir a instalarse: «É un círculo vicioso: non se prestan servizos porque non hai xente, e non hai xente porque non se prestan servizos. Tampouco temos fe en que esta situación vaia mudar. Nós traballamos sendo conscientes desas carencias e tratamos de aturalas, non imos pintar o rural como algo idílico porque non o é. Hai problemas moi serios e non queda máis remedio que convivir con eles, porque nin se perciben solucións nin vontade de solucionalos».
Conseguiron un prezo superior ao que cobran os produtores do chamado ovo campeiro e os convencionais intensivos de produción industrial.
Traballo diario, produción e prezos
As instalacións de Gandería Laura Taboada, S.C., están preparadas para acoller 12 000 galiñas, aínda que de momento están a traballar con 10 500 cabezas da raza Isa Brown, que é resultado do cruzamento de dúas variedades orixinarias de Rhode Island —Estados Unidos—. Unha observación: se no canto de ovos ecolóxicos producisen ovos campeiros, as instalacións poderían albergar ata a 18 000 galiñas. Dispoñer de tanto espazo é a principal causa de que a mortalidade de aves nesta granxa sexa menor do 1%, moi inferior á media.
A produción diaria é de 9760 ovos por termo medio, o que significa que o 93% dos animais poñen un ovo ao día, unha media moi elevada para o sector avícola. Por outra banda, a alimentación fai que os ciclos de posta de ovo sexan continuos, é dicir, a galiña non fai unha parada na produción ao cabo de vinte e oito días, como adoitamos ver nos currais caseiros. De feito, os únicos descensos do número de ovos rexístranse nos momentos en que se enche o tanque de penso porque as galiñas deben adaptarse ao novo alimento. Polo xeral, tamén pode resentirse a produción cando hai un cambio brusco de temperatura ou cando as galiñas saen demasiadas veces seguidas ao prado.
Gandería Laura Taboada, S.C., ten un contrato de integración total coa empresa Granja Los Rosales —Salvaterra de Miño, Pontevedra—, segundo o cal traballan en exclusiva para ela e véndenlle, por ducias, a súa produción. Neste tipo de contratos as dúas partes poden decidir o grao de integración, é dicir, que porcentaxe do traballo e da xestión lle corresponde a cada unha. No seu formato máis desenvolvido —predominante no sector avícola—, o gandeiro achega as instalacións e o necesario para o seu funcionamento —subministracións—, mentres que o integrador entrega e recolle os animais, o que estes producen, e faise cargo do necesario para a súa alimentación na granxa. As bases xerais dos contratos de integración na produción de ovos fíxanse en INPROVO —Organización Interprofesional do Ovo e os seus Produtos—, na que están representados os sectores produtor, industrial e comercial, aínda que esas bases deben ser supervisadas e aprobadas polo Ministerio de Agricultura.
Desde o punto de vista da comodidade, para os irmáns Hermida o contrato integrado é máis levadeiro porque os únicos custos consisten en manter o xerador de gasóleo, pagarlle ao empregado e amortizar o investimento na nave. Todo o demais —veterinarios, comercialización, envasado, etc.— corre por conta do integrador: «As galiñas son súas, eles poñen o penso e nós só coidamos dos animais a cambio dun prezo por cada ducia de ovos que sae da granxa». O contrato está vixente durante o tempo que cada remesa de galiñas permanece na explotación, isto é, non hai un prazo determinado, aínda que sempre oscila entre trece e quince meses. A vantaxe é que, unha vez que se fai o baleirado da granxa, son libres para negociar un novo contrato de integración con calquera outra empresa ou ben pactar diferentes condicións coa mesma. Isto, recalcan, permítelles manter a súa marxe de manobra. Aínda que na zona onde está Gandería Laura Taboada hai outras empresas avícolas, as condicións que lles ofrecían non eran as mellores —nalgúns casos requiríase dun investimento máis elevado e, noutros, non desexaban ovos ecolóxicos senón campeiros ou convencionais—.
Ao negociar o contrato de integración valóranse diferentes parámetros, como o custo da alimentación, o prezo da electricidade e do gasóleo, as prácticas de benestar animal, etc., e baseándose neles determínase o prezo que recibirá o gandeiro. Os prezos varían durante o tempo en que está vixente o contrato, cobrando ao principio case a metade que ao final, porque o tamaño dos ovos tamén é menor: «Inicialmente tiñamos a intención de producir e distribuír pola nosa conta e cos nosos recursos. Non puidemos facelo porque a burocracia demorou a posta en marcha, pero tiñamos pactado un prezo infinitamente superior ao que cobramos agora. Esa oportunidade desapareceu de momento». O que si conseguiron é un prezo ata dez céntimos de euro superior ao que cobran os produtores do chamado ovo campeiro, e ata vinte céntimos de euro máis que os convencionais intensivos de produción industrial. Curiosamente, o transporte non supón un factor determinante no prezo dos ovos: «O que se paga é o servizo de coidado dos animais e a produción».
