Entrevista con José Manuel Rodríguez González — Omnivoraz

José Manuel Rodríguez: «A paisaxe da Ribeira Sacra continuará viva só se hai xente vivindo nela, e vivindo do seu traballo»

Unha entrevista a José Manuel Rodríguez González, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A forma de cultivar uvas e elaborar viños na Ribeira Sacra coñécese como «viticultura heroica», un termo que alude ás dificultades físicas que entraña traballar os viñedos en terreos con pendente moi acusada. Salvo en zonas moi concretas, é case imposible para o viticultor utilizar maquinaria agrícola —nin sequera un pequeno tractor—, sendo as sulfatadoras de gasóleo, xunto cos raís polos que soben e baixan as caixas de uvas durante a vendima, a única mecanización do traballo na viña. Todo o demais —poda, atadura de cepas, vendima, etc.— debe facerse á man, movéndose por costas do máis pronunciadas.

O CERVIM —Centro de Investigación, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña— é o organismo que regula e promociona a viticultura heroica, á que está adscrito menos do 5% do viño producido en Europa. Isto débese a que, entre os seus requisitos, figura que os viñedos estean situados a máis de cincocentos metros de altitude, e que a pendente do terreo sexa polo menos do 30%. Unhas duras condicións que na Ribeira Sacra se cumpren sobradamente, e mesmo se aproveitan para un xa consolidado turismo de paisaxe.

Máis aló de conceptos como «maridaxe», «terroir», «filtrado»», «carga de taninos», ou calquera outro que asocie o viño co pracer da paisaxe, a terra ou a gastronomía, existe unha realidade de xestión e administración que ningunha adega pode eludir se quere seguir producindo. Canto custa producir un litro de viño? Cantos euros lle supón ao adegueiro comercializalo? Que cantidade se paga en taxas e impostos? Que subvencións poden conseguir as adegas? Toda unha serie de condicionantes de índole fiscal, económica e administrativa que fan que a viticultura, nesta zona onde conflúen os ríos Miño e Sil, sexa aínda máis heroica que noutras zonas. Por exemplo, estes adegueiros e colleiteiros non cobran ningún tipo de subvención da PAC —Política Agraria Común—. Sorprendentemente, a pesar de como coidan a terra, non se ten a ben concederlles axudas.

Para tentar comprender este «misterioso» feito, así como outras circunstancias que inflúen sobre o compoñente económico da produción de viño, falamos co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González —Sober, Lugo, 1957—, que leva máis de vinte anos escoitando as queixas dos viticultores e defendendo os seus intereses. Recíbenos no seu despacho nas oficinas do Consello —dentro do Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos—, nun caloroso día de final de primavera. E para el, aínda que atender a prensa é importante, máis o é prepararse para protexer as viñas dos fungos e insectos que as podían atacar nas semanas seguintes.

Entrevista con José Manuel Rodríguez González — Omnivoraz

Traballar e manter viva unha paisaxe sen axudas nin subvencións

Sorprende que, malia os centos de horas que pasan no viñedo, vostedes non reciban as axudas da PAC, tanto pola cantidade de perceptores que hai en España —e a polémica que suscitaron os nomes dalgúns deles— como polo feito de que gandeiros ou agricultores na súa mesma zona si as reciban. Como é posible? Están a traballar para corrixir esta situación?

Debe quedar claro que é unha decisión estritamente política. O máis parecido a unha subvención que tivemos polo noso traballo foi hai máis de dez anos, cando a Administración autonómica utilizou fondos europeos para desenvolver un programa co que se financiaban as cotas que os viticultores pagamos por producir. Aplicouse nas cinco denominacións de orixe do viño en Galiza, aínda que moitos non estabamos de acordo. Recordo que, cando empezamos coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra, unha televisión irlandesa veu facer unha reportaxe, e unha das primeiras cousas que preguntaron foi canto pagaba a UE —Unión Europea— por manter estes viñedos e paisaxes. Se xa entón quedaron alucinados con que non cobrásemos nada, imaxínese o que poden pensar vinte e cinco anos despois, cando a cousa segue igual.

