Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz

Desenvolvemento rural: colapsos e consecuencias. A análise de Xosé Constenla Vega

Unha reportaxe realizada coa colaboración e aportacións de Xosé Constenla Vega (Doutor en Xeografía).

O territorio cambiou profundamente nos últimos anos. A realidade reflicte que o cesamento da actividade rural trouxo como consecuencia o abandono en sentido amplo da supervivencia das persoas, dos medios de vida, do territorio e, en suma, dun sistema social e ambiental que definitivamente cambiou e non ten volta atrás. En Omnivoraz recollemos, en senllas reportaxes, a voz de Xosé Constenla e Edelmiro López Iglesias, dous especialistas na materia que nos falan do territorio, das súas experiencias e de posibles alternativas.


«Desposuíronnos da nosa forma de relacionarnos co territorio»

Xosé Constenla Vega

Doutor en Xeografía. Profesor de Didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Vigo. Gañador do prestixioso premio Ramón Piñeiro de ensaio.

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz

O colapso territorial: a imposibilidade de demostrar a nosa identidade

Entre o ano 1985 e 2005, Galicia experimenta un xiro global no aproveitamento das terras agrícolas. O 43% da superficie agraria cambia de uso e destaca, por exemplo, o acusado índice de transformación das terras con mellores aptitudes, que son destinadas á urbanización ou forestadas con especies de crecemento rápido.1 Como rechamante é o elevado índice de abandono que se rexistra en zonas do oriente galego, así como no sur de Ourense. O que noutrora eran terras de produción, hoxe en día son un continuo de matogueira cuxa persistencia supón, ademais da perda de territorio e superficie agraria útil, un combustible para unha das catástrofes que máis padece o territorio: os incendios forestais.

A finais da década de 1970 Abel Bouhier describía con precisión cartesiana, nun monumental estudo xeográfico, o modelo de ocupación territorial e as complexas relacións que supoñía o chamado Sistema Agrario Tradicional.2 Neste vello complexo todo encaixaba nun conxunto ordenado, cuxos equilibrios se mantiñan practicamente inalterados desde a Idade Media. O territorio supoñía un activo fundamental para un sistema económico profundamente autosuficiente e practicamente independente.

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz

A acelerada transformación dos sistemas agrarios, froito da demanda de man de obra no medio urbano e a posterior especialización gandeira dalgunhas zonas, provocou un acusado desprazamento da poboación e o abandono do complexo agrario tradicional. Este proceso cambiou definitivamente a face do medio rural, derivando na quebra definitiva do medio anterior e das relacións de identidade vinculadas ao territorio. É o que Xosé Constenla denomina «colapso» e define como «o sumatorio dun conxunto de síntomas como a turistificación, a urbanización desordenada, o feísmo e o envellecemento, ademais da dotación de infraestruturas de dubidosa demanda social». Un proceso que conduce «á perda dramática de biodiversidade funcional e ambiental e tamén dos usos sociais de humanización do territorio, en tanto que forma de relación co mesmo. Isto sucede en detrimento dunha certa mobilidade xeográfica que non ten en conta a contorna». Como resultado obtemos unha contorna menos complexa, e esta situación de caos provoca «un colapso, entendido como estado que impide mostrar a nosa identidade».

Para entender o que sucede, Constenla reivindica o papel da análise xeográfica e dos procesos espaciais. Así, presenta o Sistema Agrario Tradicional como «unha matriz complexa pero débil, baseada na produtividade como principal potencia do sistema, cuxas aldeas presentan un deseño que respecta o medio produtivo e cunha rede viaria asentada». A partir da ruptura con este sistema comezan a instalarse infraestruturas industriais, vivendas e rede viaria en zonas agrarias de boa disposición. Ao chegar a este punto pérdese todo o positivo que posuía o Sistema Agrario Territorial, en canto a fomentar e manter relacións entre a comunidade humana e a terra: «Desposuíronnos da nosa forma secular de ocupar e relacionarnos co territorio».

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz

«Rural e urbano forman parte do mesmo sistema. Non podemos ter potencias urbanas sen potencias rurais».

