Joan Alibés: a gandaría busca o seu terreo
Unha entrevista a Joan Alibés Biosca, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
Joan Alibés Biosca accedeu á presidencia da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes —SGPF— pouco antes de decretarse o estado de alarma a causa da COVID-19. As actividades habituais tiveron que deterse, pero o traballo diario dos asociados mesmo se viu incrementado, como sucedeu con toda a agricultura e a gandaría. Entrevistamos a Joan para saber en que estado se atopan e cales son as claves de futuro da materia sobre a que traballa a SGPF: os solos e os seus usos.
Que é a SGPF?
A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes abrangue todo o sector gandeiro que fai un aproveitamento da terra, tanto vacún de leite —extensivo e intensivo— e de carne como ovino e cabrún, cabalar e mesmo avícola e porcino ao aire libre. Nela non só participan os gandeiros, senón tamén outros profesionais que interveñen no manexo da terra, como técnicos ou investigadores: «Actualmente somos oitenta socios. Xuntámonos dúas veces ao ano —na primavera e no outono— para facer unha posta en común e coñecer a realidade de cada un dos sectores e das zonas de Galicia representadas. Esas reunións son sempre itinerantes e celébranse nunha comarca gandeira. O obxectivo non é prestar servizos aos gandeiros, senón representar o sector, achegar coñecemento en profundidade e facer propostas transversais. As decisións políticas sobre a terra afectan tanto a unha explotación de cabras no monte como a unha granxa de trescentas vacas en intensivo, e nós intentamos achegar a nosa visión para que esas decisións beneficien a todos. A SGPF non ten ánimo de lucro nin conta con empregados».
A SGPF é unha correa de transmisión para intercambiar coñecementos técnicos e prácticos, pero tamén experiencias persoais e empresariais: «Debo dicir que os gandeiros, os técnicos e os investigadores que veñen ás xuntanzas fan unha boa valoración, porque podemos coñecer as condicións de cada cultivo en cada terreo e en cada comarca. En Galicia temos un importante centro de investigación, pero considero que non está ben aproveitado. Moitos gandeiros en intensivo dinnos que non lles resulta útil e algúns en extensivo din que, sinxelamente, non lles chega información. Tamén existe a Sociedad Española de Pastos —SEP— que, ao noso ver, fai un traballo excesivamente científico e non adoita contar cos gandeiros. Non o criticamos, pero non é a nosa filosofía de traballo».
«Hai que ir poñendo o foco non tanto na famosa España baleirada, senón na España excesivamente concentrada. En Galicia o fenómeno é máis leve, pero tamén está presente».
Ordenación do territorio e futuro
«A falta de aproveitamento do terreo agrario en Galicia é un problema moi complexo. Se fose sinxelo, xa estaría solucionado hai anos. Precísanse políticas a longo prazo e ferramentas de proba e experimentación, ademais de moito traballo. Todos coincidimos en sinalar o abandono, o minifundismo, a multiplicidade de propietarios —ás veces descoñecidos—, o exceso de forestación, a falta de apoios administrativos… A diagnose semella clara. A dificultade está en sinalar liñas de traballo concretas e chegar a aplicalas».
«Nós estamos convencidos de que a repoboación rural vai chegar si ou si. Hoxe a poboación concéntrase nas cidades, e a esas cidades hai que levar todo o que consomen en alimentación porque alí non se produce nada. Iso ten un custo ambiental enorme porque hai que envasar e transportar toda esa comida. Hai que ir poñendo o foco non tanto na famosa España baleirada, senón na España excesivamente concentrada. En Galicia o fenómeno é máis leve, pero tamén está presente».
«Así, nas cidades van ter que reducir o impacto que teñen no medio ambiente e na estrutura económica. Por iso, insisto, cremos que a repoboación rural chegará; a cuestión é se estamos preparados para ese repoboamento, para asumir toda esa xente que deixará as cidades. Coa pandemia xa vemos que se disparou a demanda de vivendas no rural, e iso só é un asomo do que pode ser máis adiante, pero non esquezamos que haberá quen queira saír das cidades e non atope como ou non estea capacitado».
