Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Un futuro incerto (III): a cacharela purificadora

Un relato de Alarico de Roque, gandeiro.

Gala non durmiu nada esa noite. A adrenalina vence o sono. Só le e le. Canto máis avanza na lectura, máis a aterroriza todo o ocorrido, e pregúntase como demos foran capaces de crear aquel mundo tan artificial sen que ninguén puidese facer algo para frealos. Marabíllana as imaxes daqueles alimentos, para ela descoñecidos, con descricións de sabores que xamais tivese imaxinado: «Onde está toda a comida da que desfrutaban nas cidades a principios do século xxi?». Agora está tan estandarizada que só se distinguen tres sabores: o da proteína animal, o da vexetal e o dos exclusivos edulcorantes, uns sobres de contido líquido que algúns se poden permitir tomar por enriba de cada comida: «Como chegamos a isto?».

Inmersa aínda nos seus pensamentos, escoita o son da alarma programada para erguerse diariamente. Cando a apaga, reflexiona por un intre sobre como se apañará para impartir a súa clase de historia e explicar o mesmo que estivo repetindo aos seus distintos alumnos durante os últimos cinco anos, o que ela mesma estudara toda a súa vida, sabendo agora que non é máis que unha sarta de mentiras meticulosamente orquestradas por «O Ollo».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Tras unha ducha rápida, almorza a súa ración de LACCE100GM —lácteo desnatado con cereal: 100 gramos de fariña de millo— e vístese como sempre: pantalón vaqueiro, camisa azul e americana de corte estándar. Preparada para volver á academia Monbaysant a dar as súas clases, sae á rúa sentíndose observada polas cámaras en todo momento. Interrompe o seu traxecto cinco minutos para facer a compra diaria. Mentres agarda na cola de entrada ao recinto de abastecemento, pregúntalles aos demais se alguén sabe como está o campo e que hai fóra da cidade. A gran maioría nin sequera lle contesta, e os que o fan non teñen nin idea. Gala está cada vez máis convencida de que todo o que descubriu é certo.

Ao finalizar o limitado aprovisionamento que lle permiten os créditos dunha profesora de historia, continúa o seu camiño ata o traballo. As ideas amontóanse na súa cabeza, chegando sempre a unha mesma conclusión: «A avoa Florence tiña razón, é todo unha gran falacia. A falta de información destruíu primeiro o campo, logo a cidade e, ao final, a pouca comunicación entre ambos os dous mundos foi unha das maiores debilidades da sociedade. Hoxe nin sequera poden intercambiar información a través dos dipegrazs, porque xa ninguén coñece ningún campesiño».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Gala chega a Monbaysant cun cansazo brutal, pero entra na aula con paso firme. Aos trinta segundos, os seus alumnos fan o mesmo, sentándose ordenadamente e en silencio. Sentindo como o seu interior se retorce de rabia, opta por deixar que sexan eles os que tomen a palabra grazas á tarefa que lles encargara o día anterior: o período histórico desde 1936 a 1943.

Un por un, os estudantes falan sobre Hitler, mentres a ela a corroe ter que calar a verdade, que non fora un visionario, senón un xenocida. Na metade da clase, cando xa empeza a temer que ter pasado a noite en vela lle pase factura alí mesmo, ábrese a porta da aula. Para a súa sorpresa, ve asomarse a Xesús, que lle fai un xesto para que saia ao corredor: «Descubríronte, captaron algo a través do teu dip. Ou nos imos agora ou para ti non haberá un mañá. Corre, Gala!».

Nun brevísimo flashback, visualiza o seu dispositivo sobre a cama, onde o deixara antes de saír a noite anterior, e lembra o sucedido cos gardas tras a morte da súa avoa. Entón todo cobra sentido. Sen dubidalo, entra fugazmente na clase para coller o seu bolso e segue a Xesús, que, nada máis saír do centro, lle pide o seu dipegraz para esnaquizalo: «É o único xeito de escapar vivos de aquí».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Deambulando polo Madrid de 2101, tentan esquivar as cámaras do circuíto pechado de «O Ollo» ata chegar ao antigo Parlamento, onde se coñeceran a noite anterior. Malia ter aproximadamente a mesma idade, Xesús parece que ten o dobre de vigor que Gala. Ela non comprende por que se fatiga para seguirlle o ritmo se el anda lixeiro como unha pluma.