En España hai dezasete Comunidades Autónomas que deciden destinar o seu orzamento a aquilo que consideran máis interesante. En Galiza decidiuse historicamente que os nosos viñedos non son interesantes e que se deben financiar outras cousas. Ben, é unha opción. En Canarias, en cambio, o goberno rexional decide que se dediquen ao coidado das vides, anualmente e por cada perceptor, arredor de mil setecentos euros por hectárea de fondos europeos e, a maiores, achéganse fondos propios da Comunidade Autónoma —uns cincocentos euros por hectárea—. Nos últimos vinte anos, aquí aplicáronse catro grandes plans europeos: Os Leader I e II, o Leader Plus e agora o GDR —Grupos de Desenvolvemento Rural—. Ningún deles recoñeceu a identidade propia deste territorio, e fragmentouse a zona en lugar de actuar sobre o conxunto. Isto mantense hoxe en día con ata cinco GDR que abarcan territorio dentro da propia Denominación de Orixe —ben integramente, ben compartida con outras áreas—, e foi un lastre, mesmo a nivel turístico, ao incluír espazos que nada teñen que ver co que facemos.

Eses plans europeos deixaron seis millóns de euros anuais na Ribeira Sacra, é dicir, quince mil euros diarios, durante vinte anos, para desenvolver proxectos empresariais que non só non se ven por ningún lado, senón que o sector do viño —produción e comercialización— non viu practicamente nin un euro dese orzamento. Como mínimo, e sendo suaves, podemos dicir que non se xestionaron ben eses fondos. Arranxáronse rúas en zonas urbanas, acondicionáronse as mesmas fontes e camiños en varias ocasións, ou construíronse miradoiros, pero non se enfocou claramente o destino real dese diñeiro.

Entrevista con José Manuel Rodríguez González — Omnivoraz

En Galiza decidiuse historicamente que os nosos viñedos non son interesantes e que se deben financiar outras cousas.

Podería influír nesa ausencia de axudas o pequeno tamaño dos viñedos, especialmente os dos propietarios que só venden uvas e non elaboran viño?

Non o creo. Hai parcelas máis pequenas que os viñedos que, simplemente por cultivar un pouco de pasto ou de cereal, si reciben as axudas da PAC. Repito que é unha cuestión de vontade política.

Quero explicar que, por exemplo, a candidatura da Ribeira Sacra a ser Patrimonio da Humanidade vén dada pola paisaxe que conforman os viñedos. E o mesmo sucede co turismo. Sen os nosos bancais cheos de cepas non virían visitarnos, e non se encherían os establecementos de hostalaría porque ninguén vai visitar ou investir nun territorio abandonado. Toda a industria do turismo está baseada na paisaxe vitivinícola, polo que sería lóxico que se destinasen axudas a mantela viva. A primeira casa de turismo rural de Galiza creouse aquí —Torre Vilariño, no Saviñao, Lugo—, e hoxe xa temos máis de seiscentas prazas nas casas que funcionan nesta zona. Pois ben, para manter a paisaxe que atrae o turista non só non hai axudas, senón que todo son obstáculos. Así, un adegueiro que queira ter electricidade, auga, teléfono ou recollida de residuos na súa adega ten que pagar moito máis que calquera outra empresa situada noutro tipo de terreo dentro do mesmo concello. Por non falar de todos os atrancos burocráticos que dilatan os procesos e crean un trastorno ao adegueiro.

Todos os recoñecementos que nos cheguen polo coidado da paisaxe non son máis que palmadiñas nas costas. A paisaxe da Ribeira Sacra continuará viva só se hai xente vivindo nela, e vivindo do seu traballo. Se iso non se entende, se non se actúa en consecuencia, isto vai camiño do abandono. Ollo! Non estamos a dicir que se volva ao volume de poboación que había na ribeira hai corenta anos, porque iso sería volver á fame. Ter o campo traballado non significa que dez persoas vaian arar á man unha hectárea, senón que haxa unha ordenación do territorio, unha regulación que permita traballar en condicións. Que a xente volva ao campo ou o abandone son ciclos. Iso vímolo nos últimos douscentos anos, nos que houbo terras que estiveron sucesiva e alternativamente producindo ou paradas.

