Pestes na antiga Roma: xestión de pandemias sen vacina nin antibióticos
Un artigo para aprender dos erros e acertos do pasado.
Malia os múltiples avisos dos expertos, a crise sanitaria provocada pola pandemia de COVID-19 colleu desprevidos a inmensa maioría dos países do mundo, sen saber moi ben como xestionala. En momentos como este, nos que ningunha orientación sobra, cobra especial importancia volver a vista atrás e revisar a historia.
Neste artigo retrocedemos ata a antiga Roma para coñecer como un mesmo imperio, dispoñendo practicamente das mesmas ferramentas, afrontou dúas epidemias de maneira moi distinta, e comparar as diferenzas entre as dúas formas de xestionar tanto a crítica situación causada pola propagación dunha enfermidade infecciosa como as súas consecuencias. Así, coa perspectiva que o tempo nos outorga, tratamos de dilucidar cales son os factores que compoñen a fórmula dunha xestión correcta e cales a dunha catastrófica, co obxectivo de aprender dos erros e acertos do pasado, para evitar repetir os primeiros e imitar os segundos.
A peste antonina (165-180 d. C.)
No ano 165 d. C. comezou a estenderse por case todo o Imperio romano unha epidemia que, segundo os indicios existentes, puido ser de varíola. Lucio Vero, que levaba catro anos como coemperador xunto con Marco Aurelio, transportou a infección coas súas lexións desde as fronteiras de Oriente en Mesopotamia ata Roma e, no seu camiño de regreso, foina propagando por toda a parte oriental do imperio. A enfermidade recibiu o nome de «peste antonina», en referencia á dinastía á que pertencían os dous emperadores.
Daquela residía en Roma un afamado médico grego, Galeno de Pérgamo. Ao ver as dimensións da peste e o pouco caso que os cidadáns facían aos seus consellos, decidiu trasladarse ao campo, onde a varíola afectaba moito menos debido á baixa densidade de poboación e a unha mellor salubridade. Pero Marco Aurelio, como home letrado que era —sería coñecido como «o Filósofo»— e baseándose na sabedoría do seu mellor médico, mandou chamalo para atallar a peste na medida do posible. Galeno regresou á cidade acudindo á chamada do emperador, a quen tiña en tan alta estima como á súa propia vida.
Aínda que, desde o punto de vista actual, as primeiras medidas de contención da enfermidade adoptadas por Galeno eran indubidablemente acertadas, foron moi criticadas na súa época. Nos 15 anos que durou a pandemia, morreron arredor de 5 500 000 habitantes, cifra da que resulta unha media de 1000 falecidos ao día. Non obstante, grazas a escritos dos cronistas contemporáneos de Galeno, sábese que nos seus momentos culminantes había días nos que morrían máis de 3000 persoas. Non é de estrañar, polo tanto, a dureza das normas impostas polo médico grego.
Para empezar, toda casa na que aparecía un infectado ou na que se sospeitaba que alguén podía estalo quedaba totalmente confinada e en corentena ata observar a evolución da infección. En canto aos falecidos, o traslado de cadáveres só podía facerse con permiso previo das autoridades, e nunca polo centro da cidade —como era costume nos ritos funerarios, sobre todo entre os máis adiñeirados—. Ademais, como debían ser enterrados o antes posible, tamén se normativizou a construción de sepulturas, para evitar as que se prolongaban varios días —o que nos deixou uns anos nos cales os mausoleos en Roma brillan pola súa ausencia—.
Pola súa parte, Marco Aurelio, emperador único desde a morte por varíola de Lucio Vero no ano 169 d. C., lexislou para que os cidadáns romanos sufrisen o menos posible as consecuencias da tamén coñecida como «praga de Galeno». A tal fin, limitáronse os abusos da xurisprudencia civil, para evitar así a procura de cabezas de turco e a espoliación de herdanzas, e creáronse medidas favorables para os menores, alimentando os máis pobres e tentando que os demais recibisen a súa herdanza; para as viúvas, facéndose cargo de que non sufrisen abusos e aceptándoas como perceptoras da herdanza, no caso de non existir un descendente varón; e para os escravos, evitando que fosen sacrificados para pedir aos deuses a curación da peste e liberando aqueles que vían morrer o seu domine ou señor.
Posto que Roma perdera máis do 10% da súa poboación —unha gran crise poboacional e económica—, asinouse a paz con varios pobos bárbaros para permitir o seu asentamento nos campos e déronselles máis terras aos soldados xubilados. Deste xeito, tentábase restituír a produción agrícola e reducir o gasto en exército —xubilábanse máis soldados e eran menos os bárbaros cos que batallar—.
O certo é que estas medidas funcionaron ben durante os primeiros anos. Galeno soubo recoller datos fiables e observar a infección para contela, pero tamén salvou vidas informando a poboación sobre como debían actuar. Todo isto, sumado aos seus múltiples descubrimentos no ámbito da medicina, fixo que pasase á historia polo seu bo facer e que o seu nome propio se convertese, ata hai un par de séculos, no nome común dos médicos.
