Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

Espiñarcao: cando ninguén te escoita

Unha reportaxe cos veciños de Espiñarcao —Abadín, Lugo—, desesperados polos ataques do lobo.

A convivencia entre lobos e gandeiros é sempre difícil, ás veces conflitiva e en ocasións imposible. Correspóndelles ás Administracións públicas regular esa convivencia de xeito que a presenza do lobo sexa compatible coa actividade gandeira. Esta é a teoría. Pero no concello de Abadín —Lugo— os conceptos de convivencia e regulación foron substituídos polos de anarquía e desentendemento.

Ata o día en que se decretou o confinamento polo coronavirus, todas as semanas de 2020 se produciu algún ataque mortal dos lobos a vacas, ovellas ou cabalos. Algúns denunciáronse ante Medio Ambiente, outros saíron na prensa e moitos quedaron silenciados pola convicción dos donos dos animais de que de nada serven as denuncias. Despois do confinamento continuaron os ataques pero xa sen eco mediático. Cando as Administracións te ignoran, cando nas cidades descoñecen o teu problema, cando o lobo come os teus recursos, cando tes medo a levantar a voz por se te sinalan os que nunca pisaron un prado… cando ninguén te escoita. Así se sentiron e así nolo contaron.

Desde Omnivoraz apostamos polos modelos agrogandeiros máis sustentables e respectuosos coa natureza e o medio ambiente, que polas súas técnicas extensivas son, precisamente, os máis expostos aos ataques da fauna salvaxe. A recente e polémica votación en que se decidiu prohibir totalmente a caza do lobo no Estado español puxo de moda un debate que, como todos os que afectan ao campo, deixará de estar de moda e as súas consecuencias —positivas ou negativas— serán ignoradas polos medios e pola opinión pública.

É sabido que esta medida lles achegará numerosas vantaxes no nivel emocional aos adeptos á prohibición da caza do lobo: sensación de vitoria, sentimento de comuñón coa natureza, crenza de que se trata dun logro social… Aspectos anímicos diferentes e múltiples que non nos compete valorar. Economicamente, a presenza do lobo non se traduce na recepción de subvencións por telo nun territorio e o chamado «turismo de lobo» é menos que anecdótico. No plano biolóxico, a alimentación do lobo a base de gando produce un inevitable desequilibrio no ecosistema.

Nós quixemos coñecer a experiencia e, en menor medida, a opinión dunha pequena comunidade de gandeiros que se viu fortemente sacudida polos ataques do lobo a todo tipo de reses. Desde o impacto económico nas explotacións ata as sensacións que experimentan cada vez que atopan unha res morta. Esta é a súa historia.

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

O lugar

Espiñarcao é unha das unidades mínimas de poboación que hai en España: un lugar dunha parroquia dun concello. Apenas corenta persoas residen nesta zona que fai uso do monte comunal de Romariz, no bordo da Serra do Xistral. Como en tantos outros lugares, as esixencias de produtividade e a emigración masiva converteron en forraxe, eucaliptos e aeroxeradores o que antes era trigo, castiñeiro, herba, froiteiras e outros cultivos a pequena escala.

A terra transformouse nun instrumento de produción a optimizar e xa non se pode contemplar doutro xeito. Electricidade, alimento para o gando e materia prima para a industria forestal é agora a realidade desta parte de Galiza. Con todo, os comuneiros apostaron pola gandaría e converteron cento sesenta hectáreas de monte baixo en pastos para as vacas de produción cárnica. Once gandeiros beneficiáronse inicialmente do proxecto. Un modelo que foi considerado exemplar ata que o lobo o puxo en xaque.

Hermes, un dos máis veteranos do lugar, lembra cando os veciños lle pagaban por cazar o lobo: «Saíamos dúas ou tres veces ao ano e cazabamos un lobo, como moito. Naquela época o gando tiña moito máis valor que agora e a súa protección era prioritaria. Cando se producía un ataque, saíase localizar o lobo, porque a supervivencia das familias dependía do gando. Nunca houbo problema por iso, nin sequera era necesario pedir autorización, era puro sentido común. Ben é certo que daquela apenas había lobos ou, se os había, rara vez os viamos».

