Susana Álvarez y Paco Novo: construyendo un puente entre lo rural y lo urbano — Omnivoraz

Susana Álvarez e Paco Novo: construíndo unha ponte entre o rural e o urbano

Unha reportaxe con Susana Álvarez e Paco Novo, olivicultores galegos.

Que ninguén viva nun lugar non significa que sexa un territorio baleiro. Ser agricultor non implica vivir pegado á terra. Residir na cidade non impide ser un profesional do campo. E un emprego urbano a tempo completo nunha empresa de servizos non é incompatible con xestionar unha explotación agrícola. Estas afirmacións poden soar arriscadas, pero o matrimonio composto por Paco e Susana verifícaas unha a unha. Estas e algunha máis inverosímil.

Se desde Omnivoraz traballamos para tender pontes entre a cidade e o campo a través da comunicación, esta parella téndeos de xeito real mediante a súa experiencia vital e laboral. Levan unha «dobre vida», urbanita e rural, que demostra que ambos espazos non están tan lonxe e que poden ser complementarios. De forma clara e eficaz, eles romperon o mantra de que «os fillos marchan á cidade e as terras quedan abandonadas».

Como tantas outras parellas, Francisco Novo Diéguez —Chantada, Lugo, 1977— e Susana Álvarez Becerra —Ribeira, A Coruña, 1980— cursaron os seus estudos en Santiago de Compostela, atoparon empregos no sector financeiro, para o que se formaran, casaron, mercaron unha vivenda na cidade e tiveron dous fillos. A contorna rural na que se criaran quedou para facer visitas as fins de semana. O normal… ata que Paco sentiu a chamada da terra que pagara os seus estudos.

Susana, Paco e os seus dous fillos viven en Bertamiráns, a carón de Santiago. Ela traballa en Arzúa, a trinta e cinco minutos da capital galega, e el na propia cidade compostelá. Chantada está a pouco máis dunha hora de traxecto. Este balbordo de horarios e lugares faría que calquera outra familia pensase en desfacerse canto antes dos terreos, pero eles, en lugar de vendelos ou arrendalos, ou mesmo deixalos a monte, buscaron a fórmula para facelos útiles. Oxalá prenda o exemplo.

Susana Álvarez y Paco Novo: construyendo un puente entre lo rural y lo urbano — Omnivoraz

«Como levaba tempo pensando en facer algo verdadeiramente útil coas terras dos meus pais, púxenme a iso en serio. Tomei a decisión de facer o que quería facer».

A decisión e os inicios

Paco cóntanos como chegou a considerar o que implicaría un gran cambio na súa vida: «Estiven case dez anos traballando nunha entidade bancaria. Nese tempo, os meus pais xubiláronse e os terreos quedaron parcialmente abandonados. Alugamos a súa nave de cría de porcos e cedemos algunhas parcelas para que un gandeiro as aproveitase. Nunca me gustou ver os terreos así, pero era o que había. As famosas preferentes, a presión comercial e unha contorna laboral que non me gustaba axudáronme a decidir deixar o banco. Non podía máis. E, como levaba tempo pensando en facer algo verdadeiramente útil coas terras dos meus pais, púxenme a iso en serio. Tomei a decisión de facer o que quería facer».

Primeiro estudou opcións minoritarias e, en teoría, altamente rendibles, como o lúpulo ou os arandos. Polos altos investimentos necesarios, pola cantidade de man de obra que requirían eses cultivos e pola volatilidade dos prezos, quedaron desbotados. Tamén quedaba desbotado calquera proxecto gandeiro —malia dispoñer de varias naves xa habilitadas—, porque implican unha presenza diaria nas instalación, razón pola cal nin consideraron retomar a cría de porcos e a granxa dos seus pais segue arrendada: «Foi a miña cuñada a primeira que falou das oliveiras como unha posibilidade, despois de ler un artigo sobre o seu cultivo en Galiza. Gustoume a idea e empecei a informarme. Percibín que había, e hai, un crecente interese por recuperar variedades, por estender o cultivo e mesmo por elaborar aceites. Digamos que é un sector emerxente. Esa situación de efervescencia, e as posibilidades de compaxinar o oliveiral con outro emprego, foron o que me acabou de convencer». Paco tamén pensou que, se a produción de oliva non saía como esperaba, sempre podería vender as oliveiras como elementos ornamentais de xardinaría.

