Loa á muller rural
Un texto de Alarico de Roque, gandeiro.
Mans encalecidas e brazos fortes, refuxio protector que ofrece apertas reconfortantes, beleza que traspasa manicuras de escasa duración. Vestidos que deixan entrever corpos moldeados polo duro traballo, cubertos por capas de roupa coas que resistir as temperaturas invernais á intemperie. Peiteados que se conservan ao bordo da precariedade baixo gorros que esconden ilusións. Miradas cálidas a pesar do cansazo. Costas resentidas sobre as que se sostén a familia. Mulleres rurais.
Agricultoras que traballan a terra, sementan e recollen. Un ciclo de fecundidade que, desde a noite dos tempos, a muller soubo entender como ninguén. Gandeiras que coidan os animais co meco necesario para que saian adiante e, aínda así, conservan a humanidade en todo momento. Elas aplican no campo o que é fundamental en todas as partes: o sentido común, buscando a mellor maneira de producir bos alimentos sen agredir o tan tocado medio ambiente. A perfecta conxunción do ser humano coa natureza. E moito máis. Con irreprimible xúbilo vexo como médicas e enfermeiras que exercen a súa profesión nas áreas rurais loitan por unha sanidade pública digna; profesoras que de graos de area crean montañas para, aínda sen eses recursos dos que se dispón noutros lugares, ensinarlles ás nenas e aos nenos destas áreas que, con traballo e esforzo, poden conseguir todo o que pretendan; panadeiras ambulantes que se converten en confidentes dos seus clientes; veterinarias que son tamén psicólogas dun sector abatido, mentres coas súas mans axudan a un tenreiro a nacer ou diagnostican con pericia algo que a todos nos escapara. Profesionais rurais.
Elas desempeñan, ademais, unha pluriactividade poucas veces recoñecida, nunca debidamente remunerada: cociñeiras —dá igual para catro que para corenta—, contables, limpadoras e un longo etcétera. Mulleres capaces de transformar unha casa nun fogar, o mesmo que xestionan con man de ferro, a mesma que se enche de tenrura para repartir cariño a todos os seus habitantes e é especialmente delicada con nenos e anciáns. Porque algunhas tamén son nais —que gran cargo!—, e moitas son fillas —naturais ou por vínculo— que se encargan de atender as necesidades duns pais que xa non poden valerse por si mesmos, dándolles o afecto tan arelado na vellez. Sentinelas rurais.
Elas son o corazón que latexa para manter vivo o noso mundo rural, que é o eixe central sobre o que xira toda sociedade que se prece: o campo que nos alimenta, os bosques que son o pulmón deste planeta, a auga que abrolla da terra para que non se extinga a vida, as xeracións que nos deron o que temos e as que deberán vivir co que lles deixemos. E, aínda así, seguen a ser as máis esquecidas, malia o meu lamento.