O Imperio romano sobreviviu a unha crise da que parecía non poder saír, pero non así o emperador que tan dilixentemente a xestionara. No ano 180 d. C., ao tempo que o último brote de peste se apagaba, Marco Aurelio sucumbía á mesma enfermidade que tanto combatera, ascendendo ao trono imperial o seu fillo Cómodo.
Entre pestes (180-249 d. C.)
O emperador Cómodo, do que coñecemos un reflexo bastante fiel da súa personalidade grazas ao cine, foi quizais la primeira fenda para a caída do Imperio romano. Aínda que derrogou moitas das reformas creadas polo seu pai, as fronteiras que este deixara tan pacificadas permitíronlle levar unha vida de luxo e desenfreo pola que delegou a actividade lexislativa en mans duns oligarcas con intereses moi particulares e que tardarían moito tempo en soltala. Así, un Estado que debía estar remontando económica e socialmente converteuse en corrupto e opresor a máis non poder, no que se expropiaban terras a pequenos granxeiros coas que crear grandes latifundios para algún patricio adiñeirado ou con influencia sobre o emperador.
Con estes vimbios, a economía decaeu e o comercio freouse, pois os cartos estaban en mans duns poucos, mentres que a maioría tiña o xusto para pasar o día. Iso si, Cómodo e os seus asesores reviviron máis que nunca a tan manida frase «pan e circo»: mentres que se gastaban inxentes cantidades de diñeiro nos espectáculos de gladiadores, feras e demais —nos que incluso o propio emperador, en múltiples ocasións, baixaba á area proclamándose a si mesmo a reencarnación de Hércules—, o pan que se repartía entre o público constituía a mellor e máis abundante comida da maior parte dos espectadores.
O legado de Cómodo tras o seu asasinato en 192 d. C. foi que, en pouco máis de setenta anos, pasaron polo trono imperial máis de trinta emperadores —cinco só no ano seguinte á súa morte—. Algúns deles tiveron un mandato duradeiro e tentaron devolver a cordura ao imperio, como foi o caso de Septimio Severo, que, coa axuda de Galeno e baixo a súa dirección, puido conter un rebrote da varíola en Exipto.
O século iii foi, sen dúbida, un momento de fraxilidade absoluta para un imperio que estaba en mans de lexións, que proclamaban emperadores os seus xenerais, e de pretorianos, que asasinaban emperadores a cambio de diñeiro. Pola súa vez, ese efectivo procedía daquela oligarquía que non quería perder a preponderancia que Cómodo lle outorgara e que fora herdada dentro das súas propias gens —clans familiares de patricios romanos—. Malia os esforzos realizados polo gran Marco Aurelio, todo o que sobreveu despois do seu goberno foi unha hecatombe tras outra. Así, mentres os xermanos exerceron presión sobre as fronteiras, a corrupción e a inflación afundiron a economía dun imperio que xa non era máis que un espellismo do que fora co emperador filósofo. Esta situación demóstranos que a boa actuación fronte a unha pandemia non é necesariamente un factor de seguridade para o futuro.
Peste de Cipriano (249-269 d. C.)
Por se todo o anterior fose pouco, no ano 249 d. C. estalou unha nova pandemia no Imperio romano. Aínda que non existen datos suficientes para determinar que axente infeccioso a provocou, os expertos sospeitan que, polo seu modo de actuar, puido tratarse do Variola virus —un rebrote de varíola—, do virus do Ébola ou dun da gripe especialmente duro. Fose cal fose a causa, esta foi unha desas epidemias que deron un xiro á historia.
Cipriano, naquel tempo bispo de Cartago, foi quen máis escribiu sobre esta peste, non só para describila, senón, sobre todo, aproveitándose dela para facerlle ver á poboación que os cristiáns eran os únicos que afrontaban as súas consecuencias con enteireza. Mesmo chegou a estender o rumor de que non afectaba os seguidores de Cristo, o que supuxo unha moderación nas duras persecucións do emperador Decio aos cristiáns, que pasaron de ser o chibo expiatorio por excelencia a compartir esa condición con outros sectores da sociedade. Todo isto contribuíu a que o que era unha pequena comunidade relixiosa empezase a medrar en número a tal velocidade que Constantino I a acabaría proclamando relixión oficial do Imperio romano. A primeira consecuencia desta pandemia foi, polo tanto, a grande explosión do cristianismo dentro do imperio. Como anécdota, cabe comentar que, aínda que a Igrexa sempre argumentou que eran perseguidos polo mero feito de ser cristiáns, o cristianismo prohibía adorar a outro que non fose o seu propio deus, e a adoración ao emperador era obrigatoria en Roma. Non obstante, os bos gobernantes, como Marco Aurelio ou, posteriormente, Aureliano, máis centrados en solucionar problemas que en buscar culpables onde non os había, non lle daban grande importancia ao feito de seren adorados polo pobo, polo que estas persecucións foron moito menores durante os seus mandatos.