Así, deu comezo a súa nova actividade: «O 5 de marzo de 2017 plantamos as oliveiras, coa confianza de que a primavera as faría medrar rapidamente. Ben, pois en abril veu a peor xeada que se lembra e freou todo, seguida dunha primavera extremadamente seca. Se a media de mortaldade de oliveiras acabadas de plantar é dun 5%, nós tivemos zonas dun 15%. Unha tolemia, pero aquí seguimos».

«De Madrid para abaixo hai másteres de olivicultura e podes aprender de todo, pero aquí non hai case nada».

Financiamento e formación

A forma xurídica da explotación cambiou durante os catro anos que levan de proxecto. Pensaron en crear unha cooperativa ou unha sociedade civil, pero as circunstancias levaron a que finalmente optasen por que Paco se fixese autónomo agrario. Agora deixou esa condición porque volve traballar por conta allea no sector informático, aínda que pode recuperala no futuro, xa que no oliveiral existe a posibilidade de darse de alta por conta propia só no período de colleita. Por outra banda, non desbotan retomar a fórmula cooperativa máis adiante, se deciden dar o paso de elaborar e comercializar aceite: «A día de hoxe a oliva galega está moi ben pagada, pero irá baixando de prezo co tempo, porque aumentan as plantacións. Por iso é importante crear valor engadido, e elaborar aceite é o mellor xeito. Existen varias posibilidades: xuntarnos entre varios produtores e vender a granel ou crear unha marca propia, comercializar o aceite de forma conxunta co viño desta zona, etc. Cando teñamos chegado a un nivel óptimo de oliva colleitada, valoraremos que facer, porque non hai que esquecer que para elaborar aceite cómpre unha prensa e require un forte investimento. Xa iremos vendo». O que non contemplan é producir oliva de mesa, xa que as variedades que se dan en Galiza non son aptas para eses usos, non porque non sirvan para comer, senón porque o seu aspecto non é o idóneo e por iso a pagan moi pouco.

O financiamento para poñer en marcha o proxecto tamén foi dos habituais: «O investimento redúcese moito ao ter xa os terreos en propiedade, aínda que non tanto como poida parecer. Ao final investimos aquí a indemnización que me deron ao deixar o banco e parte do que cobrei de paro. Os meus pais tamén puxeron algo de diñeiro e, por suposto, estamos a devolvérllelo puntualmente. Así, non foi preciso acudir a unha entidade de crédito para comezar a explotación. No caso de Susana e Paco, con dous fillos de seis e catro anos, e unha hipoteca por compra de vivenda, á palabra «emprendedores» habería que engadirlle a de «valentes».

En Galiza adoita suceder que non existen posibilidades de formación para agricultores e gandeiros que deciden facer algo alternativo ou, polo menos, pouco habitual. Tamén foi este o caso: «De Madrid para abaixo hai másteres de olivicultura e podes aprender de todo, pero aquí non hai case nada. Cando empecei tiña menos de corenta anos e podía recibir unha subvención por inicio de actividade. Esixíanme o curso de incorporación de duascentas horas e pico e tiven que facer o do sector froiteiro, que, aínda que nada ten que ver con isto, era o máis parecido». A única actividade formativa e de asesoramento lévaa a cabo a Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia —APAAG—, que engloba 160 pequenos olivicultores, sobre todo das provincias de Ourense e Pontevedra, que cultivan unhas 130 hectáreas e 140 000 oliveiras: «En Internet hai moita información sobre o cultivo da oliveira, pero está moi enfocada ao sur de España. A composición da terra, o clima e as pragas que hai nesas zonas son moi diferentes, así que tampouco nos resulta demasiado útil». Para o que si que consultaron con colegas andaluces foi para decidir o tipo de seguro agrario, e para coñecer máis a fondo a xestión das axudas da Política Agraria Común —PAC— nestes cultivos.

Susana Álvarez y Paco Novo: construyendo un puente entre lo rural y lo urbano — Omnivoraz

A plantación requiriu dunha análise detallada antes de empezar. Malia que a composición da terra, o seu grao de inclinación e a presenza de auga eran idóneos, o clima sempre foi un condicionamento.