Certificada como produtores ecolóxicos polo CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), Gandería Laura Taboada, S.C., é dos poucos produtores do sector ecolóxico que contan coa licenza KAT, que permite exportar produtos fóra de España sen restricións. Os requisitos para obter a dita licenza están relacionados sobre todo coas instalacións. Entre outras cousas, é obrigatoria a existencia dos patios anexos á nave, e os niños deben ser individuais e impedir o contacto visual entre as galiñas para evitarlles estrés. En España só hai outra granxa construída con estas características, e en Alemaña, onde foi deseñada pola empresa Big Dutchman, tan só unhas cantas.
«A ausencia de amoníaco, o pouco ruído das máquinas ou a regulación da entrada de luz solar —que sempre altera as galiñas— inciden na redución do estrés».
Xestión de residuos, alimentación e benestar animal
A xestión de residuos é un dos seus aspectos diferenciadores. Dispoñen de catro cintas transportadoras, situadas debaixo da nave, que retiran os excrementos cada seis días e os depositan nun almacén. Con este sistema conseguen reducir os niveis de amoníaco no interior da nave e evitar a presenza de insectos. Tanto é así que chama a atención a ausencia de olores na zona cuberta da instalación. Probablemente sexa esa ausencia de amoníaco e de insectos a que fai que o ruído que causan os animais sexa moito menor que en calquera outra granxa, porque aquí están en mellores condicións. Ata agora utilizan os residuos para fertilizar os prados nos que pacen as súas vacas, aínda que non descartan comercializar eses residuos como fertilizantes máis adiante. Á parte dos excrementos, non hai outro tipo de residuos. O penso sérvenllelo a granel, así que non hai envases que retirar, e os ovos quebrados ou defectuosos regálanllelos a panadarías da zona. E nada de plásticos agrícolas.
Agora ben, como en calquera proxecto de gandaría ecolóxica, a alimentación é un dos apartados clave. Estas galiñas aliméntanse exclusivamente de pensos certificados como ecolóxicos, e da herba e insectos que poidan atrapar cando saen ao prado que rodea a granxa. Ademais, deposítase pola nave un preparado con area que as galiñas pican para facilitar a súa dixestión, como fan cando saen á devesa. Cando o clima obriga a que os animais permanezan demasiados días sen saír, subminístraselles alfalfa ecolóxica para que non perdan o costume de picar. O consumo diario de auga na explotación é de 2500 litros diarios, que van case integramente ao estómago das aves e proceden na súa totalidade do manancial da leira.
Máis aló dalgún insecto que poidan atrapar, as galiñas non comen ningún compoñente de orixe animal. Os pensos son 100% vexetais, así como as partículas que acompañan a area que forman o leito na superficie da nave. Isto pode supoñer un problema porque a metionina —un aminoácido que acelera a síntese das proteínas— que produce o propio organismo da galiña non é suficiente, e tenden a buscala noutros alimentos de orixe animal. Por aí vén a meirande parte das —escasas— mortes: cando unha galiña sangra polo esforzo de poñer, as outras detectan o sangue e acoden a picala para facerse con esa metionina. As máis febles acaban masacradas polas súas propias compañeiras. As normas da agricultura ecolóxica prohiben expresamente o uso de metionina sintética na alimentación: «Na nosa granxa conseguimos que se reduzan os ataques entre galiñas polo baixo nivel de estrés que logramos grazas ás instalacións. A ausencia de amoníaco, o pouco ruído das máquinas, a regulación da entrada de luz solar —que sempre as altera—, etc., todo iso incide na redución do estrés».
O benestar animal tamén se manifesta nos cen días ao ano, como mínimo, que saen ao prado —sempre pola tarde, despois da posta de ovos—, na maior cantidade de solo útil na instalación e, por conseguinte, máis espazo, e na iluminación deseñada especificamente para que sexa efectiva, pero non molesta, con ventás que incorporan escurecedores e redes antipaxaros. Sen esquecer a apertura diaria das pequenas portas laterais que dan acceso aos currais para que estean en contacto co exterior. As noites, en principio, son un alivio, xa que as galiñas dormen durante todas as horas de escuridade e non se rexistra ningunha actividade.