Sendo unha necesidade xustificada recibir axudas da PAC, e doutro tipo, non houbo desde o propio sector ningún movemento unitario para reclamalas? Non se uniron nunca adegueiros, viticultores, sindicatos agrarios e representantes políticos da zona para solicitalas?

Debo dicir que teño a impresión de que o noso sector, aquí na Ribeira Sacra, é visto con certa envexa. Talvez porque fomos nós os que puxemos este territorio no mapa, os que o dinamizamos. É un feito constatado, e quizais por iso se cre que podemos funcionar sen apoio. Fálase moito do envellecemento poboacional, que é unha realidade, e nós estamos a investir os nosos propios medios para combatelo, xerando emprego e oportunidades. Por iso reclamamos un mínimo recoñecemento, algunha axuda que certifique que as administracións son conscientes do noso esforzo, que nos digan que saben que estamos aí.

Quero engadir que todas as demais zonas adscritas á viticultura heroica reciben axudas económicas públicas, incluso Vallay, que ao atoparse en Suíza non pertence á UE e non ten dereito a PAC. O noso caso é único, desgraciadamente para nós.

Entrevista con José Manuel Rodríguez González — Omnivoraz

Entón, o conxunto do sector do viño non fixo nada para reverter esa situación?

Algo que fixemos foi levar os alcaldes da zona, e os membros dos GDR, a coñecer zonas onde si se apostou por destinar os recursos europeos a potenciar a viticultura. Por exemplo, estivemos na Cinque Terre —Italia—, onde se introduciron sistemas de raís para transportar as uvas, traídas de auga e redes eléctricas. Todo iso pagado integramente pola Administración, e co mantemento como único custo para os adegueiros e viticultores.

O noso é un sector de traballo que deixa pouco tempo para ir detrás dunha pancarta para protestar. O que facemos é lembrarlle periodicamente á Administración que estamos aquí. Coa declaración da Ribeira Sacra como BIC —Ben de Interese Cultural— presentamos dez reclamacións, das que foron atendidas as nove que dependían da Consellería de Cultura e Turismo. A décima, na que pediamos unha liña de axudas directas ás arredor de mil hectáreas de viñedo que hai aquí, cun importe duns mil euros por hectárea, foi rexeitada. Estamos a falar dun millón de euros anuais, que podería chegar a dous se incluímos as parcelas de froiteiras. Non son cifras fóra da realidade, nin moito menos, e servirían para apontoar o futuro non só das adegas e os viñedos, senón deses centos de empregos que dependen do turismo e da gastronomía. A Administración coñece de sobra estes datos, e debería actuar en consecuencia.

Doutra banda, os alcaldes teñen a obriga de coidar as infraestruturas que garantan que o turista se vaia satisfeito de aquí. Hai miradoiros aos que non se pode chegar en coche polo mal estado das pistas, estradas tomadas pola maleza, unha sinalización deficiente, ou mesmo lixo acumulado nalgunhas zonas dos ríos. Tamén é sabido que non hai ningún lugar de concentración turística na Ribeira Sacra no que haxa aseos públicos. Estas deficiencias contrastan co espectáculo visual dos viñedos, ben coidados e aliñados grazas ao traballo do viticultor. Estas son cousas básicas que se coidan moito noutras zonas de Europa e España, porque marcan a «calidade» do territorio.

Vistas as desvantaxes, podería haber algún beneficio nesta situación? Concede máis liberdade de acción non cobrar axudas públicas, ou pode ser mesmo un alivio non depender delas en caso de recortes, como se prevé na nova PAC?

É un consolo, si. Estamos aquí a pesar dalgunhas administracións. En España o concepto que adoitan ter os políticos é o de control. O ruído está ben en política, dá resultados electorais, pero as empresas non queremos ruído. É certo que a falta de axudas nos dá liberdade, a cal temos gañado a pulso, por certo. Pero unhas axudas de mil euros por hectárea, como pedimos, dan para pagar os tratamentos fitosanitarios e pouco máis. Ademais, son subvencións que reclamamos para o produtor, para quen mantén o territorio, non para comercializar o viño, e tanto para os que pertencen á Denominación de Orixe como para os que non, porque sen eles non habería esta paisaxe e coidado do territorio.

