Reportaje con Carlos García García, de la sociedad cooperativa Chaca Otur (Asturias)

Cooperativa Chaca Otur: «Os gandeiros somos como obreiros en mans da industria»

Unha reportaxe con Carlos García García, da sociedade cooperativa Chaca Otur (Asturias).

En 2002, catro gandeiros do occidente asturiano uníronse para constituíren a Sociedade Cooperativa Chaca Otur — Otur, Valdés, Asturias—. O proxecto nacía da necesidade de dar continuidade á súa profesión e, sobre todo, de exercela cun nivel digno de calidade de vida. Desde entón, aínda que un deles optou por tomar o seu propio camiño, souberon xestionar os seus recursos —chegando a duplicar o número de vacas—, e alcanzaron os seus obxectivos iniciais, o que os converteu nun referente da produción láctea en Asturias, unha posición que non afecta á humildade coa que Carlos García —socio fundador— nos recibe na súa granxa, pero permite comprender a claridade meridiana coa que expón a súa opinión sobre os retos aos que se enfronta o sector.

Carlos dedicouse sempre á gandaría. Xa de neno axudaba nas tarefas da granxa que a súa familia posuía en Sabugo —Otur, concello de Valdés—, chegando a ser titular da explotación coa súa nai. Os anos pasan, os pais aproxímanse á idade de xubilación, e atopar unha vía de futuro é urxente: «Se se xubilan contigo na casa van seguir ao pé do canón, así que outros tres gandeiros da zona e eu decidimos, sobre todo por calidade de vida, buscar unha alternativa que fose rendible, que nos permitise traballar en común, ter descansos e tamén unhas pequenas vacacións. En definitiva, ter un traballo». Porque a gandaría é iso, un traballo como calquera outro. Todos achegaron as súas vacas, a súa maquinaria, as súas leiras —en propiedade e alugadas—, e empezaron a construír as naves nas que, dous anos máis tarde, iniciaría a súa andaina a Cooperativa Chaca Otur, un lugar onde o traballo e a vida son compatibles grazas a moito esforzo e unha boa organización.

Reportaje con Carlos García García, de la sociedad cooperativa Chaca Otur (Asturias)

Planificación: a clave para gañar calidade de vida

Enfocar a gandaría como un medio de vida fixo que organizasen a cooperativa de forma que, sendo o máis rendible posible, lles permitise ter calidade de vida no traballo, unha premisa que os acompañou desde os seus comezos: «Cando empezamos aquí eramos seis, catro socios e dúas persoas máis para muxir. Tiñamos menos vacas que agora —cento noventa en muxidura— e, evidentemente, máis tempo libre, eran quendas diferentes. Agora somos sete, tres socios e catro traballadores. Temos 345 vacas en muxidura, e traballamos en quendas de cinco persoas polas mañás e catro polas tardes. Salvo en época de campaña, descansamos unha tarde e un día á semana, e temos oito ou dez días de vacacións dúas veces ao ano».

Para o oturense, a clave desa mellora é a planificación, e cre que «é o que lle falta hoxe ao gandeiro. Sentar, ver como está a situación da súa empresa, facer ben os cálculos e valorar a posibilidade de contar con outra persoa, un traballador contratado que lle permita adecuar as quendas a uns horarios máis razoables. Creo que ata supoñería un aforro en comparación co persoal de substitución. Trátase de parar a pensar “que queremos?”. Pola contra, nunca vas querer parar de gañar».

En Chaca Otur teñen claros os seus obxectivos, o que contribúe ao entendemento tamén á hora de tomar decisións: «Aínda que cada un se encarga dun sector da explotación, vas vendo aquilo que máis se necesita en cada momento e procuras que a granxa non decaia. Actualmente, por exemplo, atopámonos nun proceso de manutención, que todo siga como está ou mesmo mellorar un pouco en calidade de vida, pero decidimos non crecer máis porque non hai capacidade, esixiríannos máis terreos, etc. Todo iso condiciónate e para nós temos suficiente. Se con isto non dá, entón malo».

Carlos séntese orgulloso do que lograron, coa tranquilidade de que «podes irte unha fin de semana sabendo que, cando volvas, vai estar todo igual de atendido que se estiveses ti, sen prexudicar os teus pais nin a ninguén», e afirma convencido que «o mellor que fixemos foi xuntarnos». Unha asociación que dura xa quince anos, a pesar de que non todo o mundo confiaba en que fose así, «pero nós non nos dedicamos a ver canto aguantamos, senón a traballar, a sacar o negocio adiante, a facer os investimentos adecuados e a pagalos. Entón ves que o tes todo amortizado e que che vai ben».