Ao entrar no vello edificio, Gala está esgotada e famenta, así que saca do seu bolso unha ración de pan. Aínda o está levando á boca cando Xesús lle dá un golpe coa man e o tira ao chan. Queda atónita, pero, antes de ser capaz de articular palabra para protestar, el adiántase a falar: «Perdoa, non quería asustarte. Non podes comer iso, ou como cres que lles resulta tan doado controlarvos? A vosa docilidade non é casual». Acto seguido, saca unha mazá do peto da súa chaqueta e dálla. Estupefacta, pregúntalle: «Isto é unha mazá como as que vin na información que me deches onte?». El asente coa cabeza e engade: «Isto si que o podes comer tranquilamente. Máis tarde explicareiche por que».

Coa primeira dentada, unha explosión de sabor invade as papilas gustativas de Gala, que nota como escorrega pola súa barbela unha pinga de saliva mesturada con zume da froita fresca. Unha verdadeira delicatessen para un padal afeito á neutralidade das pseudoproteínas e os alimentos procesados. Cando ela remata de comer, Xesús incorpórase inmediatamente: «Debemos continuar».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Baixan ao soto e entran nun despacho no que só hai unha mesa e un par de estantes baleiros. El aparta a mesa, como se non pesase, e anícase para abrir unha trapela que hai no chan. Levanta a mirada, sorrindo, e téndelle a man, convidándoa a acompañalo: «A democracia sacaranos desta».

Intrigada, pero sen vacilar, introdúcese con el nun túnel escuro e longo. Mentres o percorren, Xesús explícalle o porqué da súa existencia: «Foi escavado na década de 2030 para darlles unha escapatoria aos políticos, xa que daquela as revoltas populares fóranselles das mans, entre outras cosas, pola fame negra que sufría a xente. O campo fora destruído na súa maior parte, e as multinacionais tiñan bloqueados os alimentos do hemisferio inferior, os cales dominaban, para lograr por medio da fame que o pobo liquidase o réxime do momento, igual que ocorrera na Revolución francesa, podendo así alzarse elas como “as salvadoras”».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Gala lembra o que leu: «Como así foi, pero aquelas corporacións agroalimentarias non salvaron a ninguén, senón que crearon o caos e, como dixo un sabio, o caos é unha escaleira para quen ten os medios e sabe usala para poder ascender ao máis alto». Despois de dúas horas camiñando na escuridade empezan a ver luz ao final do túnel. Fóra só hai árbores altas, moi altas: eucaliptos.

Continúan a pé durante varias horas, ata que por fin chegan a unha estrada na que hai un posible medio de transporte aparcado na beiravía. É un coche eléctrico de hai, polo menos, setenta anos, pero en bo estado. Soben a el, arrancan e comezan, con máis calma, a conversa que tiñan pendente.

Gala foi directa ao gran: «Explícame de que vai todo isto e a onde me levas». Xesús tampouco anda con rodeos: «Necesitamos fuxir de aquí porque, se nos capturan, enviarannos ao hemisferio inferior, a ti como escrava, no mellor dos casos, acusada de traizón, e a min por axudarche». Ela ponse nerviosa: «Pero que imos facer? Que será de nós?». El comprende a súa inquietude, pero tamén coñece a resposta, así que no pode evitar sorrir: «Igual que a principios do século xxi, a cidade vive de costas ao campo. Sempre esquecemos de onde procede o que comemos, pero para nós hoxe isto é unha gran vantaxe, pois alí é onde nos refuxiaremos e serás libre».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

As palabras de Xesús cálmana, pero Gala necesita comprender o que sucedeu no antigo Parlamento, antes de chegar ao túnel: «E por que non me deixaches comer aquela ración de pan?». «Miña pobre Gala, que pechados tedes os ollos na cidade… Hai moitos anos que as multinacionais controlan a poboación a través do entretemento e, sobre todo, da alimentación. Introducindo produtos potencialmente adictivos, como o azucre ou outros saturados, conseguían que volvésemos a comprar máis. Actualmente iso xa nin sequera é necesario, posto que só teñen que engadir certas substancias a esa bazofia que chaman comida para manter o pobo a raia». Gala abre os ollos espantada: «Que substancias?».

