Crónica utópica de la pandemia — Omnivoraz

Crónica utópica da pandemia

Un relato de Alarico de Roque, gandeiro.

O novo coronavirus chegou a Europa en xaneiro de 2020, procedente da China. Parece ser que, froito da presión que o ser humano exerce sobre a natureza, o virus mutou e saltou ás persoas. Ante a propagación da enfermidade xa coñecida como COVID-19, a Organización Mundial da Saúde —OMS— cualificouna como pandemia global, e inmediatamente comezouse coa investigación para encontrar unha vacina. Nese momento todos nos aferramos á nosa culta sociedade, aos seus valores, e á preparación dos nosos gobernantes e científicos, pensando se toda esta engrenaxe sería o suficientemente robusta e estaría á altura das circunstancias.

Crónica utópica de la pandemia — Omnivoraz

O Goberno central e a oposición apartaron as súas diferenzas para iniciar un proceso de protección social xamais visto ata daquela.

A mediados dese mesmo mes, e antes de que se detectasen casos de contaxios, en España canceláronse todos os actos multitudinarios para evitar unha precoz expansión do virus. O Goberno central e a oposición apartaron as súas diferenzas para iniciar un proceso de protección social xamais visto ata daquela e, acto seguido, seleccionouse un «comité de sabios» independentes sobre a materia: sanitarios, científicos e representantes da sociedade en todas as súas capas.

A partir de aí, para evitar o alarmismo que podía derivar da información ambigua ou falsa sobre esta nova enfermidade, expúxose con precisión publicamente a realidade do risco ao que se enfrontaba o conxunto da sociedade, e recomendóuselle á poboación que saíse o menos posible a espazos concorridos. Posteriormente, declarouse o estado de alarma por unanimidade parlamentaria, para regular un confinamento preventivo e todo o relacionado con esta situación excepcional, na que foi extremadamente importante a aberta colaboración das Administracións autonómicas.

Nas grandes cidades, co fin de reducir o contacto entre os habitantes das súas distintas zonas, as compras en establecementos pechados organizáronse por horas e por barrios, sempre con media hora de marxe entre unha quenda e outra, un tempo que se aproveitaba para a desinfección. As grandes superficies contrataron traballadores para servir os pedidos na caixa e, así, evitar a trasfega de consumidores polos corredores. Ademais, levábanlles a compra á casa ás persoas con limitacións físicas. A maiores, como forma de arrimar o ombro, provedores, intermediarios e distribuidores acordaron manter o prezo de venda dos alimentos de primeira necesidade, e mesmo rebaixar algúns, sen necesidade de que o Goberno os instase a facelo. Todo iso co único obxectivo de axudar á poboación confinada na súa economía, trastornada a causa do parón obreiro e autónomo derivado da crise sanitaria.

Como mediante o estado de alarma se garantía o abastecemento de alimentos, os cidadáns demostraron un renovado sentimento de comunidade: mercaban aquilo que necesitaban —e, se podían, un pouquiño máis, só o xusto para ter unha pequena provisión ante unha posible corentena por contaxio—, deixando tamén para os demais e dando tempo a repoñer os produtos que chegaban diariamente no transporte.

Crónica utópica de la pandemia — Omnivoraz

A xente tamén demostrou un gran civismo implicándose no cumprimento das normas para a contención do virus.

A xente tamén demostrou un gran civismo implicándose no cumprimento das normas para a contención do virus. Pola súa parte, o Estado incautouse de todas as existencias de máscaras e luvas para, cunha transparencia absoluta, distribuílas entre a poboación de maneira equitativa e sen custo directo para os cidadáns, dándolle prioridade ao repartimento nas zonas de maior problemática sanitaria. Deste xeito, os máis desfavorecidos tiveron o mesmo acceso aos medios de protección que os máis ricos, impedindo o acaparamento deste material nas mans máis adiñeiradas e a especulación.

Cunhas boas normas, creadas e aplicadas no tempo e forma procedentes, quedaba encaixar o golpe o mellor posible. Empezaron a diagnosticarse os primeiros infectados, que chegaban a hospitais nos que había medios e camas suficientes para todos e áreas illadas nas que poder realizar un bo corte sanitario. Grazas a que sempre se realizara unha recadación de impostos lóxica, baseándose no nivel de renda e de beneficios empresariais, e na persecución dos evasores e da corrupción, as arcas do Estado estaban cheas para poder reforzar o xa extenso persoal dos centros hospitalarios, o que lles permitía aos profesionais da medicina traballar quince días e parar outros quince, a modo de descanso e corentena.

A robusta sanidade do rural evitou a entrada do virus no campo, e isto propiciou que a gran produción de alimentos non se detivese en ningún momento.

