As Pontellas, S.C. (Lugo) — Se puede vivir bien en el campo — Omnivoraz

As Pontellas, S.C. (Lugo): pódese vivir ben no campo

Unha reportaxe con Ana Rodríguez Piñeiro e José Antonio López Corredoira, de As Pontellas, S.C. (Lugo).

Ana Rodríguez Piñeiro e José Antonio López Corredoira encarnan, talvez sen ser moi conscientes, a meta que moitos gandeiros perseguen en toda Europa: obter un beneficio digno polo seu traballo e non ser escravos del. Cunha mestura de innovación e métodos tradicionais case desaparecidos, a súa granxa de leite ecolóxico en San Vicente de Candai —Outeiro de Rei, Lugo— converteuse nunha empresa moi rendible, respectuosa co medio ambiente e o benestar animal, e cun alto grao de conciliación da vida laboral e familiar. Todo iso sen facer ruído nin acaparar portadas.

Un cambio necesario

Nas Pontellas, S.C., producen leite ecolóxico desde 2013. Antes pasaron polo calvario que para moitos supón a gandaría intensiva, coas súas xornadas interminables, a súa carreira desenfreada por aumentar a produción e uns investimentos que parecían non ter fin: «A gandaría intensiva volveuse insostible para nós. Non tiñamos unha herdanza económica que nos permitise facer fronte aos momentos de prezos baixos, que cada vez eran máis frecuentes. Tivemos que pasar por un impago de tres meses por parte dunha industria, xusto antes de que comezase a caída xeneralizada de prezos e que se empezase a falar da desaparición das cotas. Fíxose imposible sacar un soldo e moitos meses pechabamos con perdas. Eu levo aquí desde os catorce anos e non vira antes as cousas tan mal», explica José Antonio.

Malia que dispoñían de terreo suficiente, descartaron pasarse á produción cárnica: «Vimos que os prezos en orixe da carne tamén eran moi moi baixos. Á parte de que tiñamos a experiencia previa dun cebadeiro que mantivemos hai anos —ata setecentos tenreiros en cadea— e que foi ruinoso —para eles como para moitos outros gandeiros—. Ás veces dá a sensación de que non se actúa con moito criterio. Se un sector se afunde, pasámonos en masa a outro para ver se tamén o afundimos, sempre guiados por profetas que nos prometen imposibles. A verdade é que nós nunca pensamos en dedicarnos á cría de vacas de carne porque sería máis do mesmo».

Sempre que deixamos de facer o que fixemos toda a vida hai un momento de crise. A transición de intensivo a ecolóxico non é doada, sobre todo desde o punto de vista psicolóxico. Hai que cambiar case todas as rutinas e enfocar a granxa de maneira radicalmente distinta, sen ningunha certeza e baixo presións de todo tipo: «Nós partimos con certa vantaxe porque estiveramos no programa de pastoreo dunha coñecida industria de Lugo e xa nos defendiamos nese método. Por certo que esa industria tamén nos deixou un burato importante cos seus impagos», apunta Ana. «Ademais, viviamos para traballar. Estabamos horas e horas aquí metidos, traballando para evitar o peche da granxa. Ese é un problema grave da gandaría en Galiza: cando se fan as contas non se contabiliza o tempo de traballo do gandeiro, é un esforzo sen retorno económico, e cremos que iso é un erro».

As Pontellas, S.C. (Lugo) — Se puede vivir bien en el campo — Omnivoraz

«Ás veces dá a sensación de que non se actúa con moito criterio. Se un sector se afunde, pasámonos en masa a outro para ver se tamén o afundimos, e sempre guiados por profetas que nos prometen imposibles».

Produción ecolóxica: novo método, nova mentalidade

As Pontellas, S.C., naceu a finais dos anos oitenta, cando José Antonio deixou os estudos para dedicarse de cheo á súa paixón: a gandaría. Actualmente manexan un rabaño de cen vacas, das cales cincuenta están en muxidura, producindo anualmente case 275 000 litros de leite —un terzo do que producirían nun sistema intensivo—. Cada animal produce arredor de 6500 litros por lactación —a metade que en intensivo—, pero poden chegar aos nove partos, un aspecto clave e algo impensable na produción convencional. Todas as femias que nacen destínanse á recría, e os machos son vendidos a cebadeiros.

Nesta granxa non se realiza control leiteiro nin existe gran preocupación pola mellora xenética. O que queren é ser rendibles producindo un leite salubre e de calidade. Os índices morfolóxicos, as vacas grandes produtoras ou os premios en xenética nin lles preocupan nin lles interesan.