A plantación: terreo, manexo do solo e axudas

A plantación de Susana e Paco requiriu dunha análise detallada antes de empezar. Ela explícanos que, malia que a composición da terra, o seu grao de inclinación e a presenza de auga eran idóneos, o clima sempre foi un condicionamento: «Plantar en Chantada, e máis nesta ladeira da Serra do Faro, era un risco polas xeadas, polo frío e tamén polo vento, que pode danar as oliveiras na fase inicial ao dobralas, arrincalas ou deixalas sen folla». Para ter todas as garantías de que o terreo era apto, encargaron unha dobre análise de terras e follas a unha empresa especializada e a un organismo público.

O seu oliveiral, situado na parroquia de San Xillao do Mato —Chantada—, ocupa 7 hectáreas, das que 0,5 corresponden aos camiños e espazos que hai que deixar entre as oliveiras para poder traballar nelas con maquinaria. A plantación é moi diferente das que vemos en Andalucía, pois cada planta está a 1,40 metros da seguinte dentro de cada rea, pero estas están convenientemente separadas entre si, precisamente para poder usar máquinas de forma efectiva. Trátase de que a oliveira dea a maior produción posible no menor espazo: «Agora imos mercar un atomizador, que nos permitirá aplicar fitosanitarios de forma mecánica desde o tractor. Imaxina o tempo que nos leva facelo manualmente coas 11 200 oliveiras que temos…». Para a recollida da oliva tamén se empregaría unha máquina cabalgante conectada ao tractor, polo que non veremos aquí a tradicional escena dos mozos vareando a oliveira. Ademais, a explotación ten reservadas outras tres hectáreas, situadas a catro quilómetros do oliveiral, por se cómpre ampliar a produción. Aínda que están a máis altitude, reúnen os requisitos de auga, calidade de terra e resgardo do clima para plantar oliveiras. Está previsto que cada planta chegue a producir un máximo de cinco quilos de oliva, é dicir, cincuenta e seis toneladas en total, cun rendemento de dez mil quilos por hectárea.

O manexo do solo é outro trazo diferencial. Se en Andalucía vemos terra entre as oliveiras, aquí o que hai é herba: «A cuberta vexetal é recomendable porque retén a humidade en terreos en pendente como este. A herba tamén evita a erosión que causaría a choiva se este solo estivese só con terra, sen esquecer que, ademais, a herba é onde aniñan os insectos que comen esoutros que afectan a oliveira. Dá traballo, pois hai que cortala catro ou cinco veces ao ano cunha máquina interfilas de disco lateral». A pesar de que a cuberta vexetal idónea é a que forman os chícharos ou o centeo —porque fixan máis nitróxeno no solo—, o traballo que darían eses cultivos fai máis recomendable a herba, aínda que na leira puidemos comprobar que as oliveiras que teñen algo de horta debaixo están máis crecidas que as outras.

A explotación cobra unha pequena axuda da PAC que xa se viña recibindo cando estaba en pradaría. Pola nova actividade debería ser máis elevada, pero, para que poidan percibir o que realmente lles correspondería, terán que agardar pola adquisición de novos dereitos, polo establecemento dunha forma xurídica máis estable e a como queda esta axuda europea que se está negociando en Bruxelas. Igualmente, non foi preciso modificar as condicións legais preexistentes por tratarse dun cultivo en sebe —non van ser árbores de gran tamaño—. O método de cultivo formando unha sebe só é posible porque o corpo da oliveira é como un espello, é dicir, o ancho das pólas será o mesmo que terán as raíces. Deste xeito, as plantas non compiten entre si e, no caso de que algunha árbore quede máis pequena por competencia de outras, pódese corrixir facilmente cunha boa fertilización. Pero, ollo, só se poden utilizar fertilizantes en seco, xa que os húmidos ou líquidos se filtran con facilidade.

O proxecto leva un ano de atraso respecto ao plan inicial debido a que o pai de Paco enfermou e os seus coidados requiriron varios meses, o que deixou o oliveiral parcialmente parado. Como consecuencia, houbo unha demora en labores de poda e fertilización, aínda que non afecta ao futuro da plantación.

As oliveiras empezan a producir a nivel óptimo a partir de cinco anos, pero todo o que se faga antes decidirá a súa futura capacidade.

