Curiosidades históricas: el turrón — Omnivoraz

Curiosidades históricas: o turrón

Unha breve historia dunha das sobremesas máis características do Nadal.

Igual que outras festas, o Nadal trae ás nosas mesas alimentos típicos da época do ano en que se celebra. Neste artigo contámosvos a breve historia dunha das sobremesas por excelencia destas datas: o turrón.

As referencias escritas máis antigas sobre o turrón cóntannos que no século v xa era unha sobremesa popular na península arábiga, onde se coñecía co nome de turun, e estaba elaborado a base de mel cocido con améndoas peladas e torradas. Este doce chegou ao Mediterráneo e ás rexións adxacentes coa expansión do Islam e, no ano 711 d.C., acadou a Península Ibérica coa entrada das tropas musulmás a través de Tarifa. Esta conquista de Al-Ándalus propiciou que o turun se estendese por toda a península e que arraigase fortemente no sur e o Levante español, zonas nas que proliferaban as amendoeiras desde que, dez séculos atrás, fosen introducidas polos Fenicios a través dos seus comerciantes. Posteriormente, coa anexión de Hispania a Roma, estas plantacións foron melloradas e ampliadas.

Durante séculos, os reposteiros artesáns musulmáns foron os únicos elaboradores do turun. Coa expansión dos reinos cristiáns polos seus territorios, aproveitaron a menor sofisticación da cociña cristiá e, case como unha estratexia de marketing, latinizaron o nome da apreciada sobremesa —turrón—, convertendo a súa arte nunha actividade moi lucrativa. O turrón foi asiduo nas cortes cristiás, pero nos séculos xv e xvi, coa conquista de Granada —o último reino musulmán— e a posterior expulsión dos practicantes da relixión mahometana, a produción de turrón tendeu progresivamente a concentrarse nos gremios, principalmente de Alacante e Badaxoz, lugares onde a día de hoxe seguen contando coas maiores industrias turroneiras.

Curiosidades históricas: el turrón — Omnivoraz

Durante séculos, os reposteiros artesáns musulmáns foron os únicos elaboradores do turun.

A partir do século xvi, o azucre de cana irrompe con forza en España, proveniente das facendas americanas. Por ser de máis doada manipulación, máis abundante e barato, empezouse a elaborar o turrón de guirlache, con améndoas torradas e azucre acaramelado. Malia ter unha boa aceptación, a xente seguía preferindo a receita tradicional, o que levou os mestres turroneiros a tomar a salomónica decisión de rebaixar a cantidade de mel e engadir azucre. Deste xeito, mantívose o sabor orixinal e reduciuse o prezo, facendo esta rica sobremesa accesible a máis xente.

Co transcorrer dos anos, a esta mestura de améndoas, mel e azucre engadíuselle clara de ovo, para conseguir que a masa emulsionase. O turrón composto por estes catro ingredientes é o que comemos actualmente. Xa sen alterar esta base da receita, pero si buscando novas variedades, os mestres turroneiros nunca deixaron de experimentar, engadindo novos ingredientes ou modificando algún dos habituais. Así naceu o turrón brando, que non é máis que o turrón duro triturado, ou o de xema torrada, que xurdiu do aproveitamento de recursos, en concreto, das xemas que quedan de separar as claras usadas na elaboración doutros turróns. Hoxe existe unha infinidade de variedades que buscan compracer as nosas papilas gustativas.

Agora que coñecemos a historia da orixe e a evolución do turrón ata os nosos días, cando saboreemos este alimento debemos lembrar o gran traballo dos turroneiros, que se esmeran en conseguir os mellores ingredientes, os cales non serían posibles sen uns dedicados agricultores, gandeiros e apicultores.


LE TAMÉN:

Curiosidades históricas: uvas contra os impostos

Curiosidades históricas: uvas contra los impuestos — Omnivoraz