25 de novembro: poesía contra a violencia de xénero
Tres poemas para conmemorar o «Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller».
En xullo de 1981, máis de duascentas mulleres feministas de América Latina reuníronse en Bogotá —Colombia— para celebrar o que sería o primeiro «Encuentro Feminista de Latinoamérica y el Caribe». O seu obxectivo era intercambiar opinións e experiencias, identificar problemáticas, avaliar as prácticas desenvolvidas e planificar proxectos de futuro. Abordaron a discriminación por razón de xénero desde múltiples perspectivas, denunciaron a violencia, violación e abuso sufridos polas mulleres en distintos ámbitos —doméstico, laboral, educativo, sanitario, social e político— e reclamaron políticas a nivel mundial para a súa erradicación.
O último día do encontro, as participantes presentaron nunha asemblea plenaria as resolucións das distintas comisións nas que se dividiran para discutir os temas acordados. Unha das propostas foi organizar en toda Latinoamérica actos contra a violencia cara ás mulleres, e tamén se decidiu declarar o 25 de novembro como «Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller». Esta data conmemora a morte, o 25 de novembro de 1960, de tres irmás dominicanas coñecidas como «las mariposas» —Minerva, Patria e María Teresa Mirabal—, brutalmente asasinadas por orde do ditador Rafael Trujillo, ao que se opoñían activamente. En 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas asumiu esta xornada reivindicativa —dándolle así carácter oficial— e invitou os gobernos e organizacións internacionais, públicas e privadas, a ser activos na sensibilización da opinión pública sobre este grave problema.
En Omnivoraz queremos conmemorar este día con tres poemas creados por mulleres. Ninguén mellor ca elas para expresar o sufrimento, o temor e a sensación de impotencia ante a inxustiza que provocan a discriminación e a violencia exercida cara ás mulleres. Que as letras debuxen o camiño que conduza a unha sociedade educada na igualdade e o respecto. Contra a violencia de xénero: tolerancia cero.