El lobo. Un conflicto con el que hay que convivir — Omnivoraz

O lobo. Un conflito co que hai que convivir

Unha reportaxe con Joan Alibés Biosca, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e gandeiro ovino.

Nos conflitos sociais non hai solucións definitivas. Nunca hai remedio a curto prazo que poña fin á situación. Nin sequera a medio prazo. O que se pode facer é xestionar ese conflito na procura do máximo consenso, aínda que non resolvelo. Iso é o que pasa tamén no caso da convivencia entre gandeiros, lobos e colectivos animalistas. Podemos entrar na espiral de que figura legal se usa para protexer o lobo ou de que tipo de caza se autoriza e cal se prohibe, pero iso só prolonga a discusión ata o infinito, non resolve o problema, e radicaliza as posturas. Por iso, cómpre partir da base de que na sociedade actual, e na que veña, a convivencia será obrigatoria.

Baixo estas premisas encara o debate sobre o lobo Joan Alibés Biosca, gandeiro extensivo e presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes —SGPF—. Lonxe de situarse nun dos dous extremos que polarizan a polémica nos últimos tempos, Alibés propón para o caso galego solucións para a convivencia baseadas na investigación científica, o investimento público e a profesionalización de todos os actores. Esta é a súa visión.

Situación de partida

Ante todo, hai que valorar que Galiza está nunha situación privilexiada para afrontar a xestión do lobo de forma moito máis efectiva que outras rexións e incluso Estados europeos. Por un lado, temos un sector gandeiro que, a diferenza de Castela e León ou Asturias, non está en pé de guerra contra o lobo. Aquí aínda non se ven pintadas en zonas rurais ou lobos aforcados colgados dun sinal de tráfico nin manifestacións multitudinarias. Non é que non haxa ataques, é que estamos menos afeitos a desatar conflitos. Por outro lado, os rabaños galegos son máis pequenos, sobre todo, que os casteláns e máis doados de defender dos ataques; estatisticamente é máis fácil que ataquen un rabaño de cinco mil ovellas que un de cincuenta. Tamén axudan os terreos nos que está o gando: aquí non traballamos en zonas inaccesibles como son os Picos de Europa ou os Alpes, onde hai que deixar sós os animais durante meses.

Non obstante, a resiliencia gandeira, o tamaño reducido das explotacións e os terreos pouco escabrosos non evitan que haxa ataques. Son constantes, e moitos quedan sen denunciar, o cal é outro problema. Os datos oficiais de ataques non reflicten a realidade dos danos. Ás veces non denuncias porque tes poucas baixas ou porque —no caso de rabaños máis grandes— non te decatas ata que pasan uns días ou semanas e fas reconto. Logo está o proceso labiríntico da denuncia, cunha serie de chamadas e trámites que non compensan en tempo e diñeiro.

El lobo. Un conflicto con el que hay que convivir — Omnivoraz

«En Galiza aínda non se ven pintadas en zonas rurais ou lobos aforcados colgados dun sinal de tráfico nin manifestacións multitudinarias. Non é que non haxa ataques, é que estamos menos afeitos a desatar conflitos».

Estamos na realidade do século xxi. Se queremos que a xuventude quede ou se incorpore ao campo, non podemos condenalos a doce horas diarias de pastoreo para protexer o seu gando; é preciso que poidan ter unha vida alén do traballo. Se non é así, non haberá remuda xeracional. Temos que desenvolver medidas de protección axeitadas, modernas e efectivas, á vez que fomentar os sistemas de pastoreo. Para iso debemos aproveitar as vantaxes de Galiza, onde unha persoa pode ter un soldo decente con trescentas cincuenta ovellas, mentres que en Castela necesitaría entre seiscentas cincuenta e mil, porque aquí a terra é máis produtiva e o manexo máis sinxelo.