Prezos, mercados, organización e posta en valor

É opinión común que o prezo da uva está demasiado baixo —entre 1 euro e 1,5 euros por quilo nos últimos anos—, sobre todo se se compara con outras zonas de Europa. Pódese actuar nese sentido ou o mercado non o permite?

A uva máis cara do mundo é a de Champagne, cun sistema de regulación de prezos fixado na década dos anos sesenta do século pasado. Establece que o quilo de uva se pague a un terzo do prezo medio das botellas dese ano. Ninguén máis fai isto.

Na Mancha é habitual que haxa protestas polo prezo da uva, que experimenta baixadas moi acusadas, pero é unha cuestión de negocio. Ninguén pode esixirlle á empresa un determinado prezo pola súa uva, porque non a vai comprar se non pode vender o viño. Regras de mercado. Ademais, a produción de uva está regulada. Non é como a das patacas, que oscila en función da cantidade de colleita. Aquí díxose que é obrigatorio recoller toda a uva e non é así, porque iso fai bailar os prezos, e nin os distribuidores nin os hostaleiros poden estar a xogar todos os anos co prezo do viño.

Ribeira Sacra conseguiu un incremento moderado pero continuo do prezo dos seus viños, e fíxose gañando novos mercados, chegando a onde non chegabamos. É unha regra básica: canta máis demanda haxa das nosas botellas, máis cobraremos por elas. O feito de que nos deslombemos subindo e baixando costas, apliquemos o sulfato colgados dunha corda ou vaiamos vendimar en barca non é algo que interese ao consumidor que senta no restaurante e pide un Ribeira Sacra. Se o viño non lle gusta, non o volverá pedir. Tampouco se vai a crear unha ONG —organización non gobernamental— para apadriñar os nosos viños. O que hai que facer é poñer en marcha medidas que fomenten o crecemento ordenado da Denominación de Orixe, potenciando o coidado do territorio e a comercialización e promoción do viño. Ese é o traballo do Consello Regulador. Se as adegas non venden máis viño e máis caro, é porque non poden.

Entrevista con José Manuel Rodríguez González — Omnivoraz

Que un só adegueiro alcance prezos altos é para felicitalo, pero non redunda en beneficio do conxunto.

É posible que se teña creado a imaxe de que o da Ribeira Sacra é un viño barato e sexa difícil reverter esa situación?, tendo en conta tanto o traballo que custa producilo como a calidade, avalada polos críticos, que ofrece.

É algo relativo. Actualmente, os nosos viños están nas zonas máis visibles dos lineais dos supermercados, nos dous de arriba e á altura dos ollos do cliente. As nosas botellas comparten espazo cos Rioja, Ribera del Duero ou Somontano. Cando empezamos estabamos na parte baixa do andel, e iso se é que estabamos. Cos nosos viños novos fixémonos cun oco entre os mellores. Claro que hai que seguir mellorando a nosa posición, e iso pasa en boa medida pola imaxe que se teña do Ribeira Sacra. Por iso insisto tanto en traballar sobre a impresión que leven os visitantes que veñen aquí. Se se senten cómodos, se teñen bos servizos, farán unha publicidade positiva da zona e, ademais, poderán comprobar e difundir o laborioso da nosa viticultura. Isto axudará a que se poida seguir subindo o prezo, xa que se valorará máis o traballo que fan adegueiros e viticultores. Os detalles e as sensacións acaban influíndo na venda do viño.

O obxectivo non é que alguén venda cen botellas a cen euros cada unha, senón que o prezo medio en toda a Denominación sexa alto. Que un só adegueiro alcance prezos altos é para felicitalo, pero non redunda en beneficio do conxunto. Tamén é importante que nos valoremos a nós mesmos. Na Ribera del Duero non se pagan menos de doce euros por visitar unha adega e, se inclúe cata e petiscos, non baixa de vinte. Aquí seguimos tendo a sensación de que as visitas teñen que ser gratis, que estamos obrigados a regalalas, pero non é así. O traballo e a atención teñen un prezo. Iso si, hai que facelo de forma profesional para que quen nos visite leve a mellor impresión, porque iso axudará a vender máis e en mellor condición.

