Unha entrevista a Alberto Lareo Peiteado, xefe de cociña de Retiro da Costiña (Santa Comba, A Coruña).
As novas tendencias de consumo están levando a recuperar termos que non debían ter saído nunca do vocabulario descritivo da nosa alimentación. Así, buscamos produtos «saudables», «frescos» e «de tempada». Tamén colle forza unha —non tan nova— terminoloxía que fai referencia non tanto ás propias características dos produtos como aos modos de producilos. Entre eles atópanse os «ecolóxicos» e «de proximidade», tamén chamados «quilómetro cero». Estes últimos son os que, ademais de seren frescos, de tempada e ecolóxicos, son cultivados ou procesados nun raio máximo de cen quilómetros desde o punto onde se adquiren ou consomen.