Pandemias e séculos
Un artigo de Tamara González López, historiadora.
Unha das primeiras referencias á gripe de 1918 en medios lucenses data do 24 de maio dese mesmo ano; aínda que, en teoría, xa houbera unha primeira vaga ao inicio da primavera en distintos puntos da xeografía peninsular, incluída Galicia.
En termos telegráficos, o xornal La idea moderna aludía á epidemia reinante que se seguía propagando na corte madrileña e cifraban nun 30% a poboación que se halla en cama de la dolencia. O día anterior, outro periódico galego advertía dunha epidemia en Madrid que algunos califican de grippe e que ese extraño mal atacaba repentinamente e en lugares concorridos. Cinco días despois, o mesmo medio publicaba que a epidemia seguía propagándose en Madrid e cifraban os enfermos en más de cien mil; ao mesmo tempo, anunciaban que hizo su aparición la epidemia gripal en algunas capitales donde no se registraran casos. Amais, igual que na actualidade, eran muchas las familias que anticipan el verano marchándose al campo para evitar a enfermedad de moda, como deu en chamarse. Ao día seguinte, afirmábase que moitos dos enfermos xa estaban recuperados e que as precaucións sanitarias provocaban que la epidemia tienda a decrecer. Mesma tendencia de calma e redución de enfermos que transmitían as breves referencias dos días seguintes, aludindo á recuperación de persoas destacadas como a infanta dona Isabel ou o conde Romanones, ministro no momento de Graza e Xustiza. Mais, ao mesmo tempo, outras novas e outros medios ían dando outra perspectiva da magnitude da epidemia ao clausurarse escolas en Valencia e ir chegando noticias doutros puntos sobre o incremento dos enfermos.
Nin na provincia de Lugo nin na comarca houbera aínda algún caso (ou que se soubese) e a vida seguía o seu curso. De feito, o 21 de xuño publícase as festas que se ían a celebrar entre o 6-9 de xullo na honra de san Antonio, que incluía concertos da banda municipal, pasacalles da banda con xigantes e cabezudos, carreiras de bicicletas, folión, misas e procesións, bailes, iluminacións e pirotecnia, batalla de flores; así como outros elementos menos enxebres como fengós japoneses y globos grotescos e outros tan actuais como concurso de escaparates ou festival gallego no souto de Pousada con premios ao mellor viño ou ao posto de rosquillas mellor adornado. Tamén outros dignos de ser resucitados como o premio ao cego que mellor executase aires gallegos, á parella que mellor bailase a muiñeira e á que mellor traxe do país vestise.
Efectivamente, a enfermidade estábase a reducir: en xuño de 1918 faleceron oficialmente en toda España 2214 persoas por gripe, 1598 en xullo e só 895 en agosto. Mais só era a calma antes da tempestade: en setembro faleceron 7090 persoas, 71 504 en outubro, 37 937 en novembro e 8915 en decembro. Dado que descoñecemos os indicadores que se empregaron na diagnose, non podemos aseverar que os falecidos por pneumonía fosen realmente por gripe, pero coinciden en ser outubro e novembro os meses de maior letalidade (3390 e 1840, respectivamente). Dos 7000 mortos anuais por gripe nos anos anteriores pasouse en 1918 a 147 060 mortos. Deles, 3625 foron de Lugo, a menos afectada das provincias galegas (A Coruña 7763 mortos, sendo a cifra máxima de España nese ano, Pontevedra 3805 e Ourense 5211) e a décimo sexta a nivel de España. Sinal da letalidade desta enfermidade é que estas defuncións se concentraron nuns meses, xa que non foi ata pasado o verán que chegou a Galicia.
Os falecidos por gripe na provincia de Lugo no mes de setembro foron 77, poderíanse engadir os falecidos por outras enfermidades relacionadas co aparato respiratorio como bronquite (73) ou pneumonía (41). Eran cifras superiores á media, pero aínda se incrementarían máis. Implica que o groso dos máis de 3600 falecidos en Lugo por gripe en 1918 acaeceu no mes de outubro e novembro. Sen dúbida algunha, foi esta vaga da enfermidade, a de outubro-novembro de 1918, a que máis afectou á zona sur de Lugo.