Reportaje con Carlos García García, de la sociedad cooperativa Chaca Otur (Asturias)

«Non nos dedicamos a ver canto aguantamos, senón a traballar, a sacar o negocio adiante, a facer os investimentos adecuados e a pagalos».

Xestión económica: a información é rendibilidade

Nun sector no que os investimentos son continuos e os prezos de venda do leite apenas cobren os custos de produción —ou deixan escasos beneficios—, a marxe de manobra é moi limitada. Con estes condicionantes, unha interpretación axeitada de todos os datos dispoñibles sobre o funcionamento da granxa pode marcar a diferenza.

Carlos encárgase da xestión económica e administrativa de Chaca Otur: «Os datos son unha base imprescindible. Ante un problema, o gandeiro ten que saber onde pode recortar, onde investir e onde non. Igualmente, permítenche saber en que punto estás. Á hora de compararte con outro gandeiro, faralo co mellor e, se tes marxe, debes mellorar. Nós agora manexamos os datos de reprodución e do carro mesturador, pero aínda nos falta recompilar moitos máis para aumentar a rendibilidade».

Unha boa planificación tamén abarca os investimentos aos que se destinan as axudas recibidas: «Ata agora nunca tomamos unha decisión baseándonos na PAC —Política Agraria Común— nin necesitamos adiantar o cobramento, pero non todos os casos son iguais. Dise que un agricultor debe ter unha colleita sementada, outra no celeiro e outra no banco. Coa PAC deberiamos facer o mesmo. Tes que pensar ben o que necesitas e adecuarte a iso, non gastar por tamaño: o tractor, a máquina ou a corte máis grandes. Neste sentido, ven auténticas animaladas, gandeiros que están moi apertados porque se meteron en máis do que poden soster. Hai que ter en conta que, tal e como está o panorama, calquera imprevisto pódeche facer moito dano, así que se debe procurar asegurar o futuro na medida do posible».

Falta de unión: o talón de Aquiles do sector lácteo

A pesar de que a experiencia cooperativista de Chaca Otur lles demostrou que a unión fai a forza, Carlos García é consciente de que na gandaría láctea esa calidade está lonxe de alcanzarse, unha circunstancia que, na súa opinión, lles dificulta aos gandeiros a negociación dos prezos do leite que producen: «É un sector difícil, aínda que creo que o fixemos máis do que é pola falta de unión. Somos os primeiros que nos tiramos pedras entre nós, e individualmente non temos capacidade para negociar».

Neste punto, a cuestión é se esa desunión pode verse alimentada por un sentimento de competencia entre gandeiros. Para Carlos non é así: «A única maneira de competir é tentar producir o mellor leite posible que poidan dar as miñas vacas, engadir un plus de calidade, pero non estás a competir contra o que produce outro porque, finalmente, xúntanse na mesma cuba. Temos o mesmo produto, pero non somos competidores. O bo é que lle vaia ben a todo o mundo, que se evolucione e se creza».

García considera que as OPL —organizacións de produtores de leite— son as que deberían realizar a negociación conxunta dos prezos, pero que «ningunha funciona. Pertencemos a unha OPL para solicitar as axudas da PAC, pero ninguén se ocupa de nada e estamos a pagar unha cota sen saber para que, porque non recibimos nada a cambio. Supoño que isto tamén é así porque nós non queremos. Cada un negocia o seu leite, ten o seu contrato e non quere que sexa outro quen llo negocie, pero a OPL tería que xestionar todo o leite dos seus afiliados. Agora ben, non nos imos fiar da persoa que o vai vender, porque somos así! Ese é o problema, ninguén se fía xa de ninguén. Hai a quen lle preocupa que poida levar unha parte ao seu peto, e eu creo que se che vende ben o leite, mellor do que o estás vendendo, haberá que darlle unha marxe de confianza. Tampouco é un mercado con tantos altibaixos, xa non hai aquelas diferenzas de prezo de tolemia, nin creo que as volva haber. O leite, do mesmo xeito que a carne, leva moitos anos pagándose igual».

Para o asturiano, esta desconfianza cara ás OPL deriva dunha experiencia previa: «Fiámonos dos sindicatos e nunca fixeron nada por nós, así que parece que todo o mundo é igual de malo. A xente maior está moi trillada de moitas malas decisións, de escornarse e de ir ás manifestacións. Agora convócanse e non vai ninguén porque saben que non serven para nada. Cada vez somos menos gandeiros e xa non temos a forza necesaria. Ao final somos votos para un goberno, e moi poucos».

