Virus novos e pandemias vellas
Unha opinión de David Casal.
As gandarías de leite foron das poucas empresas e centros de traballo que se viron libres do coronavirus, desde o punto de vista sanitario e dos seus efectos en forma de confinamento e desescalada nos meses de marzo a agosto —e tememos que nos que están por vir—. O seu traballo apenas variou desde o 14 de marzo, ou mesmo se viu incrementado polo aumento da demanda de leite e os seus derivados a nivel estatal e mundial nos últimos meses.
A Federación Nacional de Industrias Lácteas —FENIL— informou de que o consumo de produtos lácteos nos fogares españois aumentou nun 20,3% durante a pandemia, chegando a haber un incremento de ata o 45% nalgunhas semanas. Como é habitual, este organismo dá unha de cal e outra de area sinalando que as dificultades de exportación —non di cales— e o peche da canle HORECA —HOteis, REstaurantes e CAfetarías— lastraron o consumo —non di en canto—. A FAO —Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura— recoñece que pode haber unha contracción do 4% das exportacións, pero tamén que o incremento da produción mundial en 2020 pode ser do 0,8%. Que non se exporte non significa que non se venda e, se hai excedentes, as industrias poden mercar moi barato e almacenar eses produtos en formato po durante anos, ata que lles conveña sacalos ao mercado.
Pero non se trata de entrar nunha guerra de cifras e estatísticas, senón de enfocar o que está pasando coas gandarías desde o punto de vista sanitario, porque, igual que o oídio ou o mildio nos viñedos, os gandeiros teñen que afrontar agora pragas desgraciadamente xa tradicionais. A máis grave é o virus da avaricia das industrias lácteas, que este ano adoptou a forma de «coronacontrato», é dicir, ataca directamente no sistema financeiro das granxas e, como síntomas, causa unha baixada unilateral do prezo que o produtor recibe polo seu leite, unha ruptura ou reforma das condicións pactadas e plasmadas en contrato e unha ameaza xurídica por parte da empresa. É un virus especialmente agresivo porque adoita presentarse cun ou dous días de antelación, deixando o gandeiro prostrado e padecendo a febre de «lo tomas o lo dejas… Y a ver quién te recoge la leche» —así, en castelán—.
Malia que os diferentes Gobernos de Santiago, Madrid e Bruxelas din levar anos buscando a vacina ou o tratamento para poñer fin a esta letal enfermidade, o certo é que semella que no canto de avances hai retrocesos. Agora estase a probar un novo fármaco en forma de reclamación dos produtores polo que deixaron de ingresar entre os anos 2000 e 2014, un medicamento que reforzaría o sistema financeiro das granxas porque lles permitiría recuperar o que non lles pagaron nese período. En calquera caso, non é de efecto inmediato e os gandeiros terán que convivir arredor de seis anos cos síntomas do virus, que é o que se estima que tardarán en chegar as sentenzas firmes. E iso se se gañan os preitos, que veremos. Por non falar dos pacientes que «morreron» innecesariamente e que hoxe poderían seguir coa actividade gandeira de cobraren o que correspondía. Porque non é só a falta de substitución xeracional o que leva a pechar granxas; o factor da avaricia industrial causa iguais ou peores estragos na saúde do sector leiteiro.
Outro virus, neste caso de aparencia semellante á botrite ou á peste vella, é o da ilusión. Si, por estraño que pareza. Non hai 31 de decembro no que as cooperativas, as organizacións agrarias e as asociacións de produtores non brinden por que o ano entrante sexa o que por fin nos traia os prezos xustos e necesarios para que as gandarías teñan estabilidade e rendibilidade, pero ese ano nunca chega e, se chega, dura un mes e non doce. Igual era boa cousa ir pensando en intervir sobre a sorte en lugar de limitarse a agardar a que cambie. Un tratamento de choque. Ou a ilusión de que cada vez está máis preto a creación do gran grupo leiteiro galego de base cooperativa e probada competitividade que ha de traer litros a corenta céntimos, vacas de cinco lactacións a razón de sesenta litros diarios e reducións de custos ata que producir saia case gratis… Por soñar que non quede. Di a Biblia que hai máis alegría no ceo por un arrepentido que por cen xustos; o gran grupo galego tíñase que constituír hai corenta anos e esperemos que non pasen outros corenta antes de que chegue o arrepentimento.
Vemos, pois, que o cadro clínico das gandarías non invita ao optimismo. Ás doenzas crónicas e pandemias vellas —falta de man de obra e de substitución xeracional, prezos baixos en orixe, falta de unidade, custos disparados, fauna salvaxe, etc.— hai que engadirlles agora estas mutacións dos virus da avaricia e da va ilusión. A resistencia dos gandeiros semella infinita, pero non esquezamos que todo ten un límite. E rematemos coa parte boa: grazas ao coronavirus non se poden celebrar xornadas, simposios, seminarios ou calquera outro formato baixo o que se reúnan especialistas do sector para deixar constancia escrita dos problemas que xa se coñecen e para propoñer as mesmas solucións de sempre sen especificar como aplicalas. Algo bo tiña que ter.