«La sanidad no puede ser un juego especulativo en manos de políticos» — Omnivoraz

«A sanidade non pode ser un xogo especulativo en mans de políticos»

Unha entrevista a José Luís Prieto Varela, Txiki, Transporte Interno e Xestión Auxiliar —TIGA— no Hospital Puerta de Hierro (Madrid).

Un mozo criado no medio rural desprázase á maior área urbana do seu país para traballar no sistema sanitario, onde debe enfrontarse á máis grave pandemia coñecida en séculos cunha enorme escaseza de medios técnicos e humanos. E sen que ninguén estivese preparado nin para a propagación da nova enfermidade nin para a exigüidade de recursos. Con menos sinopse que esta téñense rodado películas en Hollywood; o malo é que estamos ante un caso demasiado real e demasiado común. José Luís Prieto Varela, Txiki —Monterroso, Lugo, 1983—, leva case catro anos traballando como Transporte Interno e Xestión Auxiliar —TIGA— no Hospital Puerta de Hierro, dependente da Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid. Polo seu traballo, estivo en primeirísima liña da fronte contra o coronavirus.

A Txiki tocoulle ter contacto directo cos pacientes, viu morrer moitos e tivo que transportar os seus cadáveres. E todo iso nunhas condicións de seguridade laboral —física e psíquica— realmente precarias. Nesta entrevista cóntanos a súa experiencia e a dos seus compañeiros, indica o que cre que fallou e sinala o que se debe mellorar de cara ao futuro. Un dos valentes profesionais que xogaron a vida nesta guerra contra un inimigo invisible, o virus, e outro visible, a falta de medios e de referencias.

«Os protocolos de actuación cos EPI e cos propios enfermos cambiaban case cada día, e non sempre nos chegaba a información no tempo e forma procedentes».

Como vos sorprendeu a chegada do coronavirus? Había tanta falta de preparación como parece?

Aquí houbo dúas percepcións. A nivel xeral, «vendéusenos» que era unha especie de gripe estacional que podería ser complicada para as persoas con patoloxías previas. En ningún caso se previu en que se acabaría convertendo. Aínda así, a maioría dos que traballamos nisto fomos tomando precaucións desde o primeiro día, cos poucos medios de protección que tiñamos, claro está. Logo chegaron a saturación dos hospitais, o disparo dos contaxios e as mortes masivas, e xa vimos que isto estaba moi por encima de todo o que pensaramos. Vímonos desbordados.

No caso concreto dos TIGA, a situación de partida xa é mala. Realizamos as mesmas funcións que os tradicionais celadores, e mesmo algunha máis, pero non estamos dentro do sistema público, senón que pertencemos a esa parte privatizada durante a etapa de construción masiva de hospitais de titularidade pouco clara que levou a cabo Esperanza Aguirre. Traballamos no público, pero a xestión é privada. Ademais, realizamos tarefas que van máis alá do que é estritamente transporte e que non están recollidas nos nosos contratos, como poden ser preparar quirófanos ou estar apoiando en hospitalización de psiquiatría. Á parte de que o convenio que rexe o noso traballo é o de limpeza, que nada ten que ver co que facemos. Levamos tempo reclamando un convenio adecuado á realidade, tanto pola nosa propia seguridade laboral e sanitaria como, sobre todo, pola dos pacientes.

No meu ámbito laboral ninguén sabía o que podía significar o coronavirus nin o que se nos viña enriba. Dito isto, xa desde o minuto un se nos fixo saber que habería escaseza de equipos de protección individual —EPI— e que non estaba garantida a súa subministración. Unha escaseza que tamén afectou ao persoal sanitario, aínda que en menor medida. Por outro lado, houbo descoordinación: os protocolos de actuación co EPI e cos propios enfermos cambiaban case cada día, e non sempre nos chegaba a información no tempo e forma procedentes. Daba a sensación de que se actuaba en función do material que houbese dispoñible, de xeito que o que un día era válido ao día seguinte xa non o era. E non vou cualificar de «curso» a formación que recibimos para usar os EPI en casos de coronavirus, porque foi unha explicación rápida que nos deron e que non chegou nin a cinco minutos. Á marxe disto, cando tivemos algunha dúbida sobre como actuar no traballo, as nosas referencias foron os delegados sindicais, as experiencias doutros compañeiros no día a día e as nosas encargadas, que nos trataron con moita atención.

