Acevedo, una vivencia de Raquel Pérez Diéguez — Omnivoraz

Acevedo

Unha vivencia de Raquel Pérez Diéguez.

Naquel intre de despedida contiven toda a tristura dunha vida e, nun segundo, observei aquelas nubes grises que deixaban espazo a un ceo azul intenso e limpo; aqueles cumes que levan toda a vida acompañándome, aínda cubertos pola neve do día anterior; aqueles lameiros verdes nos que tímidas asoman as primeiras margaritas; as ramas espidas das mazairas, e as das cerdeiras repletas de flores enganadas polo tempo, presuntuosas ante as abellas que reviven e sobreviven á invernada.

Observei o fume das chemineas, que se estiraba dereito na procura das primeiras estrelas; as casas tan coñecidas da miña querida aldea, sempre mostrando caras riseiras, acolledoras, xenerosas, desafiando o paso do tempo unhas, e cheas de cor outras; a miña, o meu fogar, que contén os meus mellores recordos, todos os meus soños, e á que sempre é un pracer volver.

Observei os meus pais, xa maiores, aínda que sobrepoñéndose ó paso do tempo con moita dignidade, sorríndome coma sempre, tranquilizándome, asegurándome que van estar ben, e escoitei o murmurio das miñas bágoas, que loitaban por saír e que eu contiña. Escoitei a soidade tras as súas palabras de ánimo. Escoitei o rumor da auga correndo polas caldeiras como sempre fixo; os paxaros dando un concerto improvisado de póla en póla; un tractor ó lonxe; as esquilas das vacas ao rascarse contra a parede; unha pita feliz que canta a posta dun ovo na Cabana. En Fondo de Vila unha porta péchase de golpe, e no Oucedo os acivros balancéanse co vento. Escoitei o silencio detrás de todo iso e respirei o aire frío do solpor entrándome ata os pulmóns, libre de ameazas.

Foi só un intre, mentres montaba no auto e me despedía acenando ca man e lanzando bicos, pero neses segundos percibín a esencia mesma de todas as cousas que me son queridas e sentín esa sensación de pertenza a un lugar que resulta tan gratificante.

Acevedo, una vivencia de Raquel Pérez Diéguez — Omnivoraz

Neses segundos percibín a esencia mesma de todas as cousas que me son queridas e sentín esa sensación de pertenza a un lugar que resulta tan gratificante.

Acevedo queda atrás unha vez que pasamos a curva do Cabadoiro, escondido detrás do Penedo do Castro, sempre vixiante. Diante, o sol, xa case escondido, deixaba en todo unha luz moi especial. Parece imposible que naquel aire, naquela terra, haxa a posibilidade de que un virus poida matarnos.

Atrás queda todo o que me é querido: a miña terra, a miña vila, os meus pais. E eu marcho lonxe de todo nun solpor incerto, a un mundo parado, triste; a un mundo encollido pola enfermidade e a incerteza; a un mundo en crise. Mentres alá no alto, nas miñas montañas, a vida segue, coma sempre, con precaucións pero sen medo. Alí, nese rural que morre porque o matan, e que nestes tempos é o único que está vivo.

Etiquetas:
,