É un xoves pola tarde e, malia o frío, a choiva e as ocupacións, somos recibidos por, polo menos, un veciño de cada casa. Teñen ganas de contar o que están padecendo. Estiveron meses conténdose ou desafogándose entre eles. Considéranse vítimas dunha inxustiza e queren dala a coñecer e propoñer as súas solucións. Saben que as súas ideas poden ser branco de críticas e desprezos, pero a indignación pesa máis que o que dirán.

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

Os ataques

Marcelino, o presidente da comunidade de montes, exerce de anfitrión. Leva semanas sendo a cara visible na prensa ante cada ataque: «Isto non é só cousa nosa. Aquí tocounos a todos, pero tamén houbo ataques en Moncelos, en Corvite, en Baroncelle… Por esta zona ningún lugar está libre dos lobos. Aquí sempre os houbo. Sempre. Pasaban polo monte e, unha ou dúas veces ao ano, levaban un xato. Era algo asumido, pero agora está desatado. Non hai semana en que non caia morta ou ferida unha res e cada vez sucede máis preto das casas e a plena luz do día. Levamos así máis de dous anos. Ata parece que coñecen os nosos métodos de traballo e que saben como actuar. Os poldros son as súas vítimas preferidas, porque os cabalos non se defenden como as vacas rubias. Así, na época de partos das eguas concéntranse nos poldros e, cando non os hai, atacan os xatos e as ovellas».

Tampouco as vacas leiteiras que viven estabuladas escapan dos ataques e xa se rexistraron mortes de xovencas ou vacas fóra de produción que estaban en prados preto das vivendas: «Tamén hai que recoñecer que temos certa responsabilidade no que pasa: como sabemos que o lobo anda preto, procuramos ter o gando cada vez máis próximo á casa, co que “obrigamos” o lobo a achegarse. Cando unha vaca está próxima ao parto tratamos de tela sempre á vista e sacámola do monte, pero nin así evitamos os ataques. Isto é un problema dobre, porque nos implica máis traballo e nos fai sacar as vacas do seu hábitat natural, que é o monte».

Neste punto afloran diferentes percepcións entre os veciños: hai os que se apuntan á teoría —moi estendida en Galiza— de que a Xunta realiza soltas periódicas de lobos na Serra do Xistral e noutras zonas de monte, e hai quen cre que iso son lendas. O certo é que ninguén asegura ser testemuña presencial nin dunha opción nin da contraria. «Para que imos discutir se ninguén viu nada? O problema non é ese», sentencia un veterano.

Outro debate é o da raza de lobo. Os maiores din que os actuais exemplares non son os que había antes: «Estes son doutra cor, doutra morfoloxía e parecen máis intelixentes. Os de antes atacaban moi de cando en vez, pero non tiñan medo. Os de agora nunca se enfrontan a un rabaño e buscan sempre animais que estean illados e, como as que acaban de parir ou os que acaban de nacer, teñan pouca capacidade de defensa». Esa actitude temerosa cos rabaños contrasta co feito de que os ataques se produzan a plena luz do día e a carón de vivendas e granxas.

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

«Os días seguintes ao ataque estás moi tenso. Na casa nótase o cabreo… Pasan mil cousas pola cabeza, e ningunha boa».

Dado que nos amosan fotos e vídeos e nos din exactamente en que lugar e en que data e hora foron vistos os lobos, non temos por que dubidar da palabra destes gandeiros. Máis que nada porque tamén nos ensinan os restos das reses mortas, os animais feridos e as follas de rexistro dos axentes medioambientais que dan fe dos ataques. Dos veciños presentes, só un di non ter visto o lobo polo momento, aínda que si que padeceu os ataques na súa explotación.