Plan de traballo, variedades e ameazas potenciais

Os primeiros anos son os de máis traballo. Neses momentos é cando máis se aplican fitosanitarios para combater pragas, como a bolboreta Glyphodes, que come os brotes e follas, ou algunhas razas de araña: «En canto ao traballo do día a día, é verdade que desde mediados de novembro, en que acaba a recollida, ata o mes de abril, non temos que facer practicamente nada porque as plantas entran en parada vexetativa. Iso si, a mediados de decembro aplícase un tratamento de cobre para que resista as xeadas, e outro en xuño de xeito preventivo, para que no lles afecte o repilo, un fungo que dana as follas». Lembremos que, ata que chegue o atomizador, este tratamento se aplica de forma manual e planta por planta, é dicir, supón percorrer sete hectáreas cunha mochila de 20 litros ao lombo.

As oliveiras empezan a producir a nivel óptimo a partir de cinco anos, pero todo o que se faga antes decidirá a súa futura capacidade: «A nosa intención é pasarnos á produción ecolóxica a partir do sexto ano. Agora non podemos facelo porque as técnicas autorizadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia —CRAEGA— non garanten a supervivencia das oliveiras».

En canto á poda: «Ata que a planta teña dez anos cómpre realizar unha poda de formación cada dous anos, é dicir, cortar as ramas para que a oliveira teña a forma máis axeitada para producir ao máximo. Pasada unha década, fanse podas de mantemento cada cinco anos para que non medre demasiado». A poda de formación pódese facer cunha máquina, xa que, en esencia, consiste en impedir que a planta medre cara aos lados. Como por agora Susana e Paco non dispoñen dela, teñen que facelo á man.

A rega é igualmente importante, aínda que non o pareza, e mecanizala é algo que tamén está previsto neste oliveiral a medio prazo: «A oliveira non necesita moita auga, pero tampouco pode estar máis dun mes sen ela. A terra en Galiza é moi pedregosa e a auga fíltrase, de xeito que, se non hai suficiente auga, á oliveira non lle pasará nada, pero as olivas perderán calidade e tamaño».

As variedades coas que traballan son a arbequina, maioritariamente —malia non ser autóctona de Galicia—, e a cobrançosa —oriúnda de Portugal—, da que contan cunhas cincuenta plantas. Decidíronse por estas debido á súa resistencia ao frío e á seca, e porque son as máis aptas nesta Comunidade Autónoma para traballar no sistema de sebe: «Non é posible adquirir 11 200 plantas das variedades mansa e brava galegas e, aínda que o fose, non serían aptas para o noso proxecto de modelo mecanizado». Varias visitas ás plantacións experimentais da Universidade de Vigo servíronlles para ratificarse na súa elección: «A arbequina pode aguantar ata 10 ºC baixo cero, e aquí en moi rara ocasión se baixa de 0 ºC. A picual tamén é resistente ao frío, pero a arbequina ofrecíanos máis garantía polo tipo de terreo».

Nos meses de floración da oliveira —abril, maio e xuño—, a flor convértese nun reclamo para os corzos. Por este motivo, colocar cercas de protección supuxo outro investimento imprevisto, pero imprescindible. Máis difícil é evitar a entrada do teixugo, que se coa por debaixo pero, polo menos, non dana as oliveiras. O grande inimigo da oliveira é a bacteria Xylella fastidiosa, que, se ataca, obriga a arrincar a árbore polo pé. Por agora están a salvo porque o clima non favorece a súa aparición, e porque as plantacións galegas están tan separadas entre si que a propagación se volve imposible.

«O aceite xa no só se ve como algo para fritir patacas. Estase creando unha cultura de calidade e de esixencia de consumo, que abre a porta a unha maior profesionalización e a facerse con mercados de alto valor».

Unión sectorial e busca de valor

A falta de unión é un tema que sae á luz de xeito recorrente cando falamos con agricultores e gandeiros. Ao parecer, o sector olivícola tampouco é a excepción: «Os produtores de Quiroga, que son os máis coñecidos, van un pouco por libre. Tanto a nivel de lexislación como de traballo e comercialización, teñen o seu grupo pechado e os seus propios criterios. Nada que obxectar. En canto aos demais, si que se perciben pasos. Estase empezando a traballar na creación dunha Indicación Xeográfica Protexida —IXP— para a oliva galega, e cremos que é algo imprescindible, porque hai quen trae oliva doutras zonas de España a moi baixo prezo e elabora aquí un aceite que, despois, vende como galego, sen nada que o certifique. Non hai cultura do aceite, non existen catas, por exemplo. Así é doado que che presenten unha botella moi bonita cun aceite un pouco escuro e xa coa por galego… a vinte ou vinte e cinco euros. Iso non pode ser. Desde APAAG estase a traballar en varias vías, e a IXP é unha delas. Tampouco hai que caer en psicose: hai a quen lle falta unha póla porque lla arrincan para o Domingo de Ramos e di que é para clonar variedades…».