Ana e José Antonio son conscientes de que se unha maioría de gandeiros comeza a producir leite ecolóxico tamén se saturará o mercado, e volverán os vellos problemas. Ademais, saben que o seu produto —cun prezo de venda ao público que rolda os 1,20 euros— nunca vai ser de consumo masivo, podendo incluso converterse en minoritario se a economía vai mal. Para previr calquera desas dúas circunstancias, están apostando por introducir exemplares de raza jersey: «Poden producir ata quince litros diarios pastando arredor dunha hora e sen consumir ningún penso. Á parte de que nos dan un leite cun alto contido en sólidos —sobre todo graxa e proteína—, que, de momento, é algo que premia a industria. Son animais que paren con moita facilidade e, se están ben coidados, viven moitos anos».

Unha proba máis de que non hai que producir moito senón producir ben é que, fronte aos corenta litros de produción media diaria que alcanzan as frisoas en sistemas intensivos, As Pontellas xera dezaoito litros por vaca ao día —de media anual—, pero cuns niveis de graxa do 4% e do 3,6% de proteína. Por outra banda, fronte á opinión estendida de que o pastoreo «contamina» o leite con células somáticas, nesta granxa teñen un nivel de 112 000, moi por debaixo da media. Ao non enfermar nunca, a salubridade dos animais reflíctese no leite, e por iso reciben cincuenta e sete céntimos de euro por litro —incluíndo o IVE e a prima por calidades—, mediante un contrato anual cunha empresa francesa radicada en Lugo.

En canto ás instalacións, as catro naves que utilizan apenas foron reformadas nos últimos trinta anos. A sala de muxidura é unha reliquia. As vacas acoden a ela, pero seguen empregando un daqueles sistemas de circuíto habituais hai tres décadas. Ese método non lles da ningún traballo extra, non os obriga a realizar investimentos e funciona á perfección. As muxiduras tampouco lles supoñen ter que madrugar nin trasnoitar. A primeira faise ás nove da mañá e a segunda ás oito do serán, e rematan o traballo nunha hora.

As fosas de xurro, a arrobadeira para arrastrar residuos, as camas dos cubículos e os ventiladores no interior da nave de muxidura son vestixios da época de produción intensiva que aínda se seguen a empregar porque resultan útiles. Hai que sinalar que os xurros son moi sólidos debido ao tipo de alimentación e de vida que levan as vacas, polo que cómpre engadirlles auga, á parte de que convén que o fertilizante vaia o menos espeso posible, para que non asente demasiado nos terreos que logo van pastar as vacas.

As Pontellas, S.C. (Lugo) — Se puede vivir bien en el campo — Omnivoraz

«Con menos animais e con menos leite gañamos máis cartos que moitas outras explotacións, simplemente porque o noso gasto é moitísimo menor e porque o leite ecolóxico está mellor pagado».

A clave está na redución de custos

Máis alá de cuestións medioambientais ou de calidade, a clave da produción ecolóxica está na redución de custos, case ata facer desaparecer os gastos veterinarios e de medicación animal. Máis aínda neste caso, porque é José Antonio quen realiza a inseminación das vacas: «Non me paro en selección xenética, só busco inseminar con exemplares que garantan unha produción de máis de quince litros diarios e unha boa adaptación ao pastoreo. Ademais, a fertilidade é moi alta —probablemente pola mestura de razas— e chega cunha inseminación para que queden preñadas. Tamén inflúe nisto o feito de acompañar as vacas ao pasto, porque cando unha vaca está en celo detéctalo decontado ao vela camiñar e comer. A observación é primordial para a efectividade da inseminación».

As Pontellas, S.C. (Lugo) — Se puede vivir bien en el campo — Omnivoraz

Ana e José Antonio cultivan cincuenta e nove hectáreas de herba e pasto de Sudán. Trinta e dúas delas son da súa propiedade e as outras vinte e sete son arrendadas: «Tentamos gastar o mínimo e ter a máxima cantidade de herba posible porque, canto máis verde lle deamos ás vacas, menos penso gastaremos. De marzo a setembro démoslles unha ración de herba, millo e cebada moídos, e só catro quilos de penso por vaca e día. A media de produción nese intervalo de tempo foi de vinte litros, que é moi inferior á das gandarías intensivas, pero sae moito máis barata porque consomen unha terceira parte dos concentrados que se usan neses sistemas. Con menos animais e con menos leite gañamos máis cartos que moitas outras explotacións, simplemente porque o noso gasto é moitísimo menor e porque o leite ecolóxico está mellor pagado».

Veterinarios, técnicos, comerciais e ata familiares tentaron facelos desistir de pasarse á produción ecolóxica: «Todos dicían que iso non tiña futuro e que nos iamos arruinar. Estou seguro de que aínda agora crerán que compramos maquinaria nova para tentar saír da ruína… en fin. Só direi que estamos cobrando o litro de leite a cincuenta e sete céntimos, e que o noso modelo de manexo das terras fai que cobremos unha prima moi elevada, a maiores do que xa nos correspondía pola PAC —Política Agraria Común—. Ata que nos pasamos a ecolóxico nunca tiveramos tempo nin recursos para, por exemplo, facer unha viaxe en avión, mira ti».