«Cada vez somos menos gandeiros e xa non temos a forza necesaria. Ao final somos votos para un goberno, e moi poucos».

Comunicación sectorial: unha necesidade de primeira orde

Como gandeiro e habitante do mundo rural, a Carlos preocúpalle o escaso ou nulo coñecemento que a maioría da poboación ten sobre os modos de produción e a orixe dos alimentos: «Falta moita información. Non é algo que afecte só á gandaría, senón que todo o sector primario, de onde nos alimentamos, está na mesma situación. O máis imprescindible, que é comer, parece que non conta. Non sei se interesa desviar a atención, pero falamos a diario de política ou de fútbol, e non sabemos nada do que comemos ou bebemos. Parece que nos dá igual, porque o temos todo á man».

García sinala tamén á desinformación imperante como causa dos diversos ataques que está a sufrir o sector gandeiro, entre eles os procedentes dos movementos radicais animalistas e veganos: «Métennos a todos no mesmo saco. Que haxa algunha persoa que maltrata os animais non significa que todos os maltratemos, haberá que denunciar ese caso e solucionar o problema. Os gandeiros, como empresarios, somos os primeiros beneficiados do benestar dos nosos animais, non só porque unhas vacas tranquilas producen máis que se están tensas e nerviosas, senón tamén pola relación que tes con elas. Velas como un animal case de compañía. Eu, por exemplo, encárgome das tenreiras desde que nacen, doulles o biberón e gústame velas crecer, velas sas. Neste sector ou che gustan os animais e o que fas, ou é mellor que non veñas». Con todo, recoñece que os produtores teñen parte de responsabilidade nesta situación: «A xente non sabe ou non quere saber, pero nós tampouco ofrecemos suficiente información, sempre estamos a fuxir dos medios de comunicación. Se os potenciais consumidores non coñecen os nosos proxectos, non podemos queixarnos nin criticar que non contemos co seu apoio nas nosas reivindicacións. Non podes darlle paus ao que vai comprar o teu produto, senón animalo a que cho compre».

Este descoñecemento favorece que o consumidor relacione o leite máis coas industrias lácteas que a comercializan que cos propios produtores: «O cliente compra o que ve no lineal, o que anuncian as marcas». Neste sentido, o asturiano cre que as cooperativas agrarias poderían xogar un papel decisivo: «Fáltalles dar o último paso e comercializar os produtos dos seus socios, vendelos directamente ao cliente final e non á industria, pero véxoo moi difícil. Se fosen capaces de facelo, isto daría un xiro. Mesmo son máis ambicioso: crearía unha única cooperativa en Asturias, outra en Galiza, etc. Cada vez somos menos, así que o normal sería estar agrupados nun sitio, non en centos». Mentres iso non suceda, a realidade é que «somos como obreiros en mans da industria. Facémoslle o produto como nolo esixe, e ninguén sabe as trabas que leva consigo. O papelorio, os rexistros e os coidados que debemos ter para producir un litro de leite, co investimento que todo iso supón, á xente nin lle soa. Non nos dedicamos a muxir vacas e punto, aquí todo vai milimetrado. Din que vivimos de subvencións, pero creo que se subvenciona o produto para que os compradores poidan adquirilo máis barato». Nestas circunstancias, Carlos ve a comunicación como unha verdadeira necesidade para o seu sector: «O consumidor ten que recibir moita máis información da que recibe, e ver que nin o leite nin o noso traballo son tan malos».

«A xente non sabe ou non quere saber, pero nós tampouco ofrecemos suficiente información, sempre estamos a fuxir dos medios de comunicación».