Non obstante, os ataques de lobo non só prexudican os gandeiros; para os xubilados pode ser mesmo peor: «Quen máis quen menos ten unha ou dúas vacas para ter con que encher o conxelador. As pensións de xubilación aquí son baixas e sempre hai fillos e netos que viven fóra e lles vén ben a carne. Un gandeiro pode seguir coa súa explotación, pero se ao xubilado lle matan unha vaca, provócanlle un dano enorme, porque ese animal é unha parte importante da súa dieta e sáelle gratis. Ademais de que axuda a manter limpos os terreos, ao cal están obrigados para evitar incendios».

Á marxe da perda económica, está algo que afecta a todos: o impacto psicolóxico. «Os días seguintes ao ataque estás moi tenso. Na casa nótase o cabreo. Pensas nos cartos que perdes, en como quedan os animais que sobreviven, nas voltas que terás que dar para pedir a indemnización, en como cumprir co cliente para o que era ese exemplar, en que tiveches mala sorte porque acababas de estar nese prado… Pasan mil cousas pola cabeza, e ningunha boa. E, se só fose unha vez, esquécelo, pero son moitas ao cabo dos anos. Iso deixa un pouso na mente, unha mestura de cabreo e de desesperación, porque sabes que vai volver pasar». Todo isto vese agudizado, din, cando tes que acompañar un animal na súa agonía, que pode durar varios días.

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

«As vacas, as ovellas e os cabalos que presencian un ataque xa non o esquecen. Algunhas morren polo estrés, outras deixan de dar leite e a maioría non come nin descansa o suficiente».

Para as estatísticas oficiais só contan as reses mortas durante os ataques de lobo, pero que pasa coas que resultan feridas?: «O 90 % morren aos poucos días, despois de ter gastado en antibióticos, desinfectantes e veterinarios un diñeiro que precisamos para outras cousas. E as que sobreviven quedan moi tocadas; moitas xa non son capaces de parir ou non se alimentan como deberan, porque o seu organismo está alterado». Ademais, os ataques afectan tamén ao gando que non resulta danado directamente: «As vacas, as ovellas e os cabalos que presencian un ataque xa non o esquecen. Algunhas morren polo estrés, outras deixan de dar leite e a maioría non come nin descansa o suficiente».

No que todos están de acordo é en que a poboación local de corzos se viu moi reducida, algo que achacan á presenza do lobo: «Antes viámolos todos os días e agora vemos máis o lobo que o corzo, é dicir, hai tantos lobos que están acabando co corzo, pero nin así lles chega e por iso atacan tanto o gando».

Medidas de protección

Unha resposta recorrente desde os ámbitos urbanos é a de que para combater o lobo é suficiente con pechar os terreos e, onde iso non sexa posible, utilizar cans de raza mastín. Ou combinar ambas as medidas. No entanto, na práctica non é tan simple: «Eu non podo utilizar mastíns porque os meus prados lindan co Camiño de Santiago e os peregrinos protestan pola suposta perigosidade dos cans. Tampouco podo permitirme pechar os terreos porque son cincuenta e catro hectáreas e non teño diñeiro para pagar o modelo de peche que resulta efectivo. É certo que hai liñas de subvención para erguer peches, pero son insuficientes para o tipo de materiais que esixen e para o número de gandeiros que teriamos que acollernos a elas. Por outro lado, están pensadas para prados de gandeiros particulares, sen ter en conta o modelo de comunidade de montes, que en zonas como esta é maioritario e que implicaría pechar centos de hectáreas con consecuencias de todo tipo para o ecosistema».

Abundando nos mastíns, a maioría de veciños apuntan que a capacidade deses animais é limitada e que non poden defender as ata duascentas cincuenta cabezas de gando que hai nestes montes en determinadas épocas. Particularmente, algúns dos afectados desconfían das aptitudes do can mastín ante unha manda de lobos famenta. «E, ademais, hai que dar de comer a eses cans, que non comen precisamente pouco». En Espiñarcao case todos os gandeiros teñen algún exemplar de mastín, mesmo un dos de maior dimensión conta con cinco, pero os datos indican que nin así se deteñen os ataques. Por iso, todos sinalan que os mastíns non son unha solución fiable.

