O que arde, de Oliver Laxe: unha historia de lume, sacrificio e amor
Unha recensión de O que arde, filme de Oliver Laxe.
Amador Coro sae da cadea, en liberdade condicional, tras cumprir dous terzos da súa condena por ter provocado un incendio. Ninguén o espera, pero regresa á súa casa, nas montañas lucenses dos Ancares, onde volverá convivir con Benedicta —a súa nai—, Luna —a súa cadela— e as súas tres vacas. Alleos ás mofas dos veciños, nai e fillo viven en tranquila harmonía coa natureza, ata que a virulencia do lume arrasa a zona.
O que arde é unha historia de lume e sacrificio, pero ante todo de amor. Un sentimento que se entretece maxistralmente coa dor e a beleza, na procura da verdade duns personaxes marcados pola dureza da vida no rural profundo de Galiza. A carga de sufrimento desborda a mirada melancólica de Amador para caer sobre os seus ombros, e só parece albiscar algo de alivio cando está fronte a Elena, a veterinaria que coida dos seus animais. Pola súa parte, o amor de nai que Benedicta sente polo seu fillo non precisa de palabras.
Malia a intensa sensibilidade coa que nos achega a un modo de vida en máis perigo de extinción que os incendios, o director alcanza o seu obxectivo de crear un «melodrama seco». O espectador non pode máis que conter as emocións desde o inicio do filme, ata que acaban por rebentar coa chegada do lume. A empatía supera todo cuestionamento sobre a posible culpabilidade de Amador —reflectido nos prexuízos dos veciños—, permitíndonos percibir, libre e amplamente, a esencia de cada personaxe.
O cineasta logra que o espectador tamén se vexa implicado, dalgún xeito, no amor que envolve a historia de Amador e Benedicta. A fotografía, os decorados e a banda sonora conforman unha atmosfera idónea para traspasar as fronteiras dos Ancares e trasladarnos ao noso «rural propio». É o perfecto interruptor que acende a memoria dos nosos sentidos e nos conecta, igual que aos personaxes, coa nosa propia esencia.
Nesta película o que arde é o corazón naviego de Oliver Laxe, e un pouco o de todos os que, parafraseando a Kris Kelvin en Solaris —Andrei Tarkovski, 1972—, amamos aquilo que podemos perder.
- Título orixinal: O que arde
- Ano: 2019
- Duración: 85 minutos
- Idioma orixinal: Galego
- Dirección: Oliver Laxe
- Guion: Oliver Laxe e Santiago Fillol
- Elenco: Amador Arias, Benedicta Sánchez, Inazio Abrao, Elena Fernández, David de Poso, Álvaro de Bazal
- Fotografía: Mauro Herce
- Son: David Machado, Sergio da Silva, Amanda Villavieja, Xavi Souto
- Produtora: Coprodución España-Francia-Luxemburgo: Miramemira, 4 a 4 Productions, Tarantula, Kowalski Films
- Distribuidora: NUMAX Distribución
- Estrea en cines: 11 de outubro