Territorio Voraz — Xabier Iraola — Omnivoraz

Territorio Voraz

Un artigo de Xabier Iraola Agirrezabala.

Din dos galegos que un non sabe se soben ou baixan pola escaleira na que te atopas con eles. Que che responden con outra pregunta e que, malia o seu clima húmido, son remisos a mollarse por algo, ou, polo menos, por algo que pague a pena.

Pois ben, coñecín estes emprendedores voraces e galegos que agora saltan á palestra comunicativa cunha fame voraz e un menú rural certamente atractivo noutro medio sectorial e engaioláronme polo seu enfoque amplo e transgresor, cuxa valentía desbordaba as marxes das páxinas e, ao parecer, a paciencia dos amos.

Do mesmo xeito que nun medio sectorial agrario cómpre abordar e ter en conta toda unha serie de realidades e factores colaterais que condicionan, moitísimo, a cuestión sectorial, botar a rodar un medio co que abordar o mundo rural na súa dimensión máis ampla non é tarefa doada, posto que moitas veces, mesmo os que vivimos no rural, non somos conscientes de onde se achan os lindes do noso.

Agora que tan de moda está o despoboamento e a España baleirada parece ser máis un lema «marketiniano» que vale para multitude de cuestións, remedios, formulacións políticas e proxectos de solucións imposibles, convén ser prudentes no enfoque e ambiciosos nas metas para tratar a delicada situación das nosas vilas da chaira, estepa e montaña que se desangran, pouquiño a pouco, silandeiras, sen armar moito balbordo.

Territorio Voraz — Xabier Iraola — Omnivoraz

Por todo iso, neste saúdo, desde a Vasconia, visto o visto, lido e coñecido noutras latitudes, non quixera deixar pasar a oportunidade de subliñar a importancia da ordenación territorial como ferramenta imprescindible, a medio-longo prazo obviamente, para facer fronte á tendencia maioritaria e imparable da concentración da poboación nas urbes e garantir, polo menos facilitar, o mantemento das xentes en cidades e poboacións medias, próximas e accesibles aos núcleos máis rurais, onde se garantan, por lei, os servizos públicos que fan posible a vida familiar.

Fronte a unhas cidades que aspiran ou fagocitan a poboación das pequenas vilas, é máis necesario que nunca que as administracións tomen cartas no asunto, deixen de poñerse de perfil ante os problemas e impulsen a lexislación e a normativa necesarias para lograr que a ordenación territorial cure as feridas territoriais coas que o mercado e a inercia histórica deixaron trasposta a pel de touro.

Estimados amigos de OMNIVORAZ: Seguide sendo voraces e descarados. Necesitámolo.