En toda Galicia, os feitos fóronse sucedendo con moita rapidez. O 20 de setembro de 1918, a cidade de Pontevedra iniciaba o saneamento dos que consideraba posibles focos de infección en previsión de que invada esta ciudad la epidemia gripal; e constátanse a existencia de enfermos nos destacamentos militares de Ferrol e Ourense. O 23 de setembro, Vilalba foi declarada epidemiada con parroquias contaxiadas na súa totalidade. O 28 de setembro infórmase que Universidade de Santiago suspendía indefinidamente a súa apertura para evitar a difusión da enfermidade. O 3 de outubro rexístranse casos en Mondoñedo; o 4 de outubro recollese nos xornais que Vilalba era un dos lugares con máis contaxiados, malia que xa había un descenso. O 7 de outubro suspéndese a facultad de emigrar por real orden do ministerio. O 16 de outubro de 1918 especifícase que en Lugo, Chantada, Ribadeo y Sarria sigue en aumento o número de contaxiados. Ao día seguinte, a situación en Viveiro mellora, pero no puede decirse lo mismo respecto de Chantada. Allí el número de atacados es grande y el de defunciones relativamente crecido. O día de san Lucas, o 18, en Chantada y Bóveda aumentan las defunciones e outro xornal situaba Chantada como unha das catro zonas con maior número de contaxiados. O incremento de enfermos aínda continuaba o 26 de outubro.
A situación era tal que o 24-25 de outubro visitaron Chantada con motivo de la epidemia o bispo Basulto, o gobernador Civil Alberola e o inspector provincial de sanidade, don Emilio Domínguez; os dous últimos, amais de levar medicamentos e desinfectantes, doaron duascentas pesetas cada un para o socorro dos pobres.. Aínda que, atendendo ao publicado no diario El Norte de Galicia, a doazón do gobernador civil non tiña moito mérito, xa que proviña da suma para tal efecto remitida polo ministerio. Esta visita permite saber que xa non era a vila a zona máis afectada, senón que a gripe chegara ás aldeas inmediatas nas que estaba causando estragos.
Non foron as únicas doazóns que se recibiron, malia que a meirande parte quedaron no anonimato e no esquecemento, algúns por vontade propia, pois decidían firmar como una devota ou un vecino. A doazón que máis se difundiu, tanto polo que implicaba ao doador como polo efecto chamada que se pretendía, foi a de don Leonardo Rodríguez Díaz, alcalde da propia vila de Chantada e deputado nas Cortes. Segundo El regional, encabezou a suscripción con destino al socorro de los enfermos pobres de dicho municipio, víctimas de la epidemia reinante con cincocentas pesetas; tras el, sumáronse máis. O propio xornal desfíxose en grandes loas cara el: una prueba más del verdadero y acendrado cariño que el celosísimo diputado a Cortes por Chantada profesa a su distrito que recibe hoy conmovido tan valioso donativo gracias al cual podrán tener pan y los medicamentos más precisos los pobres de aquella castigada villa que pronunciarán con veneración el nombre del caritativo donante.
En novembro a situación parece que mellorou ao reducirse o número de contaxiados e só se localizaban focos en diversas parroquias do interior lucense. Reactivouse a sociedade, a economía e a mobilidade, xa que entre outras medidas volvéronse a autorizar —con restricións— as emigracións e a actividade académica a partir de xaneiro. Con todo, ata o 10 de xaneiro de 1919, non se declarou no epidemiados aos concellos de Carballedo, Chantada, Taboada e Monforte, entre outros, namentres o resto permanecía baixo tal condición de «epidemiados».
Mais a tranquilidade non durou moito na provincia e xa a finais de febreiro, o Diario de Pontevedra reproducía unha breve mención, case telegráfica, á chegada da gripe a Lugo: dicen de Lugo que se ha reproducido allí la gripe. Se cree que la trajeron los quintos que han llegado estos días. En el hospital hay numerosos atacados habiendo ocurrido algunas defunciones.
Dende logo, non acadou as cifras de outubro de 1918, pero as novas vagas da gripe si tiveron un impacto forte na provincia de Lugo. De feito, en 1919, a provincia de Lugo foi a segunda máis afectada de España por gripe, con cifras próximas a Madrid: 1092 falecidos en Lugo fronte a 1477 en Madrid, e por encima das 494 de Ourense, as 388 de A Coruña ou as 184 de Pontevedra. Se ben é certo que estas cifras hai que tomalas con cautela pola máis que posibles omisións de falecementos e da súa causa por mor do desbordamento do momento e da imposibilidade de achacalo á gripe, non deixa de ser sinal do impacto que tivo a enfermidade na provincia. Mostra desa dificultade da diagnose e dun rexistro actualizado e sen duplicacións é o baile de cifras do número de falecidos por gripe no mes de outubro proporcionados polo Instituto Geográfico y Estadístico: as aportadas en xaneiro de 1919 situounos en 79 484, mentres que a cifra reflectida no Anuario Estadístico de 1918 é de 71 504.
