Dieta de proximidade para defenderse dos virus desde dentro
Unha opinión de Sabela Zendalla.
Nun momento no que o mundo parece ter toleado con mil e unha medidas de actuación —reais e fakes— fronte ao xa «personaxe do ano», o coronavirus SARS-CoV-2, e no que, mentres uns se pasan de freada en precaución, outros o toman á lixeira e lle restan demasiada importancia, gustaríame realizar unha particular achega neste tema.
Non serei eu quen tache de caóticas as medidas de prevención e contención adoptadas polas Administracións públicas, pero o que teño moi claro é que unha pequena parte daquelas non son máis que un «para que logo non nos digan que non fixemos nada». A maiores, nótase a carreira por ver cal delas —divididas por formacións políticas— é a que chega máis lonxe enfrontándose ao grave problema que nos afecta. Para min que xa están pensando no día despois, no que poderán tirarse os trastes por quen fixo máis e mellor. O que non queren ver estes políticos —e os seus medios de comunicación máis achegados— é que están xerando a peor das epidemias: o medo, do que xa foron froito reaccións tan irracionais como o desabastecemento de supermercados ou os apupos desde os balcóns a nenos autistas durante os seus moi necesarios paseos. Cando deberiamos estar remando todos a unha, os nosos dirixentes encabezan o máis irreversible distanciamento social: a división do pobo. Non procede, non agora. É tempo de facer política, non campaña electoral, e que as súas accións —solucións, non verborrea— sexan a súa mellor propaganda. Desde o meu punto de vista, existen moitas formas de loitar contra esta enfermidade e, sobre todo, mellores xeitos de comunicar.
Ante esa estreiteza de miras, é onde se acentúa a miña necesidade de achegar un dato que considero de vital importancia para a nosa saúde —a individual e, por extensión, a do conxunto da sociedade—, e que todos estes ministros, presidentes e demais representantes gobernamentais parecen pasar por alto. Durante as últimas semanas escoitamos falar, ata a saciedade, da «poboación de risco», en concreto de quen a compón e por que: anciáns, enfermos de distinta índole e, en particular, persoas con afeccións respiratorias. Isto é, basicamente, case toda a poboación, polo menos dito así. Obviamente, os anciáns e as persoas con enfermidades pulmonares son máis vulnerables, pero, ao meu modo de ver, o grupo de maior risco é a parte da poboación que estaba —antes desta pandemia— e está mal alimentada, ben por falta de recursos ou ben por non alimentarse adecuadamente.
Supoño que non vos descubro nada novo, pero quizais veña lembrarvos unha medida de prevención que tamén a vós vos pasara por alto. A importancia dunha dieta variada e equilibrada, con alimentos frescos e, por descontado, de proximidade, é o que converte un corpo nunha fortaleza. Os nutrientes que nos achega esa inxestión de verduras, froitas, cereais e proteínas de orixe animal e vexetal proporciónannos unhas defensas fortes e en alerta que, ademais de previr infeccións —como a COVID-19—, actuarán con rapidez e eficacia en caso de contaxio.
Resúltame inconcibible que, nas súas múltiples aparicións públicas, nin un da longa lista de políticos que ten asalariados a poboación deste país —como ningún dos grandes expertos adheridos ao Goberno central ou aos autonómicos— teña saído á palestra para insistir na importancia que ten unha boa alimentación na mellora do funcionamento do noso sistema inmune. Un «cóidense» ademais dun «protéxanse». Pero, claro, se mentres uns nos falan con un rostro tan serio como se bordeásemos a extinción —e nada puidera terse feito para evitalo—, outros queren finalizar o estado de alarma custe o que custe e acelerar a desescalada —presionados polas grandes corporacións e a súa falta de dividendos—, ningún deles atende á precaria situación do noso sector primario nin á subida de prezos de venda aos consumidores dos produtos frescos e de primeira necesidade. E mesmo hai quen decide suplantar con comida rápida o menú escolar dos nenos de familias vulnerables, xusto a antítese do que aquí expoño. Imos esperar a que nos fagan calquera recomendación que non atenda aos seus propios intereses? Á fin e ao cabo, a política baila ao son das moedas.
Por outro lado, usemos o sentido común por un intre. As carnes, os pescados e moitos vexetais que chegan aquí procedentes de zonas afastadas, á parte de xeraren un serio problema de contaminación, tamén son un transporte ideal para a globalización de virus e bacterias. Lonxe de pretender provocar máis alarmismo, o que intento explicar é que, ao consumir alimentos criados, cultivados e comercializados no noso país, o único que nos poden traer os seus envases ou os seus transportes son patóxenos xa coñecidos no noso contorno, ou o que é o mesmo, moi detectables e tratables. Ademais, para a maioría estaremos inmunizados, pois estamos en contacto con eles a diario, ao contrario do que sucede cos que nos chegan doutras latitudes.
Tampouco podemos esquecer que a alimentación con produtos de proximidade non só nos beneficia particularmente. O cambio climático está provocando que as «fronteiras» entre climas se dilúan cada vez máis e, sen elas, as infeccións poden expandirse con facilidade por toda a Terra. Que en España comamos mazá de Chile ou brotes de soia da China ten moitas máis implicacións que as evidentes a simple vista. A contaminación que orixinan os seus desprazamentos é unha das maiores causas do quecemento global, e a máis calor e máis humidade… non cómpre ser Pasteur para decatármonos das súas consecuencias.
En resumo, creo que todos debemos poñer da nosa parte, ser responsables e, sobre todo, manter a tranquilidade. Apliquemos o sentido común, respectemos ao máximo as normas básicas hixiénico-sanitarias —como en calquera outro caso de infección rápida—, alimentémonos o mellor e máis equilibradamente posible, e lembremos esta situación cando a teñamos superado para mellorar a nosa saúde e a do planeta, pois só iso evitará que estas pandemias se multipliquen no futuro.