«Igual que ocorre en moitos outros sectores do campo, o mercado lévanos a un certo individualismo que non parece beneficioso. Se os produtores colaborásemos, poderiamos compartir información sobre pragas, tratamentos, técnicas, prezos, etc. Ou tamén facer compras conxuntas de maquinaria e insumos. Ademais, como somos poucos, aplícanse xeneralizacións que son negativas. Por exemplo, as empresas poñen unha data límite de entrega para toda Galiza, sen ter en conta que a oliva madura de forma diferente segundo a zona».

Convén, pois, que os produtores se vaian organizando: «De cara ao futuro, hai que ter en conta que nos están pagando por peso, non por rendemento, algo que vai cambiar porque prexudica as empresas. Explícome: ata agora págannos exclusivamente pola cantidade en quilos de oliva que entregamos, pero máis adiante, igual que en Andalucía, pagarannos medindo tamén o rendemento, é dicir, a cantidade de aceite que produza a nosa oliva. E a longo prazo empezarán a medir a calidade do aceite que dá o noso froito, un pouco como pasa cando ao leite se lle analiza a graxa ou a proteína, á parte de que debemos considerar o feito de que o aceite xa non só se ve como algo para fritir patacas. Estase creando unha cultura de calidade e de esixencia de consumo, que abre a porta a unha maior profesionalización e a facerse con mercados de alto valor. Concretando xa, nesta zona —Ribeira Sacra— hai propostas para que nas diferentes feiras do viño se inclúan tamén mostras de aceite ou, polo menos, de produtos da zona entre os que o aceite teña cabida, porque cada vez percibimos máis interese en apostar polo cultivo da oliva».

Susana Álvarez y Paco Novo: construyendo un puente entre lo rural y lo urbano — Omnivoraz

«Elaborar aceite será posible se na zona hai máis produtores dispostos a facer un investimento conxunto para adquirir as máquinas necesarias e, probablemente, tamén a ir a unha comercialización colectiva».

Mercado, comercialización e perspectivas

O 2020 está a ser un mal ano para o sector olivícola, xa que os prezos da oliva baixaron moito nas zonas de máis produción. Preocupa esta situación en Galicia?: «Preocupa porque as informacións que chegan do sector son bastante negativas, aínda que, de momento, non podemos queixarnos. Nesta última campaña a oliva galega pagouse a 1,40 euros/quilo, mentres que en Andalucía estaba a 0,40 euros. E iso que aquí cada produtor vai por libre e non hai negociacións colectivas, que nos darían máis forza. Tamén hai que ser conscientes de que eses altos prezos non van ser eternos. Se o fosen, non dubidariamos en dedicarnos só a isto. E os beneficios poderían ser aínda maiores se non fose porque a oliva galega se recolle durante o envero, cando aínda non alcanzou o seu máximo desenvolvemento e, por tanto, peso e calidade.

A diferenza de plantacións galegas anteriores, suxeitas a contratos de integración, Susana e Paco dispoñen de certa liberdade para producir e comercializar: «Chegamos a acordos —que non contratos— con diferentes empresas do sector, de xeito que nos asesoran gratuitamente e podemos negociar con elas unha futura venda da oliva. Tamén podemos comprarlles plantas ou produtos fitosanitarios e fertilizantes, pero non hai nada asinado, así que, chegado o momento, somos libres de facer o que consideremos máis oportuno coas nosas olivas. Os operadores galegos buscan que haxa cada vez máis produción, polo que lles facilitan as cousas aos olivicultores, o cal é unha vantaxe». Por tratarse dunha explotación de máis de cinco hectáreas, é obrigatorio levar un rexistro de todos os movementos de plantas e produtos que se realizan. Eles contan con asesores externos que lles están a facer este labor, precisamente polo interese que hai en facilitarlles as cousas aos novos produtores.