«A vida no campo é moi difícil. Dependes do clima, e dunhas relacións sociais moi intensas e diferentes das urbanas. Ríome de Facebook. A rede social que se dá no rural galego é potentísima, foi do que máis me sorprendeu cando cheguei a Galicia, para ben e para mal. Atopas moitos atrancos, pero tamén moita axuda. A capacidade de obter ou perder cousas en función de como entres na rede é determinante. Por iso o traballo coa xente que chega ao campo debe ser de acompañamento. Non abonda con lexislar; hai que coñecer os códigos sociais de cada zona. É moito máis útil saber que camiño utiliza un rabaño ou por onde non se pode meter un tractor que calquera norma no Diario Oficial de Galicia —DOG—. Formación, financiamento e asesoramento continuo son os piares para facilitar a incorporación no rural, pero hai que crealo e sempre ten que ser individualizado».
«Hai quen chega da cidade e inviste todos os aforros nun proxecto para, ao cabo de cinco anos, decatarse de que o 90% do que investiu non lle serviu para nada. E hai outros que veñen sen aforros e cren que en dous días xa van ter o seu proxecto funcionando. Iso pasa porque non foron asesorados e acompañados».
«Na maior parte dos casos, o eucalipto é unha forma de abandono do rural, un último recurso para xente que non vive da terra e que ten aí un complemento de rendas».
Convivir co eucalipto
«Na maior parte dos casos, o eucalipto é unha forma de abandono do rural, un último recurso para xente que non vive da terra e que ten aí un complemento de rendas. Para xestionar un eucaliptal chega con ter un teléfono: chamas unha vez para que cho planten, outra ao cabo duns anos para que vaian rozar e outra máis para que o vaian cortar. O eucalipto non fixa poboación no medio rural, todo o contrario; supón un lastre para quen si que quere vivir na terra e traballala».
«Persoalmente, creo que a rendibilidade do eucalipto é moi relativa. Sae rendible porque non se asume ningún custo asociado á produción. Os eucaliptais requiren un gasto de prevención e extinción de lumes, pero ese gasto non recae nos donos das árbores, senón no conxunto da sociedade. Na gandaría sucede o contrario, porque os pastos e forraxes non arden e son barreiras contra o lume, pero todo o gasto é para o gandeiro. Opino, ademais, que a loita contra os incendios é unha cuestión de seguridade cidadá e, polo tanto, non pode estar xestionada polas consellarías de Medio Rural ou de Medio Ambiente, que están para outras cousas».
«O eucalipto tamén ten un custo de reversión enorme, que non é asumido polos propietarios. Converter un pasto en monte e un monte en pasto é doado e case non supón esforzo, pero transformar un eucaliptal nun terreo para aproveitamento agrícola é moi caro e moi complexo. Para que a terra procese todos os alcaloides do eucalipto poden pasar máis dez anos, e cun grande investimento, porque hai que moer todos os tocos. Iso no plano individual. No colectivo, é imposible desenvolver actividades alternativas en lugares onde hai un monocultivo moi estendido, como está a pasar en zonas de Galicia. Isto é algo que afecta especialmente aos criadores de cabra e de ovella porque, se un deles quere que lle recollan os años ou os cabritos, precisa que haxa máis explotacións preto. De non ser así, os operadores non van porque non é rendible ir recoller poucos animais. Isto sábeno ben nas granxas de leite, que viron rutas pechadas nos últimos anos. En resumo: se a maior parte do terreo está con eucaliptos, non hai sitio para a gandaría, que pode xerar economías de escala e que acaben colaborando entre elas directa e indirectamente».
«Debemos ir cada vez máis a sistemas que teñan o menor impacto no medio ambiente e reduzan as pegadas de carbono, hídrica e de biodiversidade».
Xestión dos solos
«Pola emerxencia climática, por responsabilidade medioambiental e polos criterios que marca a Política Agraria Común —PAC—, debemos ir cada vez máis a sistemas que teñan o menor impacto no medio ambiente e reduzan as pegadas de carbono, hídrica e de biodiversidade. Calquera modelo de produción que dependa en exceso dun só cultivo vai ser cada vez máis fráxil, porque estamos empregando modelos excesivamente intensivos. Hai que empezar a mirar os solos non só polo que medra por riba deles, senón polo que sucede debaixo».