Na Ribeira Sacra hai moitas pequenas adegas pero, a diferenza de moitas outras Denominacións de Orixe, nunca funcionaron as cooperativas. A que se debe? Serían unha boa opción para o futuro?

As cooperativas no sector da viticultura nacen da necesidade de vender a uva cando, por distintas circunstancias, non se chega ao comprador. Aquí nunca houbo esa necesidade. O viticultor particular sempre tivo a quen vender a súa uva. Por exemplo, nas Rías Baixas houbo que acudir a fórmulas cooperativas polo rápido e importante aumento da produción e o consecuente exceso de oferta, pero aquí iso nunca pasou.

Nun sector no que a singularidade e a diferenciación son valores en alza, as grandes extensións teñen difícil conseguir esa imaxe. Doutra banda, as canles de comercialización globalizáronse, e resulta igual de doado para unha pequena adega que para unha gran cooperativa enviar unha caixa de viño ao Xapón. É un produto que ten a capacidade de entrar en calquera mercado, e ser grande ou pequeno non supón ningunha vantaxe ou desvantaxe. De feito, en todas as Denominacións hai algunhas adegas moi grandes, algunhas medianas e moitas pequenas. Volvendo a Champagne, son 32 000 hectáreas e 29 000 viticultores, e todos teñen o seu espazo e o seu mercado. Os principais críticos e expertos en gastronomía buscan sempre ese pequeno proxecto, que se diferencia do resto, para dalo a coñecer.

Entrevista con José Manuel Rodríguez González — Omnivoraz

Pero non serían as cooperativas unha boa fórmula para que os viticultores obtivesen o mellor prezo ao concentrar a produción?

Nun espazo tan competitivo como este no que nos movemos non vexo lóxica a presenza de cooperativas. Esas figuras poden permitirse traballar con números que en empresas privadas serían de bancarrota. Non podes vender un produto sen un prezo claro, e logo ir liquidando cos socios segundo se vaia vendendo, porque estarías a prexudicar ese valor de produto diferenciado. Tampouco está demostrado que, ao reunir moita produción, vaias poder fixar o prezo que queiras. Iso dependerá da calidade do produto e da túa capacidade de comercialización e xestión. Ademais, tamén é significativo que non lograsen funcionar as experiencias cooperativas que houbo na Ribeira Sacra —nos concellos de Brollón e Sober—.

Existen fórmulas alternativas ás adegas tradicionais e ás cooperativas que non se estean a aplicar, ou que non teñan proxección pública?

O que está a dar bo resultado son as agrupacións comerciais para momentos determinados. Hoxe acódese a moitos eventos como feiras ou certames, e hai moitas adegas, mesmo de diferentes Denominacións de Orixe, que acoden xuntas para optimizar investimentos e recursos.

Tamén resulta cada vez máis habitual que se fagan compras conxuntas de elementos de uso común como etiquetas, caixas para vendimar ou determinados tipos de botellas. Isto permite reducir custos, pero mantendo cada un a súa identidade. Mesmo se está aplicando nas Rías Baixas un modelo no que varias adegas achegan unha parte da súa produción e lanzan un viño baixo unha marca común. Desde logo, vexo máis positivo ese tipo de accións puntuais que a fusión para crear unha gran cooperativa.

Dereitos de produción e outros gastos administrativos

Algo bastante descoñecido para o gran público é o feito de que os produtores de uva teñen que pagar uns dereitos de produción, algo similar á cota láctea que pagaban os gandeiros. Como funciona este proceso?

Xa que cita o exemplo lácteo, aquí funciona de diferente forma. A cota láctea daba dereito a producir leite sen importar onde ou como. No noso caso, o dereito vai asociado a un terreo concreto. A UE dispón dun número limitado de dereitos asociados a un número determinado de parcelas, e logo os estados membros deciden como se reparten eses dereitos. En España, as Comunidades Autónomas son as que fan esa repartición.