No municipio de Chantada, a poboación decaeu de 15 010 habitantes en 1910 a 13 541 en 1920. Non significa que a diferenza fosen os mortos pola epidemia de gripe de 1918, senón que a epidemia tivo un intenso impacto na estrutura demográfica que non conseguiu estabilizarse nin recuperarse a curto prazo: en 1930, a poboación seguía a estar por debaixo dos 15 000 habitantes.
Tamén Carballedo tivo un descenso importante nos seus habitantes: de 9068 habitantes en 1910, trala gripe pasouse a 8234. Agora ben, ao partir dun monto de poboación máis reducido e ao ter unha dedicación agraria maior, a recuperación foi máis doada e xa nos censos de 1930 recuperara os 9000 habitantes. Pantón apenas perdeu poboación, xa que pasou de 12 407 habitantes en 1910 a 12 279 en 1920. Mais, ao contrario que Carballedo, non houbo recuperación demográfica a longo prazo, xa que a caída demográfica foi a tendencia constante ata a actualidade, cun único período de incremento na década 1930-1940.
Taboada, pola contra, foi das que menos sufriu a epidemia e as súas consecuencias demográficas, incluso aumentou lixeiramente a súa poboación: 7821 habitantes en 1910 e 7904 en 1920. Amais, resulta sorprendente porque a década anterior, 1900-1910, fora de descenso de poboación. Semellante situación aconteceu no Saviñao que incrementou os seus efectivos demográficos nunhas 70 persoas nesa década, ao pasar de 11 138 habitantes en 1910 a 11 207 en 1920.
Estas cifras amosan que, ao igual que no resto de España, as zonas máis afectadas foron as que presentaban características urbanas no senso de aglomeración de poboación. Sería preciso, ademais, analizar o reparto da poboación en función da idade, xa que a recuperación demográfica era máis complicada e precisaba de máis tempo naquelas zonas nas que a letalidade da epidemia afectara aos habitantes en idade fértil.
Non é posible tratar a gripe de 1918 na zona de Chantada sen citar a don Benigno Ledo, coñecido como o cura das abellas. En 1919, concedéuselle a cruz de Beneficencia de primeira clase por las muestras de sacrificio y abnegada caridad cristiana que durante la última epidemia gripal dio. Segundo o xornal, foi proposto polo concello de Chantada a petición del vecindario. Condecoración que lle impuxo don Leonardo Rodríguez tras a procesión das festas do Carme de 1920.
A epidemia de gripe de 1918 e a epidemia actual non só coincidiron en amosar aos heroes que estiveron en primeira liña de traballo, senón que tamén houbo quen aproveitou a situación para sacar a súa vena máis imaxinativa e picaresca. Diferentes comercios de xéneros diversos aproveitaron o tema da epidemia para sacar maior rendemento. Así, no Ideal Gallego podían lerse anuncios que afirmaban que para combatir la epidemia reinante […] no hay como abrigarse con los gabanes que vendía certa xastrería. Outros anuncios emulaban aos artigos periodísticos para divulgar a venda de produtos farmacéuticos como a antiseptina, á cal indicaban como beneficiosa para os problemas intestinais que se sufrían tras a epidemia, ou o Xerez Quina, presentado como el mejor desinfectante y al mismo tiempo aperitivo.
De igual xeito e salvando as distancias, a sociedade actual e a sociedade de hai século seguen a manter certos elementos de fondo innatos á natureza humana que facilitan a crenza en azueiras e remedios milagrosos. Segundo os medios, os veciños das zonas limítrofes a Portugal estaban asustados porque existía o rumor de que alí, amais da gripe, estaban a sufrir tamén a epidemia da varíola, o tifo e o cólera. Se ben existían conatos destas enfermidades no país veciño, respondían a brotes semellantes aos que podía haber na época en Galicia. Entre os remedios que se propalaron como efectivos estivo a quinina e o iodo, produto este último que ficou a partir de entón en moitos fogares para ser empregado para maquillarse aclarando a pel.
A inicios de 1920, a situación parecía estar normalizada ata o punto de que os propios medios, tan recargados na estilística dos seus relatos nesta época, abordaban o tema cun lixeiro ton humorístico con este tema. No diario La Integridad, do 18 de xaneiro de dito ano, escribían: También por aquí la gripe, aunque benigna, anda a caza de parroquianos, obligándolos a guardar cama unos cuantos días. Mal por mal, más nos molesta la visita de la gripe que la de los políticos. A estos se les engaña; a la otra… sólo con caldos.