Xesús suspira e continúa: «Da única que estamos completamente seguros é do tramadol. Non é moita cantidade, pero si a suficiente en cada ración para aliviar a dor e dar un pequeno empuxonciño a unha falsa sensación de benestar, o que lles facilita o control sobre os habitantes. Ao ter o poder absoluto sobre a produción, o procesamento e a venda dos alimentos, e á falta dunha lexislación que os deteña… En fin, Gala, durante os próximos días vas sentir a abstinencia do tramadol, ten en conta que o estiveches inxerindo durante a maior parte da túa vida, pero non te preocupes, en pouco tempo estarás mellor que nunca».

Gala musita case avergoñada: «Eu cría que o tramadol era un complemento alimenticio», pero el trata de reconfortala: «É normal, así volo fixeron crer durante os últimos sesenta anos». Mentres el segue a falar sobre os efectos desta e outras substancias utilizadas por «O Ollo», Gala é finalmente vencida polo sono e cae rendida. Xesús decátase e, en silencio, continúa conducindo en dirección norte.

Cando Gala esperta, o coche segue en marcha. Apoia a súa man na cara e observa a paisaxe, que non cambia: campos e campos de cereal. Parécenlle algo descoidados en comparación coas fotos que vira no dip libre que lle entregara Xesús cando se coñeceron, pero é a única referencia que ten, xa que nunca antes saíra de Madrid.

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Pouco despois, empeza a sentirse inqueda, como con taquicardia; entón escoita a voz do seu liberador: «Toma, come isto, sentarache ben e axudaralle ao teu organismo a depurarse». Gala colle aquela cousa redonda, míraa atentamente e pregunta: «Que é?». «Chámase laranxa. As froitas frescas serán a túa dieta durante os primeiros días».

Tras a experiencia previa coa mazá, Gala fincoulle os dentes sen pensalo. Nun intre, a súa cara engurrouse como se o seu gusto se puxese en contra daquilo. Vendo de esguello a reacción da moza, con absoluta empatía cara a ela e o seu máis que comprensible descoñecemento, Xesús contén a risa e detén o vehículo: «Agarda, primeiro tes que pelala e, logo, comes a polpa do interior». Míraa con tenrura mentres Gala segue as súas instrucións.

Aínda receosa, dálle un bocado á laranxa e sente de novo unha explosión de sabor só comparable á que experimentara horas antes coa mazá: «Isto é o mellor que comín na miña vida!». Xesús sorrí e anímaa: «Pois non imaxinas todo o que che queda por probar. Os alimentos frescos sempre tiveron máis sabor e foron máis sans, e agora, co brodio que vos dan na cidade, a diferenza é aínda maior».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Gala volve a vista á ventá. De vez en cando ve vilas que parecen abandonadas, pero agora a paisaxe é distinta, e é outro tipo de cereal o que medra nos campos, aínda que lle seguen parecendo descoidados. Nese momento decátase de algo moi importante: «Onde está a xente? Por que non vemos a ninguén?».

Xesús asente de satisfacción, pois a intelixencia de Gala non o decepcionou, e respóndelle: «Porque xa non queda ninguén. A principios do século pasado o campo despoboábase a unha velocidade vertixinosa, pero non se fixo nada para evitalo. Poucas gorxas se levantaron en grito ante ese feito, así que, como o peso dos votos nos territorios rurais era cada vez menor, os políticos fóronlles restando atención a pasos axigantados. Despois chegaron as grandes multinacionais para montar as súas macroexplotacións e as súas plantacións de árbores de crecemento rápido, e a agricultura foi cambiando.

Ademais, o incremento do número de veganos levaba os agricultores a realizar cultivos que requirían menos man de obra. Así, pouco a pouco, o campo foise baleirando, ata o punto de que as Administracións foron pechando os servizos máis básicos, e isto conduciu a outra nova vaga de emigración ás cidades. Os poucos valentes que resistiron no rural foron eliminados por estas grandes empresas, porque lles estorbaban para facerse co monopolio da alimentación, do cal é resultado a comida que hoxe en día tedes na cidade».

Gala continúa impresionada, pero o esgotamento pode con ela. Suorenta e aínda con taquicardia, volve quedar durmida. Cando esperta, é de noite e o coche está parado. Parece que por fin durmiu o suficiente porque, malia notar que a axitación cardíaca permanece, xa non ten aquel sono tan implacable. Xesús está fóra, falando con alguén polo seu dip. Cando remata, volve entrar e, ao vela esperta, míraa riseiro.

