Filloas recheas de grelos e gratinadas con queixo San Simón da Costa
Unha receita do chef Alberto Lareo Peiteado.
Tempo de preparación: 1 hora
Tempo de repouso do amoado: 1 hora
Dificultade: media
Ingredientes:
Para as filloas:
- 500 ml de auga
- 3 ovos
- 200 g de fariña de trigo
- Sal
- Un anaco de touciño —para facelas na tixola—
Para o bechamel de grelos e queixo:
- 500 ml de leite
- 60 g de manteiga
- 80 g de fariña de trigo
- 200 g de grelos
- 60 g de queixo San Simón da Costa con codia
- 2 dentes de allo
- Aceite de oliva suave
- Sal
- Pementa negra
Para gratinar:
- Queixo San Simón da Costa relado
- Sofrito de tomate caseiro
Elaboración das filloas:
Para facer o amoado —masa líquida—: mesturar ben todos os ingredientes —a auga, os ovos, a fariña de trigo e sal ao gusto— ata obter unha masa homoxénea. Deixar repousar durante unha hora.
Para preparar as filloas: poñer ao lume unha tixola antiadherente de tamaño mediano e untar a base con touciño, procurando non engraxar demasiado. Cun cullerón, verter unha cantidade suficiente, pero non excesiva, do amoado —para que queden finas—, ao mesmo tempo que se move a tixola para estendelo. Deixar que a filloa se faga por unha cara e darlle a volta con coidado para facer o mesmo pola outra. É unha elaboración sinxela, pero require certa axilidade.
Cando a filloa estea feita, retirala e estendela sobre un prato. Volver untar a tixola con touciño e repetir o proceso con cada unha das filloas.
Reservar tres filloas por persoa.
Elaboración do bechamel de grelos e queixo:
Escaldar os grelos en abundante auga ata que estean no seu punto. Refrescar, escorrer e picar en mirepoix ou grosso modo.
Nunha tixola con aceite de oliva suave, sofritir os dous dentes de allo picados en láminas. Engadir os grelos, a manteiga —que se deixará derreter— e a fariña, remexendo todo ben. Engadir o leite e, remexendo, deixar cocer o bechamel ata que non quede sabor a fariña. Poñer ao punto de sal e de pementa e, por último, engadir o queixo cortado en dados para que se funda. Deixar arrefriar.
Montaxe e gratinado:
Unha por unha, estender a filloa, engadir unha boa cantidade do bechamel de grelos e queixo, e enrolala como un canelón.
Nunha bandexa de forno, dispoñer unha base de sofrito de tomate caseiro e colocar sobre ela as filloas recheas, que se cubrirán con abundante queixo relado. Gratinar no forno a 200 ºC durante 10 minutos.
Presentación:
Dispoñer tres filloas recheas en cada prato, con coidado de que non rompan.
Bo proveito!