Corresponsabilidade entre o rural e o urbano: unha vía para resolver problemas mutuos

Para Constenla, a suposta dualidade urbano-rural fixo moito dano á realidade territorial galega, xa que «rural e urbano forman parte do mesmo sistema». Esta competencia entre ámbitos foi un dos grandes erros teóricos que se cometeron pois, «a medida que asumimos este suposto, empezamos a debilitar todas as pezas que compoñen o territorio». Este concepto tería que reverterse, partindo de que «non podemos ter potencias urbanas sen potencias rurais», e iso debería traducirse en certas sinerxias de colaboración e concienciación mutua entre ambos os mundos.

O autor estima que a palabra «corresponsabilidade» define á perfección esta taxa de traballo compartida entre dous mundos erroneamente separados. Na súa opinión, «hai que facer un gran traballo de colaboración entre persoas que viven nos dous ámbitos», porque se complementan e porque se necesitan. Con exemplos prácticos, argumenta a necesidade de que as persoas situadas no mundo urbano entendan e compartan os problemas rurais e viceversa, para que as dinámicas flúan e sexan unha vía coa que resolver problemas mutuos. Por outra banda, considera que «desde a chegada do estado autonómico, en Galicia só houbo unha situación de desgoberno que nos levou a este escenario», porque non soubo dar respostas acordes á realidade galega e xerou un certo estado de «doutor Jekyll e Mr. Hyde».

Cambiar o que sucede a nivel territorial esixe construír, desde os cimentos, «espazos alternativos de comercialización de produtos por parte dos produtores e dos consumidores». Unha vez establecidas estas redes, necesitaríase «a superestrutura, entendida como a necesaria base política para poñer en marcha os procesos de colaboración e comercialización entre as persoas».

Cando o sector se instala en lóxicas economicistas e cando desde o mundo do consumo procúrase só o máis barato, cometemos un erro básico, xa que «a co-responsabilidade ten que ser mutua». Esta relación entre produtor e consumidor, que xa funciona noutros lugares de Europa, non é tan eficaz en Galicia «porque existe un déficit educativo brutal». Unha carencia que impide tomar conciencia de que «ao comprar un litro de leite procedente doutro sistema produtivo, en realidade estamos a debilitar noso propio modelo territorial».

Ao falar de soberanía enerxética e alimentaria estamos a falar de «un modelo de territorio concreto, que palíe ou evite situacións como as actuais». Con todo, Constenla sostén que en Galicia nunca se fala de conciencia, «porque o que convén é un territorio sen xente, estragado, para minas ao descuberto ou grandes infraestruturas», todo iso sempre unido a un compoñente de «minusvaloración do noso».

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz

«Hai concellos en Galicia que teñen máis número de titulares catastrais que habitantes».

Déficit de ordenación territorial e lóxicas capitalistas: un lastre para o desenvolvemento

O xeógrafo considera que existe «un déficit de ordenación do territorio que se mantén sen definir», e que lastra moito as capacidades de desenvolvemento. Nos últimos anos fóronse trazando usos e potencialidades do territorio «en función de plans urbanísticos, e non sobre as potencialidades de cada área e dunha aposta decidida polos sectores». Con todo, ordenar tamén esixe condicións e, unha vez establecidas as potencialidades e os usos, deberiamos saber renunciar a aquilo que vexamos que non é posible explotar.

A concepción mercantilista que se instalou no territorio supón un salto cualitativo enorme, pois «as parcelas agrarias convertéronse en solares que xeran expectativas económicas e permiten ter as superficies paradas. Esta situación, xunto coa fragmentación da propiedade e o desuso, lévanos directamente ao abandono». As estatísticas que aparecen no seu libro arroxan datos realmente preocupantes: «Hai concellos en Galicia que teñen máis número de titulares catastrais que habitantes».3

Por que se optou polo forestal cando hai rendementos económicos agrícolas maiores? Constenla responde que «o viño foi o sector especializado por definición, xa que a horta é escasa e o mundo gandeiro ten os seus altibaixos». Nunha PAC —Política Agrícola Común— deseñada para Francia, que non acepta que a agricultura se expoña en función das necesidades do propio país, houbo que elixir entre as alternativas posibles. «En Galicia hai dous elementos de distorsión, que son a industria da celulosa e a do conglomerado». En conivencia cos gobernos autonómicos dispúxose o País para producir para estes dous elementos, «co que se cargaron moitísimas potencialidades, como a industria do moble, os pequenos froitos e outros aproveitamentos do monte. Incluso a posibilidade de aproveitar madeira para construción e outras fórmulas tecnolóxicas que darían máis valor engadido aos nosos montes».