As Pontellas, S.C. (Lugo) — Se puede vivir bien en el campo — Omnivoraz

Pasto de Sudán: a solución a un problema

Ao non existir xornadas formativas nin unha aposta decidida por este tipo de modelos, estes gandeiros teñen que ir aprendendo pola súa conta. Sacan moitas ideas de Internet e experimentan con elas; por exemplo, o uso do pasto de Sudán: «Ao chegar o verán e o comezo do outono, nesta zona queda todo seco e non hai pasto. Podes botar man do que teñas ensilado para o inverno, pero así só atrasas o problema porque terás que mercar forraxe máis adiante, ou facer un pastoreo pouco efectivo en prados encharcados ou con herba moi pobre. Para solucionar esta situación, busquei na rede e atopei o pasto de Sudán, que me permite alimentar as vacas no verán sen apenas recorrer ao silo de herba. Aquí en Galiza non era fácil de conseguir e tiven que estar moi enriba dun provedor, á parte de que primeiro foi necesaria a autorización do CRAEGA —Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia—. Como sempre, tacháronme de tolo. Só sementei seis hectáreas e producimos setenta mil quilos. Menos mal que o fixen porque, se non, tería tido problemas para alimentar todo o gando. Este non é un terreo moi apto para cultivos forraxeiros e, aínda así, vaia rendemento». Por outro lado, o xabaril non entra nestes pastos, polo que non se producen perdas por esa causa.

O pasto de Sudán é moi versátil: «Podemos cortalo e servilo en verde na corte, ou ensilalo en rolos. Ollo! É moi denso e, aínda que avulte pouco, ten moito peso e pode dar problemas ao facer os rolos. Ademais supón moi pouco traballo, pois abonda con arar, sementar e recoller ou pastar. Na gandaría ecolóxica non nos permiten empregar máis de trinta mil litros de xurro por hectárea e ano, que é unha cantidade moi escasa para cultivos como o millo, pero máis que suficiente para o pasto de Sudán». Outra opción é levar os animais a pastalo, e cómpre lembrar que axiña solta sementes que medran rapidamente. Unha observación: as vacas só poden consumir esta planta cando teña superado os sesenta centímetros de altura, xa que se a inxiren antes pode resultarlles tóxica e afectar o seu sistema nervioso.

Este tipo de pasto non produce ningún cambio na cantidade de sólidos que contén o leite. Ata agora, os niveis de graxa e proteína da produción das Pontellas, S.C., mantivéronse igual que antes de empezar a utilizalo —hai dous anos—: «Para nós supuxo un importantísimo avance no noso traballo pero, se non tivese funcionado, teriamos seguido buscando alternativas. En ningún caso podes quedar ancorado en cousas que non funcionan ou non son rendibles».

As Pontellas, S.C. (Lugo) — Se puede vivir bien en el campo — Omnivoraz

«Esta granxa só existirá se é rendible e se empregamos todos os recursos para que o traballo sexa o mellor posible».

Pastoreo si, pero rendible

O pastoreo, un termo de moda e con reminiscencias bucólicas, convértese nunha fórmula sustentable e de éxito cando se realiza axeitadamente. De feito, a súa práctica é moi diferente en función da época do ano. No verán as vacas das Pontellas saen ao prado dúas horas pola mañá e dúas pola tarde, e logo completan a súa alimentación na corte con herba seca: «Non lles gusta demasiado o sol, e a calor pode ser unha fonte de problemas sanitarios, por iso as resgardamos das horas máis cálidas». O resto do ano, agás en días de moita choiva, están no prado desde as dez da mañá ata que anoitece ou é hora de muxilas. O importante é que estean pacendo o máximo tempo posible.

O minifundio e a dispersión dos prados é algo que frea moitos gandeiros galegos para daren o paso cara ao pastoreo: «Nós temos os terreos relativamente preto da corte, aínda que algúns están a máis dun quilómetro, e xa se sabe que ás vacas tampouco lles conveñen grandes desprazamentos. O bo é que non van por pistas asfaltadas e que a maioría dos traxectos son bastante curtos». Nas Pontellas, S.C., utilizan un can de raza border collie para axudar no traslado das vacas, pero recoñecen que ao animal aínda lle falta rodaxe.