Por toda Galiza era habitual, ata non hai moito, deixar animais mortos nas zonas máis afastadas para que serviran de alimento aos lobos e, así, manter afastado o depredador. Hoxe ninguén se atreve a facer algo semellante, porque as multas que impoñen o Servizo de Protección da Natureza —Seprona— ou Medio Ambiente son elevadamente disuasorias. «Quédanos a opción do “petón”, un simulador de disparos de escopeta, que funciona durante unha semana ou algo menos. Ao final o lobo afaise á frecuencia de disparo e acaba por ignoralo».

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

«Non se trata de exterminar o lobo, senón de que non haxa tantos, para poder seguir coa nosa actividade».

Marcelino cóntanos que, a partir dos primeiros ataques, acudiu dúas veces á sede da Xunta en Lugo, unha delas acompañado do alcalde de Abadín: «Fomos pedir unha batida ou calquera outra medida que eles puideran poñer en marcha. Dixéronnos, literalmente, que non podían facer nada porque se producirían denuncias de grupos ecoloxistas e animalistas». Nese caso, prosegue Marcelino, terán que ser eles os que denuncien a Administración por deixalos indefensos.

«Tampouco creo que as batidas esporádicas sexan efectivas. Eu propoño, e é unha opinión persoal, que elaboren un censo de lobos, como se fai cos gamos, e que nos entreguen un número de precintos igual ao número de lobos que se permite capturar». Nesta zona hai sobrepoboación de gamos, porque se introduciron nun terreo experimental e acabaron por fuxir e colonizar o monte. Non causan grandes problemas, pero tampouco convén que se descontrolen. Por iso, cada ano autorízase un número de capturas; unha solución que podería aplicarse ao lobo, segundo estes gandeiros, polo menos ata que a poboación se controle. «Non se trata de exterminalo, senón de que non haxa tantos, para poder seguir coa nosa actividade».

A medida que propón Marcelino prescinde das batidas específicas de lobo: «Se o cazador está no monte e atopa o lobo, podería cazalo mentres haxa cota para iso. Así tamén se poñería fin ás mortes accidentais e ao furtivismo». O problema é que desde a Xunta lles din que non hai suficientes lobos como para aplicar o sistema de precintos, pero tampouco saben dicirlles cantos lobos hai.

E que hai das indemnizacións? Nesta parroquia os prazos, os importes e incluso os conceptos varían enormemente duns casos a outros, sen que haxa unha explicación clara: «Podes tardar en cobrar dous anos ou unha semana. Ou poida que che paguen a metade do valor ou o importe íntegro. Mesmo podes chegar a cobrar polos animais que padecen secuelas ou morren por estrés, ou non cobrar nada polos mortos no ataque. É un pouco unha lotaría que ninguén nos acaba de explicar. O certo é que case a metade dos ataques non se denuncian, porque nos leva a un labirinto burocrático que non todos estamos dispostos a aturar». Póñennos o exemplo dunha becerra de cinco meses, que é unha das vítimas máis habituais; ten un valor de mercado duns seiscentos euros, pero o gandeiro acaba cobrando douscentos cincuenta euros cunha media de espera dun ano.

Os cabalos que se teñen como afección, non como gando, quedan fóra das indemnizacións. Aínda que hai que dicir que cun prezo medio de douscentos euros por poldro é inviable como recurso gandeiro. Tamén quedan fóra os cans caseiros, que xa morreron varios, e que non teñen valor económico, pero si un valor emocional incalculable.

O debate

A entrevista realizouse antes da polémica proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica de prohibir totalmente a caza do lobo en España. Non obstante, en Espiñarcao xa tiñan clara unha das claves do debate: «Se dividimos o número de lobos estimados que hai en España pola superficie total do Estado, por suposto que hai poucos lobos, moi poucos. Iso non está en dúbida e por ese motivo estamos a favor da súa conservación. A cuestión é que as poboacións están moi concentradas. Nalgunhas zonas de Galiza, xa non digo de España, está desaparecido, mentres que aquí temos máis do que podemos asumir».

