Entrevistas / 05.Nov.2020
Unha entrevista a Joan Alibés Biosca, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Joan Alibés Biosca accedeu á presidencia da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes —SGPF— pouco antes de decretarse o estado de alarma a causa da COVID-19. As actividades habituais tiveron que deterse, pero o traballo diario dos asociados mesmo se viu incrementado, como sucedeu con toda a agricultura e a gandaría. Entrevistamos a Joan para saber en que estado se atopan e cales son as claves de futuro da materia sobre a que traballa a SGPF: os solos e os seus usos.

Artigos / 16.Xuñ.2020
Unha vivencia de Alarico de Roque, gandeiro.

Son as 7.00 horas. Soa o espertador e, aínda que me sinto como se tivese durmido tan só un par de horas, o certo é que foron seis as que o meu corpo descansou. Pero non son suficientes na época do ano na que colleitamos case todo e sementamos a metade: a primavera.

Artigos / 28.Abr.2020
Unha reflexión sobre a necesidade de protexer sanitariamente a agricultores e gandeiros.

Desde que comezou o confinamento, é habitual ver en xornais, televisións e outros medios de comunicación reportaxes bucólico-pastorís que enxalzan o esforzo de agricultores e gandeiros por manter a súa actividade, e mesmo incrementala, a pesar do coronavirus. A prensa achégase ao campo como quen visita o parente pobre e resignado. Unhas palmadiñas no lombo, un aplauso ao esforzo e unha mensaxe de ánimo máis falsa que unha moeda de tres euros. De analizar os riscos sanitarios nas explotacións ou o impacto económico do estado de alarma na actividade agraria, nada de nada: «Ala, heroes, vós a producir. E non se vos ocorra subir os prezos, que xa vos damos un minuto de gloria diario na tele».

Artigos / 18.Feb.2020
Unha opinión de Luis Parrulo, antropólogo.

Trinta anos de caída ou estancamento dos prezos no sector agrogandeiro desembocaron en protestas masivas por toda España. Tiveron que xuntarse as enormes perdas económicas en toda a actividade do campo para que se faga visible un problema que os afogaba día a día, mes a mes e ano a ano. Luis Parrulo, antropólogo da Universidade de Uppsala, ironiza sobre os artífices ocultos desta situación: xente que vive do campo, pero sen dobrar o lombo. Demasiado listos como para traballar e demasiado pobres como para ver en que acabarán as súas accións.

Reportaxes / 11.Feb.2020
Unha reportaxe con Alberto e Rubén Hermida, de Gandería Laura Taboada, S.C. (Pontevedra).

Entre a Serra do Faro e a vila de Rodeiro atópase o Val de Camba, unha zona de moita produción agrogandeira que en tempos foi lugar de pazos e casas grandes e que, por algunha razón que ignoramos, pasa desapercibida malia a súa extensión. Aquí nunca sucede nada e, aínda que paso obrigado para conectar boa parte do sur de Galiza coa capital, nin sequera van turistas. Talvez a serra a fai invisible ou talvez o traballo o absorbe todo. Sexa como for, Alberto e Rubén Hermida Taboada colocaron a zona no mapa da loita contra o baleirado rural poñendo en marcha algo moi distinto do que se viña facendo, alí e en calquera parte: a produción de ovos ecolóxicos cun sistema inédito.

Entrevistas / 29.Xan.2020
Unha entrevista a José Agüera Menéndez e José Manuel Fernández Rodríguez, socios do Centro Veterinario Tineo (Tinéu, Asturias).

José Agüera e José Manuel Fernández exercen a profesión veterinaria desde hai máis de trinta e cinco anos. Un traballo que inicialmente realizaron en solitario —durante cinco anos o primeiro e dez o segundo—, ata que se coñeceron e creron que o asociacionismo era a oportunidade de mellorar as súas condicións laborais e, en consecuencia, a súa calidade de vida. Unha acertada decisión que dura xa vinte e sete anos, e á que máis tarde se sumou o seu actual socio —Alberto—, con quen constituíron a sociedade limitada Centro Veterinario Tineo — Tinéu, Asturias—.

Reportaxes / 14.Xan.2020
Unha reportaxe con Xosé García Freire, da gandaría Casa da Fonte (Lugo).

O futuro das explotacións está no pasado? É unha pregunta que se deberon facer en Casa da Fonte —Mañente, Pantón, Lugo— cando decidiron diversificar a produción e comercializar directamente os seus produtos. O que sempre se fixo nas granxas familiares, pero a maior escala, cun alto nivel de profesionalización e convertendo en innovación o que fora tradicional.

Artigos / 04.Dec.2019
Unha crónica veterinaria de Eneko Jetxanoff.

Procedente da costa, cargada de salitre e iodo, ascendía a brisa polo val bañado pola primeira luz do día. Os raios de sol facían que o orballo, adormentado aínda nas follas dos verdes prados, se evaporase e abrazase o vento costeiro, asolagándoo todo cunha sublime fragrancia estival.

Reportaxes / 02.Dec.2019
Unha reportaxe con Carlos García García, da sociedade cooperativa Chaca Otur (Asturias).

En 2002, catro gandeiros do occidente asturiano uníronse para constituíren a Sociedade Cooperativa Chaca Otur — Otur, Valdés, Asturias—. O proxecto nacía da necesidade de dar continuidade á súa profesión e, sobre todo, de exercela cun nivel digno de calidade de vida. Desde entón, aínda que un deles optou por tomar o seu propio camiño, souberon xestionar os seus recursos —chegando a duplicar o número de vacas—, e alcanzaron os seus obxectivos iniciais, o que os converteu nun referente da produción láctea en Asturias, unha posición que non afecta á humildade coa que Carlos García —socio fundador— nos recibe na súa granxa, pero permite comprender a claridade meridiana coa que expón a súa opinión sobre os retos aos que se enfronta o sector.

Reportaxes / 01.Out.2019
Unha reportaxe con Nuria Sánchez Vázquez, de Turismo de Galicia.

É frecuente que algunhas explotacións busquen complementar os ingresos que perciben pola venda do leite con outras actividades económicas. Un exemplo é a venda dos animais machos que nacen nas granxas, aínda que nese caso é máis a necesidade de desfacerse deles que a busca de beneficio económico. Outra opción é o cebado de porcos, ovellas ou xatos de razas cárnicas, para a súa venda a veciños da zona ou a carnizarías. Tamén é habitual que algún membro da familia compaxine o seu traballo na granxa cun posto noutra empresa ou como traballador autónomo esporádico. Pódese vender parte da colleita cando temos excedentes —algo pouco habitual— ou arrendar parcelas que non utilizamos. A venda directa de leite cru é unha opción que se recuperou, logo de pasar décadas desaparecida. Mesmo as hortas que temos ao lado de casas e cortes poden ser unha fonte de ingresos, aínda que a pequena escala e de xeito eventual.