A normativa europea contempla que os Consellos Reguladores teñan a capacidade de solicitar o aumento ou a redución da cantidade de viñedos en función das súas necesidades. Iso si, ten que ser aprobado pola UE, porque calquera aumento ou diminución de volume de uva acaba influíndo no mercado do viño. É unha forma de regular para que non haxa grandes oscilacións, aínda que tamén é un problema. Hai Comunidades Autónomas nas que se están pechando adegas e deixando de cultivar viñedos, pero os respectivos gobernos non queren liberar eses dereitos, que se perden para que poidan ser utilizados noutras Comunidades. É un erro, xa que legalmente pódese recuperar no futuro o que se libere hoxe, ademais de que se frea o crecemento noutras zonas.

Noutro sentido, e a diferenza do que pasaba co leite, o produtor de uva non vai ter o problema de exceder a cota, porque o Consello Regulador xa se encarga de velar porque iso non suceda. Á parte de que as cotas están fixadas con bastante realismo, é dicir, calculando o que verdadeiramente pode render unha parcela.

O trámite é sinxelo. Basta con dirixirse á Xunta de Galicia e solicitar dereitos de plantación de viñedo. Logo xa decidirá o produtor se quere entrar ou non nunha Denominación, pero a adxudicación dos dereitos é facultade exclusiva da Comunidade Autónoma. Os prezos son moi variables en función da procedencia orixinal dos dereitos. Houbo casos de ata cinco mil euros por hectárea, e outros de só cincocentos euros. Aí non se pode xeneralizar.

Outro problema é que se dan demasiados casos de persoas que abandonan a viticultura e non dan de baixa os dereitos. Isto altera o rexistro de parcelas vitivinícolas, porque se contabilizan terreos que xa non están en produción. Ou ao revés, moitas pequenas plantacións que se van creando sen informar á Administración. Ao cabo dos anos, isto xera un certo desequilibrio.

Como digo, desde o Consello Regulador si que podemos garantir o cumprimento con eses dereitos recoñecidos aos viticultores adscritos á Denominación de Orixe. Hai unha rastrexabilidade absoluta: un inspector noso pode chegar a unha adega, coller calquera botella de calquera caixa e, na contraetiqueta, xa ve a que partida de embotellado pertence. Logo o viticultor ten que demostrar con documentos todos os pasos seguidos desde o viñedo ata o embotellado. Ribeira Sacra está acreditada desde hai tres anos pola ENAC —Entidade Nacional de Acreditación— para realizar eses controis, así garántese a rastrexabilidade. Cada certo tempo, un controlador acode ás adegas para inspeccionar os controis e rexistros que se efectuaron nun período concreto. Sabemos cando se vai presentar, pero non a que adegas nin que partidas se van inspeccionar. Por iso somos moi estritos cos produtores adscritos á Denominación, e con iso podemos garantir o cumprimento das cotas, entre outros parámetros.

Entrevista con José Manuel Rodríguez González — Omnivoraz

Que outros gastos administrativos afrontan os produtores que pertencen á Denominación de Orixe Ribeira Sacra?

Pois, por exemplo, o Consello Regulador autofinánciase mediante unha taxa de sete céntimos de euro que as adegas pagan por cada botella. Ademais, o adegueiro paga a emisión da contraetiqueta —ao redor de dous céntimos de euro por botella—. Logo tamén hai que asumir unha taxa polos controis que realizamos, e que supoñen unha garantía para adegueiros e consumidores. Estes son os tres parámetros polos que podemos cobrar baseándonos na normativa dos Consellos Reguladores. Tendo en conta que a produción anual é duns cinco millóns de botellas, o Consello recada preto de 400 000 euros, cos que pode garantir o seu funcionamento interno, realizar o traballo de control, e dedicar entre 150 000 e 200 000 euros a actividades de promoción dos viños. Nese sentido, e sen desmerecer o traballo doutras entidades públicas e privadas, quero destacar que é o Consello o que realiza a maior actividade promocional.