«La sanidad no puede ser un juego especulativo en manos de políticos» — Omnivoraz

«Vin compañeiros atender pacientes usando unha bolsa do lixo a modo de EPI ou, directamente, sen nada para protexerse. Iso non pode volver pasar».

A existencia e o acceso aos EPI foi unha fonte de polémica desde que chegou o coronavirus. Como son os que utilizas ti e que uso lles dades?

Agora mesmo estamos utilizando EPI reciclados. En teoría son dun só uso, pero estanse a reenviar á lavandaría para que se reutilicen, co que acaban en moi mal estado. Máscaras á parte, constan dunha bata teoricamente impermeable, dous pares de luvas, lentes e pantalla. Outro modelo que usamos componse dos mesmos elementos, pero cunha funda de traballo en lugar da bata. Ás veces non hai funda, outras non hai bata, e empregamos as máscaras que haxa dispoñibles, sexan adecuadas ou non. En fin, tiramos como podemos. Por iso insisto en que non se poden dilapidar recursos sanitarios, porque despois danse estas situacións de falta de medios e arríscanse vidas.

Ao principio díxose que habería que consumir un EPI por cada enfermo atendido; logo pasouse a que fose un por cada quenda de traballo, independentemente do número de pacientes atendidos. Despois indicáronnos que as máscaras tiñan que durar unha semana, o que levou a que agora mesmo utilicemos máscaras cirúrxicas para «protexer» a FFP3 ou FFP2 que usamos durante a semana. E todo isto estando en contacto directo durante horas con enfermos de coronavirus. Surrealista.

Vin compañeiros atender pacientes empregando unha bolsa do lixo a modo de EPI ou, directamente, sen nada para protexerse. Iso non pode volver pasar. A xente paga uns impostos fixos para que isto funcione e a sanidade non pode ser un xogo especulativo en mans de políticos. A vida das persoas non pode depender da avaricia de catro piratas. Por iso tamén cómpre que haxa uns convenios laborais xustos, adaptados á realidade, que especifiquen claramente as funcións de cada un e que recollan unha retribución económica xusta e sen artificios contables.

«La sanidad no puede ser un juego especulativo en manos de políticos» — Omnivoraz

«A nivel psicolóxico, por suposto que sentimos medo. Vivimos cunha carga de estrés que antes non existía».

E a túa saúde?

No meu caso, e houbo outros iguais, non se me realizou ningunha proba. A día de hoxe non sei se pasei o coronavirus ou non, e coma min hai outros moitos compañeiros. Un día empecei a sentirme mal, con febrícula e dor de estómago, pero, a pesar do traballo que realizo, en vez de facerme o test, mandáronme á miña casa a cumprir unha corentena. Foi unha decisión do médico de cabeceira, xa que nin as urxencias sanitarias, nin a miña empresa, nin o servizo público de información habilitado para o coronavirus me deron solucións. Volvín ao traballo en canto pasei a corentena sen saber, como dixen, se pasei o virus ou se aínda o padezo, porque non se me practicou o test malia estar en primeira liña.

Iso no que se refire á parte física. A nivel psicolóxico, por suposto que sentimos medo. Vivimos cunha carga de estrés que antes non existía. Sempre digo que nun peto levo o medo e no outro a esperanza. A miña parella tamén se dedica á sanidade e estamos en tensión permanente, tanto polo que nos poida pasar a nós como polo temor a que esteamos propagando o virus de xeito inconsciente polos lugares por onde pasamos e ao noso contorno. Ese medo acompáñate as vinte e catro horas do día, impídeche durmir e mesmo concentrarte ou relaxarte cando estás na casa, pero cando decidimos dedicarnos a isto sabiamos que hai que dalo todo polo paciente. Ser conscientes diso axúdanos a sacar o traballo adiante e a dar todo o que podemos.

