Curiosidades históricas: uvas contra los impuestos — Omnivoraz

Curiosidades históricas: uvas contra os impostos

Un artigo sobre a tradición de tomar doce uvas en Noitevella.

O día 31 de decembro, ás doce en punto da noite, comezaremos un dos costumes máis arraigados na nosa sociedade: comer unha uva por cada badalada da última hora do ano —ou o primeiro minuto dun novo—. Neste artigo contámosvos de onde provén esta tradición e como chegou a nós.

Durante o Nadal de 1882, o alcalde de Madrid, José Abascal y Carredano, emitiu un bando municipal no que impoñía un imposto de cinco pesetas a toda persoa que saíse á rúa o día da Cabalgata dos Reis Magos. Segundo o rexedor, esta medida levábase a cabo para evitar ruídos molestos e hábitos festeiros da xente que saía a recibir as Súas Maxestades de Oriente.

Por aquel entón, as clases altas madrileñas importaran o costume francés de despedir o ano comendo uvas e bebendo champaña, así que, a modo de protesta burleira polo novo tributo, un nutrido grupo de habitantes de Madrid —non precisamente de clase alta— reuníronse en Noitevella na Porta do Sol e celebraron o cambio de ano comendo uvas. Este acto satírico perpetuouse e medrou en afluencia, asentándose como tradición protestataria nesa cidade.

A expansión deste costume chegou en 1909, cando a vendima en Alacante foi tan abundante que os viticultores se viron obrigados a deixar parte da produción nas vides.

A expansión deste costume chegou en 1909, cando a vendima en Alacante foi tan abundante que os viticultores se viron obrigados a deixar parte da produción nas vides. Un grupo deles, que oíran falar da tradición madrileña, decidiu encher pequenas bolsas con doce uvas que debían ser tomadas coas doce badaladas de fin de ano, e correron a voz das bondades de realizar o proceso correctamente: unha uva por cada badalada. Pouco a pouco, este costume foise estendendo por todo o país e incluso fóra de España.

Unha vez coñecida esta historia, cando escoitemos as badaladas de Noitevella, e aínda que comamos as uvas chamando a boa sorte para o novo ano, lembremos que en realidade estamos recreando unha orixinal e satírica maneira de protestar contra uns impostos inxustos.


LE TAMÉN:

Curiosidades históricas: a orixe do Nadal

Curiosidades históricas: el origen de la Navidad — Omnivoraz