Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Edelmiro López Iglesias — Omnivoraz

Desenvolvemento rural: colapsos e consecuencias. A análise de Edelmiro López Iglesias

Unha reportaxe realizada coa colaboración e aportacións de Edelmiro López Iglesias (Profesor de Economía) e Eduardo Corbelle (Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo).

O territorio cambiou profundamente nos últimos anos. A realidade reflicte que o cesamento da actividade rural trouxo como consecuencia o abandono en sentido amplo da supervivencia das persoas, dos medios de vida, do territorio e, en suma, dun sistema social e ambiental que definitivamente cambiou e non ten volta atrás. En Omnivoraz recollemos, en senllas reportaxes, a voz de Xosé Constenla e Edelmiro López Iglesias, dous especialistas na materia que nos falan do territorio, das súas experiencias e de posibles alternativas.


«O territorio é produto da actividade humana»

Edelmiro López Iglesias

Profesor de Economía na Universidade de Santiago de Compostela. Asesor na comisión de estudo dos incendios forestais creada polo Goberno Portugués. Director Xeral de Desenvolvemento Rural no Goberno da Xunta de Galicia no período 2005-2009. Combina labores de investigación sobre a propiedade da terra e aspectos de desenvolvemento.

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Edelmiro López Iglesias — Omnivoraz

Tres grandes áreas coas que definir Galicia: rural urbanizado e forestado, rural activo e rural abandonado

«O territorio é produto da actividade humana», afirma Edelmiro López como punto de partida. «Ata mediados do século XX, todo o territorio galego estaba humanizado e xestionado de forma razoable —desde o punto de vista ambiental—. No medio rural de entón habitaban máis de oitocentas mil persoas que o traballaban e mantíñano a cambio duns niveis de vida totalmente inaceptables, non só comparado coa actualidade, senón coa propia Europa de entón». En canto as circunstancias foron propicias, a maioría destas persoas deixaron o campo e o resultado foi a desaparición das actividades que mantiñan o territorio humanizado e, en certo xeito, ordenado. «Fóronse configurando moitos territorios distintos dentro da nosa xeografía, aínda que na actualidade podería dividirse o territorio en tres grandes áreas: unha que mantén actividade agraria, unha abandonada e unha que está urbanizada e forestada», segundo demostraron Eduardo Corbelle e Rafael Crecente, apoiados nunha gran base cartográfica.1 Por tanto non se pode falar de abandono en xeral, senón dunha diferenciación nas tres áreas descritas —ver Figura 1—:

  • Rural urbanizado e forestado: Incluiría áreas costeiras, franxa atlántica e contornas periurbanos cun crecemento brutal da masa arbórea, á vez que se expande a superficie urbana. O choque entre os dous usos dá lugar á interface urbana forestal.2
  • Rural activo: Interiores das provincias de Lugo e A Coruña, comarca do Deza —Pontevedra— e algunha zona de Ourense con uso agrario do territorio moito máis intenso, nos que o territorio agrario non retrocede, senón que avanzou.
  • Rural abandonado: Aquel que acolle o terzo oriental de Lugo e a maior parte da provincia de Ourense. Desaparecen os usos tradicionais, retrocede o espazo de cultivo e pasto, e avanza a matogueira e algunhas zonas frondosas, pero non de forma ordenada.
Desenvolvemento rural: colapsos e consecuencias — Edelmiro López Iglesias — Omnivoraz
Figura 1 — Mapa de usos da terra
Este mapa mostra as diferentes zonas do territorio galego, clasificadas segundo os seus usos actuais en seis grupos que ilustran a realidade contemporánea en canto a ocupación. Os datos, de Rafael Crecente e Eduardo Corbelle — Universidade de Santiago de Compostela—, son extraídos a nivel parroquial e, sobre eles, superpóñense os límites dos concellos para maior claridade xeográfica.

Os problemas do contacto entre o urbano e o forestal

López Iglesias detense na problemática das zonas de interface urbano-forestal no territorio galego: «A superficie de contacto entre áreas urbanizadas e superficies forestais é cada vez máis ampla e xera un problema desde o punto de vista do risco de incendios. O abandono e forestación de antigas terras agrarias sen ningún tipo de ordenación levou ás árbores cara ás casas. Ao mesmo tempo, nas zonas de expansión urbana —a contorna de Vigo é moi significativa—, situou casas e instalacións no medio das áreas de monte, creando un problema de seguridade cidadá».