«Os pastos permanentes de zonas húmidas son os terreos agrícolas con máis capacidade para fixar carbono no subsolo, pero para que iso sexa efectivo é cómpre que o terreo non se toque durante un mínimo de cinco anos. Se cada ano removemos a terra, o que facemos é liberar carbono á atmosfera, o cal hai que repoñer no solo. O que estamos facendo, maioritariamente, é remover a terra todos os anos e enchela de esterco e xurro, que, ademais de excelentes fertilizantes, son unha grande achega de carbono orgánico. Iso xa non é sustentable e temos que volver a sistemas nos que a maioría do terreo non se traballe cada ano».
«O modelo máis acaído é o pasto permanente. Ollo, iso non significa que a terra teña que ser como a sabana e nos limitemos a mover os animais por ela. Non. Pódese ir a sementeiras e fertilizacións directas e outras intervencións. Tampouco hai que erradicar de todo o modelo de aradura e sementeira anual de cereais forraxeiros, pero a base dos cultivos para alimentación do gando debe ser coa menor intervención posible no solo. Convén aclarar que unha carballeira, unha uceira ou calquera lugar que sirva para que coma o gando entran nesa categoría de espazos permanentes para pasto».
Ao respecto de que en Galicia haxa granxas cada vez máis grandes, que precisan de moitas hectáreas de forraxes que hai que renovar todos os anos, Alibés comenta: «Eu non creo que ese modelo intensivo de gran volume sexa o futuro. Primeiro, porque a PAC vai penalizar cada vez máis esas prácticas e, segundo, porque xa comezan a aparecer restos de fitosanitarios contaminantes mesmo nos acuíferos onde proliferan esas granxas. Xa sei que se leva investido moito nesas explotacións, pero estou convencido que máis pronto que tarde a realidade poñerá fin a eses modelos».
«O prezo do leite ecolóxico vai seguir subindo durante un tempo, porque se disparou a demanda en toda Europa e porque as características de Galicia fan que sexa moi barato producir en sistemas ecolóxicos».
Sistemas intensivos, ecolóxicos e de pastoreo
«O prezo do leite ecolóxico vai seguir subindo durante un tempo, porque se disparou a demanda en toda Europa, e máis coa pandemia, e porque as características de Galicia fan que sexa moi barato producir en sistemas ecolóxicos, especialmente pola abondosa auga. O diferencial entre leite de vacún ecolóxico e convencional é de case o 50 %. Hai que decatarse de que son 0,30 euros/litro de media no intensivo fronte a 0,50 euros/litro no ecolóxico. E non creo que esteamos ante unha burbulla. Pode haber leves baixadas, pero non de máis de cinco ou seis céntimos, porque os custos seguirán sendo moi baixos… e aínda poden baixar máis».
«Ademais, podemos pastorear sen necesidade de labrar a terra. Curiosamente, o cambio climático favorece aínda máis o pastoreo en Galicia, porque as chuvias non diminúen e as temperaturas do inverno son máis suaves, de xeito que a herba xa empeza a medrar neses meses. A tendencia inverteuse: antes dabamos forraxes conservadas no inverno, porque coa neve, a xeada e a lama non se podía pastorear. Agora é no verán cando damos ensilados e herba seca, porque os prados están ermos coa suba das temperaturas. Por exemplo, o que eu sego en xuño cómeno as ovellas en xullo, agosto e setembro».
«Ata hai uns anos, o pastoreo era un xeito de completar as racións co que se tiña preto da casa, unha especie de herdanza das gandarías de subsistencia. Hoxe xa estamos cun pastoreo dirixido, tecnificado e no que cómpre adquirir coñecementos e comparar experiencias para chegar ao modelo que mellor se adapte aos nosos recursos. Hai quen deixa as vacas unha semana no mesmo prado ou quen as cambia a cada muxidura; débense ter en conta os condicionantes de cada un. O clima, a man de obra, a localización dos prados, a composición da terra, a xenética do rabaño, etc.».
