Ellos son gigantes — Omnivoraz

Eles son xigantes

Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.

«En esto, descubrieron treinta o cuarenta molinos de viento que hay en aquel campo, y así como don Quijote los vio, dijo a su escudero: La ventura va guiando nuestras cosas mejor de lo que acertáramos a desear; porque ves allí, amigo Sancho Panza, donde se descubren treinta o pocos más desaforados gigantes, con quien pienso hacer batalla y quitarles a todos las vidas, con cuyos despojos comenzaremos a enriquecer, que esta es buena guerra, y es gran servicio de Dios quitar tan mala simiente de sobre la faz de la tierra». —Don Quijote de la Mancha

A enerxía eólica chegou ás nosas vidas xa hai décadas. O obxectivo do desenvolvemento desta tecnoloxía era aproveitar a forza do vento para apoiar as centrais nucleares, térmicas, hidráulicas e demais fontes de xeración de electricidade na produción desta enerxía. Moi ben acollida desde o principio, en parte, polo rechamante dos seus muíños e, en parte, pola sensación de sociedade avanzada que nos producían, foi crecendo lentamente.

Os primeiros parques eólicos que vimos nas nosas terras estaban en montañas de altitude media; polo xeral, lugares despoboados ou case despoboados, zonas con pouco valor agronómico ou forestal, e con fauna e flora escasas, aínda que non por iso menos importantes. Calquera persoa con dous dedos de fronte defendía aquelas primeiras instalacións, unha enerxía inmensamente máis limpa que a procedente de combustibles fósiles, menos traumática para o medio ambiente que a hidráulica e moito menos perigosa que a nuclear. A electricidade chegaba do vento, «sen máis implicacións» que o dano que puidese sufrir a poboación de aves da zona.

Non obstante, hoxe en día esta fonte de enerxía está a converterse na máis demandada polas empresas produtoras de electricidade; así, poden coarnos as súas porcentaxes de renovables na factura como lavado de cara mentres soben as súas tarifas en plena corentena pandémica ou en metade dunha onda de frío siberiano. Estas empresas que, para a explotación eólica, lles solicitan permisos de dubidosa condición ás autoridades —e obtéñenos— son as mesmas que activan as famosas portas xiratorias polas que eses ministros, conselleiros ou presidentes do Goberno, tan pronto como finaliza a súa carreira política, pasan a formar parte da súa xunta de administración; o do ut des —dou para que deas— que tan ben saben poñer en marcha os industriais e os políticos de primeiro nivel. E todo isto débese, única e exclusivamente, a que a fonte de enerxía —o vento— é inesgotable e de balde para esas empresas.

Da noite para a mañá, esas agrupacións de aeroxeradores e os terreos adxacentes —coñecidos como poligonais— pasaron de ser zonas de aproveitamento eólico a ser zonas de utilidade privada para a explotación do vento, un ben que non pertence a ninguén, pero que nos venden moi caro. Isto leva consigo que os propietarios do monte no que se sitúa tal ou cal parque sexan meros espectadores da súa instalación. Ata aquí todo podería ser mastigable —segundo como teñan vostedes os seus dentes—, pero que pasa cando isto afecta a unha zona aínda poboada, coas súas granxas, os seus negocios, as súas vivendas, as súas terras de produción agrícola, as súas ilusións e os seus problemas?

Esa declaración de uso esmaga todo dereito dos afectados, sen máis preámbulo que unha opaca exposición pública da que apenas o 1 % dos propietarios coñecen a súa existencia. Neste punto, unha enerxía renovable, como é a eólica, transfórmase nun espolio. No mellor dos casos, a riqueza que un parque eólico reverte sobre a zona afectada é dun 0,7 % dos seus beneficios. Este «pagamento» é, sen dúbida, o máis irritante dun proceso de devastación da natureza, de destrución de postos de traballo, de xente que migra á cidade, deixando atrás ese rural baleirado que tanto apoian os nosos políticos durante as súas campañas electorais.

Ellos son gigantes — Omnivoraz

Esas agrupacións de aeroxeradores e os terreos adxacentes pasaron de ser zonas de aproveitamento eólico a ser zonas de utilidade privada para a explotación do vento. Neste punto, unha enerxía renovable, como é a eólica, transfórmase nun espolio.

O termo «espolio» refírese ao «delito de incautación do patrimonio histórico, arqueolóxico e artístico sen o permiso das autoridades». Se esta acepción nos fala de diversos tipos de bens, tamén debemos estendela a aqueles que son privados ou comunais: montes, terreos, mananciais, fontes, etc. O que é absolutamente inadmisible é esa condición de que se produza «sen permiso das autoridades», xa que no caso eólico se produce en total conivencia coas autoridades, as cales, como vimos, tamén se lucran do mesmo espolio que propician. Por que saen adiante estes proxectos? Pola sinxela razón de que é necesario manter en movemento a roda que as empresas enerxéticas construíron.

