O peche dos mercados e a aritmética do coronavirus
Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.
Cada día que pasa vemos novas medidas anti-COVID-19, unhas acertadas e outras que sufrimos en silencio. Ante esta segunda onda —para outros a terceira e para algúns mesmo a cuarta—, derivada daquel berro populista de «salvemos o Nadal», volvemos sentir que moitas delas son pura maquillaxe para unha situación descontrolada aplicada polos mesmos que agora —tarde, mal e a rastro— tentan controlala. Segundo «o libro do gobernante», en todo paquete de medidas é imprescindible a procura do chibo expiatorio —se é un, ben, pero se son máis, moito mellor—. Este personaxe é a vítima perfecta, se a poboación o cre. Case un ano despois do comezo desta pandemia en España, os favoritos dos nosos múltiples garantes da lexislación seguen sendo a hostalaría e os mercados alimentarios ao aire libre. Fagamos un esforzo e desmontemos esta caza de bruxas do século xxi.
A hostalaría
En canto o número de casos ascende, este sector é o primeiro damnificado. Bares, cafetarías e restaurantes; eses lugares escuros onde só habitan seres da conspiración e a paranoia, onde os contaxios xorden polo simple feito de poñer un pé no seu limiar. En serio? Cantos de vós levades a cabo a desinfección e o control que se realizan nunha cafetaría? Cliente tras cliente, desinféctanse a mesa e a copa. Sen dúbida, é polo ben común, pero tamén porque vai niso a súa economía, porque ser o punto de orixe dun brote é unha acusación que acabaría co seu negocio.
Por suposto, todos somos conscientes de que, durante este Nadal, en absolutamente todos os fogares se puxo en marcha o mesmo protocolo preventivo que no bar do noso barrio, verdade? Este abrir e pechar locais de hostalaría propicia que cada vez máis xente nova —e non tan nova— asidua ás teorías conspiranoicas se reúna en lugares con moitas menos barreiras anti-COVID-19, o que favorece un maior contaxio. Imaxino que algúns deses hostaleiros deben sentir verdadeira impotencia cando reciben pedidos a domicilio para grupos e saben que é cuestión de tempo que se volvan pechar as súas portas, antes que as desas casas nas que non hai ningún tipo de sentido común —o mellor dos controis—.
Os mercados alimentarios ao aire libre
Distintas Administracións teñen a peculiar idea de que estes son lugares de máximo risco, onde o coronavirus campa ás súas anchas, ou iso nos queren facer crer —non sei que é peor—. Unha vez máis, a boa alimentación e os produtores que abastecen directamente estes mercados e, en moitos casos, a hostalaría convértense no último elo da cadea, e o primeiro economicamente prescindible.
Desde o minuto un da pandemia só hai unha afirmación na que todos os expertos estiveron de acordo: os espazos abertos son moito máis seguros que os pechados —aínda que, respecto destes últimos, os portavoces de diversos organismos oficiais se resistisen a admitir a permanencia do virus no aire e, con iso, a importancia de ventilar adecuadamente—. Entón, por que se pechan os mercados ao aire libre e se deriva a venda dos produtos cos que neles se comercia a áreas pechadas con calefacción e fío musical?
Ademais, esta incongruencia normativa achega outro «expediente X» na nosa compra semanal. Supoñamos que queres mercar tomates:
No supermercado, compras un tomate que unha persoa cultivou, outra o recolleu para envasalo despois e outra o transportou ata as instalacións do distribuidor. Outro intermediario farao chegar ao supermercado, onde outras mans o almacenan e outras o colocan no punto de venda, polo que pasan unha infinidade de clientes. Aínda que estes terán desinfectado a mans na entrada do establecemento, no seu percorrido polos corredores terán asoado o nariz ou terán sacado o móbil do peto para contestar esa chamada tan urxente ou unha mensaxe que non pode agardar. Esas mans tamén tocan distintos tomates ata dar co idóneo para o uso que se pretende facer del. Así que, finalmente, mercas o tomate que queres e vas á caixa, onde outras mans o collen para pesalo e metelo na bolsa que levas á casa. Alí, supoño —e espero— que desinfectarás a túa compra antes de gardala.
Nun mercado ou praza de abastos con postos ao aire libre, o tomate que compras foi cultivado e transportado ata o punto de venda pola mesma persoa que o día anterior estaba a recollelo da tomateira. En gran parte dos casos, antes de que se che ocorra meter a túa man na súa cesta para tocar, el ou ela preguntarache como o vas preparar, porque, como é quen mellor coñece o seu produto, pódeche aconsellar cal é o ideal. Así, as únicas mans que separan a tomateira da túa cociña son as que meten o tomate na bolsa que levas á casa. Aínda así, lembra que debes desinfectar a túa compra.
A suma de vectores de transmisión está moi clara en ambos os casos, e a aritmética de contaxios cunha simple regra de tres, tamén. Entendo que os nosos dirixentes son, na súa maioría, «de letras», pero cabe lembrar que lles pagan aos seus asesores para que saiban isto… e os seus xefes lles fagan caso.
Por se fosen poucos os motivos obvios de cada unha das vítimas propiciatorias por separado, convén que tomemos distancia e as observemos en conxunto para decatarnos do despropósito: a hostalaría péchase porque son locais pechados dedicados ao lecer nos que é máis fácil contaxiarse malia as medidas hixiénicas, mentres que os mercados, provedores de alimentos frescos, xusto polo contrario; son espazos abertos onde a Administración non pode —ou non quere— constatar as medidas hixiénico-sanitarias das que dispoñen. Ah! A contradición… Outra grande amiga dos tempos actuais e dos nosos mandatarios. Claro que, parafraseando a despedida daquela gran película: «Sempre nos quedará o hospital Isabel Zendal». Por certo, vendo o seu funcionamento, paréceme todo un insulto a esa extraordinaria enfermeira coruñesa.
Por todo o anterior, sigo sen poder comprender o motivo desta persecución; a menos que sexa a necesidade de atopar o chibo expiatorio que desvíe as culpas dunha mala —ou ausente— xestión desta epidemia que se alonga no tempo, ademais de pola inconsciencia, o egoísmo e a insolidariedade de moitos, sobre todo por non tomar as decisións correctas no momento adecuado.
Só existe un xeito de que esta inercia se inverta, e é o espertar do consumidor: ti. Por moito que reclame o agricultor do Rosal —Pontevedra— que camiña sobre o arame das decisións políticas, nunca vai ser tan escoitado como o clamor dos consumidores que sosteñen este sistema capitalista que unha máis que anunciada pandemia pon en serio xaque. Como consumidor, tes o poder de cambiar a perspectiva e as súas consecuencias, que nos afectan a todos.