Empatizar desde el confinamiento — Omnivoraz

Empatizar desde o confinamento

Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.

Nestes tempos de Coroa e virus, e todos os males habidos e por haber, nos que todos —ou polo menos a maioría con cerebro— vemos limitados os nosos contactos sociais, chegado ese momento no que descubrimos que isto non é tan doado como o primeiro día, tentemos poñer o corazón cando miramos ao noso arredor. Urxe o uso de toda a empatía que sexamos capaces de reunir no noso confinamento.

Durante os últimos días, os que temos fillas e fillos preocupámonos de que continúen coas súas tarefas escolares o mellor posible. Mesmo contando coa axuda dos profesores vía telemática, temos que sacar a relucir toda a nosa paciencia, e por iso debemos recapacitar ata decatarnos do gran traballo que realizan os docentes. Aínda que durante calquera curso lectivo normal nos parecen simples funcionarios, gran parte deles están aí por vocación, e se a nós nos custa ser pacientes con un, dous ou máis pequenos, imaxinemos as súas clases con quince, vinte ou algúns máis. Malia a angustiosa situación que atravesamos, aqueles con maior dedicación á ensinanza seguen preocupándose polos seus alumnos, e interesándose polo seu estado e a súa aprendizaxe. Desde logo, nos múltiples recoñecementos que estamos vendo nas redes sociais e nos medios de comunicación, eles están entre os máis esquecidos, por iso desde aquí quero recordar que son fundamentais, sempre, e hoxe aínda máis.

Empatizar desde el confinamiento — Omnivoraz

Como gandeiro, non podo deixar pasar a ocasión de nomear outro grupo de profesionais que nos acompañan nos momentos máis complicados do noso día a día: os veterinarios clínicos. Cando escoito compañeiros de profesión queixándose de que eles, como outros, «viven de nós», non alcanzo a comprender o nivel de autosuficiencia desde o que lanzan semellante afirmación. E, por suposto, non a comparto. Hai que saber identificar o inimigo, non atribuír esta condición a todo aquel que nos rodea. Gandeiros e veterinarios necesitámonos mutuamente, pois formamos parte dunha mesma engrenaxe: nós temos que producir alimentos coa maior salubridade posible, e procurando sempre o benestar dos nosos animais, e eles encárganse de coidar a súa saúde. Acoden sempre que se lles necesita, pero é o seu traballo —non son unha ONG—, e debemos respectalo como reclamamos que se respecte o noso. Se a alguén lle molesta ter que recorrer a eles, talvez debería terse formado para realizar as súas funcións, pero xa abonda de infravalorar o coñecemento, que o seu lles terá custado —como o noso—. De feito, quizais por ese coñecemento, os máis profesionais se converteron nas persoas con maior consciencia dos riscos que implica este maldito virus, polo menos no campo, onde seguen atendendo calquera urxencia coa normalidade de quen sabe que as mellores ferramentas nestes casos son a precaución e saber manter a calma, sobre todo dando exemplo. Contribuíron a concienciar a poboación da extrema necesidade de limitar os movementos e os contactos nesta primeira quincena da corentena, para evitar a rápida expansión dos contaxios, e saben que terán que arriscarse aínda máis cando chegue o peor, porque o sector agropecuario non pode parar de producir, xa que del depende o abastecemento de alimentos para un país que se ve inmerso nunha guerra contra un inimigo invisible, e que non sabemos canto durará. Eles tamén teñen familia, non o esquezamos.

Empatizar desde el confinamiento — Omnivoraz

Como habitante do territorio rural, onde o envellecemento da poboación é, agora máis que nunca, unha espada de Damocles, reclamo empatía cara aos maiores.

