«Prefiero dialogar, pero adoro que me provoquen» — Benedicta Sánchez — Omnivoraz

Benedicta Sánchez: «Prefiro dialogar, pero adoro que me provoquen»

Unha reportaxe con Benedicta Sánchez, protagonista da película O que arde.

Benedicta Sánchez, a actriz protagonista de O que ardeOliver Laxe, 2019—, causou sensación á súa chegada a Navia de Suarna —Lugo— para a preestrea do filme. Esta muller de oitenta e cinco anos, que non tivo reparo en bailar unha muiñeira no Festival Internacional de Cinema de Cannes, non necesitou máis que pisar a praza da vila lucense para verse rodeada de xente ansiosa por coñecela e, por suposto, por capturar ese momento en fotografías que xa quedarán para o recordo dunha xornada moi especial para a comarca dos Ancares. Voluntariosa e afable, falou con Omnivoraz da súa vida, os seus principios e a súa paixón pola natureza, un perfil que agora compartimos con vós agardando que o desfrutedes.

Natural do Corgo —Lugo—, afirma que O que arde lle serviu para «coñecer máis a Galiza», a terra dos seus devanceiros e da que nunca renegou por lonxe que estivese: «Cando me dicían que eu non era galega… Que non son galega? Os meus pais, os meus avós, todos galegos!».

«Prefiero dialogar, pero adoro que me provoquen» — Benedicta Sánchez — Omnivoraz

«Non me importa pasar fame, nin frío, nin vivir con dificultade, con traballo».

Emigrada ao Brasil, conserva unha afectuosa lembranza das xentes que alá a trataron como «máis que da familia», algo que lamenta non ter atopado na propia terra en certos momentos da súa vida: «Non me importa pasar fame, nin frío, nin vivir con dificultade, con traballo. O que me traumatizou foi que de pequena me chamasen “Perico” e miles de cousas máis porque eu quería andar en bicicleta, subir a unha árbore a coller cereixas, ou aprender a nadar. Grazas a que meu pai tiña unha pequena biblioteca, pero con libros moi bos, fun reforzando a miña rebeldía. Prefiro dialogar, pero adoro que me provoquen, sóbranme respostas!».

Benedicta cóntanos que viviu en Rio de Janeiro durante quince anos, onde traballou de fotógrafa social, e amósanos algúns dos seus álbums con fotos daqueles tempos: «Saquei a miña filla adiante co meu traballo. Unha amiga miña dicía: “cando se pon a traballar, nin dorme, nin come, nin bebe, nin se ducha…”. Eu entregábame de cheo ata acabar e ter unha reserva. Ao rematar, collía a miña nena e ía ás praias, de cámping, pasar quince días».

Declárase unha apaixonada do contacto coa natureza, algo do que desfrutou tanto na emigración como en Galiza: «Cando era nova, as outras mozas da miña idade bordaban, e a min gustábame o traballo que facía o meu pai, o monte, o campo, as árbores, as pedras. No Brasil era excursionista de escalada e co club, cun guía, escalei todos os picos de Rio de Janeiro, como o Dedo de Deus ou o Cantagalo. Coa corda, os mosquetóns e a mochila sentíame xenerala! Cando volvín aquí, coa miña nena a piques de cumprir os oito anos, o que quería era estar no monte e, se había xente, evitábaa. Eramos o monte e eu. Así que comprei unha cabra, para poder comer do seu leite, e cheguei a ter cincuenta. Fun moi feliz con elas, e ata os coches paraban para ver a relación que eu tiña coas cabras».

«Prefiero dialogar, pero adoro que me provoquen» — Benedicta Sánchez — Omnivoraz

Certo é que sempre lle gustaron os animais, tanto que chegou a sufrir polo feito de ter que alimentarse deles, o que a levou a tomar unha decisión vital: «Tiña uns complexos terribles porque, cando a miña nai collía un galo, unha pita ou un coello para matar, eu choraba, botaba a correr e íame, pero encantábame a carne! Ata que con dezasete anos comprobei que podía vivir sen comela e fíxenme ovolactovexetariana. Agora, a miña filla, os meus netos e eu somos vexetarianos».

«Prefiero dialogar, pero adoro que me provoquen» — Benedicta Sánchez — Omnivoraz

Con todo, Benedicta dá toda unha lección de tolerancia —un ben escaso nos tempos que corren—, e respecta a libre elección alimentaria de cada persoa: «Ese é un problema do semellante. Que lle vou facer eu? Penso que podiamos facer un mundo mellor, pero non quero estar en contra de nada porque é o yin e o yang. Que fagan o que queiran, á fin e ao cabo, fanse cousas moito peores, como as guerras. Ademais creo firmemente que, cando non estás convencido de algo, non o executas. Que importa que non comas carne ou leite se realmente non estás convencido?».

«Prefiero dialogar, pero adoro que me provoquen» — Benedicta Sánchez — Omnivoraz

LE TAMÉN:

Amador Arias: «O que arde é unha película feita con moito amor, pero tamén con moita dor»

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

Etiquetas:
,