«Unha das principais limitacións que atopamos ao asesorar gandarías son as relacións familiares e sociais. Estamos no século xxi e non podemos seguir con criterios do xx. A xente nova necesita tempo para vivir, non pode estar atada á explotación as 24 horas ou ter medo a probar novos modelos, e iso atópase moitas veces coa oposición de familiares e veciños. Cómpre dicir que a Administración pública renunciou a exercer ese labor de asesoramento técnico e de acompañamento. Externalizouno e privatizouno. As oficinas agrarias non son centros de tecnificación, senón entes administrativos puros e duros».
«Vexo que no vacún de leite imos cara a unha dicotomía. Cada vez haberá granxas máis grandes en intensivo, pero tamén un maior número de explotacións que se pasan ao pastoreo, e no medio non vai haber nada. Ou tes sobre catrocentas vacas mantidas con millo e herba na nave ou te dedicas ao pastoreo e deixas o millo. Ollo, o pastoreo non ten por que ser de corte familiar; xa existen sociedades agrarias de transformación —SAT— que aplican ese modelo, pero o condicionante dunha vaca por hectárea leva a pensar en pequenos proxectos familiares».
«No vacún de carne vexo que se necesita profesionalizar máis o sector; por exemplo, nas fórmulas de comercialización. Hai que desterrar a praxe de buscar a maneira de vender un xato como sexa; é mellor apostar por vender lotes de animais. Tamén é preciso incrementar o número de explotacións por enriba das cincuenta cabezas de gando. Hoxe hai moita pequena gandaría que só serve de complemento de rendas e que non ten futuro. Hai que ir a granxas de tamaño medio que permitan economías de escala e tecnificación».
«O problema é producir carne que non teña mercado. Por exemplo, as razas autóctonas que están en perigo de extinción case producen só para vida, é dicir, nais e sementais para outras gandarías. Non hai hábito de consumo desas carnes e non é doado crealo, á parte de que os custos son moito maiores. Outro exemplo: un año de ovella galega criado en pasto tarda catro meses en chegar a nove quilos; pola contra, un de raza texel pode chegar a dezaoito quilos/canal neses catro meses e nas mesmas condicións de cría. En conclusión, hai que manter as razas autóctonas, por suposto, pero non perder de vista que as explotacións teñen que ser rendibles. Temos que adaptar os nosos recursos para conseguir a máxima eficiencia: reducir custos e obter un produto de calidade e en cantidade».
«Hoxe non se dan as circunstancias para que en Galicia haxa unha industria cárnica ou láctea de ovino ou cabrún. Falta densidade. Nesta zona —a Terra Chá— hai unhas dúas mil ovellas e imos facendo algunha cousa en común, pero no resto do territorio está todo moi atomizado. Malia ser a primeira comunidade en número de explotacións ovinas e caprinas, con algo máis de vinte mil, a media é de dez animais por explotación e o censo galego só representa o 1 % do total da cabana española. O da la tamén é un recurso que non se aproveita, pois é algo que depende da industria téxtil e esta está en Asia. A industria tirou os prezos tanto como puido para poder vender roupa a baixo custo; así, o que antes era un recurso —mesmo se pagaban as rapas— agora é un gasto. Rapar unha ovella custa 1,50 euros e, no mellor dos casos, sacas 0,50 euros pola súa la. Este ano, pola pandemia, non tivo saída. Eu decidín almacenala ata o vindeiro ano, xa que é algo sinxelo».
«En Francia a lei non permite que se pague máis de 150 euros/hectárea, polo que a mellor terra nunca pasa dese prezo, algo digno de analizar».