Por sorte, o coronavirus non chegou a estenderse polas áreas rurais, debido, en gran medida, ao excelente sistema sanitario das vilas. A poboación local non necesitaba acudir aos hospitais provinciais, excepto para probas complicadas ou operacións cirúrxicas. A robusta sanidade do rural evitou a entrada do virus no campo, e isto propiciou que a gran produción de alimentos non se detivese en ningún momento. É máis, mesmo se chegou a incrementar para abastecer gratuitamente os máis necesitados, pois os dignos e xustos prezos de compra aos agricultores e aos gandeiros así llelo permitiron. Esta produción agrogandeira tamén provía de alimentos frescos e sans os habitantes das cidades, onde os mercados de proximidade eran os máis visitados desde había tempo. Todo isto era posible, e funcionaba como unha máquina ben engraxada, porque as zonas rurais estaban poboadas de xente que cultivaba o agro.

Só faltaba lexislar para que a recuperación desta pequena —por ben atallada— crise sanitaria fose o mellor e máis rápida posible. Os grupos parlamentarios puxéronse mans á obra todos a unha, deixando a un lado o seus propios beneficios políticos, e aprobaron unha serie de normativas que favoreceron o conxunto da poboación. En primeiro lugar, ordenouse continuar coa suspensión da ensinanza presencial ata ter unha vacina. Mentres tanto, como se dispoñía de boa cobertura en calquera punto do territorio e as plataformas existentes eran moi aptas, as clases impartiríanse vía Internet. Nin unha soa alumna e nin un só alumno quedaron atrás na súa aprendizaxe académica.

A continuación decretáronse medidas temporais de apoio económico para todas aquelas persoas que, debido á corentena, viran suspendidos os seus ingresos, tales como: a entrega de bonos trocables por comida e demais necesidades imprescindibles, ou a exención total do pago das facturas de medios de comunicación e de enerxías —gastos asumidos por unhas empresas subministradoras máis que ben saneadas—. Para blindar o bo funcionamento que o sector primario demostrara durante a pandemia, regulouse tamén a fixación dos prezos mínimos en orixe para os produtos de primeira necesidade, o que evitaría que esta posterior crise económica levase por diante moitos artesáns ou traballadores por conta propia agrarios.

Todos os niveis da rede comercial e empresarial contribuíron para axudar aos seus consumidores e usuarios habituais nun momento tan duro, e estes corresponderon cumprindo a súa parte con responsabilidade e cautela. Así, grazas a todas esas normas, á concienciación social da situación que atravesaba o país, e á unión colectiva polo ben común, conseguiuse unha certa estabilidade.

Crónica utópica de la pandemia — Omnivoraz

O grande investimento en investigación que sempre se fixera e mantivera daba os seus froitos nos momentos de máxima necesidade.

Con todo este novo sistema en marcha, o grande investimento en investigación que sempre se fixera e mantivera daba os seus froitos nos momentos de máxima necesidade e en decembro chegou a mellor das noticias: xa había unha vacina efectiva contra o SARS-CoV-2. En xaneiro de 2021 iniciouse a súa produción masiva, para lograr que no mes de abril toda a poboación do país estivese vacinada.

A crise provocada pola COVID-19 en España saldárase con 54 000 infectados e 654 falecidos, todo un éxito dunha sociedade digna do século xxi. A perda económica foi escasa, pois, alí onde foi necesario, o Estado actuou con presteza adiantando subvencións ou reducindo impostos razoablemente. Aínda que o Produto Interior Bruto —PIB— sufriu un descenso do 2% no ano 2020, recuperouse de sobra en 2021. Toda a investigación desenvolta arredor da vacina contra este coronavirus e o repunte das industrias téxtil e sanitaria, pola produción propia de equipos de produción individual —EPI—, antisépticos e medicamentos, provocaron un incremento dun 4%.

Pola súa parte, os empresarios comprenderon o valor do traballo cara ao público dos seus asalariados e, por fin, isto reflectiuse nos convenios laborais e nas súas correspondentes táboas salariais. Ademais, mantiveron as medidas de prevención implantadas durante a pandemia, e readaptaron as de protección hixiénico-sanitaria. En vista da eficacia do teletraballo, tamén se decidiron a investir na dixitalización dos seus negocios, o cal favorecería a conciliación da vida laboral e familiar en caso necesario, máis alá dun obrigado confinamento.

En canto ao sector primario, foi tal a recuperación do recoñecemento social e económico do seu valor, que os distintos Gobernos —central e autonómicos— realizaron grandes investimentos en proxectos que redundarían nun regreso á produción sustentable e nunha nova «cultura da alimentación», baseada na importancia dunha dieta variada e equilibrada, con produtos frescos e de proximidade.


Aprenderemos algo do que está acontecendo para enfrontarnos de xeito eficaz a outra futura pandemia? Ou unir unha boa xestión política e social en tempos de crise seguirá sendo unha utopía?

Etiquetas:
, ,