Nese momento, Gala decátase de que Xesús é un home atractivo: marcadas faccións, pelo castaño, brillantes ollos marróns, e pensa que lle gustaría velo afeitado, porque loce unha barba mesta, de varias semanas, que lle tapa demasiado a cara. Ao atoparse con este pensamento, toma consciencia de que, desde que o coñece, non se parara a miralo fixamente, ou simplemente no estivera tan lúcida, e agora comprende por que. Xesús arranca o motor: «Continuamos, temos o camiño libre e parece que ninguén nos segue». «Sexa pois», lle contesta.

Durante o traxecto, el ofrécelle máis froitas. Gala devora todo canto cae nas súas mans, tanto polo delicioso sabor como pola fame que ten, mentres continúa a conversa: «De que coñecías a miña avoa?». Faise un fugaz silencio antes de recibir unha resposta: «Hai anos, Florence foi unha grande axuda. Ela escondeu os meus pais durante as persecucións de “O Ollo” aos rebeldes que se opoñían ao seu poder. E tamén os teus, pero eles no tiveron tanta sorte».

Gala, confundida, engurra o cello e interrómpeo: «Os meus pais morreron nun accidente». Sen poder ocultar a dor que supón dar unha noticia como a que ten para ela, Xesús dille suavemente: «Non, Gala… Os teus pais foron condenados a morte por compartiren a información que eu compartín contigo onte á noite». Desconcertada e visiblemente emocionada, tenta asimilar o que acaba de escoitar: «Pero se sempre me dixeron…». Xesús non quere facerlle dano, pero Gala debe saber a verdade: «Si, así é “O Ollo”, non quere información nin heroes. Pero morreron en defensa daquilo no que crían, e ti estás aquí hoxe grazas a eles». Gala enmudece, pensativa. Canto máis descobre, máis se acende a chama da loita no seu interior.

Está amencendo. Viaxaron centos de quilómetros ata chegar a un inhóspito lugar onde todo o que se ve arredor son eucaliptos, e aí agachan o seu coche para continuar a pé. Polas ensinanzas de Xesús, Gala sabe que lle virá ben camiñar para depurar o seu corpo. O sol empeza a quentar e os eucaliptos non dan sombra, así que, tras case tres horas de camiñada, a moza fatígase continuamente. Xesús anímaa a continuar: «Veña, que ti podes. Xa queda pouco. Non te preocupes, o teu organismo está funcionando ben».

Non pasou moito tempo cando Gala nota un cambio na temperatura do ambiente e, ao levantar a cabeza, observa que as árbores que agora dan máis e mellor sombra non son as mesmas que no treito anterior. Están nun bosque de carballos, preciosos, sans e robustos. Así, máis aliviados, chegan ao que parece un val que se descobre ante eles como un oasis.

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Gala queda impresionada pola paisaxe: a luz do sol da mañá baña toda a cara oeste do val, no que hai unha morea de parcelas con plantacións de toda clase de hortalizas e árbores, unhas con froita e outras en flor. Ademais, unha grande extensión de prados onde vacas, ovellas, cabras e cabalos pastan libremente unha herba verde como nunca antes vira. Sen saír do seu asombro, sente sobre o ombro a man de Xesús, que, con máis afecto que présa, lle sinala a aldea da cima do monte: «O Pico da Ortiga. Aí daranche a resposta a todo o que queiras saber». Mentres camiñan entre as parcelas, chéganlle olores completamente novos, e todos os sentidos da moza se agudizan. Dirixíndose ao alto, o tempo transcorre rápido mentres Xesús contesta a todas as súas preguntas sobre os cultivos.