A súa experiencia
Joan Alibés Biosca —Barcelona, 1981— é Enxeñeiro Técnico e Enxeñeiro Agrónomo polas Escolas Superiores de Agricultura de Lleida e Barcelona. Despois de traballar varios anos como asesores en Catalunya, e ante a imposibilidade de establecer unha explotación en terreo catalán polas dificultades de acceso á terra, a súa parella —galega de Meira— e mais el trasladáronse a Galicia. Cando chegaron, puideron facerse con 25 hectáreas facilitadas polo Banco de Terras, que, din, é o terreo mínimo para poder arrincar cunha explotación. Agora dispoñen de 33 hectáreas e seguen compaxinando o labor gandeiro co de asesores técnicos a explotacións. A súa cabana componse de 260 ovellas adultas e 120 cordeiros de recría. Recentemente, desfixéronse dos machos cos que viñan traballando para introducir variantes na xenética.
«Para que unha explotación familiar sexa rendible e se poida vivir só dela, hai que chegar a vender trescentos años anualmente, ter un rabaño de polo menos cincocentas ovellas e dispoñer dunhas cincuenta hectáreas de terreo. Nós, que estamos medrando, chegamos a un acordo para pastorear durante o inverno, a maiores das nosas trinta e tres hectáreas, outras trinta que pertencen a granxas de leite de vacún en intensivo. Isto beneficia as dúas partes: a nós sérvenos para alimentar as ovellas e a eles evítalles ter que sacar as máquinas —co conseguinte gasto de gasóleo— para eliminar esa herba que acabaría podrecendo. O cambio climático favorece esta colaboración porque cada vez hai máis pastos no inverno debido á suba das temperaturas. Este é un exemplo máis de como funciona a rede social no campo galego».
A explotación está orientada exclusivamente á produción cárnica, polo que desbotan calquera proxecto de elaboración de queixos ou de venda de leite, especialmente polo tipo de razas coas que traballan. Non obstante, Joan asegura que en Galicia sería posible producir queixo de ovella e de cabra nalgunhas explotacións e que hai suficiente mercado para iso.
A familia Alibés ten a explotación na Terra Chá —Lugo—, unha das comarcas de máis importancia en canto a vacún de leite de toda Galicia. Isto pode ser un problema: «Polas vinte e cinco hectáreas do Banco de Terras pagamos desde hai anos o aluguer que correspondía a monte, pero agora convertémolas en pasto e haberá que pagar por pradaría. A cuestión é que se paga en función do prezo medio de pradaría que hai na parroquia, pero nós temos os terreos nunha zona alta e as pradarías están na baixa. Pódenos saír nuns 200 euros/hectárea. Cómpre dicir que en Francia a lei non permite que se pague máis de 150 euros/hectárea, tanto en terreo público como privado, polo que a mellor terra nunca pasa dese prezo, algo digno de analizar. Evidentemente, se eu teño que facer fronte a eses novos custos, prefiro pechar a explotación. Sería un investimento inasumible, e coas oito hectáreas que me quedarían tampouco sería viable seguir. A terra está moi cotizada aquí e o vacún de leite intensivo ten moita capacidade económica para facerse con ela».
Na explotación son imprescindibles os cans, pero só os de garda, non os de guía: «Nós non cambiamos as ovellas de prado cada día, por iso non usamos cans de guía. Os cans son animais que teñen que traballar todos os días para seren rendibles e efectivos, e non é o noso método. Non ten sentido investir en cans guía para empregalos unha vez á semana ou menos». Pola contra, os mastíns son clave para defender o rabaño de ataques de lobos ou outros animais.
As trinta e tres hectáreas lindan entre si, polo que as ovellas non teñen que cruzar camiños asfaltados nin facer grandes desprazamentos para ir alternando as zonas de pasto. Isto é decisivo para a boa saúde do rabaño e para que non sufra o desgaste que supoñería facer traslados diariamente. Para o transporte das ovellas ata os pastos que lles ceden as granxas de vacas utilizan un camión que lles permite desprazar lotes grandes. A alimentación é sempre a base de herba, aínda que en ocasións moi puntuais, como cando hai un grupo en lactación ou cando escasea o pasto, pódese complementar con cebada en gran con corrector.
Joan Alibés é a cabeza visible do proxecto Beealia, que naceu como unha iniciativa de venda conxunta da carne de ovella, pero hoxe está máis enfocado no labor de asesoramento a explotacións gandeiras, sobre todo de vacún. Ademais, organizan cursos formativos para gandeiros e gandeiras por todo o territorio galego.