Para completar a biodiversidade de fauna salvaxe nesta zona, a xabarís e lobos hai que engadirlles os voitres, de recente aparición e que, polo menos, non supoñen ningún tipo de problema por agora.

O debate sobre o lobo, ou, máis ben, o que consideran un excesivo proteccionismo, é algo que lles parece inxusto en relación con outras especies: «Aquí antes había troitas, perdices, lebres e coellos de monte. Todo iso desapareceu e ninguén dixo nada, non houbo unha soa protesta, pero, en canto se fala do lobo, os animalistas saen en manda a defendelo. Que clase de defensores dos animais son eses?».

Chámanos a atención a desaparición das troitas e preguntamos ao respecto. «Noutras zonas de Galiza desapareceron por culpa dos xurros, pero aquí non, porque se utiliza moi pouco e moi repartido. O problema está en que non se permite limpar as marxes dos ríos e créanse zonas de moita sombra onde os peixes non poden criar. Xa di o refrán que ninguén medra á sombra doutro…». Un caso máis no que a Administración desoe a experiencia.

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

«Se dividimos o número de lobos estimados que hai en España pola superficie total do Estado, por suposto que hai poucos lobos, moi poucos. Iso non está en dúbida e por ese motivo estamos a favor da súa conservación».

Os veciños recoñecen que a man do home tamén axudou á expansión do lobo. Hai cincuenta anos aquí non se coñecía a palabra «eucalipto» e agora son case omnipresentes. O feito de destinar terreos moi amplos a ese cultivo xera refuxios para o lobo e fai que desaparezan especies como a perdiz ou a lebre, que se alimentaban dos cereais e pastos que antes ocupaban a terra e que servían de alimento ao lobo. Tamén contribúe o feito de que estiveran anos sen poder sementar patacas por causa da praga de couza guatemalteca.

«Antes isto era unha agricultura de subsistencia. Chegabamos a cambiar dúas ducias de ovos por un litro de aceite, ou uns coellos por un bacallau. Lembro que vendiamos xamóns e mercabamos a “Marañona”, uns tacos de carne de porco salgada que traían de Salamanca. Todo o terreo tiña que producir, todos os recursos naturais eran necesarios e había xente en todas as casas para traballar. Agora somos pequenos empresarios gandeiros ou xubilados e o terreo emprégase de forma moi diferente, con moita menos variedade de usos». Este é un bo exemplo de que a «España baleirada» non só se baleirou de persoas, senón tamén de elementos etnográficos e de biodiversidade.

Á nosa pregunta de se cren que o problema que están a padecer cos lobos se vai solucionar, Marcelino contesta con rotundidade: «Eu estou convencido de que si. A situación é cada vez peor e non poden mirar cara a outro lado. Máis pronto que tarde, a Administración terá que tomar medidas, incluso para defender o propio lobo, porque, se seguen os ataques e as perdas económicas, chegará o momento en que a xente empece a defender o gando pola súa conta. E non creo que iso lle interese á Administración. Se non fose pola presión de grupos ecoloxistas e animalistas, isto xa se tería arranxado. Hai vontade política, pero de momento pesa máis o medo a eses colectivos. Son individuos que fan moito ruído nas redes sociais e aparentan mobilizar moita xente, e quizais nós estamos demasiado calados».

Marcelino indica que, sempre que hai problemas cos lobos ou xabarís, son os cazadores os que toman a iniciativa: «E non debera ser así. Os gandeiros e as comunidades de montes somos as vítimas da fauna salvaxe e os que deberiamos estar máis unidos en defensa do noso medio de vida. A maioría dos cazadores só buscan pasalo ben, non axudarnos a nós. Entón, por que eles poden solicitar as montarías e os comuneiros non? Cando pedimos unha batida de fauna salvaxe, sempre nos din que temos que falar co presidente do couto de caza. Á parte de que nesta parroquia non hai cazadores».

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

«Os gandeiros e as comunidades de montes somos as vítimas da fauna salvaxe e os que deberiamos estar máis unidos en defensa do noso medio de vida».