Temos, ademais, un problema de falta de preparación. Os axentes medioambientais non recibiron formación específica para asesorar en métodos de prevención ou en como actuar unha vez que se detecta a presenza do lobo. En cambio, en calquera rede social podemos ver os animalistas explicándonos aos profesionais da gandaría como temos que protexer os nosos animais. Por exemplo, é habitual oírlles dicir que non se pode deixar que as vacas pairan no prado… Iso lévanos a mediados do século xx, cando se estabularon os partos e se multiplicaron as diarreas e pneumonías nas crías. Calquera técnico sabe que o hábitat adecuado para partos de vaca ou ovella é o prado e que ter o gando en extensivo axuda ao medio ambiente e, por tanto, a esa fauna que os animalistas din defender.

A información é fundamental. Ata agora hai moi pouca e non está todo o dispoñible que sería necesario. Por exemplo, hai unha enquisa sobre medidas de protección realizada pola Xunta de Galicia entre gandeiros das zonas máis afectadas polo lobo cuxo resultado foi que máis do 90 % dos consultados —propietarios de vacas— non traballan con ningún método de protección. Con ningún. E no sector ovino e cabrún sería arredor dun 60 %. Isto é algo que cómpre corrixir, porque a convivencia co lobo só é posible con medidas de protección. Non queda outra.

Danos e medidas en Galiza

Que estamos a facer en Galiza? De media gastamos 650 000 euros na xestión do lobo, 300 000 en prevención e 350 000 en pago de danos. Un diñeiro que se paga tarde e mal, sobre todo tarde. Indemnizar dous anos despois do ataque non vale de nada, porque a explotación e a súa situación financeira xa cambiaron. Á parte de que, ás veces, hai que presentar a mesma documentación ata en tres ocasións, o que é unha perda de tempo.

Os importes son baixos e están mal calculados —xa houbo sentenzas xudiciais que obrigaban a subilos—, porque só se taxa o valor de mercado do animal, sen ter en conta o estadio produtivo no que se atopaba, o custo de levalo ata ese estadio e o custo de reposición desa unidade de produción; porque repoñer non é só mercar outro animal, senón poñelo ao mesmo nivel que o resto do rabaño.

Cómpre salientar que non hai estatísticas oficiais sobre importes e demoras. A Xunta ou non os ten ou non os facilita. Por casos que coñecemos, poderiamos cifrar a media de espera, como mínimo, nun ano. Ao final, como hai centos de casos que non se denuncian, os importes son baixos e as indemnizacións demóranse; así o custo para a Administración é asumible, de momento. O que sería caro é a prevención.

Ben, pois a comezos de 2019 os comisarios de Agricultura e de Medio Ambiente da Unión Europea —UE— enviaron unha carta a todos os Estados membros na que recomendaban que o 100 % dos gastos de convivencia entre lobos e gandeiros se pagasen con fondos europeos, a través dos Plans de Desenvolvemento Rural. Ollo, o 100 %, de xeito que os Gobernos estatais e rexionais non terían que poñer nada de diñeiro. Eses fondos serían para peches, mastíns, gastos administrativos, estudos ou indemnizacións.

«Indemnizar dous anos despois do ataque non vale de nada, porque a explotación e a súa situación financeira xa cambiaron».

En Galiza desoíronse esas recomendacións e estase xestionando con fondos propios que, obviamente, están limitados. As prioridades desta e outras comunidades autónomas non van por aí, tanto para os recursos que chegan da UE como para os propios da rexión. Pero cómpre ser consciente, e así llelo transmitimos os gandeiros, que o lobo sempre estivo e sempre estará aí. Por iso urxe artellar canto antes a convivencia con medidas que xeren un retorno efectivo e eficaz.

Un problema constante é a falta de investigación sobre a eficiencia dos peches: cales funcionan e cales non, cales se adaptan aos diferentes sistemas de manexo e cales son os custos económicos de cada un. Non hai uniformidade; o que vale para cincuenta vacas non serve para cinco mil ovellas. A Xunta subvenciona a colocación de dous tipos concretos de peche, pero, á parte de que non hai ningunha evidencia de que ningún dos dous funcione correctamente, finánciase menos do 50 % do seu custo, o que fai que, ao seren tan caros, moitos gandeiros desistan de pedilos. Isto leva a que vexamos somieres pechando leiras, arames oxidados e outros elementos, digamos, de forte impacto visual e escasa eficacia. Claro, dos 350 000 euros que dedica a Xunta a prevención, 65 000 son para peches. Iso non chega. Se cada gandeiro solicita 3000 euros en peches, dá para 21 gandeiros… e, ademais, fináncianse ata 500 metros lineais, que dan para pechar unha hectárea. Que gandeiro manexa unha soa hectárea?

