«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

Amador Arias: «O que arde é unha película feita con moito amor, pero tamén con moita dor»

Unha reportaxe con Amador Arias, protagonista da película O que arde.

Con ocasión da preestrea de O que arde en Navia de Suarna —Lugo—, tivemos a oportunidade de coñecer un pouco máis o seu protagonista masculino, Amador Arias, e a súa experiencia cinematográfica da man de Oliver Laxe. Se cres na casualidade, poderás pensar que esta é a palabra que define o noso encontro co actor no que, mentres colle un cigarro, comparte con nós a anécdota de como o seu chisqueiro «de gasofa da de agora» se acendeu só ao caer de pé no chan cando o sacou do peto. Pero en Omnivoraz non cremos na casualidade, e comprendemos que todo comezou como debía ser: con lume. Sentados nunhas escaleiras a carón da praza da vila, na que xa se arremuiñaban o público e a prensa asistente ao evento, mantivemos con el unha distendida conversa que resultou ser todo un making of do filme.

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

Amador viste as mesmas botas e boina negras que levaba cando se presentou ao casting. Non esperaba ser seleccionado, polo que decidiu presentarse o último día, á última hora, co único interese de coñecer o cineasta e «saber que era o que pensaba facer en Navia», onde el traballou durante case cinco anos como vixilante de recursos naturais. «Hoxe sei que aquel día, ao levar un minuto diante del, Oliver estaba nervioso, porque viu o que quería». Despois de ter visto arredor de 3500 candidatos, o director xa tiña actor protagonista, e era da Fonsagrada. Para Arias, a súa primeira experiencia no cinema foi «única, fantástica, e traballar con Oliver, unha virguería. Casamos desde o primeiro momento».

Malia ter marchado moi novo a estudar fóra, Amador mantivo o contacto co rural, onde naceu. Non mira cara a outro lado cando lle preguntamos se con O que arde se pon en evidencia a situación desa parte de Galiza, malferida, agónica: «Si, totalmente. É unha película feita con moito amor, pero tamén con moita dor. Prodúceche dor, e a Oliver aínda máis que a min, porque estar esperando a que haxa un incendio para filmar algo que odias que exista é unha contradición e, á parte, tes que meterte nela». Literalmente. O equipo de rodaxe tivo que prepararse como os brigadistas e agardar no coche a que se dese a tan fatídica como anhelada oportunidade: «Inicialmente Oliver pensaba que era imposible todo canto lle contabamos dos problemas que hai aquí para meterse nun incendio: tes que ter un coche, facer unha brigada, pasar os recoñecementos médicos e aprobar un exame. Despois, se logras todo iso, danche a roupa e o equipo e pasas a estar no retén ata que te chamen, e entón tes que apagar lume. Unha vez que estea controlado, é cando podes dedicarte a filmalo, pois toda a responsabilidade do que che pase recae sobre o xefe de extinción».

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

«A Santiago —onde está a sede da Xunta de Galicia— non chega nada, non se decatan do que pasa no rural».

O actor está convencido de que «todos somos culpables» da presenza do lume nos nosos montes: «deberiamos esquecernos das “políticas de curral”, que son as alcaldías, porque non sei como nos amañamos pero á única persoa que non poñerías de alcalde é a que sempre resulta elixida para o cargo».

Para Amador Arias, o desleixo que está a sufrir o rural non depende só da falta de visión das Administracións, senón tamén da ausencia de iniciativa dos propios habitantes: «A Santiago —onde está a sede da Xunta de Galicia— non chega nada, non se decatan do que pasa no rural. É unha carencia de infraestrutura que teñen todos os gobernos, sexan do partido que sexan. Parece que gobernar é moi sinxelo, pero é complicadísimo, porque as capas intermedias son as que van encubrir. O seu traballo, cando os altos cargos veñen de visita a estas zonas, é traelos pola mellor estrada, non polos carreiros que os demais temos que soportar diariamente. Isto afástaos da realidade, saben que hai carencias, pero non aterradoras. É unha herdanza que teñen. Así que o truco é invitar persoalmente un deses personaxes e levalo por eses carreiros, porque se ve iso vai actuar. Non custa, pero non se fai. Alguén que teña acceso a el ten que rebaixarse e conseguir que veña, sen que ninguén máis o saiba, nin a prensa, para poder manexar a situación. Hai que fuxir das alcaldías e das provincias, que están sempre polo medio, do contrario non se consegue nada». A rotundidade coa que fai esta afirmación nace da propia experiencia: «Na Fonsagrada fixemos unha xogada destas. Zapatero veu visitar a zona e concedeunos unha estrada para reducir o tráfico e o paso dos camións pola vila, pero desde aquela ata hoxe os veciños seguen a discutir por que terreos pasa, e seguimos sen ela».

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

«En O que arde están presentes a fe, os soños, as crenzas relixiosas e moito amor».

Como protagonista, Amador fainos a súa propia recensión do filme que o levou á gran pantalla:

«A película ten moitas capas. Está feita de cousas moi simples, moi sinxelas, coas que se intentaron explicar actos moi complexos, a complexidade do rural, o pobre que é pero, ao mesmo tempo, tamén rico. Benedicta e eu somos moi pobres, pero na nosa pobreza somos os máis ricos. Ademais é a terra de Oliver, a dos seus devanceiros, e respectouse o idioma destas montañas, que é un pouco distinto, sobre todo na pronuncia.

