Entroido 2021 — Omnivoraz

Entroido 2021

Un relato onírico de Alarico de Roque, gandeiro.

Esta noite apalpei un soño. Volvíame incorpóreo e podía desprazarme a distintos sitios, en tempo e lugar. Tanto vía o Entroido con ollos de neno como o desfrutaba cos meus pequechos; tanto estaba tirando fariña en Viana como correndo diante das formigas en Laza. Cigarróns, peliqueiros e boteiros fundíanse todos na mesma praza ao son do folión e, como se fose o Día da Marmota, o enterro da sardiña nunca chegaba naquel eterno Carnaval.

Pero á fin espertei, e vin que só era iso, un soño de Entroido perdido. Lonxe quedan esas imaxes, borrosas na subconsciencia que, na vixilia, só lamenta canta retranca se perderá neste Entroido de máscaras uniformes cubrindo a metade da cara e máis alcohol nas mans que nas mesas. Non hai ganas de cocidos nin de orellas, tampouco de filloas nin de doces de bandullo. O Entroido non entende de grupos reducidos, e a pandemia lévanos a recordos que non poden máis que aloumiñar a nosa ansia de Carnaval.

Matanza insulsa, Coresma dura, as cacheiras non saben igual sen o noso clan, sen a xente que nos importa. O tempo pasará e, tras a única festa sen santos, chegarán as de misa e xantar, calor e verbena, frío e inocencia, e o Entroido volverá facernos sentir como só el fai: libres, contentos, hipnotizados, famentos de mente e de barriga, e, sobre todo, cheos de ilusión e de imaxinación, as dúas únicas cousas que esta pandemia non nos pode quitar.

Etiquetas:
, ,