En canto aos mastíns, en Galiza solicítanse oitenta exemplares anualmente; a Xunta aproba corenta solicitudes e acaban entregándose dezasete animais, porque non hai suficientes criadeiros e porque os requisitos de acceso están mal formulados. Aquí danche un mes para atopar un cachorro de determinadas características; en Francia tes un ano para entregar a documentación e recibir a axuda, porque o máis importante é entregar o mastín. Eses dezasete galegos non chegan nin para repoñer as baixas de cada ano. Ademais, a maioría deses cans acaban convertidos en mascotas caseiras, porque os gandeiros non saben manexalos e non hai quen lles ensine.

Unha prevención seria ten que abranguer toda a cabana que sae ao prado a pacer. O lobo está presente no 94 % das zonas gandeiras galegas. Salvo en concellos do suroeste de Pontevedra próximos a Vigo, está por todas as partes. Visto deste xeito, é lóxico que poida asustar pensar en protexer toda esa cabana en todo ese territorio, pero noutros países fano, así que non hai escusa.

Exemplos de xestión europeos

Francia é o país máis implicado na política de protección ao gando e a convivencia co lobo. En territorio francés hai uns cincocentos oitenta lobos, que se concentran na parte oriental, especialmente nos Alpes e algo menos nos Pireneos e a fronteira alemá. En España temos máis lobos concentrados en menos espazo. Pois ben, o primeiro que fixo o Goberno francés foi declarar que o custo de convivencia non podía recaer sobre o gandeiro. O Estado utiliza trinta e dous millóns de euros ao ano de fondos europeos para pagar todas as medidas de protección. Trinta e dous millóns!

Primeiro os mastíns, con axudas para a compra de exemplares e cheques de trescentos cincuenta euros anuais para a súa manutención e sanidade, obviamente cun límite por explotación. Tamén se subvenciona a formación dos gandeiros para o traballo con estes cans, algo esencial, porque o mastín non é unha mascota, senón unha ferramenta que ten que funcionar con precisión. Hai cursos para o seu manexo, visitas técnicas, avaliacións de rendemento, etc.

Respecto aos peches dos terreos, o Goberno francés usa fondos públicos para sufragalos. Nese caso só ata o 80 % do custo real, para que haxa corresponsabilidade e implicación por parte do gandeiro.

«O primeiro que fixo o Goberno francés foi declarar que o custo de convivencia co lobo non podía recaer sobre o gandeiro. O Estado utiliza trinta e dous millóns de euros ao ano de fondos europeos para pagar todas as medidas de protección».

O Estado francés financia tamén a contratación de pastores profesionais para que acompañen o gando nas zonas de alta montaña. Non só pagan ata o 80 % do soldo deses pastores, senón que poñen os recursos para a construción de cabanas e mesmo o traslado destas en helicóptero para que os pastores teñan onde durmir.

En Alemaña, onde teñen arredor de mil lobos concentrados, sobre todo, no nordeste —fronteiras polaca e checa—, o gasto anual en pagamento de danos é de arredor de catrocentos mil euros. E destínanse oito millóns a medidas preventivas, que é moito menos que en Francia, pero segue multiplicando por vinte o investimento galego. Outro caso: Suíza, con entre oitenta e cen lobos, inviste tres millóns de euros ao ano en medidas de prevención, dos cales o 50 % se destina a asesoramento e formación dos gandeiros.

É importante aclarar que non estamos a comparar Estados con rexións, senón poboacións de lobo: o terreo que ocupan, os danos que causan e os investimentos que se realizan.