Ao chegar á aldea, detéñense fronte a unha casa de madeira e entran. Recíbeos un home alto, con pelo cano e fortes brazos. Nas súas mans vese a dureza dos traballos aos que se dedica. Cun amplo sorriso, preséntase: «Ola, son Santi, o líder desta comunidade. E ti es…?». «Chámome Gala, son a neta de Florence», respóndelle con certa timidez. Santi asente coa cabeza: «Gala… Sinto moito as túas perdas, a da túa avoa e as dos teus pais. Unha familia de loitadores pola causa. Sen eles, «A Nova Esperanza» nunca tería sido posible, porque o campo sen a cidade non é nada, pero a cidade sen o campo está perdida, como agora mesmo».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Santi convídaos a entrar ata a cociña e ofrécelles un vaso de leite. Ela bebe un grolo e decátase de inmediato de que non ten nada que ver co lácteo do seu almorzo habitual; este leite é máis espeso e moito máis doce. Tras ese primeiro grolo, dálle un trago e logo outro, co que apura o resto do alimento. Un pouco ruborizada, despraza o vaso pola mesa mentres Santi lle achega unha xerra chea e, chiscándolle un ollo, dille: «Toma todo o que poidas, pois non hai mellor alimento que o leite para desintoxicar o corpo».

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Durante o resto do día, Gala fai mil e unha preguntas, sobre a súa familia e sobre o que están a facer nese val. Santi contéstalle a todo e explícalle como, a través das festas do Entroido, levan décadas difundindo clandestinamente información sobre a historia real do último século, a mesma que Xesús lle proporcionara a ela en Madrid: «Grazas a este labor, a nosa comunidade medrou en número e estamos repoboando o campo. Progresivamente, estanse a formar máis comunidades como esta en diversos puntos do territorio rural e temos excedente de alimentos para iniciar o contraataque». A moza cre con fe cega en todo o que lera, vira e escoitara, e empeza a asimilalo con maior serenidade.

Os seguintes días, os primeiros que pasa en Pico da Ortiga, Gala axuda nos labores da terra. Ten que facelo paulatinamente porque, aínda que se vai sentindo máis forte, máis liberada do efecto que o tramadol que corría polas súas veas exercera sobre o seu organismo, enfróntase á dureza do traballo do campo, e tanto as súas mans como o seu lombo reséntense a miúdo. Ata que un bo día Santi lle ofrece impartir clase aos nenos da comunidade: «Debemos recuperar os servizos esenciais para a xente: ensinanza e sanidade gratuítas e unha boa alimentación, a cambio do traballo que cada un poida realizar». Deste xeito, Gala recupera a súa amada profesión, dando clase de todas as materias, pero sobre todo de historia, a verdadeira, e comeza unha nova vida en Galiza.

O 20 de xuño de 2110, Gala fala con Santi acerca das cacharelas de San Xoán, pois xa as celebraban os antepasados para conmemorar o solsticio de verán. En asemblea, os membros da comunidade deciden retomar este costume e, con el, marcar o inicio dunha nova época.

A noite do 23 de xuño está todo listo. A pila de leña é grande, toda de eucalipto, que xa sobran e ninguén quere tallar un prezado carballo ou castiñeiro. Á medianoite, puntualmente, acéndese o lume, mentres Gala dá unha pequena «clase» aos presentes sobre a antigüidade, a importancia do solsticio e como se consideraba que o salto dunha parella sobre a cacharela os unía para toda a vida. A festa prolóngase ata a madrugada e, cando xa case só quedan ascuas, Xesús proponlle a Gala saltar xuntos. Non se separaron desde que el a trouxo a este val, no que son tan felices, así que acepta encantada.

Un futuro incierto (III): la hoguera purificadora — Omnivoraz

Antes de recoller, Santi diríxese á súa comunidade: «Compañeiras e compañeiros, o momento chegou. Todas as comunidades de resistencia a “O Ollo” dispoñemos xa de excedente de alimentos e, ao contrario que hai un século, chegou a hora de contarlles aos habitantes urbanos todo o que facemos aquí, para que vexan que outra vida é posible. Acabáronse as pequenas escaramuzas. Nesta cacharela purificadora debemos queimar o falaz pasado e, das súas cinzas, levantar unha nova esperanza para este futuro incerto. Pouco a pouco, a cidade poderá volver comer como merece, e ese será o eixe sobre o que cabalgará o cambio, pois cando a xente probe a auténtica comida a nosa forza será imparable. Mentres a cidade recupere o seu poder de decisión, o campo farase máis forte e estará máis poboado».

A comunidade enteira levántase nunha grande ovación ao seu líder e, como previran, esa noite comeza unha nova era.

Finalizará


LE TAMÉN:

Un futuro incerto (e IV): os alimenta

Un futuro incierto (y IV): los alimenta — Omnivoraz

Etiquetas:
, ,