A presenza destas zonas de contacto, cada vez máis acusada, lévanos á necesidade de recorrer a medidas de carácter urxente, como no seu día foino «o establecemento de bandas de protección ao redor dos núcleos»3 e que aínda agora están a empezar a aplicarse. O profesor argumenta que o problema dos incendios xa demandaba estas medidas hai anos, «aínda que non son unha solución a longo prazo». A interface urbano-forestal «non se vai a solucionar con roza», xa que o clima, o chan e o crecemento da vexetación en Galicia fano inabordable: «A forma de evitar que isto se converta nunha polvoreira é recuperar usos agrícolas e gandeiros tendo, entre outras, superficies de pasto con animais que as coiden, ou implantar cultivos leñosos, por exemplo».

No rural urbanizado e forestado, o problema é «a ordenación, a intervención pública no manexo desta superficie». Nestas zonas cabería «unha intervención pública decidida para evitar que crezan piñeiros e eucaliptos nas parroquias urbanas, pero tamén para limitar que a xente constrúa un chalé onde lle dea a gana».

«No pasado, o territorio era xestionado á conta de ter unhas condicións de vida moi precarias. Na actualidade isto acabouse».

Quen xestiona o territorio e con que obxectivos?

Nas zonas rurais onde se mantén unha maior actividade, as explotacións gandeiras xestionan o 21% da superficie, á que habería que engadir un 8% de dedicación forestal. «Quen xestiona o resto e con que obxectivos? —pregúntase o entrevistado—. Porque ou ben realizamos actividades sustentables economicamente, que xeren unha renda que permita vivir dignamente, ou ben actividades que cumpran funcións ambientais, que teremos que pagar entre todos». López cre que «non somos conscientes de que, no pasado, o territorio era xestionado por centos de miles de persoas que vivían da actividade agraria e, por iso, estaban ocupadas todas as aldeas». Con todo, aquilo non era «un mundo paradisíaco», dado que o territorio xestionábase «á conta de ter unhas condicións de vida moi precarias. Na actualidade isto acabouse, porque non imos ter por centos de miles de persoas de volta ao territorio».

Por unha banda, dispoñemos de explotacións que xestionan unha parte do territorio de forma máis ou menos profesional e intensiva, «e é aquí onde ten sentido o banco de terras, para outorgar máis superficie ás explotacións que quedan, xa que poderían xestionala e impulsar a sustentabilidade propia desde un punto de vista ambiental e económico».

Por outra banda, haberá unha porción do territorio que acabará dedicándose á produción forestal. Temos 1,2 millóns de hectáreas de monte que aínda non contan con ningún tipo de plan de xestión, e aquí xorden dous problemas destacables: «O primeiro, que se fai coas superficies das comunidades de montes que xa non contan con persoas para xestionalas? E o segundo, quizais maior: que se fai coas superficies de monte particular nas que a estrutura parcelaria e a pequena dimensión dificultan a xestión?». Neste punto o profesor pregúntase quen o vai a xestionar —sen xente—, e como o facemos viable. Ata agora o problema foi esquivado e, nas súas palabras, «xestionouse como os avestruces, escondendo a cabeza», pero terá que afrontarse nalgún momento.

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Edelmiro López Iglesias — Omnivoraz

«Deseñar un futuro para o medio rural, sobre todo para aquel que está en abandono, esixe observar que demanda a sociedade e que pode ser rendible».

Deseñar un futuro para o medio rural abandonado

Edelmiro López sostén que a xestión do medio rural abandonado «habería que resolvela apoiando as iniciativas que saian dos xestores do territorio, impulsando aquelas que teñan un mínimo de sentido». As superficies de pasto implantadas en Ancares foron un bo exemplo,4 aínda así, haberá que complementalo cunha xestión pública. Nesta liña, cabería «non poñerse exquisitos á hora de apoiar certas iniciativas en zonas onde o abandono é grande, senón ofrecer algunhas pautas a quen as traballa para que, por exemplo, non plante piñeiros na Serra do Xurés. Tamén darlle unha retribución adecuada como parte da súa función ambiental, e explicarlle á poboación que o feito de unha persoa plante e manteña especies autóctonas ten certo custo para el, así que llo imos a pagar entre todos. Este é o sentido das axudas ambientais e doutras que, ata agora, non se empregaron aquí».

«Debemos ter claro que o rural que poidamos construír de agora en diante non vai ser igual ao que deixamos atrás. Desde certos sectores, nas últimas décadas enfrontámonos á problemática derivada dunha melancolía polo que puido ser e non foi co medio rural. E, a maiores, padecemos unha especie de mala conciencia por deixalo caer. Por todo iso, algunhas políticas públicas destináronse a paliar a mala conciencia ou a frear a melancolía e, así, en lugar de deseñar o que poderiamos facer co que temos, gástase certa cantidade de fondos públicos en tentar conseguir que volva ser como era».

