E se tivese pasado?
Unha reflexión sobre a necesidade de protexer sanitariamente a agricultores e gandeiros.
Desde que comezou o confinamento, é habitual ver en xornais, televisións e outros medios de comunicación reportaxes bucólico-pastorís que enxalzan o esforzo de agricultores e gandeiros por manter a súa actividade, e mesmo incrementala, a pesar do coronavirus. A prensa achégase ao campo como quen visita o parente pobre e resignado. Unhas palmadiñas no lombo, un aplauso ao esforzo e unha mensaxe de ánimo máis falsa que unha moeda de tres euros. De analizar os riscos sanitarios nas explotacións ou o impacto económico do estado de alarma na actividade agraria, nada de nada: «Ala, heroes, vós a producir. E non se vos ocorra subir os prezos, que xa vos damos un minuto de gloria diario na tele».
Ese tratamento frívolo que se da desde a maioría de medios —e que acaba calando na sociedade— oculta problemas que poderían presentarse a curto prazo e suporían agravar aínda máis a situación xeral. Que pasaría se o coronavirus se estendese, por exemplo, entre os produtores de leite? Non é algo para nada descartable. As explotacións reciben a diario a visita de todo tipo de profesionais, que son potenciais portadores do virus: veterinarios, comerciais de alimentación ou de produtos fitosanitarios, técnicos, provedores de insumos, etc. A experiencia ensínanos que, salvo incapacidade total para traballar, o gandeiro seguiría muxindo diariamente e o cartón de leite seguiría chegando ao lineal. Pero pode non ser así. Cuns prezos en orixe cronicamente insuficientes, os produtores de leite non están polo labor de arriscar tamén a saúde. Nin a súa polo coronavirus, nin a do seu gando por forzar un aumento de produción. De aí que se teñan freado en seco as inseminacións de vacas e se teña cortado o contacto físico cos leiteiros. Aínda que esas medidas de autoprotección poden ser ineficaces.
Por agora seguimos no de sempre: baixada de prezos e suposto exceso de oferta. A European Milk Board, organización que agrupa os gandeiros lácteos europeos, sinala que se está saturando o mercado polo peche da hostalaría e polas restricións á actividade produtiva e loxística na industria, é dicir, que agora mesmo sobra leite. Pola súa parte, o Global Dairy Trade, referente en Internet dos mercados do leite, indica unha caída do 3,9% da cotización dos produtos lácteos en todo o mundo. Finalmente, o prezo do leite en orixe en Europa caeu en febreiro 0,21 céntimos por cada 100 quilos; en España subiu un 1,8%, pero segue 3 euros por debaixo da media da Unión Europea —UE—.
Estes datos chocan coas predicións da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura e da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos —FAO-OCDE—, que a finais de xaneiro auguraban unha subida de prezos en todo o mundo debido á caída da produción nun 1% —sobre todo nos Estados Unidos, Nova Zelandia e Australia— e a un aumento da demanda, do 2,1% para os produtos frescos e do 1,5% para os procesados. É certo que no sector lácteo inflúen cada vez máis variables que escapan ao control do gandeiro e que toda previsión é inútil por estar ao azar de decisións de mercado, pero tamén que o impacto do coronavirus é innegable, de momento na distribución, e xa veremos máis adiante.
Pero non hai predición nin mercado que vallan se o leite acaba faltando. Imaxinemos un escenario máis que posible:
Galiza produce o 45% do total de leite en España, tendo o 50% das granxas. O 72% das 7000 gandarías lácteas galegas son de carácter familiar e dun único titular, o 22% corresponden a sociedades civís —especialmente comunidades de bens—, e o 6% restante repártese entre sociedades agrarias de transformación —SAT—, con tres socios de media, e sociedades de responsabilidade limitada —SL—. Ben, con esa estrutura produtiva é doado saber que o contacto interpersoal nas explotacións é diario, continuo e intenso. Abonda con que un membro da familia, un operario contratado ou un socio da SAT se contaxien para que o resto vaian detrás. Habería que ir a unha corentena e ao cesamento —temporal, no mellor dos casos— da produción de leite.