A diferenza doutras bebidas alcohólicas, por exemplo os licores, os produtores de viño non pagan un imposto especial por elaborar alcohol —ao contrario do que sucede en Francia—. Agora ben, isto estase a revisar e veremos en que acaba. A nós non tería por que afectarnos demasiado, se se fai con realismo, pero en lugares como A Mancha, onde se manexan unhas marxes moi pequenas, pode ser un problema serio.

Cabe dicir que pode haber adegas que enfronten gastos inesperados derivados do sistema de control que nos impón a ENAC. Cando detectamos que algún adegueiro está a incumprir algún parámetro, notificámoslle que hai un problema, pero é el quen ten que detectar cal é o problema e como solucionalo, o que pode supoñer un gasto en diñeiro e tempo. O sistema está deseñado así, nos guste ou non.

Entrevista con José Manuel Rodríguez González — Omnivoraz

Lembremos que o viñedo da Ribeira Sacra se abandonou porque deixou de ser rendible, e hoxe estase a recuperar porque volve selo.

A Ribeira Sacra non é allea ao despoboamento rural, e tamén o padece. Parece inevitable a perda de man de obra nuns viñedos nos que é imprescindible. Pode supoñer un problema económico a necesidade de contratar unha man de obra que veña de fóra e que precisa certa especialización?

Hai varios datos importantes. Primeiro, as adegas grandes están plantando cada vez máis viñedos. Segundo, nos últimos anos perdemos case mil viticultores, pero mantívose o número de hectáreas en produción, así como a cantidade de uva recollida e de viño elaborado. Hai seis anos, o chamado grupo A1 de produtores —que concentran o 40% da superficie total de viñedo— formábano máis de douscentos viticultores; dous anos despois eran pouco máis de cincuenta. É dicir, está a experimentarse unha concentración da produción e da propiedade do terreo, o que implica que desaparezan moitos pequenos viticultores mentres que os grandes e medianos adquiren máis dimensión. E, para facer fronte a esa nova dimensión, necesitan man de obra. Hoxe hai máis xente traballando nos viñedos que hai uns anos, e cun maior nivel de profesionalización. Deste xeito, o que se incrementa o custo desa nova man de obra compénsase cunha maior produción e un traballo máis profesional. Tampouco debemos esquecer que, do mesmo xeito que no resto de Europa, se non hai man de obra aquí virá de fóra, porque a xente necesita traballar.

Lembremos que o viñedo da Ribeira Sacra se abandonou porque deixou de ser rendible, e hoxe estase a recuperar porque volve selo. Ao longo do tempo, o ser humano adáptase ao territorio da forma que máis beneficiosa lle resulta. Talvez no futuro se cambien as vides por cerdeiras, e non será un problema sempre e cando se garanta a presenza humana, o coidado do territorio e a actividade permanente e sostida.


A falta de axudas económicas directas, as taxas e impostos, os prezos relativamente baixos, o custo das infraestruturas necesarias para producir ou a necesidade de contratar man de obra son problemas que ata o de agora os viticultores e adegueiros da Ribeira Sacra afrontaron con innegable éxito. Isto non significa que estean superados, sobre todo cando se combinan con pragas ou fenómenos meteorolóxicos que, ciclicamente, castigan as colleitas de uva nesta zona privilexiada de Galiza.

Producir viño é un negocio e, como tal, implica unha administración e xestión que cómpre combinar co traballo no viñedo, que na Ribeira Sacra é moi dificultoso. Pero, ademais, sobre os produtores destes concellos recae a responsabilidade de manter unha actividade e unha paisaxe da que dependen o turismo e a hostalaría da comarca. Con frecuencia óese aos empresarios desta zona falar do risco de «morrer de éxito», debido ao boom turístico dos últimos anos. Aprender da paciencia e da capacidade de observación dos coidadores das viñas pode ser a clave para conxurar os riscos. O futuro dirá.


LE TAMÉN:

Ribeira Sacra, onde nada é máis sacro que o viño

Reportaje con Humberto Loureiro Argullós, sumiller y asesor en la Ribeira Sacra