O que máis me impactou foi, sen dúbida, a velocidade á que actúa o virus. Unha persoa que estaba aparentemente ben, ao cabo dunha hora tiña que ser trasladada á unidade de coidados intensivos —UCI—. Por non falar dos mortos… Falecen en moi pouco tempo, practicamente en cuestión de horas. Falas con eles e, cando regresas ao cuarto, xa están no depósito de cadáveres. Iso é durísimo. Como tamén o é estar presente nunha necropsia, cando ves como é por dentro o noso corpo e o fráxiles que chegamos a ser, aínda que os protocolos coa COVID-19 son máis estritos e non asistín a ningunha desde o inicio da pandemia.

Non vou negar que o feito de ver caer enfermos compañeiros, que tamén son amigos, o fai todo más difícil psicoloxicamente. Xente coa que tes ido de cea, que estiveron na túa casa… é moi duro. Á parte de que moitos, igual ca min, estiveron en corentena e reincorporáronse sen saber se estiveran infectados ou non.

«La sanidad no puede ser un juego especulativo en manos de políticos» — Omnivoraz

«A pandemia demostrou que todos e cada un dos profesionais que traballamos nun hospital somos imprescindibles para que as cousas funcionen».

Entendemos que as rutinas de traballo se viron totalmente alteradas en todos os sentidos…

Por poñer un exemplo, o persoal de limpeza, de mantemento, auxiliares e ata os de seguridade estiveron habilitando espazos que estaban destinados a arquivo ou almacén para convertelos en UCI. Ese foi un traballo realizado de xeito exemplar e nun tempo récord, e facilitou moito o labor do resto do persoal. Merecen máis que un aplauso.

Por outra parte, en condicións normais é relativamente frecuente que haxa algún encontrón cos familiares dos pacientes, pero na situación actual iso desapareceu, porque o illamento dos enfermos de coronavirus é total. Quero destacar que moitos de nós axudamos a eses pacientes a poñerse en contacto coa familia a través da tecnoloxía, porque sabemos que estar só e enfermo é moito máis duro do que se poida imaxinar.

Malia o elevado número de mortos, do medo ao contaxio, da tensión constante e do exceso de traballo, puiden comprobar que a moral colectiva non decaeu en ningún momento. Cando peor o pasabas ou te sentías, sempre había un compañeiro para animarte ou para servirche de exemplo co seu esforzo. A capacidade do persoal hospitalario para enfrontarse a esta situación coa disposición máis favorable, e incluso combativa, foi un descubrimento. Sacáronse forzas de onde non as había.

Non quero deixar de apuntar que houbo persoas, unha minoría, que antepuxeron un imaxinario conflito entre público e privado ao que é a atención a pacientes. Explícome: algún sanitario negouse a cedernos un EPI aducindo que é a nosa empresa quen debe proporcionárnolo. Non se decatan de que imos traballar xuntos nunha situación de risco e nun espazo reducido, e que o primeiro é o enfermo e o segundo a protección dos traballadores. Ese tipo de conflitos loxísticos deben solucionarse nos despachos, pero cando hai unha situación de emerxencia non se pode pensar niso, hai que actuar atendendo as prioridades. Xa digo que foi maioritario, pero houbo casos.

En sentido contrario, a pandemia demostrou que todos e cada un dos profesionais que traballamos nun hospital somos imprescindibles para que as cousas funcionen. Desde o persoal de limpeza, que deixa as instalacións desinfectadas, ata o cirurxián que intervén os pacientes, pasando polos membros de seguridade, que evitan a desorde, ou os administrativos, que xestionan todos os datos. É unha cadea na que absolutamente todos os elos son importantes. Modestamente, creo que no noso hospital suplimos a falta de medios con vontade e con solidariedade entre servizos, e sacamos todo isto adiante malia que o labor de cada un se complica e se dilata polo feito de ter que atender os protocolos de utilización, limpeza e desinfección dos EPI, os instrumentos de traballo e as instalacións.