Propostas para o caso galego

A clave da protección é: mastíns, peches e manexo, por esta orde. Agora ben, o custo desas medidas recae integramente sobre o gandeiro: é quen merca o mastín e lle dá de comer todo o ano, quen paga o arame e a súa colocación ou quen se arrisca a cambiar o seu manexo do rabaño. O 100 % do custo sae do seu peto. Quen padece o lobo é quen o está mantendo case gratis. Iso non pode ser. A Administración pública ten que asumir o custo de protexer o lobo. Eu utilizo seis mastíns para traballar e cada un deles consome uns catrocentos cincuenta euros en pensos ao ano. Nada pagan nin os que nos esixen medidas nas redes sociais nin a Administración que debe velar polo sector gandeiro. Pagámolo nós.

Baseándome nas análises que realicei, calculo que en Galiza serían necesarios uns nove millóns de euros anuais para garantir unha convivencia o menos conflitiva posible entre lobos e gandaría. Quizais unha cantidade algo menor, pero, en calquera caso, sempre millóns de euros e non centos de miles.

Con ese orzamento, o primeiro sería realizar unha investigación seria sobre a eficacia das medidas preventivas, porque non hai estudos fiables ao respecto, nin sequera en Francia ou Alemaña. Aquí optouse por medidas que nos venderon os ecoloxistas como panacea, pero a realidade é que non son eficaces ao 100 % e que hai que adaptalas a cada sistema gandeiro. Non é igual protexer mil ovellas na Terra Chá que oito vacas xunto a unha casa do Courel. A protección irá en función do valor do protexido. Correspóndenos a nós analizar que é o que serve e o que non no noso territorio e coas características das nosas explotacións.

«Cando hai incendios, enchemos a boca dicindo que fan falta cabras e ovellas para evitalos, pero quen ten eses animais e vive deles? Catro ou cinco gandeiros, cando deberían ser catro mil».

O segundo sería formar e informar os técnicos da Administración para que despois eles poidan asesorar os gandeiros. Á parte de que os dezasete mastíns anuais son insuficientes, o peor é que non hai formación para traballar con eles. Non hai un só traballador de Medio Rural ou de Medio Ambiente que recibira formación en manexo de mastíns e que poida asesorar os gandeiros. Nin un. Tería que haber ducias de persoas especializadas, pero a realidade é que só somos tres e os tres no ámbito privado.

O mastín non é un animal de compañía. É unha ferramenta incansable que traballa vinte e catro horas todos os días do ano e en calquera condición. Hai que preparalo para que se sinta parte do rabaño que protexe. Cando é así, veremos que nunca se afasta máis de cen metros do gando, e que se o separamos sofre estrés, porque a súa socialización faise a través do rabaño. Por iso, cando entregamos un mastín, o primeiro é dicirlle ao dono que non recibe un can, senón unha ovella ou unha vaca con capacidade de defensa.

Ao gando non se lle rascan as orellas, non se lle fan carantoñas e non se lle fala como se fora un cativo; pois ao mastín tampouco, xa que, de facelo, perderá a súa utilidade. Nisto hai que insistir moito, porque a todo o mundo lle gusta xogar cos mastíns. Un exemplo: o mastín que vale é o que, aínda estando o rabaño a carón das casas, prefire quedar co gando que ir a que os veciños o rasquen e lle dean comida. Canto menos interactúe o dono co mastín, mellor.

O can de palleiro non serve como medida de protección; é un can pastor, para guiar o gando, como o border collie. Por ser obediente, estará co gando. Podería chegar a enfrontarse co lobo, pero non é o habitual, e sairía perdendo. O mesmo sucede coa maioría de razas caninas. Só as diferentes variedades de mastín están capacitadas para acompañar, vixiar e defender eficazmente o rabaño.

«O mastín non é un animal de compañía. É unha ferramenta incansable que traballa vinte e catro horas todos os días do ano e en calquera condición. Hai que preparalo para que se sinta parte do rabaño que protexe».

O terceiro pasaría por valorar a partir de que dimensión de gandaría se aplica a protección. Non é o mesmo un gandeiro profesional que un veciño que ten tres ovellas para limpar un prado, pero tampouco se pode deixar fóra a quen ten gando como complemento de rendas e o combina con outra actividade. É algo para o que tamén haberá que sentarse a negociar, porque a negociación é parte da xestión.