Imaxinemos tamén que o contaxio se produza por contacto cun deses profesionais que visitan as granxas. Se se trata dunha persoa que non presenta os síntomas da COVID-19 e que, polo tanto, non se vai someter a probas, pode estender rapidamente a enfermidade polas explotacións que visite e transmitírllelo aos seus compañeiros de traballo que, pola súa vez, visitan outras gandarías.
Obviamente, o parón nas granxas levaría a un problema de saúde animal por falta de muxidura e de coidados ás vacas. Produciríase unha alta mortalidade de reses e unha caída en picado non só dos prezos dos animais vivos, senón tamén da carne de vacún, que tería sobreprodución. Ante o parón da actividade, as cisternas de leite a baixo prezo chegadas de Portugal, Francia, Holanda ou Alemaña terían vía libre para entrar en España —de feito, xa están chegando, aínda que por outros motivos—. Os créditos contraídos para facer fronte aos gastos da modernización das explotacións deixaríanse de pagar, chegarían os embargos e, en pouco tempo, o sector quedaría reducido á metade ou menos. Ou, peor aínda, os gandeiros terían que endebedarse máis do que xa están para poder recuperar os seus niveis de produción. Acudiría o Goberno —este ou calquera— a rescatar 14 000 explotacións nun país de 47 millóns de habitantes? Isto é pouco ou nada probable, e sería un bo xeito de demostrar que o da España baleirada era só un conto para encher os medios baleirados.
Como resultado final, teriamos unha produción láctea residual e reducida a pequenas queixarías ou outros proxectos artesanais que terían que autoabastecerse. Perderíase, pois, unha parte importante da nosa soberanía alimentaria. Os cinco millóns de toneladas de produtos lácteos que se consomen anualmente en España elaboraríanse con leite doutros países.
Parece que a combinación do confinamento co habitual illamento rural evitou que as cifras do COVID-19 se disparasen no campo, e tamén no sector lácteo. Toquemos madeira. Pero a reacción das Administracións e da sociedade en xeral non estivo á altura. Existiu o risco de que parase a produción e non se tomaron as medidas imprescindibles para protexela. E non nos referimos a medidas fiscais ou subvencións, senón a accións sanitarias: só se foi semanalmente polas granxas comprobar se seguían vivos e traballando. Ademais, achégase a tempada de sementeira dalgúns cultivos e de recollida doutros. A sociedade é consciente de que esas tarefas son fundamentais para evitar o caos? Non o parece.
A pandemia deixou claro o erro que supón concentrar toda a produción nun único lugar: a China. A man de obra case gratuíta, a inexistencia de dereitos sociais e laborais e a imposibilidade de que haxa folgas ou movementos sindicais converten o país asiático nunha atracción irresistible para todas as empresas que desexen fabricar e ser competitivas. A China encarna o ideal capitalista no que todo —incluídas a vida humana e a natureza— se subordina ao incremento do beneficio económico. Non obstante, en canto houbo necesidade de máscaras, luvas e material sanitario en xeral, tanto Europa como América decatáronse de que non fabricar e non producir deixa os países vendidos e sen capacidade de resposta ante situacións extremas.
Se hai intención de corrixir este desequilibrio no sector industrial, moito máis importante será facelo no sector primario, que garante o acceso á alimentación e, polo tanto, á vida. Non se trata xa só de protexer sanitariamente agricultores e gandeiros —que tampouco se fixo— neste momento de pandemia, senón que cómpre dotalos de ferramentas financeiras, seguridade xurídica e consideración social para que, en todo momento, a súa profesión estea amparada e valorada como o que é: o instrumento que asegura a nosa supervivencia como sociedade.