«La sanidad no puede ser un juego especulativo en manos de políticos» — Omnivoraz

«Considerabámonos a mellor sanidade de Europa e agora vemos que os recortes nos converteron nun servizo precario».

Se a pandemia empezase hoxe e tivésemos máis coñecemento sobre ela, que cousas habería que cambiar?

Habería que cambiar moitas cousas, empezando pola dilapidación de diñeiro público que houbo durante anos. Considerabámonos a mellor sanidade de Europa e agora vemos que os recortes nos converteron nun servizo precario. Tamén cambiaría os protocolos informativos: cómpre ter máis datos sobre o que pasa no mundo para poder reaccionar, pois, de ter sabido o que era este coronavirus, os hospitais estarían repletos de EPI. Que isto sirva de lección e se tomen medidas para non depender de que terceiros países nos subministren algo tan básico como máscaras ou luvas. E, desde logo, é necesario moito máis persoal en hospitais e centros de saúde públicos. Hai que estar preparados, porque algo así pode volver suceder neste mundo globalizado.

Tampouco sei se o tempo de descanso que temos entre quendas é suficiente; deixémolo en que é o estipulado. Todo se viu alterado pola cantidade de baixas laborais que se produciron, polo que as libranzas e as quendas se modifican e, ás veces, hai que facer máis horas das recomendables. Nos peores momentos tiñamos que mover unha alta cantidade de cadáveres diariamente, algo que require de moito esforzo físico e que, sobre todo, vai deixando un pouso de medo e tristeza na mente. Talvez un descanso máis prolongado axudaría a soportalo mellor, pero é o que hai e sempre temos que pensar nos pacientes. Xa haberá tempo máis adiante para readaptar todo o que fallou.

«Se Galiza tivese sido a zona cero da COVID-19, estariamos ante unha traxedia enorme».

Imaxinamos que a túa familia e os teus amigos en Galiza tiveron que sufrir por ti. Como se viu a situación no teu contorno, tanto desde Madrid como desde Galiza?

En todo momento mantiven o contacto coa familia e os amigos que teño en Galiza. Ao principio notáballes certa despreocupación, como se o coronavirus fose un fenómeno madrileño que non ía chegar ás aldeas e vilas galegas. Eu non tiña datos para sacalos do seu erro, pero si lles advertín que isto non era unha broma. Agora penso que, se Galiza tivese sido a zona cero da COVID-19, estariamos ante unha traxedia enorme. Pola media de idade da poboación, polas deficiencias estruturais da sanidade ou polas distancias entre algúns núcleos e os hospitais, enfrontariámonos a unha mortalidade elevadísima. Mellor nin imaxinalo.

Agora que parece que pasou o peor, tamén recoñezo que á miña familia e amigos non lles contei toda a verdade sobre o que estaba acontecendo aquí, para non atemorizalos. Faláballes da alta cantidade de mortos, pero sen entrar en detalles e tentando suavizalo o máximo posible. Mesmo lles contaba a miña experiencia con un toque de humor. De nada serviría crearlles unha preocupación engadida cando nada podían facer. Para tentar evadirme de todo isto refuxieime na música, tanto escoitándoa como facéndoa chegar aos meus coñecidos e que os conforte.

Finalmente, quero agradecerlles aquí o seu traballo a todos e cada un dos profesionais que estiveron loitando contra o coronavirus no hospital: TIGA, enfermeiros, técnicos en coidados de enfermaría —TCE—, médicos, seguridade, administrativos, limpeza, mantemento, alimentación e cociña, transporte e traslado, farmacia, etc. A todos. E tamén á xente que respectou o confinamento e quedou na casa, porque facilitou o noso labor e axudou a toda a sociedade. Que ninguén pense que está libre de contaxiarse deste coronavirus.


Ata o día no que se realizou esta entrevista —17 de abril— falecera un médico por coronavirus no Hospital Puerta de Hierro. Nos días posteriores faleceron unha traballadora do servizo de limpeza e un TIGA.

Etiquetas:
,