Reportaxes / 02.Dec.2019
Unha reportaxe con Carlos García García, da sociedade cooperativa Chaca Otur (Asturias).

En 2002, catro gandeiros do occidente asturiano uníronse para constituíren a Sociedade Cooperativa Chaca Otur — Otur, Valdés, Asturias—. O proxecto nacía da necesidade de dar continuidade á súa profesión e, sobre todo, de exercela cun nivel digno de calidade de vida. Desde entón, aínda que un deles optou por tomar o seu propio camiño, souberon xestionar os seus recursos —chegando a duplicar o número de vacas—, e alcanzaron os seus obxectivos iniciais, o que os converteu nun referente da produción láctea en Asturias, unha posición que non afecta á humildade coa que Carlos García —socio fundador— nos recibe na súa granxa, pero permite comprender a claridade meridiana coa que expón a súa opinión sobre os retos aos que se enfronta o sector.