Dar unha solución a todo este armazón de problemas é moi complexo: «Deseñar un futuro para o medio rural, sobre todo para aquel que está en abandono, esixe observar que demanda a sociedade e que pode ser rendible. Esta rendibilidade pode vir en forma de bens para o mercado ou con funcións non mercantís, como servizos ambientais e outros de carácter social. Finalmente, deberían establecerse políticas públicas para impulsar que ocorra aquilo que necesitamos». Entre elas, Edelmiro López considera necesarias as seguintes:

  • Medidas que afronten a mobilidade da terra: «Trasladar á sociedade que é necesario cambiar o equilibrio entre usuarios e propietarios das terras, é dicir, ou ben ceder a terra ou ben establecer algún camiño que permita o seu uso para evitar o abandono. Esta medida poderíase poñer en marcha sen empregar grandes sumas, aínda que require de certa “enxeñería social” para cambiar mentalidades».
  • Apoios públicos «para orientar o rural a actividades que xa existen no territorio, pero que se deben desenvolver, tales como a extensificación, o uso de superficies en zonas de abandono, etc.».
Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Edelmiro López Iglesias — Omnivoraz

«A sociedade debe asumir que, se queremos bos alimentos, un medio rural vivo e condicións de vida dignas, a alimentación será un pouco máis cara».

Comercialización e control dos mercados: claves para desenvolver proxectos agropecuarios

López Iglesias considera que «no desenvolvemento de proxectos agropecuarios centrámonos máis na oferta e non nos paramos a pensar na demanda dalgúns produtos. Desde este punto de vista investíronse moitos esforzos en acometer grandes proxectos, obras e melloras para as explotacións, pero non sempre depende de que teñas produtos, senón de dedicar algo de diñeiro e esforzo á súa comercialización. Nas épocas de ganancia deberían afrontarse proxectos de comercialización, algo ao que non se dedicaron iniciativas suficientes».

Ligados ao problema da comercialización, aparecen os excesos de oferta de produtos procedentes de mercados alleos, que desvirtúan os propios. Edelmiro López sostén que «ideoloxicamente asúmese que o mercado liberalizado é o mellor dos mundos posibles. Isto provoca dúas situacións: unha brutal presión en prezos de produtos importados de lugares con condicións socioeconómicas moi distintas e, ao mesmo tempo, que no mercado interno impere a lei da selva, en tanto que o grande come o pequeno. Todo iso, ademais, nunha sociedade que asume que os alimentos forman parte do low-cost». Unha sociedade que dá por boa esta suposición explica, en parte, os baixos salarios e as malas condicións de traballo das persoas vinculadas ao medio rural. En Galicia, cuxas explotacións teñen menor dimensión, «cobra protagonismo a autoexplotación do titular da explotación, aínda que tamén, en menor medida, a explotación do asalariado».

O cambio de situación pasaría por «asumir desde o ámbito público que os mercados necesitan certo control, desde os puntos de vista interno e externo». Para iso debería recuperarse, sobre todo a nivel europeo, unha maior capacidade de regulación, e que esta sexa máis clara entre os elementos da cadea de produción. Todo iso depende dun factor adicional, o prezo: «A sociedade debe asumir que, se queremos bos alimentos, un medio rural vivo e condicións de vida dignas, a alimentación será un pouco máis cara, ao redor dun 5% máis».

Para o profesor, o ideal sería unha certa regulación do mercado internacional de produtos agrarios. Mentres non se consiga, trátase de saber como xogar o mellor posible nestes mercados, o que pode facerse de dúas formas: «indo a custos ou a diferenciación». O que sucedeu co leite, rebaixando as ganancias por litro á conta de producir moitos litros, non é repetible en todos os sectores. Entón habería que optar por presentar as opcións de mercado «xogando coa diferenciación, que pode outorgar un maior valor engadido aos produtos propios, ao estilo do sucedido co viño ou coa carne de vacún».

«Deberiamos preguntarnos como acometer o proceso de desintensificación das explotacións para facelas máis sustentables ambientalmente».

A viabilidade das pequenas explotacións

Preguntado pola viabilidade das explotacións de pequena dimensión, Edelmiro López vai ao fondo do que entendemos por este concepto: «Ás veces, cando falamos de “pequena explotación” referímonos en realidade a unha “micro-explotación”, que conta con dúas características fundamentais: trátase dunha actividade complementaria e asóciase a un certo virtuosismo ambiental». Para el non existe unha relación directa entre tamaño e sustentabilidade, «porque, que unha explotación sexa pequena non implica directamente sustentabilidade ambiental», do mesmo xeito que dubida de que as que consideramos “grandes explotacións” realmente o sexan. Neste sentido, considera un erro as etiquetas, pois nin unha explotación de cen ou cento cincuenta vacas xestionada por dúas ou tres familias «está vendida ao capital», nin unha micro-explotación é un exemplo de sustentabilidade.