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz

A diseminación de construcións que observamos hoxe en día é «unha consecuencia do desenvolvemento de mediados e finais de 1960, coa capitalización da renda agraria e as divisas chegadas da emigración». O modelo actual, «con casas á beira da estrada de forma continua», non existía previamente. En palabras do entrevistado, se un compara unha foto aérea de 1956 con outra actual, descubriremos que «o territorio tiña un modelo de ocupación máis consolidado», sen proliferación de grandes instalacións para actividades pseudo-industriais. Outra característica é que, nesa mesma imaxe de 1956, tampouco existían as masas forestais de especies de crecemento rápido, xa que «o monte integraba unha parte do sistema». Esta panorámica incide na problemática de perda de identidade e desarraigamento co territorio.

É necesaria unha interpretación xeográfica que complemente a visión técnica e produtivista do territorio, e que contribúa a explicalo de forma completa e multidisciplinar. Descargar a responsabilidade dos usos do territorio en mans de sectores técnicos, que poden estar ao servizo dunha ou varias empresas, adoita conducir «a unha única dirección produtiva» e dinamitar a xestión ao servizo das persoas. O autor sinala que se investiron altas cantidades de recursos en factores con pouco valor engadido —«pensouse no turismo e no sector forestal, que achegan pouco valor ao conxunto»—, mentres que outros sectores quedaron desertos. Todo isto obedece a «lóxicas capitalistas que non necesitan sectores produtivos» e, por tanto, nunca contemplan o territorio como factor identitario e necesario para o desenvolvemento humano.

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz

«É necesario auto-organizarse e ser conscientes do valor do consumo e do valor da produción, máis aló dun resultado simplemente económico».

O futuro: ideas fundamentais nas que investir

O problema do caos territorial tamén pode analizarse desde un punto de vista humano: «Na actualidade, e de cara ao futuro, non é posible pensar na reversión territorial a modelos de ocupación semellantes aos de mediados ou inicios do século XX». Pero colapso tamén significa oportunidade e, en opinión de Constenla, debería realizarse unha cartografía que reflectise potencialidades e recursos para dotarse de espazos onde poder vivir no futuro. Buscar esas áreas de proximidade das zonas urbanas e «apoiar os proxectos de desenvolvemento que se xeran por parte das persoas e colectivos, sen gastar demasiado diñeiro en sisudos plans de desenvolvemento rural, senón máis ben en apoiar aquelas cabeceiras comarcais e pequenos núcleos que aínda manteñen xente nova». Como visión de futuro, o autor remarca tres ideas fundamentais nas que investir:

  • Establecer unha ordenación do territorio sen pensalo tan só como sectores illados, tendo en conta as súas complexidades e conexións.
  • Educar ás capas sociais en coñecemento da realidade inmediata, na co-responsabilidade entre produtores e consumidores, na importancia do territorio e dos seus factores produtivos.
  • Establecer unha nova relación entre humanidade e natureza, sendo conscientes de que os factores naturais son limitados e que o consumo non ten carácter infinito.

E como factor práctico, conclúe afirmando que «é necesario auto-organizarse e ser conscientes do valor do consumo e do valor da produción, máis aló dun resultado simplemente económico». Isto evidentemente debe trasladarse ao práctico, «repensar o sistema, os salarios, a educación, a relación entre nós e mesmo a necesidade de incorporar xente, non só desde un punto de vista da natalidade, senón pensar en persoas que poidan vir e iniciar proxectos creando esas redes e co-responsabilidades».

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz

NOTAS

1 Corbelle Rico, Eduardo; Crecente Maseda, Rafael; «Urbanización, forestación y abandono. Cambios recientes en el paisaje de Galicia, 1985-2005», Revista Galega de Economía, vol. 23, núm. 1, enero-junio, 2014, pp. 35-51, Universidade de Santiago de Compostela.
2 Bouhier, Abel; La Galice: essai géographique s’analyse e d’interpretation d’un vieux complexe agraire, 2 vols, La Roche-sur-Yon (Vendée), s.n. (Imp. Yonnaise).
3 Constenla, X.; O Colapso Territorial en Galiza, Ed. Galaxia, 2018. Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018.


LE TAMÉN:

Desenvolvemento rural: colapsos e consecuencias. A análise de Edelmiro López Iglesias

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Edelmiro López Iglesias — Omnivoraz