El mercado del miedo — Omnivoraz

O mercado do medo

Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.

Desde que o ser humano é consciente da súa fraxilidade, o medo foi o seu anxo protector: vólvenos prudentes e, en situacións de risco, axúdanos para poder actuar usando o instinto de conservación en todo o seu amplo espectro. Podemos dicir, sen o máis mínimo temor a equivocarnos, que o medo foi unha peza fundamental para a evolución humana no xogo da supervivencia. No entanto, o capitalismo bestial que sufrimos «en silencio» no último século converteu o medo nun mercado libre. E con «libre» non me refiro a que cada un ten o medo que quere —que tamén—, senón a que o medo se transformou nun produto máis deste brutal capitalismo.

Pensemos por un intre que sería do mercado de valores sen o medo?: unha liña plana con leves ondulacións cada varios meses. Non obstante, ao usar o medo como arma arreboladiza, as liñas do valor das bolsas mundiais parécense máis aos Pireneos que aos Ancares. Indubidablemente, é unha arma excelente para calquera especulador. O medo non só actúa nos mercados virtuais, senón que son moitos os sectores que se moven ao seu son, pero, con toda seguridade, cando mellor funciona este «artefacto» é cando toca o noso instinto de conservación.

A saúde —a nosa e a dos que nos rodean— é sempre o que máis nos importa, aínda que ás veces non sexamos conscientes diso, e, polo que parece, nesta pandemia que nos azouta sen contemplacións, as distintas Administracións utilizaron este medo no seu propio beneficio. Primeiro fixéronnos crer que esta era outra epidemia máis que chegaría a Occidente debilitada e sen consecuencias aparentes. Aí o noso nivel de medo baixou aos pés para, unha vez que o SARS-CoV-2 arribou na nosa burbulla, elevarse por encima das nosas cabezas, ata niveis nunca vistos na nosa sociedade. Seguramente, nin deberiamos ter estado tan tranquilos ao principio nin tan alterados no seu auxe, pero, como xa dixen, o medo é un mercado libre e, como tal, nós só somos os seus peóns.

O medo é un mercado libre e, como tal, nós só somos os seus peóns.

Ata aquí todo parece un control político, pero que pasa cando un Estado se detén case na súa totalidade? As grandes fortunas deixan de ingresar os seus grandes beneficios, o Estado debe endebedarse para procurar que o sistema sanitario funcione e que non vexamos a forma de esconder un cadáver, o da sanidade pública, a cal foran desmantelando pouco a pouco, para proveito da privada. Todo isto colócanos nunha posición moi complicada. Como escapamos deste xaque en toda regra? Volvamos mover o medo, para que o eixe sobre o que xiran as nosas preocupacións pase de ser a saúde á economía. Ante a frase máis repetida durante os últimos meses: «Non podemos volver parar o país», o noso instinto de supervivencia pasa de enfocarse na máscara e o frasco dispensador de xel hidroalcohólico a facelo no noso traballo e os nosos ingresos.

Certo é que, polo visto, temos vacinas xermolando, que o tratamento para a COVID-19 se vai adaptando ás necesidades e que unha alta porcentaxe dos últimos contaxios presentan síntomas máis leves. Parece que teñamos perdido de vista a pandemia, pero está aquí, e non se vai ir coa subida do produto interior bruto —PIB— nin do IBEX. Aínda así, os nosos medos céntranse na economía e, por suposto, na volta ao cole, esa porción de pseudorregreso á normalidade que, pola posibilidade de contaxio, a moitos nos asusta e outros critican, mentres eles mesmos saltan boa parte das normas sanitarias —individuais e colectivas—.

Mesmo nalgúns momentos, como nos últimos días do primeiro estado de alarma decretado en España, houbo quen incidía no medo á perda de dereitos civís. Isto non deixa de ser paradoxal, xa que eran os mesmos que levan anos tratando de coartalos. Simultaneamente, a reivindicación: «Queremos liberdade para os nosos dereitos» quedaba nunha estraña consonancia co ofrecemento: «Menú de pizza ou hamburguesa para os nenos sen recursos». Toda unha declaración de dereitos civís… Pois todos sabemos que inxerir comida rápida diariamente é o piar dunha boa alimentación —sarcasmo—.

Pero centrémonos de novo no noso eixe, ese medo que deixou de ser algo propio para converterse nun instrumento co que dirixirnos. O temor que nos empuxa a pedir a mellora da sanidade pública tamén nos leva a colapsar os teléfonos de emerxencias con todas as consultas posibles; unha «pequena» contradición cívica… Ademais, é o mesmo que se usa para que un concello que, antes da pandemia, dispoñía de catro médicos de familia e un pediatra sufra, asemade e en plena vaga infecciosa, o recorte —supostamente económico— de dous deses profesionais de atención primaria, unha xubilación cuxa praza vacante non se cobre, unha baixa cuxo posto non se ocupa porque a Administración decidiu agardar á súa alta e un pediatra de vacacións. Quedamos compostos e sen médicos. Iso si, as consultas telefónicas son atendidas, non sabemos por que facultativo.

El mercado del miedo — Omnivoraz

Temos que reapropiarnos do noso medo, para que ninguén nos diga o que debemos ou non debemos temer en cada momento.

Quizais o medo que nos impide visitar máis o centro de saúde sexa o mesmo que aproveita a Administración pública para coarnos o primeiro recorte do que consideraron, prematuramente, a pospandemia —pois continuamos inmersos nela—. Ou talvez sexa que un concello rural segue sen ter ningunha importancia para unha Administración como a galega, que, na primeira vaga, viu como o coronavirus tiña menos incidencia aquí que noutros lugares de España debido á dispersión xeográfica e á, aínda importante, poboación rural. En calquera caso, o certo e constatado é que, ao bordo do inicio do curso escolar, non había nin un só médico que puidese facer un diagnóstico serio. Polo menos eu conservei —e conservo— o meu medo instintivo, e non teño pensado cedelo á manipulación.

Debemos reconsiderar moitas cousas con esta pandemia: o valor do que deixamos atrás, as políticas que nos impuxeron ata agora, o que é realmente importante e o que non o é. Pero, sobre todo, temos que reapropiarnos do noso medo, para que ninguén nos diga o que debemos ou non debemos temer en cada momento. Lonxe de crer que isto será un camiño de rosas, sei que economicamente vai ser moi duro, pero que iso non nos faga menoscabar os valores e as accións que nos dan a tan prezada dignidade.

Etiquetas:
, , ,