Entrevistas / 21.Feb.2022
Unha entrevista a Víctor Fernández Caseiro, gandeiro e músico.

Víctor Fernández Caseiro —Esmoriz, Chantada, Lugo, 1985— ía para músico. Desde moi cativo, a súa ilusión era subir ao escenario tocar, e mesmo cursou estudos de música. Aínda que segue actuando co seu grupo, Liviao de Marrao, agora dedícase en corpo e alma á gandaría, con métodos alternativos, con eficacia na produción e cun reducido impacto medioambiental; parámetros todos polos que apostamos e aos que queremos dar visibilidade en Omnivoraz.

Reportaxes / 19.Nov.2021
Unha reportaxe con Ana Rodríguez Piñeiro e José Antonio López Corredoira, de As Pontellas, S.C. (Lugo).

Ana Rodríguez Piñeiro e José Antonio López Corredoira encarnan, talvez sen ser moi conscientes, a meta que moitos gandeiros perseguen en toda Europa: obter un beneficio digno polo seu traballo e non ser escravos del. Cunha mestura de innovación e métodos tradicionais case desaparecidos, a súa granxa de leite ecolóxico en San Vicente de Candai —Outeiro de Rei, Lugo— converteuse nunha empresa moi rendible, respectuosa co medio ambiente e o benestar animal, e cun alto grao de conciliación da vida laboral e familiar. Todo iso sen facer ruído nin acaparar portadas.

Entrevistas / 05.Nov.2020
Unha entrevista a Joan Alibés Biosca, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Joan Alibés Biosca accedeu á presidencia da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes —SGPF— pouco antes de decretarse o estado de alarma a causa da COVID-19. As actividades habituais tiveron que deterse, pero o traballo diario dos asociados mesmo se viu incrementado, como sucedeu con toda a agricultura e a gandaría. Entrevistamos a Joan para saber en que estado se atopan e cales son as claves de futuro da materia sobre a que traballa a SGPF: os solos e os seus usos.

Reportaxes / 11.Feb.2020
Unha reportaxe con Alberto e Rubén Hermida, de Gandería Laura Taboada, S.C. (Pontevedra).

Entre a Serra do Faro e a vila de Rodeiro atópase o Val de Camba, unha zona de moita produción agrogandeira que en tempos foi lugar de pazos e casas grandes e que, por algunha razón que ignoramos, pasa desapercibida malia a súa extensión. Aquí nunca sucede nada e, aínda que paso obrigado para conectar boa parte do sur de Galiza coa capital, nin sequera van turistas. Talvez a serra a fai invisible ou talvez o traballo o absorbe todo. Sexa como for, Alberto e Rubén Hermida Taboada colocaron a zona no mapa da loita contra o baleirado rural poñendo en marcha algo moi distinto do que se viña facendo, alí e en calquera parte: a produción de ovos ecolóxicos cun sistema inédito.

Reportaxes / 14.Xan.2020
Unha reportaxe con Xosé García Freire, da gandaría Casa da Fonte (Lugo).

O futuro das explotacións está no pasado? É unha pregunta que se deberon facer en Casa da Fonte —Mañente, Pantón, Lugo— cando decidiron diversificar a produción e comercializar directamente os seus produtos. O que sempre se fixo nas granxas familiares, pero a maior escala, cun alto nivel de profesionalización e convertendo en innovación o que fora tradicional.