Durante un tempo deixaron o laboreo das terras en mans de empresas de servizos pero agora fano todo eles mesmos: «Non podemos depender de terceiros. Por exemplo, se tardan unha semana máis do convido en vir recoller e ensilar o pasto de Sudán, perderá cantidade, calidade e, sobre todo, proteína. Para que as cousas estean listas no momento xusto e de forma eficiente, fixemos un importante investimento en maquinaria. Esta compra pode chocar coa filosofía de redución de custos e respecto medioambiental que vai asociada ao pastoreo e ao ecolóxico, pero non esquezamos que esta granxa só existirá se é rendible e se empregamos todos os recursos para que o traballo sexa o mellor posible. E, todo sexa dito, o prezo que nos pagan polo noso leite, así como as subvencións que recibimos da PAC polo noso tipo de manexo de terreos e gando, tamén permiten aventurarse en investimentos que non serían posibles co que se paga en intensivo convencional».

As Pontellas, S.C. (Lugo) — Se puede vivir bien en el campo — Omnivoraz

«Á parte das tarefas diarias, temos que dedicar unha parte do noso tempo a buscar fórmulas que fagan máis efectivo o traballo, pero resulta apaixonante».

Optimizar o traballo para mellorar a calidade de vida

A calidade de vida —que, en esencia, é obter un rendemento económico digno sen ser escravos do traballo— é unha aposta clara nesta granxa. Sempre se di que os sistemas de pastoreo supoñen menos traballo que os de gandaría intensiva, unha opinión que non comparten nas Pontellas, S.C.: «Eu non estou tan de acordo. É un labor moi diferente, iso si. No noso modelo hai moita menos rutina, cada día é diferente porque depende do tempo que faga, da distancia ao prado que estea mellor para pastorear ou do estado das vacas. Hai que estar moi pendente de todos os detalles, máis aínda no noso caso polos requisitos da produción ecolóxica. Aprendes algo novo a diario. Por exemplo, agora estamos nun proxecto coa Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia para buscar a fórmula que permita optimizar o uso das parcelas de pastoreo. O obxectivo é acadar un método estándar de traballo, aínda que somos conscientes de que é moi difícil polas propias características do pastoreo. En fin, á parte das tarefas diarias, temos que dedicar unha parte do noso tempo a buscar fórmulas que fagan o traballo máis efectivo, pero resulta apaixonante».

A cuestión é que, cos seus métodos e técnicas e cos actuais ingresos pola venda do leite, conseguiron ter libres case todos os sábados do ano. E, se o desexan, tamén poden desfrutar de pequenos períodos vacacionais, porque poden contratar unha persoa que atenda a granxa na súa ausencia. Máis aínda, o matrimonio podería permitirse vivir en Lugo —a uns vinte minutos en coche— e desprazarse á granxa só nos momentos de máis faena, pero rara vez o fan porque prefiren estar enriba de todos os detalles.

Un problema habitual no sector lácteo galego é o peche continuado de gandarías por falta de substitución xeracional. Os fillos non queren quedar nas granxas herdando as débedas dos pais, as xornadas maratonianas e a incerteza económica. No caso de Ana e José Antonio, pola contra, o modelo ecolóxico seduciu o menor dos seus tres fillos, que xa pensa en quedar nela o día de mañá.

As Pontellas, S.C. (Lugo) — Se puede vivir bien en el campo — Omnivoraz

Volta ao pasado para gañar o futuro

A muxidura en circuíto, o remolque cargado de herba verde acabada de segar para que coman as vacas, os prados cheos de animais que mesmo paren neles ou o rabaño desfilando por camiños de terra son escenas que se ven nas Pontellas, S.C., e que nos retrotraen a outra época, pero esa volta ao pasado é o xeito de gañar o futuro. Estes gandeiros cren que a súa preocupación debe ser o coidado das vacas para que dean o mellor leite, e para iso a súa cabeza non pode estar en encher o tanque custe o que custe. Non queren competir por ser os que máis leite producen, os que máis millo ensilan ou os donos da vaca de setenta litros diarios. Descubriron, a base de esforzo e audacia, que o aproveitamento axeitado da natureza é a clave do éxito, e seguirán por ese camiño: «Eu vexo que moita xente no sector razoa da seguinte maneira: “como co que fago non son rendible, vou facer o dobre para selo”, co conseguinte aumento de instalacións, de vacas, de parcelas, de consumos, de novas tecnoloxías que non sempre son un éxito, de investimento en xenética, etc., e cun inevitable endebedamento. Por outra banda, a produción de leite en países emerxentes está medrando moito cada ano e, pouco a pouco, os prezos están volvendo caer. Sen esquecer que parece que se estea nunha carreira por producir que leva a espremer as vacas de xeito que cada vez viven menos. Por iso, queremos estar preparados para poder subsistir alimentando as vacas exclusivamente con pastos, suprimir por completo a compra de pensos e traballar só con razas como a jersey, que nos dean leite moi rico en sólidos e que estean adaptadas ao pastoreo. Tamén optar por unha única muxidura diaria, como xa se fai noutros países, para aforrar tempo e gasto enerxético. Agora xa temos vacas que con trece anos de idade seguen dando leite, e esa é a liña que pensamos seguir». E Omnivoraz estará alí para contalo.