Lobo si ou lobo non?
Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.
Como gandeiro, a miña primeira reflexión ante esta pregunta é outra: por que debo tomar posición nun dos extremos? Seica teño poder de decisión? Non. O feito de tomar posición influirá na miña vida? Tampouco. Entón por que tanta enquisa en tantas páxinas e tantos medios sobre unha cuestión que, por eterna, se transformou en costume? A miña opinión, como en moitos outros problemas na vida, é que nin todo é negro nin branco, tamén existe o gris, e o meu particular gris é o que vos expoño a continuación.
Lobo si. Rotundamente si! O lobo controla a poboación de roedores, de cervos nalgunhas zonas, e mesmo de xabarís. Si, aínda que pareza o espoliador que baixa do monte para comer o noso gando, porque non é o bárbaro invasor que só trae o caos, senón que é quizais unha das especies máis necesarias para que o ecosistema dos nosos montes se manteña.
Á parte do control poboacional directo que realiza sobre aquelas especies, está o sanitario, posto que unha poboación excesiva de ratos, ratas, coellos e/ou xabarís traería consigo o contaxio das súas propias enfermidades ás nosas vacas ou outro tipo de gando. Sen esquecer, ademais, o dano ecolóxico que esa superpoboación podería provocar a outras especies. Por exemplo, nas desembocaduras dos ríos galegos créanse zonas húmidas nas que concorren aves migratorias cuxa poboación diminúe constantemente debido, entre outros factores, á presión exercida polo xabaril, que come miles de ovos de gran valor ecolóxico. En definitiva, que o lobo é moi necesario —e case me atrevería a dicir que a día de hoxe é moi escaso— non é unha opinión, senón que é obvio.
Agora ben, lobo si, pero con control de poboación e tamén de mobilidade. O que non se pode permitir é que continuamente, nas mesmas zonas e os mesmos gandeiros sufran ataques de lobo, sen que desde as Administracións públicas se propoña máis solución que unha batida ou unha miserable indemnización. É triste, á vez que economicamente inviable, sufrir ataques de lobo todas as semanas, pero a situación é aínda peor en zonas nas que xa quedan poucas granxas, porque os frecuentes ataques danan sempre os mesmos, coas súas consecuentes perdas económicas. Sen dúbida, isto contribúe ao despoboamento, que prexudica aínda máis o xa moi tocado tecido rural.
As causas destes ataques ao gando son moitas e variadas, pero enumerarei algunhas das que non se fala habitualmente nos medios:
- O lobo é un animal cun grande instinto de conservación, mesmo poderiamos dicir que moi intelixente para o que abunda no reino animal, polo que nunca sairía da súa zona de confort se non se vise obrigado a iso. Ten que alimentarse, pero o masivo despoboamento do rural e o conseguinte abandono das terras contribuíron á escaseza de moitas das súas presas habituais —como as aves que non sobreviven nun monte descoidado, ou a lebre e o corzo, que necesitan maleza baixa ou pradarías—. O abandono deixa tras de si montes intransitables para o lobo; isto impídelle executar o seu brillante método de cazaría —en manda, cunha estratexia de flancos, bloqueo e carreira— e non consegue abater grandes presas, como os xabarís, se non é coa depredación pura.
- Outro dos factores que inflúen, e moito, son as grandes plantacións de eucaliptos. A fauna herbívora autóctona non atopa alimento de ningún tipo baixo esta árbore australiana; ademais, a inseguridade que lles provoca un bosque de troncos e con tan pouca vexetación empurra estas especies a zonas máis pechadas, e, evidentemente, a onde vaia o herbívoro seguirao o carnívoro. Así, a presión do eucalipto reduce, aínda máis se cabe, a zona de caza do lobo, deixando moi poucas máis opcións que achegarse ás zonas onde a gandaría extensiva aínda sobrevive. Se o lobo ten que escoller entre unha piara de xabarís ou un rabaño de ovellas no prado do lado, elixirá o mesmo que calquera de nós na súa situación.
- Os animais mortos nas granxas tamén tiñan o seu papel neste ciclo. Antes da crise das vacas tolas, o animal que morría nunha granxa levábase ao monte, a unha zona de paso do lobo, que se alimentaba alí durante uns días. Non obstante, cando aquela crise sanitaria se resolveu, as empresas que se crearon arredor da recollida e destrución de animais mortos non quixeron deixar un negocio tan lucrativo, e a Administración, lonxe de establecer un control sanitario dos animais que poderían destinarse a alimentar estas especies salvaxes, permitíullelo, acusando unha vez máis o seu total desinterese por realizar unha xestión eficiente do sector agropecuario e do ámbito rural. O lobo perdeu así outra fonte de alimento afastado das casas e os rabaños de gando.