Por suposto, a negociación estará condicionada polas limitacións orzamentarias e pola estratexia do sector, xa que hai que establecer que tipo de gandaría e con que dimensión queremos potenciar. Fixamos o límite de protección en cincuenta cabezas, en dez, en vinte? Non o sei. En Galiza hai só cincuenta e sete explotacións de ovino con máis de duascentas cincuenta cabezas. Non podemos deixar o resto fóra porque esas ovellas son clave na limpeza do monte, máis aínda agora que o censo de cabras e ovellas está baixando de forma alarmante ata un 10 % anual. Por que? Polo abandono sen substitución. Despois, cando hai incendios, enchemos a boca dicindo que fan falta cabras e ovellas para evitalos, pero quen ten eses animais e vive deles? Catro ou cinco gandeiros, cando deberían ser catro mil.

Unha vez que se fixen eses criterios, fagamos cousas. En Galiza hai 33 000 unidades de poboación, pero ao ano promóvense só 20 aldeas modelo. Isto é totalmente insuficiente e supón un fallo de xestión por parte da Xunta demostrado con datos. Esas accións transmiten a idea de que se fai algo, pero non é así. Por exemplo, en 2018 non se convocou ningunha axuda porque non houbo vontade política de facelo. Ou en 2017, cando nos deixaron seis días hábiles para xustificar as axudas por mastín e atopar exemplares válidos…

Estamos nun ecosistema humanizado, non na sabana de África. Cada árbore, cada mato ou cada desnivel están aí porque alguén decidiu que estean, por acción ou por omisión. Temos exemplares de lobo por todas as partes, sempre os houbo e sempre convivimos con eles, pero hai que desmitificalo: non é o depredador perfecto e esencial que din os animalistas; tampouco é estático, non vive nun mesmo sitio e desprázase miles de quilómetros durante a súa vida; pode comer prea, lixo, gando, corzo…; e sempre irá onde haxa alimento e onde menos perigoso lle resulte conseguilo. Polo tanto, un gando desprotexido sempre será unha presa máis segura que un corzo correndo monte arriba ou un xabaril que pode revolverse e degolar o lobo. Por iso o gandeiro debe poñerllo o máis difícil posible.

«Cantas máis vacas e ovellas haxa no monte, menos haberá que gastar en helicópteros, avións e carrocetas para apagar lumes forestais, ou en drons carísimos para vixiar».

Levamos desde 2015 reuníndonos coa Consellería de Medio ambiente para presentar as nosas propostas de medidas de protección e de investimentos públicos nese sentido, pero ata agora non serviu para nada. E, mentres, perdémonos en debates sobre caza, peches ou modelos de explotación.

Sexan nove millóns, ou sexa o diñeiro que sexa, implicará inicialmente unha redución en partidas destinadas a outros sectores agrogandeiros, e pode haber queixas. Agora ben, o vacún de carne e a cabana ovina e caprina son as que xestionan o territorio e as que impiden a propagación de incendios. Por iso, cantas máis vacas e ovellas haxa no monte, menos haberá que gastar en helicópteros, avións e carrocetas para apagar lumes forestais, ou en drons carísimos para vixiar. Ese diñeiro poderase empregar para outras cousas.

O debate sobre a caza

O actual modelo de caza non está a ser eficaz. Non reduce os danos e crea un conflito. Se se queren reducir danos, teríase que capturar a metade de lobos que hai en Galiza. Non sería legal e hai unha presión social enorme para que iso non pase, á parte de que só aprazaría o problema. O último lobo cazado legalmente en Galiza data de 2013. Paga a pena desatar unha polémica para algo tan inútil como cazar un único lobo? As batidas disuasorias —sen morte— tampouco serven, xa que o único que fan é trasladar o problema uns cantos quilómetros e por tempo limitado.