O espolio eólico non só afecta ás edificacións ou ao medio e forma de vida preexistentes, senón que tamén inflúe directamente no verdadeiro cambio socio-enerxético que pode chegar a producirse: a concesión empresarial de explotación eólica de, por exemplo, a extensión de medio concello non lles permitirá aos seus habitantes explotar o recurso do vento nesa zona. Esta é a maneira máis brutal, a través da transición ecolóxica —o cambio que tanto nos prometen que mellorará as nosas vidas e o planeta—, de xerar unha revolución no mercado de produción enerxética para que todo siga como está, é dicir, coas fontes de enerxía en mans das empresas que se lucran co vento e venden o quilowatt a un prezo cada vez máis alto, aproveitando para o seu peto e o noso avasalamento un recurso natural que non pertence a ninguén, pero é de todos. Por suposto, ao Estado tamén lle convén esta continuidade, debido a que, a través deses quilowatts, nos gravan impostos sobre un ben tan esencial como é a enerxía.

Esta transición enerxética, tan sobada no último ano, non é máis que un cambio na fonte de enerxía. A verdadeira transición sería posible se os nosos gobernantes incluísen o compoñente social na ecuación eólica e fotovoltaica. Sería algo así como o aproveitamento do vento para xerar electricidade entre todos e para todos; que empresas públicas desenvolvesen plans equilibrados conxuntamente coa poboación de cada zona, establecendo prezos que cubrisen os custos e colocando os parques en función das necesidades enerxéticas de cada lugar. Deste xeito, as áreas periféricas non cargarían coas consecuencias de macroparques levantados por empresas privadas que só buscan instalacións baratas e vendas caras.

No eido económico, Galiza é unha zona especialmente furtada, xa que produce electricidade eólica e hidráulica en grandes cantidades e, no entanto, a poboación galega paga unha factura máis cara que outras zonas, como Madrid, que non sofren nin a cuarta parte das consecuencias da instalación destes xigantes «de los brazos largos». Pero que consecuencias son esas?, porque a enerxía eólica é limpa, renovable e case tan pura como unha clarisa… Á parte do dato xurídico de que as empresas do sector se apropian da explotación eólica da zona que queren —non en van o organismo que tramita os parques eólicos é a Dirección de Minas—, o impacto ambiental e visual que provocan nos nosos montes é tremendo.

Ellos son gigantes — Omnivoraz

«Mire vuestra merced —respondió Sancho— que aquellos que allí se parecen no son gigantes, sino molinos de viento, y lo que en ellos parecen brazos son las aspas, que, volteadas del viento, hacen andar la piedra del molino». —Don Quijote de la Mancha

Cunha aspa apuntando ao ceo, os novos aeroxeradores miden entre cento sesenta e douscentos metros de altura —desde o pé ata a punta—, e teñen un diámetro de xiro de cento cincuenta metros. Como lle respondeu don Quixote ao seu fiel escudeiro: «Ellos son gigantes». Se a isto engadimos que se sitúan en zonas con fauna e flora únicas, o desastre ecolóxico está servido. Ademais, en boa parte de Galiza destrúense os mananciais de auga; «o país dos mil ríos» terá que cantar, como Rosalía: «Adeus ríos, adeus fontes». Toda esta devastación trae consigo o despoboamento, o triste abandono de tantos lugares que, mesmo contando cun bo número de habitantes, estarán condenados a formar parte do rural baleirado —que non baleiro, ata ese momento—.

As condicións de vida endureceranse, sobre todo en canto á saúde, que se resentirá gravemente, non só polos aeroxeradores, senón tamén polas liñas de evacuación de alta tensión eléctrica que levan asociadas. Aldeas rodeadas de muíños, que poden colocarse ata a cincocentos metros de distancia das vivendas e que exceden, por moito, os decibelios de calquera rúa de lecer nocturno ou dos botellóns multitudinarios. As horas de sombra que proxectarán a súas aspas sobre esas terras e eses fogares, que estiveron aí desde moito antes da chegada destes colosos, pero que se verán desafiuzados polo ruído, as obras e as luces intermitentes na escuridade da noite —unha tortura física que poden confirmar os médicos… e algún espía que usaba o ruído ou o escintileo da luz para sacarlles información ao seus prisioneiros—.