Problemáticas: dignificación, substitución xeracional e despoboamento

O sector lácteo tamén carga coas súas propias carencias e debilidades, que ameazan seriamente o seu futuro. A falta de substitución xeracional e de dignificación da profesión son das que máis preocupan os gandeiros. Respecto á primeira, Carlos García sentencia: «Na cornixa cantábrica, salvo en Galiza, a gandaría láctea non ten continuidade. Asturias poida que teña futuro na gandaría de carne, cando se regule a exportación. O motivo fundamental é que a xente nova non se incorpora, e o sector tampouco está adecuado para facelo. Se te incorporas cos teus pais xa non te independizas, e se o fas coa túa parella sabes que estades condenados os 365 días do ano. Agora non hai alternativas, nin creo que ninguén poña o diñeiro necesario para un investimento deste tipo. Antes tiñamos a cota, un activo no que o banco se podía basear para darche un préstamo. Hoxe en que se vai basear? Nas vacas? Na PAC?». En canto á segunda, aínda que en Chaca Otur non tiveron dificultade para atopar man de obra, o asturiano apunta que é necesario un cambio de mentalidade que promova a dignificación deste traballo, e que debe empezar nos propios gandeiros: «Fáltanos dignificarnos a nós mesmos. É obvio que hai certo rexeitamento cara a esta profesión, e mesmo se prefire traballar nunha oficina por seiscentos euros que nunha granxa por mil. Non paramos a pensar o que poderiamos facer para chamar un pouco a atención e que isto sexa máis atractivo».

O oturense é consciente de que esa problemática laboral ten graves consecuencias demográficas e de conservación da contorna: «Se se acaba a gandaría, os pobos morren. A xente maior vai faltando, os mozos fóronse traballar fóra e as casas péchanse. “Asturias verde”, din. Todo o norte está verde, pero porque alguén o mantén. Pregúntome a quen obrigarán a coidalo cando non quede ninguén». Unha necesidade de desenvolvemento que vai máis aló da gandaría: «A medida que os pobos non avanzan, van morrendo. É triste dicilo, a xente non o cre, pero acábanse. O desenvolvemento rural necesita xa un bo pulo, ou non haberá nada que facer». É doado de entender. Non se fixa poboación; a menor número de habitantes, menos servizos, e viceversa. A maioría das persoas non se expoñen a instalarse nun lugar onde non teñen máis nada que o centro de traballo, é dicir, onde non poden vivir, no sentido máis amplo da palabra.

Reportaje con Carlos García García, de la sociedad cooperativa Chaca Otur (Asturias)

«Se se acaba a gandaría, os pobos morren».

Futuro: incerteza e alternativas

Pasaron tres lustros desde a posta en marcha de Chaca Otur, e é agora cando estes gandeiros ven os resultados do seu esforzo: «Ao principio chégache a auga ao pescozo; despois, a base de traballar, vas saíndo aos poucos. Nós, particularmente, agora estamos nun bo momento, pero hai moita incerteza». Carlos é o máis novo dos tres socios. Un dos seus compañeiros xubilarase na próxima década, o que implica que «nesta explotación xa temos un problema de substitución xeracional. Como cooperativa necesitariamos outro socio ou, pola contra, aí acabaría a nosa andaina». Este é o único motivo polo que pensan en cambiar a forma xurídica a outra que lles permita continuar sendo só dous. «Polo demais, non vemos que veña ninguén detrás, así que procuramos facer os investimentos xustos para ser rendibles e ter boa calidade de vida no traballo, vivir o máis comodamente posible e tentar mellorar».

A inestabilidade do sector fai que se busquen novas alternativas, actividades independentes ou complementarias á produción láctea: «Din que temos que diversificar. Eu véxoo todo moi ben, pero con que? Cara a onde? Tes que saber onde te metes. Podemos aprender a facer de todo, pero o difícil é saír ao mercado para vender un produto novo, tanto posicionalo nos puntos de venda como realizar todos os trámites e rexistros necesarios». A crecente tendencia de montar unha queixaría, mesmo considerándoa «unha opción para valorar», non é unha idea nova para estes gandeiros, que se embarcaron nun proxecto destas características hai unha década: «As instalacións estaban a poucos metros da explotación, na casa dun dos socios que, por un problema de saúde, decidiu abandonar a gandaría e quedar coa queixaría como un plan de vida máis tranquilo. Así que ese camiño xa o andamos e, ao perdelo tan rápido, desanimámonos». Este gandeiro si descarta completamente a transición á produción ecolóxica, ao considerar que «non podemos pasarnos todos a ecolóxico, é imposible. Ese mercado xa está practicamente cuberto, pode ter un pouco máis de demanda, pero non toda, ou pasará a valer o mesmo que o convencional». Son decisións complicadas que requiren ser ben meditadas.

A pesar das dificultades ás que se enfrontan os produtores lácteos e a variabilidade característica do seu sector, Carlos non desiste: «Son os nosos traballos e as nosas vidas. Dedicámonos sempre a isto, gústanos e tentamos facelo mellor cada día. Así que, polo menos, que non nos quiten o que sabemos facer, que non nos machuquen moito máis e que nos deixen respirar».