En casos excepcionais, cando o lobo castiga un territorio moi pequeno e unhas gandarías concretas, a caza dun exemplar si que ten sentido, aínda que como último recurso. O debate sobre a prohibición da caza do lobo é artificial, unha cortina de fume creada por xente que non sabe nada do tema e nin leu o proxecto do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Animalistas e cazadores pouco informados están a crear un clima de división que non ten sentido. Vaise seguir cazando lobo en circunstancias semellantes ás actuais, como última opción; a diferenza é que o cazarán técnicos da Administración e non grupos de cazadores.

O caso francés é digno de análise: os axentes medioambientais capturan cada ano un 19 % do censo total de lobos, é dicir, que este ano se cazarán de xeito legal cen lobos en Francia. Ben, é parte da súa política de prevención de danos, que xa vimos que abrangue moitos outros aspectos e conta con trinta e dous millóns de euros. Parte da formación dos axentes é a de cazar o lobo co menor impacto posible nas mandas. Obviamente, esa porcentaxe non se fixa porque si e onde sexa, senón que se aplica en zonas moi castigadas e onde o resto de medidas de protección non funcionaron. Pois aínda con ese 19 % de capturas todos os anos, a poboación de lobo en Francia medra anualmente un 10 %. E os danos non se reducen porque, para que se reducisen, tería que eliminarse máis do 50 % dos lobos. Algo impensable.

«O debate sobre a prohibición da caza do lobo é artificial, unha cortina de fume creada por xente que non sabe nada do tema e nin leu o proxecto do Ministerio para a Transición Ecolóxica».

A Consellería de Medio Ambiente non pode presentarse como vítima da prohibición da caza do lobo, porque xa se ve que a caza actual non soluciona os danos e porque a lei lle permite crear mecanismos de caza a cargo da Administración. Recórrese á caza cando o resto de medidas fallaron, así o ordena a UE, pero, como aquí apenas hai medidas, tampouco se poden usar fondos europeos para que os axentes ambientais poidan cazar.

Autorizar unha batida de caza é moi sinxelo. Xestionar e implementar medidas de protección é máis complexo. Pero en Galiza non se fai nin unha cousa nin a outra; non se caza por medo ao lobby animalista e non se destinan recursos a protección porque non se ve prioritaria a gandaría extensiva. Para saír deste bucle, a única vía é sentarse a dialogar. Un diálogo de todos os colectivos implicados; non vale reunirse un día con sindicatos agrarios, outro con ecoloxistas e outro coa Federación de Caza. Non. Cómpre unha mesa onde todos esteamos representados, se ofrezan datos e se traballe con criterios científicos. Desa mesa teñen que saír compromisos públicos asinados por todos ou, polo menos, por unha maioría. Loce moito dicir que se aumenta o orzamento para prevención, si, pero pasamos de 300 000 a 350 000 euros, así que é pasar de miga a miga e media. Precísase a barra enteira.

Conclusións

A gandaría extensiva mantén limpo o monte, reduce biomasa, reduce a contaminación mediante o secuestro de carbono, crea emprego, fixa poboación e produce alimentos de alta calidade. Acaso non paga a pena investir en protección para ese sector? En Europa téñeno claro. Aquí, en cambio, as axudas a medidas preventivas repártense sen ter isto en conta. Por iso pode recibir antes a subvención un rabaño de catrocentas vacas de leite que non saen da corte que un de cincuenta ovellas que non saen do prado.

Os veciños de Espiñarcao —Abadín, Lugo—, desesperados polos ataques do lobo, non os visitou ningún técnico, ninguén lles falou das medidas que se poden tomar e de como financialas. Non se lles asesora no uso de mastíns ou de peches. Por iso é lóxico que estean fartos e indignados e que reclamen batidas de caza.

En resumo, os pasos a seguir son: investigación, análise de experiencias noutros países, dotación de recursos técnicos e materiais, xestión e diálogo multilateral. Todos estes pasos dependen das Consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente, que son as que teñen o orzamento e, sobre todo, as competencias exclusivas. Se non se fai así, seguirán os debates e insultos estériles nas redes sociais, perderase a boa situación de partida que ten Galiza e o conflito envelenarase.


LE TAMÉN:

Espiñarcao: cando ninguén te escoita

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

Etiquetas:
, , ,