Por suposto, como habitante do territorio rural, onde o envellecemento da poboación é, agora máis que nunca, unha espada de Damocles, reclamo empatía cara aos maiores. Moitas desas persoas, vivan soas ou non, teñen problemas de saúde crónicos —algúns graves—, enfermidades mentais ou neurodexenerativas. Esta situación pasa factura, e a eles máis que a ninguén. Reflexionemos un momento: son xente que non entende a corentena, pero procura respectala o máximo posible, pois, se a súa memoria llelo permite, aínda lembran a posguerra. Ademais, os anciáns que padecen a demencia ou o alzhéimer na súa fase inicial viven sós nas súas casas, sen recibir asistencia a domicilio debido á falta de investimento público, ou os terribles e interminables atrancos burocráticos aos que hai que enfrontarse para conseguila. Esas persoas —non esquezamos que o son— sofren na súa maioría moito máis que calquera outra, tanto que a súa enfermidade pisa o acelerador en situacións como a actual. Sen ir máis lonxe, a miña veciña é un deses casos, así que cando remato o traballo da mañá, antes de xantar, asómome á da súa casa só para preguntar como o leva, cruzar unhas palabras con ela e comprobar que todo está ben. Ela contéstame desde a ventá da súa cociña. Son quince minutos que non supoñen ningún esforzo para min, pero para ela son suficientes para ir tirando un día máis cos seus «achaques». Se a corentena vos parece dura, poñédevos no lugar destas persoas por un intre e veredes que o noso é unha «festa». Espero que os nosos dirixentes presten máis atención a esa parte da poboación cando isto remate e lle faciliten a asistencia, xa sexa de axuda ou de compañía durante unha ou dúas horas diarias, porque iso significaría non só non caer no mesmo erro, senón evitar encontrarnos na mesma situación de desamparo na que eles se encontran agora cando volvamos a vernos as caras cunha pandemia como esta. Porque, con sorte, nós tamén envelleceremos.

Non podo rematar sen comentar unha noticia que escoitei hoxe na radio do tractor, mentres traballaba. Partiume a alma… Nos hospitais de Madrid é tal a saturación, que deben decidir quen pasa e quen non a ocupar unha padiola na Unidade de Coidados Intensivos —UCI—. Levo todo o día preguntándome como chegamos a isto. Só pensar en ser o médico que ten que executar o protocolo establecido déixame paralizado. Os habitantes deste país deberiamos atopar a fórmula coa que esixir que a sanidade pública sexa intocable, e non me refiro a que sexa exclusivamente un problema de privatización —que tamén o é—, senón de falta de recursos. É indubidable que a crise económica anterior e os seus recortes para quedar ben ante os mercados, sumados a esa privatización que leva anos traballando na sombra, e o que se tardou en tomar as medidas de contención actuais, nos levaron a esta calella sen saída.

Empatizar desde el confinamiento — Omnivoraz

Ata agora, a mala fortuna, o desleixo en acatar sen discusión as medidas de prevención e as limitacións implantadas, incluso a excesiva confianza de gran parte da sociedade en que isto non sería para tanto —ao que, quizais, contribuíron uns medios de comunicación que, incapaces de chamar á calma desde a transparencia informativa, estiveron máis preocupados por quitarlle ferro ao asunto que en concienciar a poboación da que se aveciñaba—, ou quizais unha mestura de todo o anterior, leváronnos ao elevadísimo número de hospitalizados e falecidos por coronavirus en España. Pero, a partir deste momento, a metade ou máis da metade dos mortos serán debidos á falta de empatía, á política de mercados —esa que ninguén coñece pero que manexa as nosas vidas—, e á que ve o seu beneficio no desprestixio da sanidade pública para empuxarnos a recorrer á privada. Lonxe quedan aqueles días nos que en cada hospital debía haber dispoñibles, si ou si, un determinado número de camas por habitantes, porque era un dereito social. Agora falamos de economía e cifras, pero cando esta pandemia teña pasado, máis que nos euros, fixarémonos no número de mortos, ou os que se terían salvado se, sen a máis mínima empatía, as tesoiras deses mercados non tivesen asomado os seus cortantes narices na nosa sanidade.

Etiquetas:
, , ,