En todo caso, e comparándonos con Europa, o que chamamos explotacións de gran dimensión serían explotacións medias. Agora ben, todo iso non debe afastarnos dos problemas vinculados ao seu carácter máis intensivo, nin do feito de que «deberiamos preguntarnos como acometer o seu proceso de desintensificación para facelas máis sustentables ambientalmente. A realidade reflicte que hai sitio para tipos de explotacións moi distintos e, dentro deles, poderiamos ter algunhas explotacións hortícolas de pequena dimensión que se refiren aos mercados de proximidade e que poden xogar un papel na agricultura de Galicia —limitado, pois a maior parte da poboación compra nas grandes áreas de distribución—. Logo teríamos as explotacións familiares modernizadas, nas que o gran reto sería reducir eses aspectos perniciosos que as fan menos sustentables ambientalmente».

López Iglesias considera que o futuro das explotacións de micro-dimensión «depende de que haxa miles de voluntarios que estean dispostos a realizar este traballo no territorio», coa escasa marxe de ganancias que obteñen. Se son moi pequenas, «ou ben a renda é moi baixa, ou venden os seus produtos a prezos tan altos que só se dirixen a un nicho de mercado moi concreto, tipo gourmet, algo que está moi ben, aínda que cabería preguntarse canto mercado hai para isto».

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Edelmiro López Iglesias — Omnivoraz

«Non é racional que teñamos centos de miles de hectáreas abandonadas mentres que, ao mesmo tempo, entran polos portos grandes cantidades de alimentos para suplir o que se podería producir aquí».

Traballo futuro: ampliación da base territorial e reeducación dos gandeiros

En relación ao acontecido entre o crecemento das explotacións e a dispoñibilidade de superficie para mantelas, o profesor opina que «non é racional que teñamos centos de miles de hectáreas abandonadas que lle supoñen un custo á sociedade —cos incendios forestais, por exemplo—, mentres que, ao mesmo tempo, entran polos portos grandes cantidades de alimentos para suplir o que se podería producir aquí».

Definir todo isto pasa por explicar o contexto que nos levou ata aquí: «A ausencia dunha visión nas políticas públicas que tivese conciencia do problema da terra, xa desde antes da entrada na CEE —Comunidade Económica Europea—. Os gandeiros non tiveron a culpa dos problemas derivados da estrutura de propiedade, e optaron por dimensionarse na medida que o contexto llo permitiu: cargas gandeiras elevadas, grandes instalacións, alimentación a base de concentrados, etc. Ao non existir ningunha orientación pública sobre como dimensionarse, nin que guiase ou contribuíse a liquidar os problemas da terra, os gandeiros optaron por asesorarse polas persoas que, interesadamente, acudían á súa explotación e que lles aconsellaban acometer grandes investimentos para adaptarse ao modelo produtivo que se lles puxo diante».

Como conclusión, apunta que o traballo a partir de agora implicará «ampliar a base territorial e unha certa reeducación dos gandeiros, que teña por obxectivo volver manexar a terra e os cultivos. Sería moito máis importante reorientar os sistemas gandeiros cara a modelos máis extensivos e sustentables que seguir nun no que teñamos explotacións moi intensivas e con pouca base territorial».

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Edelmiro López Iglesias — Omnivoraz

NOTAS

1 Corbelle Rico, Eduardo; Crecente Maseda, Rafael; «Urbanización, forestación y abandono. Cambios recientes en el paisaje de Galicia, 1985-2005», Revista Galega de Economía, vol. 23, núm. 1, enero-junio, 2014, pp. 35-51, Universidade de Santiago de Compostela.
2 Chas-Amil, María L.; Touza, Julia; García Martínez, Eduardo; Delimitación de la interfaz urbano forestal en Galicia, 6 Congreso Forestal Español, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo.
3 Ley 3/2007 de prevención y defensa contra los incendios forestales en Galicia, DOG 17 de abril de 2007.
4 Brocos, Gonzalo; «Gústame a gandería, vivir nos Ancares e a xente daquí», Campogalego.com


LE TAMÉN:

Desenvolvemento rural: colapsos e consecuencias. A análise de Xosé Constenla Vega

Desarrollo rural: colapsos y consecuencias — Xosé Constenla Vega — Omnivoraz