Vítimas de tópicos e invisibilidade

A diferenza de trato é algo que indigna estes comuneiros. Consideran que, pagando os mesmos impostos que o resto de cidadáns, non reciben os mesmos servizos nin a mesma atención: «Se no centro de Lugo hai unha praga de ratas ou rompe unha tubaxe, non tardan nin un día en arranxalo. Aquí, en cambio, ante un problema que afecta a todos os veciños, non se toma nin unha soa medida, actúase como se o problema non existira».

Tamén lles molesta que se lles bote en cara o cobro das subvencións da Política Agraria Común —PAC— e doutras axudas ao sector gandeiro: «Poucas ou ningunha empresa haberá que non reciban subvencións públicas, e as nosas están condicionadas a facer que o territorio produza e se conserve en bo estado, ao mantemento de razas autóctonas ou ás boas prácticas medioambientais. Hai quen di que o cobro da PAC fai que non teñamos dereito a protestar, pero iso non é así. A PAC é a que permite que sigamos producindo alimentos accesibles en prezo para a economía das cidades, é a que impide que os prezos finais se disparen, e é tamén o recoñecemento ao noso coidado do solo europeo».

Estes veciños aseguran que, malia teren sido noticia en repetidas ocasións polos ataques, non recibiron ningún apoio dos sindicatos agrarios, partidos políticos ou asociacións gandeiras. Ninguén os chamou e moito menos se achegou a falar con eles.

Aínda así, resístense a crer que haxa un plan preconcibido para desfacerse deles, de xeito que todo este territorio quede á disposición dos parques eólicos e as plantacións de eucalipto: «Fálase moito do valor do ecolóxico e de recuperar o rural. Iso pasa por que haxa explotacións como as nosas co gando libre no pasto. Se non, de onde vai saír a carne? Porque esta non é como a dos cebadeiros industriais, non ten nada que ver, é un produto de alta calidade». Aínda que si que aseguran que hai máis preocupación por que se extinga o lobo que por que se extingan os gandeiros extensivos. «Agora ben, se nós pechamos, o lobo non tarda un día en marchar de aquí. Iso tamén deberían telo en conta os que mandan».

Espiñarcao: cuando nadie te escucha — Omnivoraz

«Non pode ser que todo o custo recaia sobre nós para que xente que nunca viu nin verá o lobo se sinta satisfeita na súa cidade».

Por suposto, non poderiamos rematar esta reportaxe sen preguntarlles que lle dirían a toda esa xente que se opón á caza do lobo e que esixe que os gandeiros paguen do seu peto peches, mastíns e demais medidas, a pesar do seu elevado custo e de que existan medidas alternativas: «Diriámoslles que viñeran traballar aquí un par de anos, coas nosas rendas e os nosos condicionantes. Saíndo aos prados neve ou trone; atendendo partos de madrugada; co lobo atacando cada semana o seu medio de vida, e vendo como raro é o mes no que non se che vai un 15 o un 20 % do teu diñeiro entre as súas fauces. Seguro que, pasado ese tempo, como mínimo serían capaces de entendernos, cousa que agora non fan porque nin sequera escoitan». Un dos veteranos engade: «E que entendan que, se queren lobos, teñen que poñer cartos do seu peto a través dos impostos. Non pode ser que todo o custo recaia sobre nós para que xente que nunca viu nin verá o lobo se sinta satisfeita na súa cidade».

Para finalizar, déixannos unha reflexión: «Ningún de nós, e cremos que falamos en nome de todos os gandeiros de Galiza, quere que o lobo desapareza. Ningún. Queremos que siga presente en territorio galego. En cambio, os animalistas, os ecoloxistas e os grupos afíns a eles están desexando que nós desaparezamos por completo. Non obstante, parece que os malos somos nós. Sen dúbida, non soubemos explicarnos. Ou non nos deixaron…».


LE TAMÉN:

O lobo. Un conflito co que hai que convivir

El lobo. Un conflicto con el que hay que convivir — Omnivoraz

Etiquetas:
, , ,