Artigos / 02.Nov.2020
Un texto de Alarico de Roque, gandeiro.

—Á miña nai.

Entro na leira que nos alimenta. Sinto que me movo a cámara lenta, como querendo parar o tempo sen poder facelo. Axeónllome no chan e aperto coa miña man un puñado de terra negra. Achégoa ao nariz mentres vou pechando os ollos, e deixo que o seu recendo estimule o meu olfacto. Co corazón aínda arrítmico, afrouxo o puño e a terra esvara entre os meus dedos, caendo de volta ao chan en compaña dunha morriñosa bágoa.

Artigos / 15.Out.2020
Un texto de Alarico de Roque, gandeiro.

Mans encalecidas e brazos fortes, refuxio protector que ofrece apertas reconfortantes, beleza que traspasa manicuras de escasa duración. Vestidos que deixan entrever corpos moldeados polo duro traballo, cubertos por capas de roupa coas que resistir as temperaturas invernais á intemperie. Peiteados que se conservan ao bordo da precariedade baixo gorros que esconden ilusións. Miradas cálidas a pesar do cansazo. Costas resentidas sobre as que se sostén a familia. Mulleres rurais.

Artigos / 13.Out.2020
Día Internacional das Mulleres Rurais.

O Día Internacional das Mulleres Rurais, que se celebra o 15 de outubro, foi establecido polas Nacións Unidas co obxectivo de recoñecer o inestimable labor social e de seguridade alimentaria que realiza case a metade da poboación rural do mundo. Unha xornada de conmemoración, pouca cousa, sen dúbida, para unha parte tan importante da sociedade asentada no rústico: avoas, nais, fillas, esposas ou compañeiras e, sobre todo, incansables traballadoras anónimas, sen voz en demasiadas ocasións.

Artigos / 28.Xul.2020
Unha vivencia de Alarico de Roque, gandeiro.

No campo é case imposible atopar un ano igual ao anterior ou semellante ao seguinte. Cada un tráenos unhas condicións atmosféricas diferentes, que afectan os cultivos de xeito distinto e nos obrigan aos agricultores e gandeiros a actuar sempre sobre a marcha, analizando cada cultivo por separado semanalmente. Aínda así, igual que os traballos diarios dentro da granxa permanecen invariables, tales como a alimentación do gando, diversos coidados, os partos, a muxidura, etc, existen acontecementos externos a ela que se repiten anualmente, como a visita de determinados animais.

Entrevistas / 21.Xul.2020
Unha entrevista a Teresa Pérez Millán, xerente da Interprofesional do Aceite de Oliva Español (IAOE).

Teresa Pérez Millán —Madrid, 1975—, enxeñeira agrónoma especializada en xestión de industrias alimentarias, é xerente da Interprofesional do Aceite de Oliva Español —IAOE— desde o ano 2008. Falamos con ela para que nos explique como funciona o mercado do aceite, cal é a situación actual dos seus produtores, por onde irá o futuro do sector e como pode evolucionar o incipiente oliveiral galego.

Artigos / 06.Xul.2020
Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.

Hai catro anos que Alberto Núñez Feijoo gañou por maioría as eleccións ao Goberno autonómico galego. Malia que este sería o seu terceiro mandato consecutivo á fronte da Xunta de Galicia, institución que define un concello rural como «aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia, segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística» —IGE, 2016—, e que exclúe desta consideración tan só 13 dos 313 municipios que compoñen a comunidade, non foi ata aquel momento cando o reelixido presidente anunciou aos catro ventos que o período que agora remata sería a «lexislatura do rural».

Artigos / 23.Xuñ.2020
Unha vivencia de Alarico de Roque, gandeiro.

Fortes son as raíces que nos atan a esta noite, polo menos no rural. Esta noite que se converteu en botellóns de xente apiñada que non pensa nin por un momento a que se debe esa cacharela xusto nese intre. Na aldea todo é moito máis doado e, despois de días de traballo extenuante de colleita e sementeira, de suor e dor nas costas, esta noite xúntanos a todos e a todas arredor dun lume purificador, ante o que somos iguais pero singulares.

Artigos / 16.Xuñ.2020
Unha vivencia de Alarico de Roque, gandeiro.

Son as 7.00 horas. Soa o espertador e, aínda que me sinto como se tivese durmido tan só un par de horas, o certo é que foron seis as que o meu corpo descansou. Pero non son suficientes na época do ano na que colleitamos case todo e sementamos a metade: a primavera.

Artigos / 19.Mai.2020
Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.

En Empatizar desde o confinamento contábavos o pouco que esta corentena que estamos vivindo cambia a vida nunha granxa. O certo é que todo segue máis ou menos igual, salvo polo feito de que os profesionais e provedores que nos visitan diariamente, e que ao principio do estado de alarma usaban as máis básicas barreiras para evitar contaxios, agora extreman as medidas de prevención e cúmprenas estritamente. Isto non é unha chamada de atención, pois moitos deles nin sequera contaban con todos os equipos de protección individual —EPI— que eran necesarios, senón, simplemente, unha confirmación de que a xente se vai concienciando cada vez máis do risco que supón a COVID-19 para un mesmo e para a sociedade. Parece que as cifras desta pandemia provocan en nós o afloramento dese sentimento que tanto me gusta mencionar: a empatía.

Artigos / 28.Abr.2020
Unha reflexión sobre a necesidade de protexer sanitariamente a agricultores e gandeiros.

Desde que comezou o confinamento, é habitual ver en xornais, televisións e outros medios de comunicación reportaxes bucólico-pastorís que enxalzan o esforzo de agricultores e gandeiros por manter a súa actividade, e mesmo incrementala, a pesar do coronavirus. A prensa achégase ao campo como quen visita o parente pobre e resignado. Unhas palmadiñas no lombo, un aplauso ao esforzo e unha mensaxe de ánimo máis falsa que unha moeda de tres euros. De analizar os riscos sanitarios nas explotacións ou o impacto económico do estado de alarma na actividade agraria, nada de nada: «Ala, heroes, vós a producir. E non se vos ocorra subir os prezos, que xa vos damos un minuto de gloria diario na tele».