- Por último, non podemos perder de vista a presión dalgúns grupos animalistas que entenden por conservación da especie que esta, simplemente, aumente en número todos os anos, en calquera zona, ao custo que sexa e á conta de quen sexa. Cabe lembrar que esas agrupacións, tan de moda actualmente polas súas excentricidades —do estilo: «os galos violan as galiñas» ou «os ovos devolvémosllelos ás galiñas»—, teñen como primeira liña de traballo a abolición de toda a gandaría, polo que esta batalla do lobo lles vén de perlas para xerar máis crispación.
Sexamos serios e, antes de escoitar estes autoproclamados salvadores dos animais, prestemos atención ao que teñen que dicir os verdadeiros expertos en conservación da natureza. O referente que todos temos en mente, Félix Rodríguez de la Fuente, un home de conviccións moi claras en canto ao lobo, sempre tivo moi presente que a conservación do noso carnívoro máis fermoso era cuestión de diálogo entre todos.
Con todo, basta con escoitar calquera dos seus discursos para darnos conta de que nos últimos corenta anos fixemos caso omiso dos avisos sobre o que lle sucedería á Terra se non cambiabamos a nosa forma de interactuar con ela. E nesas seguimos… créndonos a especie autosuficiente por excelencia.
Dito todo o anterior, non quero caer no que, por habitual, xa case é un costume e pechar este artigo sen propoñer solucións:
- En primeiro lugar, necesitamos un plan de ordenación do territorio creado con lóxica e atendendo as necesidades do rural no seu conxunto: gandeiros, agricultores, flora, fauna e masa forestal. Un plan que sexa resultado dun diálogo no que se nos inclúa, non unha imposición que busque só o beneficio das grandes empresas de alimentación ou dunha empresa que basea as súas ganancias na oferta desmesurada de eucaliptos. Unha terra ben estruturada deixaría oco ás producións agrogandeiras, á flora e á fauna autóctona, e libraríanos aos habitantes das zonas rurais das dores de cabeza deste caos que é o plan actual.
- A segunda premisa para arranxar este problema é permitir a caza moderada ou selectiva, non indiscriminada; non só polo control de poboación da especie, senón porque o lobo, a pesar de que aínda queda quen o ve como un animal estúpido, é un animal moi intelixente e, cun solo ben estruturado e unha caza controlada, identificaría rapidamente as súas zonas de seguridade.
- En terceiro lugar están as indemnizacións aos gandeiros polos ataques do lobo —si, xa estamos «pedindo máis»—. Criar unha vaca desde que nace ata que pare por primeira vez é moi caro, e as miserables indemnizacións actuais apenas pagan a metade; e iso se chegan, cando non se esgotan o mesmo día que se publica a orde de concesión. Se vos parece que é moito pedir, lembrade que o noso traballo é producir alimentos —eses dos que hai uns meses a poboación temía quedar desabastecida—, e tamén que en España se rescataron máis bancos que produtores do sector primario.
As indemnizacións deben ser reais e abarcar o necesario. Posto que psicoloxicamente ninguén nos vai indemnizar por perder máis e máis animais, polo menos que economicamente sexa xusto. Hai que ter en conta que, se se levasen a cabo os dous puntos anteriores, estas primas constituirían menos da metade das que son necesarias actualmente.
Tamén hai quen respecto a estas mortes se ampara en que dispoñemos de seguros agrarios. É certo, cóbrenas con xustiza económica, pero para o gandeiro que nun ano supera o 5 % de baixas, ao ano seguinte o seguro vólveselle economicamente incontratable. Ademais, despois de todo o que acabamos de expoñer, a alguén se lle ocorreu pensar que estamos a pagar seguros para cubrir os danos ocasionados como consecuencia do desleixo de funcións das nosas Administracións? Porque nós cumprimos coa nosa parte e pagamos os nosos tributos —aínda que un tras outro sigan permitindo que non cobremos un prezo digno polos nosos produtos—.
- Por último, cústame moito entender por que se tira tanta carne mentres que o lobo ataca reiteradamente as mesmas granxas. Os gandeiros deberiamos poder realizar outra xestión da recollida e destrución de animais mortos, unha que axudase a reducir os gastos derivados dun traballo que podería dar alimento a moitos animais salvaxes. Non se trata de alimentalos ata domesticarlos, senón de axudarlles a sobrevivir sen que para iso teñan que abandonar o seu hábitat.
Sen dúbida, este non é un problema de caza si ou non, nin de lobo si ou non; é un problema de falta de diálogo e, sobre todo, de vontade política, pois son os dirixentes os que teñen na súa man iniciar esa conversa en busca de solucións. As palabras «compromiso» e «sustentabilidade» locen moito nos programas electorais e nas declaracións de principios corporativos, pero non son máis que un veo para a absoluta inoperancia á hora de executar o tan prometido plan de desenvolvemento rural. O ser humano non pode evolucionar á conta de darlle as costas á súa contorna ou mesmo de aniquilala. Formamos parte dun ecosistema e ningún medio de produción nin ningún sistema de vida será realmente sustentable mentres non se tome conciencia de que o que o rodea tamén debe selo. Non somos o embigo do mundo.