A peste cipriana fixo tremer os cimentos do Imperio romano e os seus habitantes ao longo de vinte anos. Segundo certas estimacións, morreron un total de cinco millóns de persoas, o que recruou a crise imperial con fames negras e invasións bárbaras. Durante ese intervalo de tempo sucedéronse oficialmente no mando sete emperadores, que nada puideron facer —ou nada fixeron— para conter a propagación da virulenta enfermidade. A falta dun médico como Galeno asociado a un emperador como Marco Aurelio notouse para mal, e no ano 260 d. C. —once despois do inicio desta pandemia— a terrible crise provocada por todo o anteriormente exposto desembocou na división do imperio en tres. Incapaz de protexer os seus cidadáns, Roma quedou como un imperio central flanqueado polo Imperio galo, que abarcaba gran parte da Galia, Hispania e Britania, e o Imperio de Palmira, que chegou a estenderse por parte de Anatolia, Siria, Palestina e Exipto.
En 270 d. C., un ano despois de que se dese por finalizada a peste de Cipriano, chegou ao trono imperial Lucio Domicio Aureliano, un home distinto aos seus predecesores inmediatos. Este emperador ilirio propúxose, como moitos outros, reunificar o imperio, o que conseguiu pola forza das armas e a estratexia. A primeira e máis lóxica das medidas adoptadas por Aureliano para paliar a crise total na que se sumira o Imperio romano foi alimentar a poboación máis desfavorecida coas arcas do Estado. O seu seguinte paso foi perseguir a corrupción con man de ferro, co que desbancou moitos recadadores de impostos corruptos e devolveulles terras roubadas aos pequenos agricultores. Pero quizais a súa acción máis coñecida foi a intervención na ceca, onde o seu administrador, Felicísimo, quedaba con gran parte da prata destinada a acuñar as moedas. Ademais da terrible desvalorización, isto supoñía que se usase máis o troco que o pagamento, o que restaba ás arcas estatais unha cantidade enorme de diñeiro procedente da recadación de impostos. Apoiado por parte da oligarquía máis potente de Roma, Felicísimo rebelouse contra Aureliano, pero foi axustizado polo emperador, igual que moitos dos seus apoios. Este acto e a posterior recuperación de impostos provocaron certa solvencia económica.
A maiores, vendo o inútil que era loitar na fronteira contra os bárbaros, Aureliano abandonou a Dacia —actual Romanía— e, cun acordo previo de axuda mutua, deixou que se asentasen alí os xermanos. Como consecuencia desta decisión, tamén se sanearon as contas do exército e rebaixouse o gasto militar, o que foi aproveitado para mellorar as infraestruturas existentes —acuedutos, calzadas, etc.— e para construír outras novas. En previsión da invasión de pobos xermanos, o que vía como unha grande ameaza, amurallou as cidades máis importantes do imperio. Roma, Narbona, Barcino —actual Barcelona— ou Lucus Augusti —actual Lugo— deben as súas murallas a este militar, que demostrou ser tamén un bo gobernante.
Sen lugar a dúbidas, as accións emprendidas por Lucio Domicio Aureliano recuperaron en boa medida un imperio moi tocado pola pandemia sufrida, e sentaron as bases para que, nove anos despois, o emperador Diocleciano lle dese unha nova forma e unha mellor vida a unha cultura con tendencia a autodestruírse. De feito, as reformas que levou a cabo foron tantas e tan importantes que, tras o seu asasinato en 275 d. C., o pobo clamou e o Senado accedeu a que, ata a elección por consenso dun sucesor, a súa muller, Ulpia Severina, fose rexente dunha das sociedades máis machistas que existiron, así que se podería dicir que foi a primeira César de Roma.
Conclusións
Como vimos, durante a peste antonina demostrouse que un bo goberno pode realizar unha xestión coa que a sociedade saia o mellor parada posible. Pero tamén que iso non é suficiente, pois tan importante é o que se faga durante o tempo que dure a pandemia como despois dela, e na saída daquela praga, lonxe de recuperarse, o Estado máis avanzado da súa época comezou a súa decadencia.
Na peste de Cipriano, pola contra, podemos observar como, malia a experiencia previa, as medidas adoptadas non foron as axeitadas ou, directamente, non existiron. No entanto, unha vez que a pandemia rematou, un emperador, en só cinco anos de mandato, emprendeu as accións e fixo as reformas necesarias para que o seu imperio se prolongase no tempo e, sobre todo, para que a súa poboación non continuase sufrindo as consecuencias de vinte anos de peste.
En resumo, o que debemos ter claro é que, tras calquera pandemia global, o mundo cambiará e deixará de ser tal e como o coñecemos. Coa peste antonina sentáronse as bases para a caída do Imperio romano, e coa de Cipriano o cristianismo estendeuse por Europa. Á fin e ao cabo, os virus e as bacterias levan milenios modificando as nosas estruturas sociais e, aínda que tecnoloxicamente esteamos moito máis avanzados que aquel maxestoso imperio, isto seguirá a suceder. No único no que temos poder de intervención é en que ese cambio sexa para mellor ou para peor.