Dentro de cinco anos o oliveiral estará a pleno rendemento, e agárdase que certificado como ecolóxico. Será o momento de considerar en serio a produción de aceite: «Sabemos que para daquela o prezo da oliva terá baixado ao incrementarse a oferta, polo que teremos que apostar polo valor engadido. Elaborar aceite será posible se na zona hai máis produtores dispostos a facer un investimento conxunto para adquirir as máquinas necesarias e, probablemente, tamén a ir a unha comercialización colectiva. O que desbotamos é ir a unha produción a granel, porque non o vemos rendible. A idea sería vender un produto de calidade en formatos reducidos». Como é algo a longo prazo, aínda non pensaron que farían cos bagazos que resultan de triturar a oliva, e que se usan para pensos ou para facer pellets.

«Desde as Administracións véndese unha imaxe do rural que non se corresponde coa realidade. Parece que abonda con abandonar a cidade, marchar ao campo, sementar unha leira ou criar uns animais, e dedicarse a vivir. Non é así».

O futuro: a plantación como un medio de vida?

Malia todo o esforzo realizado ata agora, tanto Paco como Susana teñen claro que o oliveiral non vai ser —por agora— o seu medio de vida: «Chegando á máxima produción, teriamos algo máis de 50 000 quilos. Poñamos que, cobrando a euro o quilo, nos quedarían uns 25 000 euros de beneficio, porque hai que descontar a amortización dos investimentos, os gastos en maquinaria, mantemento ou coidados das plantas, etc. E logo pagar impostos ou enfrontarse a imprevistos. Non dá para vivir dous adultos con dous menores».

Susana matiza que si sería posible vivir do oliveiral se se trasladasen a Chantada, recuperasen a cría de porcos e utilizasen o espazo entre as oliveiras para cultivos como cebolas, cenorias ou outras hortícolas: «Pero iso significaría deixar os nosos traballos, a nosa casa… non é algo que teñamos previsto». Por outro lado, Paco asegura que facer tantos quilómetros entre o seu traballo, a súa casa e o oliveiral acaba pasando factura. De aí que desbote integrar no proxecto a pequena adega familiar que, polo momento, destinan a vender uva e facer viño para a casa. Ademais, trabállaa o seu pai, con todo o esmero que só as persoas maiores poñen no coidado da terra.

A evolución do prezo da oliva, dar o paso á elaboración de aceites ou o grao de mecanización que se acade serán os condicionamentos que determinen se o oliveiral se converte no seu único medio de vida, ou se segue a ser un complemento de rendas que permite evitar o abandono da terra e vivir unha enriquecedora experiencia.

A parella fai unha reflexión conxunta despois destes anos inmersos no proxecto: «Desde as Administracións véndese unha imaxe do rural que non se corresponde coa realidade. Parece que abonda con deixar a cidade, marchar ao campo, sementar unha leira ou criar uns animais, e dedicarse a vivir. Non é así. Hai moitas dificultades. Os procesos burocráticos son complicados, o trato con clientes e provedores pode ser unha batalla constante, moitas cousas que se dan por certas resultan ser falsas, e sempre aparece algo novo que che fai repensar os teus métodos. Ademais, os investimentos son elevados. Para nós está a ser unha boa experiencia, porque vemos que o noso traballo dá o seu froito e aprendemos moitas cousas, pero tamén hai que ter sorte, ser moi constantes e saber que vai haber momentos de moito apuro. A agricultura e a gandaría non son nada fáciles. Nada».

Ambos os dous afirman que cos prezos en orixe que se están a pagar no campo é imposible sacar adiante unha familia. No entanto, tamén recoñecen que a capacidade de sacrificio da súa xeración é menor que a das anteriores: «Afixémonos a unha serie de servizos e necesidades que antes non había, pero non podemos volver atrás. Non podemos renunciar a un hospital preto, a unha boa cobertura de teléfono e Internet ou a un certo tempo libre para poder vivir do campo e no campo, porque facelo sería un retroceso e levaría ao total abandono do rural. Non só hai que buscar a viabilidade económica, senón tamén a social».

O que parece garantido neste oliveiral é a substitución xeracional. Os dous fillos da parella xa teñen asignada cadansúa fila de oliveiras, da que son «responsables». Dinnos que para os cativos é un pracer vir á plantación, e mesmo estaban desexando saír na reportaxe.

Susana e Paco deron un paso que moitos outros estarían en condicións de dar. Non foi doado e aínda lles queda un longo camiño pero, de momento, xa serviron para demostrar con feitos que é posible vivir e traballar na cidade e, ao mesmo tempo, ser agricultor. Son pequenos pasos e proxectos como este os que reconcilian o rural co urbano, e os que paga a pena coñecer. En hora boa e ánimo.