Cría de vacas, unha actividade paralela
Ademais da produción de ovos, Gandería Laura Taboada dedícase en paralelo á cría de vacas de orientación cárnica, tamén adscrita, por suposto, á produción ecolóxica. Precisamente manter limpos os terreos, aproveitar os residuos das galiñas para fertilizar pastos e acceder a subvencións da PAC son as súas motivacións para seguir mantendo esta actividade secundaria, que ata hai pouco era a principal.
As vacas están sempre libres. O rabaño fórmano unhas cincuenta cabezas de raza rubia galega, das que trinta son femias reprodutoras, que se desprazan polos diferentes prados que a familia posúe preto das zonas máis elevadas da Serra do Faro. Contan con zonas arboradas —nos lindes das leiras— para resgardarse da choiva e a calor, e con comedeiros habilitados para as épocas en que escasea o pasto.
Os Hermida teñen claro que non van ampliar o número de animais, modificar os métodos de traballo nin buscar fórmulas de comercialización alternativa. As galiñas xa lles ocupan demasiado tempo. As «estrañas» marxes que se dan no sector cárnico tampouco axudan a que aposten por ampliar a actividade vacúa: «Non pode ser que a nós se nos diga que se nos van pagar 5 euros por quilo/canal, que logo quedan en 4,65 euros e que nos lineais dos mercados se estea vendendo a 18 euros. É unha loucura. Cabe a posibilidade de vender a carne nós mesmos, aproveitando que é ecolóxica e que aplicamos un manexo que consideramos óptimo, pero xa nos obrigaría a buscar clientes, realizar visitas comerciais e vixiar sacrificios e despezamentos. Non temos tempo para iso. As vacas están aí, son un complemento e chégannos o necesario para xustificar a súa presenza».
Estas vacas son criadas nun lugar onde parecen tocar o ceo. Só os aeroxeradores rompen mecanicamente un silencio sobrecolledor. Esta é unha zona de néboas e lobos que impón respecto, pero que a elas non lles afecta. Por iso parece ata pecado que sexan os intermediarios e os distribuidores os que se lucren cos animais, mentres que ao gandeiro que mantén esta paisaxe lle dan unha esmola.
Ver para crer: curiosidades do sector
Alberto, Rubén e Patricia, que lles bota unha man no seu tempo libre, cóntannos cousas moi curiosas sobre o sector no que traballan e que poden parecer ilóxicas. Por exemplo, as galiñas son sacrificadas cando cumpren o seu ciclo produtivo, ao cabo de quince meses: «Nós cremos que se a esas galiñas se lles cambia a alimentación, cebándoas para consumo cárnico, terían unha excelente saída comercial, porque serían un produto ecolóxico e novidoso, cousas polas que o público urbano está ansioso. Estas galiñas non son nosas e non podemos decidir, pero optariamos por esa fórmula sen dubidalo se estivese na nosa man. É que, coa fame que hai no mundo, que 10 000 galiñas criadas con criterios ecolóxicos non sirvan para alimento dá que pensar. Nalgunhas granxas chegáronse a gasear e cargar nos famosos camións verdes, e logo enchemos a boca co benestar animal e a desnutrición infantil…».
Mais non perdamos a esperanza. A palla de Castela antes queimábase, e agora é un recurso económico esencial para os agricultores casteláns que a venden a gandarías de toda España, sobre todo galegas. Poida que se estenda o exemplo.
Tamén chama a atención o feito de que o ovo de menor tamaño —talle S— teña o prezo máis baixo, malia ser o que máis concentra as proteínas e os nutrientes. Na China e en cadeas gourmet é moi reclamado, pero só uns poucos produtores conseguen colocalo a bo prezo. A saber por que…
E resulta que o clima tamén inflúe —e decisivamente— no sabor e na textura do ovo. Dificilmente se conseguirá vender ovos da Cornixa Cantábrica en Andalucía, e viceversa, porque o público encontrará moi diferentes eses ovos dos que comeu toda a vida.
Nesta granxa recibiron a visita de dous individuos que dicían ser animalistas. Non causaron maiores molestias, e os irmáns Hermida non queren falar demasiado do asunto para non facerlles publicidade, pero mencionámolo aquí para que se tome conciencia de que eses particulares «activistas» xa empezan a revoar polo rural de Galiza, como as velutinas.
Así pois, facer o que ninguén máis fai, buscar a diferenciación que leve á independencia no traballo e non agardar nada das administracións son as tres premisas que guiaron o nacemento de Gandería Laura Taboada, S.C., e as que seguen aplicando agora que a súa granxa xa está consolidada. Un raio de esperanza nunha contorna que esmorece.