En O que arde están presentes a fe, os soños, as crenzas relixiosas e moito amor. Amor entre nai e fillo, deles cara aos seus animais, e entre os distintos animais. Ademais está o suposto de que xurda o amor entre Amador Coro e Elena, a veterinaria, porque ela non coñece a súa vida e fálalle con normalidade, sen insultalo, e isto chega porque se manca unha vaca e a coidan. Pero a película tamén ten a carraxe que temos os galegos, diso que che doe, que te queima por dentro. Isto vese nos veciños. Non é normal que che peguen, e a Amador Coro péganlle. É como se fose alguén de quen te puideses mofar, amigablemente, sen que pase nada. El non se enfada, mira para outro lado, pero tampouco quere saber nada deles.

Amador e Benedicta, as súas tres vacas e a cadela encarnan esa tradición lenta e paulatina que está aí todos os días, e os veciños van a outro ritmo. Por outra banda, Amador tampouco entende moi ben para que traballan tanto en algo que, considera, non lles vai servir para nada, porque a solución non é que che dean algo, ou que te subvencionen, senón vivir con dignidade, que poidas ter luz eléctrica e unha calefacción. Na película, por exemplo, hai dous lumes: un que é calor, que é comida, e no que mesmo podes queimar uns restrollos, e outro que é o incendio, un acto terrorífico».

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

Arias revélanos que a realización da película foi «moi dialogada, continuamente», pois visualizaban cada escena despois de rodala, asegurando así cada paso que daban. Cando lle preguntamos se contaba con que o filme tivese a repercusión que está a ter, descubrimos que isto non o sorprendeu: «Aí todo o mundo se ri. Encarei a facer a película da mellor maneira posible, como sempre que fago algo na vida, levase premios ou non. Agora ben, que nos aseguramos de que a nosa película valese para ir a Cannes? Si, aseguramos todo moitísimo. Fixemos unha película para ir a Cannes (risas). Desde que demos o primeiro paso, sabiamos como tiñan que facerse as cousas. Fixemos catro películas, e presentouse unha».

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

Pero para acadar o galardoado resultado non foi todo un camiño de rosas: «Ás veces queres facer algo determinado e, cando o ves tranquilamente, decátaste de que o que se filmou ese día non vale. De feito, houbo unha semana de traballo perdida, para Oliver non valeu. E, canto máis cerca está o final, máis te aperta, entón tamén empezas a saltar cousiñas. A terceira vez que vin a película no cinema, en San Sebastián, estiven observando exclusivamente os actores e vin que, na época de verán, nin Benedicta nin eu estabamos tan concentrados no que realmente queriamos, porque os días eran máis longos e iso implicaba alongar o traballo. Ademais, ao pasar o inverno, que é o duro, estabamos algo máis relaxados. Son moi crítico, eh! Criticar é moi doado! E gratis! (risas)

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

Para o fonsagradino, prepararse para este papel supuxo ter que facer un exercicio de retorno ao aprendido na súa infancia: «Tiven que espertar o neno, todo canto lembraba, como se facía coas vacas e o resto das cousas que xa estaban moi lonxe. Esa parte da miña vida no rural si me valeu para a película». De feito, fíxose cargo das que serían as vacas de Benedicta e Amador Coro unha semana antes de empezar a rodaxe, para que se afixesen a el, pois nesta zona son salvaxes —viven libres nos montes—: «Funlles dando de comer, e soltábaas e gardábaas tantas veces ao día que chegou un momento no que xa eran miñas».

Aínda que repetiría experiencia con Oliver Laxe, afirma entre risas que preferiría «outra máis accesible», posto que tamén tivo os seus contratempos durante a rodaxe, como na escena en que a vaca queda atrapada na poza: «O que non sabiamos a vaca nin eu era que no medio da poza había unha pedra enorme, ela esvarou e caeu. A miña perna quedou polo medio e furouse ata o óso. A vaca ergueuse e eu acabei no hospital».

Pero esta non foi a única «marca» que lle quedou a Amador Arias do seu primeiro paso polo cinema: «No inverno mordeume un morcego. Hai uns pequenos, como esta cabicha pero un pouco máis gordiños, que teñen dous dentiños cos que che fan unha mordedura cadrada».

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

«Oliver Laxe parece un home bendicido. Ao traballar con el a xente vólvese moi agradable, non hai ningún problema con ninguén».

A Amador participar en O que arde proporcionoulle «saber moitísimo de cinema», e fala con agarimo e admiración tanto de Mauro Herce —director de fotografía— como do director do filme, con quen di que a aprendizaxe foi mutua: «Eu aprendín continuamente de Oliver, e sigo aprendendo, e el de min. É algo que temos que nos encanta. Parece que, como el di, “somos interminables”, nunca nos acabamos de saber, de coñecer».

Afirma que tamén o sorprendeu moito o equipo: «Xuntar corenta persoas que poidan traballar na lama ou na neve sen queixarse, e que todo o mundo teña un sorriso, fai que te preguntes: pero isto como é posible?».

Da rodaxe destaca precisamente iso, o bo ambiente de traballo, algo que atribúe a Oliver Laxe: «Parece un home bendicido. Ao traballar con el a xente vólvese moi agradable, non hai ningún problema con ninguén, absolutamente nada. Foi todo unha preciosidade, unha atención continua».

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

Xa se acenden as luces do photocall e chaman a Amador, que se ergue lentamente, sen apuro. Despídese de nós cun sorriso —que se reflicte tamén nos seus cristalinos ollos azuis—, e a maior das amabilidades que un pode esperar dunha persoa que está inmersa en semellante ir e vir de xente ansiosa por coñecela.

—Tes lume?
—Hoxe traio lume.

«O que arde es una película hecha con mucho amor, pero también con mucho dolor» — Amador Arias — Omnivoraz

LE TAMÉN:

Benedicta Sánchez: «Prefiro dialogar, pero adoro que me provoquen»

«Prefiero dialogar, pero adoro que me provoquen» — Benedicta Sánchez — Omnivoraz

Etiquetas:
,