E todo iso cercado por unha rede de tendidos eléctricos de alta tensión; eses coitelos sen fin que, se xa cortan a nosa terra, agora, ademais, prevese que discorran por zonas habitadas. O aumento exponencial dos casos de cancro nos lugares onde este atentado contra a sociedade se cometeu desde hai anos é evidente; de feito, dentro dunha área determinada, só hai que comparar o número de afectados pola enfermidade entre os habitantes próximos a esas liñas eléctricas e os que viven máis afastados delas.

Ellos son gigantes — Omnivoraz

Non obstante, moitos dos estudos orientados a demostrar a relación entre os campos electromagnéticos e diversas enfermidades físicas e mentais non son concluíntes «por falta de datos» —non se probou a causalidade—, pero non se descartan os seus efectos nocivos sobre a saúde —alteracións biolóxicas nas persoas expostas— e demándanse máis investigacións. Malia todo, os novos parques eólicos proxectados actualmente en Galiza terán liñas de evacuación de alta tensión a escasos metros das casas e as granxas, e atravesarán zonas turísticas ou de gran valor ecolóxico. Véndennos que esta é a vertebración dun rural baleiro cando, en realidade, este é o empurrón definitivo para un rural baleirado.

Esas mesmas liñas de alta tensión requiren dun espazo de quince metros a cada lado no que o monte debe permanecer «limpo», é dicir, non pode haber plantas nin unha soa árbore. A propia enerxía que desprenden tamén empurra a fauna salvaxe a concentrarse en zonas menos «infestadas de eólicos», o que supoñerá maior presión desta fauna nas zonas polas que non pasa a alta tensión. Unha tormenta perfecta para, insisto, baleirar aínda máis o xa bastante esquecido campo.

Outro gran prexudicado é o sector primario, sobre todo na actividade agrogandeira e forestal. A lei dinos que a primeira é compatible co eólico, quizais porque non llo preguntaron ás vacas. A segunda, polas distancias que debe gardar cos muíños e os tendidos eléctricos de media ou alta tensión, que, ao parecer, van campar ás súas anchas polos montes, xa que esta avalancha de proxectos eólicos sobre Galiza só é a primeira fase do que está por vir. Ningunha empresa con intereses económicos deste calibre pide a explotación eólica sobre dúas mil hectáreas —equivalentes a dous mil campos de fútbol— para colocar tan só catorce muíños… As posteriores ampliacións destes parques serán a estocada final.

Certo é que a enerxía é un ben moi necesario nos tempos que corren, e que España é deficitaria, pero, lonxe de estar en contra da eólica, a miña postura é sinxela e lóxica: se aqueles dos que depende un desenvolvemento rural sustentable non son capaces de levar a cabo proxectos que o fagan posible, entón, igual que a enerxía producida se reparte, que as consecuencias da súa produción sexan, pola súa vez, repartidas, e non concentradas en vinte comarcas de montaña que serán devastadas por esta explotación sen mesura.

Ellos son gigantes — Omnivoraz

Véndennos que esta é a vertebración dun rural baleiro cando, en realidade, este é o empurrón definitivo para un rural baleirado.

Se cres que o que afecta ao rural non vai contigo, pensa qué vas comer ou a que prezo vas pagar os teus alimentos cando non quede actividade agropecuaria suficiente para abastecer a poboación. O rústico non se detivo durante a pandemia, volvemos comprar pan —de trigo, millo ou centeo da terra— e multiplicáronse as vendas de leite. E, malia que ese incremento non se viu reflectido nos nosos ingresos, aínda somos moitos os gandeiros, agricultores, apicultores… que non desistimos do noso traballo, porque somos conscientes de que producimos alimentos e queremos que sexan bos e suficientes para todos.

Pensa tamén en como queres que sexa o mundo no que vives e o que queres deixarlles aos que veñen detrás. Queres unha Terra na que desfrutar da beneficiosa existencia de frondosos bosques, de caudalosos ríos, de variada fauna, de produtivos campos de cultivo… ou unha natureza morta? É o momento —antes de que sexa tarde— de recoñecer o labor daqueles que co seu traballo e co seu xeito de vida conservan esta contorna, e de transmitir a importancia de respectar o que nos rodea.

E, por último, se o que se pretende conseguir desde as altas esferas políticas é acabar coa dispersión da poboación e, así, aforrar en servizos —escolas, médicos ou telecomunicacións—, de que imos vivir cando esteamos todos apiñados nas cidades? Se o paro é un problema que leva anos encabezando as enquisas sobre as preocupacións da poboación, que sucederá cando se multipliquen os habitantes urbanos porque os rurais foron expulsados do seu territorio?

Se defendes un planeta sustentable e te defines como unha persoa solidaria, apoia o ámbito rural nesta loita contra o espolio eólico. Enerxías renovables si, pero non así.

Ellos son gigantes — Omnivoraz