Amador Arias: «O que arde é unha película feita con moito amor, pero tamén con moita dor»
Reportaxes / 25.Out.2019Unha reportaxe con Amador Arias, protagonista da película O que arde.
Con ocasión da preestrea de O que arde en Navia de Suarna —Lugo—, tivemos a oportunidade de coñecer un pouco máis o seu protagonista masculino, Amador Arias, e a súa experiencia cinematográfica da man de Oliver Laxe. Se cres na casualidade, poderás pensar que esta é a palabra que define o noso encontro co actor no que, mentres colle un cigarro, comparte con nós a anécdota de como o seu chisqueiro «de gasofa da de agora» se acendeu só ao caer de pé no chan cando o sacou do peto. Pero en Omnivoraz non cremos na casualidade, e comprendemos que todo comezou como debía ser: con lume. Sentados nunhas escaleiras a carón da praza da vila, na que xa se arremuiñaban o público e a prensa asistente ao evento, mantivemos con el unha distendida conversa que resultou ser todo un making of do filme.